Simboloxía comunista
O simbolismo comunista abrangue unha gran diversidade de temas, como poden ser a revolución, o proletariado, os campesiños, a agricultura ou a solidariedade internacional. Os estados, partidos e movementos comunistas utilizan estes símbolos para a súa identificación.
É moi común que estes símbolos, xunto co pentagrama (unha estrela de cinco puntas) que representa os cinco continentes habitados ou os cinco compoñentes da sociedade comunista (campesiños, obreiros, exército, intelectuais e mozos), aparezan en amarelo sobre un fondo vermello que representa a revolución socialista.[1] A bandeira da Unión Soviética incorporaba unha estrela vermella bordeada en amarelo xunto coa fouce e o martelo sobre o típico fondo vermello. As bandeiras de Vietnam, China, Corea do Norte, Angola e Mozambique incorporaron símbolos similares baixo os gobernos comunistas.
A fouce e o martelo tornáronse en símbolo do comunismo, e aparecen nas bandeiras da maioría dos partidos comunistas do mundo. Así e todo, a bandeira do Partido dos Traballadores de Corea incorpora un pincel que representa os intelectuais, a maiores do martelo que representa os obreiros industriais e a fouce que representa os traballadores agrícolas.
En Hungría, Lituania, Letonia, Polonia, Ucraína[2] e Indonesia está prohibido o uso de símbolos comunistas en público, e a súa exhibición con fins non educativos considérase unha infracción penal.
A fouce e o martelo
editar- Artigo principal: Fouce e martelo.
O martelo representa a clase obreira industrial e a fouce os traballadores agrícolas. Xuntos, simbolizan a unidade entre estes dous grupos sociais.
O emblema da fouce e o martelo utilizouse por primeira vez durante a revolución rusa de 1917, pero non se converteu no símbolo oficial da RSFS de Rusia até 1924. Dende a devandita revolución, este emblema pasou a ser o símbolo de varios países socialistas e partidos comunistas.
Estrela vermella
editar- Artigo principal: Estrela vermella.
A estrela vermella de cinco puntas é un símbolo do comunismo e do socialismo en xeral. Foi un símbolo revolucionario tras a Revolución de Outubro e a subsecuente Guerra Civil. Foi longamente utilizada polos partidos da resistencia antifascista e as organizacións clandestinas de toda Europa antes e durante a segunda guerra mundial. Nesa época usouse sobre todo como símbolo do exército vermello dos obreiros e campesiños da Unión Soviética, que liberou o país das forzas invasoras da Alemaña nazi, axudou o resto da Europa do Leste a derrotar os exércitos fascistas e supuxo un dos maiores puntos de inflexión para a derrota do fascismo en Europa. No que despois se denominou Bloque do Leste, as ditaduras fascistas foron derrocadas polo exército vermello e substituídas por estados socialistas politicamente leais á Unión Soviética. Moitos destes países incorporaron a estrela vermella aos seus símbolos estatais para evidenciar a súa natureza socialista.
Aínda que non existe ningunha alegoría orixinal coñecida da estrela vermella máis aló de ser un símbolo político universal, na Unión Soviética asignóuselle un simbolismo máis preciso como representación do Partido Comunista, e a súa posición na bandeira, sobre a fouce e o martelo, simboliza o partido dirixindo o proletariado soviético na construción do estado comunista. Na actualidade, numerosos partidos socialistas e comunistas de todo o mundo usan a estrela vermella.
Bandeira vermella
editar- Artigo principal: Bandeira Vermella.
A bandeira vermella adóitase combinar con outros símbolos comunistas. Utilízase en concentracións e celebracións de ideoloxía socialista e comunista, como o 1 de maio.
A bandeira vermella tivo diversos significados ao longo da historia. Utilizouse por primeira vez como unha bandeira de desafío. O seu significado político na era moderna provén do seu uso na Comuna de París. Tras a Revolución de Outubro, o goberno soviético adoptou a bandeira vermella coa fouce e o martelo sobreimpresos como insignia nacional.
Bandeira vermella e negra
editar- Artigo principal: Símbolos anarquistas.
A bandeira vermella e negra foi símbolo dos movementos comunistas de índole anarquista. Foi a bandeira que usaron os grupos anarcosindicalistas durante a guerra civil española. O negro representa o anarquismo, e o vermello, os ideais esquerdistas.[3] Ao longo de anos de historia, esta bandeira introduciuse en numerosos movementos estadistas de esquerda como a Fronte Sandinista ou o Movemento 26 de xullo (impulsor da Revolución Cubana), nos que as cores non están divididos en diagonal, senón horizontalmente. Algúns destes movementos adoptaron esta insignia debido ás súas raíces anarquistas.[4]
«A Internacional»
editar- Artigo principal: A Internacional.
