Pragmática Sanción de 1830

A Pragmática Sanción de 1830 foi unha pragmática sanción aprobada por Fernando VII de España o 29 de marzo de 1830[1][2] (publicada na Gaceta de Madrid o 3 de abril) que veu promulgar a Pragmática de 1789 aprobada polas Cortes daquel ano a instancias do rei Carlos IV e que, por razóns de política exterior, non chegou a entrar en vigor.

A Pragmática de 1789 anulaba o Auto acordado de 10 de maio de 1713 de Filipe V[3] que, agás en casos moi extremos, imposibilitaba ás mulleres acceder ao Trono, polo que comunmente é denominada «Lei sálica» aínda que, tecnicamente, non o fose. A Pragmática Sanción de 1789 restablecía deste xeito o sistema de sucesión tradicional das Sete Partidas de Afonso X de Castela, segundo o cal as mulleres podían reinar se non tiñan irmáns homes.

A Pragmática de 1830, explicadas as razóns polas que se mantivo en segredo a Lei decretada por Carlos IV, limitábase a publicar o texto aprobado en 1789. En palabras do historiador Federico Suárez Verdeguer:

A Pragmática Sanción de 1830 non é outra cousa senón a publicación do acordo das Cortes de 1789 convertido en Lei fundamental; polo tanto, a volta á Lei das Partidas e ao dereito das femias á sucesión.[4]

A Pragmática Sanción de 1789

editar

En 1789 as Cortes aprobaron por unanimidade o retorno ao sistema de sucesión tradicional e o abandono da lei introducida por Filipe V en 1713. Con todo, a Pragmática que decretaba este cambio nunca chegaría a publicarse e, por tanto, non tivo plena validez xurídica. Isto debeuse a razóns de política exterior, segundo explicou o conde de Floridablanca, entón secretario de Estado:[3]

Non pareceu conveniente indisporse con ámbalas dúas Cortes [Francia e Nápoles, onde reinaban senllas pólas dos Borbóns] nin acelera-la publicación dun acto que xa está completo na substancia, aínda que reservado.

Publicación da Pragmática

editar
 
Retrato de Fernando VII dacabalo (1829).

Tras a morte da súa terceira esposa, María Josefa Amalia de Saxonia, o rei Fernando VII anunciou en setembro de 1829 que ía casar de novo. A elixida para ser a súa esposa foi a princesa napolitana María Cristina de Borbón-Dúas Sicilias, sobriña de Fernando e 22 anos máis novo ca el. Casaron o 10 de decembro e poucos meses despois Fernando VII facía pública a Pragmática Sanción de 1789 e deste xeito Fernando VII asegurábase que, se por fin tiña descendencia, aínda que fose nena, esta sucederíao. A principios de maio de 1830 anunciouse que a raíña María Cristina estaba embarazada e o 10 de outubro de 1830 naceu unha nena,[5] Isabel, polo que o seu irmán Carlos María Isidro, o herdeiro até entón, quedou fóra da sucesión ao trono, para gran consternación dos seus partidarios ultraabsolutistas.[6]

Consecuencias

editar

Os partidarios de Carlos María Isidro, denominados «carlistas», non se resignaron a que a recentemente nada Isabel fose a futura raíña e tentaron aproveitar a súa primeira oportunidade con motivo da enfermidade do rei Fernando, o que deu lugar aos denominados «sucesos de La Granja» do verán de 1832.

Tras influír sobre a raíña María Cristina, conseguiron que esta lograse que o 18 de setembro o rei, que parecía a piques de morrer, asinase a anulación da Pragmática[7], pero inesperadamente Fernando VII recobrou a saúde e o 31 de decembro anulou o decreto derrogatorio que xamais se promulgou (pois o rei asinárao coa condición de que non se publicase até despois da súa morte), pero que os «carlistas» se encargaron de divulgar. Deste xeito, Isabel, de dous anos de idade, volvía ser a herdeira ao trono.[8]

A partir do seu apartamento do poder coa formación do novo goberno encabezado polo absolutista «reformista» Francisco Cea Bermúdez, e alentados pola negativa do propio Carlos a prestar xuramento de fidelidade á súa sobriña Isabel como princesa de Asturias e herdeira ao trono, os «ultraabsolutistas» adoptaron unha posición de rebelión de facto fronte a Fernando VII.

O rei reaccionou obrigando ao seu irmán a que abandonase España, e o 16 de marzo de 1833 Carlos María Isidro e a súa familia marchábanse a Portugal. O rei, seguindo o uso tradicional, convocou Cortes en Madrid para xuño, e na sesión celebrada o día 22, Isabel foi xurada como herdeira e sucesora de Fernando.[7] Uns meses despois, o 29 de setembro de 1833, morreu o rei Fernando VII, iniciándose unha guerra civil pola sucesión á Coroa entre os «isabelinos» -partidarios de Isabel II-, tamén chamados «cristinos» pola súa nai, que asumiu a rexencia, e os «carlistas» -partidarios do seu tío Carlos María Isidro.[9]

  1. Artola (1978), p.52
  2. Canal (2000),pp.52-53
  3. 3,0 3,1 Giménez López (1996), p.14
  4. Suárez (1950), p.30
  5. Rebello da Silva, Luis Augusto (1863). Memoria sobre la vida politica y literaria de d. Francisco Martinez de la Rosa. Lisboa: Silva junior & Cª editores. p. 91. 
  6. Fuentes (2007), pp.88-89
  7. 7,0 7,1 Zöpfl, Henrique (1839). Bosquejo histórico sobre la sucesion á la corona de España. (traducido do alemán por D. Santiago de Tejada). París: Librería de Ayot. pp. 148–149. 
  8. Fuentes (2007), pp.89-90
  9. Fuentes (2007), p.90

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Artola, Miguel (1978). La burguesía revolucionaria (1808-1874). Historia de España Alfaguara V (6ª edición). Madrid: Alfaguara-Alianza Editorial.ISBN 84-206-2046-7 
  • Canal, Jordi (2000). El carlismo. Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-3947-8
  • Fuentes, Juan Francisco (2007). El fin del Antiguo Régimen (1808-1868). Política y sociedad. Madrid: Síntesis. ISBN 978-84-975651-5-8
  • Giménez López, Enrique (1996). El fin del Antiguo Régimen. El reinado de Carlos IV. Madrid: Historia 16-Temas de Hoy. ISBN 84-7679-298-0
  • Suárez, Federico (1950). La Pragmática Sanción de 1830. Valladolid: Escuela de Historia Moderna. Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar