Segunda Internacional
A Segunda Internacional foi unha organización formada en 1889 polos partidos socialistas e laboristas que desexaban coordinar a actividade internacional dos movementos obreiros que se formaran en gran parte dos países europeos amparados pola extensión do sufraxio universal. Continou o traballo da Primeira Internacional, inda que cunha estrutura máis descentralizada, ata a súa disolución en 1916.
O centro permanente que dirixía a II Internacional tivo sede en Bruxelas. Esta experiencia mostrou moi pronto as súas limitacións históricas, sobre todo a causa das diverxencias entre as posicións dos distintos países, que se alinearon cos intereses nacionais con frecuencia. Co estoupido da primeira guerra mundial a contradición entre as aspiracións revolucionarias das clases oprimidas e a política da II Internacional chegou ó punto de que se fixo necesaria a creación dunha Terceira Internacional, en 1919, que adoptou o nome de Internacional Comunista (abreviadamente, Komintern), para distinguirse do apego da segunda ós medios electorais.
A Segunda Internacional reorganizouse en 1920, pero moitos partidos se negaron a unirse a ela, formando a Unión Internacional de Partidos Socialistas Obreiros como alternativa. A UIPSO tivo unha curta vida, non obstante, e en 1923 volveu integrarse á Segunda Internacional. A segunda guerra mundial acabou de disolver as forzas que a integraban, e precipitou a súa desaparición en 1940.
Entre as accións máis famosas da Segunda Internacional está a declaración do 1° de maio como Día Internacional do Traballo en 1889 e o 8 de marzo como Día Internacional da Muller Traballadora en 1910.
Congresos da Segunda Internacional
editarA máxima instancia de reunión eran os Congresos, baixo diferentes denominacións:
- París, 14 ó 19 de xullo de 1889.
- Bruxelas, 3 ó 7 de agosto de 1891. Convocado como o Congreso Internacional Obreiro Socialista e organizado polo Partido Obreiro de Bélxica.
- Zürich, 9 ó 13 de agosto de 1893. Convocado como o Congreso Internacional Obreiro Socialista e organizado por un comité ad hoc.
- Londres, 26 ó 31 de xullo de 1896. Convocado como o Congreso Internacional Socialista de Traballadores e Cámaras Sindicais Obreiras e organizado por un comité ad hoc.
- París, 23 ó 27 de setembro de 1900. Convocado como o Congreso Socialista Internacional, quedando como o nome definitivo, e organizado por un comité ad hoc.
- Ámsterdam, 14 ó 20 de agosto de 1904. Organizado e convocado, en adiante, polo BSI.
- Stuttgart, 18 ó 24 de agosto de 1907.
- Copenhagen, 28 de agosto ó 3 de setembro de 1910.
- Basilea, de carácter extraordinario, 29 ó 30 de xullo de 1912.
- Xenebra, 31 de xullo ó 4 de agosto de 1920.
Estaba programado un Congreso en Viena a realizarse en agosto de 1914, posposto ata 1920 ó iniciarse a primeira guerra mundial.
Conferencias da Segunda Internacional
editarEntre 1915-1919 realizáronse unha serie de conferencias convocadas por grupos de partidos integrantes da Segunda Internacional. Nestas reunións prodúcese a separación definitiva entre a dereita, o centro e esquerda da Segunda Internacional e a constitución futura dos seus respectivos organismos e partidos. Estas conferencias foron:
- Copenhagen, 17 e 18 de xaneiro de 1915.
- Londres, 14 de febreiro de 1915.
- Zimmerwald, setembro de 1915. Marca a quebra definitiva da II Internacional ó crearse a Comisión Socialista Internacional.
- Kiental, 1916, continuación da anterior.
- A Haia, en xullo de 1916 como Conferencia de socialistas neutrais. Convocada polo BSI.
- Estocolmo, en xuño de 1917 como Conferencia Internacional Socialista, convocada polo Partido Socialdemócrata Independente de Alemaña (USPD).
- Berna en 1919 como Conferencia Internacional Obreira e Socialista.
- Ámsterdam en abril de 1919 como Conferencia Internacional Socialista.
- Lucerna en xullo de 1919 co mesmo nome da anterior.
Ademais efectuouse unha reunión dos comités executivos das tres internacionais en Berlín entre o 2 e 5 de abril de 1922.