A Internacional é o himno do movemento socialista. É unha das cancións máis universais do mundo e a súa letra foi traducida practicamente a todas as linguas do mundo. O seu refrán orixinal en francés di: « C'est a lutte finale / Groupons-nous et demain / L'Internationale / Sera le genre humain» (en galego: ‘É a loita final / Agrupémonos todos e mañá / A Internacional / Será o xénero humano’). Con frecuencia cántase co puño no alto.
Esta música foi utilizada por comunistas de todo o mundo dende que foi composta no século XIX e adoptada como himno oficial da Segunda Internacional. No 1918 converteuse no himno da Rusia soviética e da Unión Soviética en 1922, aínda que foi substituída en 1944 polo himno da Unión Soviética, que incide máis no patriotismo. Tamén se cantou como desafío ante gobernos socialistas autoproclamados, como sucedeu en 1989 na República Democrática Alemá, antes da reunificación ou na China ese mesmo ano, durante protestas da praza de Tiananmén.
Arado ou arado estrelado
editarAínda que non é un símbolo exclusivamente comunista, é o emblema do socialismo irlandés, e probablemente ten as mesmas raíces que o martelo e o arado orixinal que foi substituído pola fouce e o martelo. A insignia simbolizaba a vontade de que unha República Obreira de Irlanda libre controlase o seu propio destino dende o arado até as estrelas, e a espada unida ao arado significaba a redundancia da guerra tras o establecemento dunha Internacional Socialista. A bandeira representa o Carro, parte da constelación da Osa Maior, que se coñece como «o arado» en Irlanda e Gran Bretaña. O arado é un dos entes máis visibles do ceo irlandés durante todo o ano.
Este emblema, presentado no 1914, foi utilizado pola Milicia de Obreiros Socialistas, o Exército Cidadán Irlandés, durante o Alzamento de Pascua de 1916.
Na China, a bandeira do arado (犁头旗 en chinés simplificado), unha bandeira vermella cun arado amarelo, foi moi empregada durante o período da Primeira Guerra Civil Revolucionaria como insignia das asociacións chinesas de campesiños, organizacións lideradas polo Partido Comunista da China.[5][6]
Crese que o primeiro usuario foi o activista Peng Pai en 1923, na asociación de campesiños do sóviet de Hailufeng.[7] A bandeira do arado ten numerosas versións distintas, algunhas combinadas coa bandeira do ceo azul, o sol branco ou o campo vermello, e outras con arados de distintas formas.[8][9][10]
Heráldica socialista
editar- Artigo principal: Heráldica socialista.
Moitos gobernos comunistas distanciáronse á mantenta das formas tradicionais da heráldica europea co fin de marcar diferenzas coas monarquías que a maioría substituíron, e que adoitaban ter escudos de armas como símbolos. No seu lugar, seguiron o patrón dos emblemas nacionais adoptados entre as décadas de 1910 e 1920 na Rusia Soviética e a Unión Soviética.
A denominación de heráldica socialista ou heráldica comunista é un nome coloquial para os deseños habituais dos emblemas nacionais adoptados polos estados comunistas. Aínda que se adoitan chamar escudos, moitos destes elementos non o son no sentido estrito da heráldica, pero os patróns recoñecibles conduciron ao uso dese termo oficioso.
Outros símbolos comunistas
editarOs elementos gráficos seguintes, aínda que non necesariamente comunistas, utilizáronse con frecuencia en bandeiras, selos e propaganda dos movementos e países comunistas.
- Utensilios proletarios cruzados, que inclúen picos, aixadas, gadañas, e no caso do Partido do Traballo de Corea, un pincel que representa os intelectuais. O ubicuo símbolo da fouce e o martelo entra nesta categoría
- O Sol nacente, que aparece nos escudos da Unión Soviética, Turkmenistán, Croacia, Romanía e PASOK
- As rodas dentadas, que aparecen nos emblemas de Afganistán, Angola e China
- A imaxe do Che Guevara, símbolo habitual do castrismo e o guevarismo
- Coroas de trigo, algodón, millo e outros cultivos, presentes nos emblemas de case todos os estados de goberno comunista histórico
- Armas, como o AK-47 da bandeira de Mozambique ou o Mosin-Nagant dos billetes do lek albanés
- Estandartes vermellos con lendas en amarelo, como nos emblemas de Vietnam e da Unión Soviética
- Estrelas vermellas ou amarelas, quizais o símbolo comunista máis común tras a fouce e o martelo
- Libros abertos, como nos emblemas estatais de Mozambique, Angola e Afganistán, así como nas insignias dos partidos comunistas de Rusia e Ucraína e a bandeira das FARC-EP.
- Fábricas ou equipos industriais, como nos emblemas de Corea do Norte, Bosnia-Herzegovina, Kampuchea Democrática e Acerbaixán
- Paisaxes naturais, como nos emblemas de Macedonia, Romanía e a RSS Carelo-Finesa
- Fachos, como no emblema de Iugoslavia
- Escudo e espada, como na insignia do KGB e na representación da Nai Patria
- A cruz e a fouce, símbolo do comunismo cristián
- Retratos de Enver Hoxha, símbolo habitual do hoxhaísmo.
- Retratos de Iosif Stalin, símbolo habitual do estalinismo.
- Retratos de Mao Zedong, símbolo habitual do maoísmo.
Dous importantes exemplos de estados comunistas que non utilizan imaxinaría comunista nas súas bandeiras, emblemas ou outras representacións gráficas son Cuba e a antiga República Popular de Polonia.
Galería
editarA fouce e o martelo en bandeiras e logotipos
editar-
Bandeira da Unión Soviética -
Bandeira do Exército Vermello dos Obreiros e Campesiños da China -
Símbolo da Cuarta Internacional -
Símbolo do Partido Comunista Mexicano -
Bandeira da organización terrorista Sendero Luminoso
Estrela vermella en bandeiras
editar-
Bandeira da Fronte popular -
Bandeira dos Yippies -
Bandeira del EZLN -
Bandeira de Corea do Norte -
Bandeira da RFS de Iugoslavia -
Bandeira da ICOR.
Bandeira vermella e negra
editar-
Bandeira da Confederación Nacional do Trabajo -
Bandeira dos Sandinistas -
Bandeira do Movemento 26 de xullo -
Bandeira do "Ejército de Liberación Nacional" de Colombia -
Bandeira das "Fuerzas Armadas Rebeldes" -
Bandeira do Movemento Revolucionario 13 de Novembro -
Bandeira do Partido pola Vitoria do Pobo -
Bandeira do Movemento de Esquerda Revolucionaria -
Bandeira do Movemento Popular de Liberación de Angola -
Bandeira da Vanguardia Organizada do Pobo -
Bandeira do Movemento de Esquerda Revolucionaria de Perú -
Bandeira do partido Awami Tahreek -
Bandeira do Partido Democrático de Botsuana -
Bandeira do Partido Intransixente -
Bandeira do partido suizo Solidariedade
Outros símbolos
editar-
Bandeira do Partido do Traballo de Corea: útiles proletarios cruzados (fouce e martelo) cun pincel de caligrafía coreana que representa a intelligentsia -
Bandeira do Frente Patriótico Manuel Rodríguez -
Imaxe do Che Guevara, símbolo do guevarismo -
Bandeira de Vietnam, exemplo de bandeira vermella con imaxes amarelas -
Bandeira das Forzas Armadas Revolucionarias de Colombia - Exército do Pobo (FARC-EP), cun libro aberto e dous fusiles AK-47 sobre o mapa de Colombia.
Notas
editar- ↑ "El nacimiento de la URSS (1922). Himno y bandera". 29 de marzo de 2016. Consultado o 11 de novembro de 2017.
- ↑ Rodríguez Rodríguez, Jorge (11 de xaneiro de 2014). "La prohibición de la simbología comunista y nazi en Europa". Arquivado dende o orixinal o 01 de decembro de 2017. Consultado o 11 de novembro de 2017.
- ↑ "An Anarchist FAQ: The Symbols of Anarchy; infoshop.org.". Arquivado dende o orixinal o 1 de setembro de 2015. Consultado o 21 de novembro de 2017.
- ↑ "El socialismo libertario de". Centro Para la Promoción, la Investigación y el Desarrollo Rural y Social. Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 15 de novembro de 2009.
- ↑ "002这是好的很 毛泽东发表《湖南农民运动考察报告》发表四十四周年_shkjyh_新浪博客". blog.sina.com.cn. Consultado o 2021-08-19.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26 de setembro de 2017. Consultado o 19 de agosto de 2021.
- ↑ "彭湃与陆丰农民运动 – 陆丰宣传文化网". www.lfxcw.gov.cn. Arquivado dende o orixinal o 28 de abril de 2021. Consultado o 2021-08-19.
- ↑ "Copia archivada". Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2016. Consultado o 21 de novembro de 2017.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2018. Consultado o 19 de agosto de 2021.
- ↑ "【网络媒体走转改】湖北红安这条古街记录过革命时期的壮怀激烈,更见证了新中国的巨大变迁 - 中国日报网". cn.chinadaily.com.cn. Consultado o 2021-08-19.