Abrir o menú principal

Rexionalismo federal

HistoriaEditar

Inicios (1871-1884)Editar

No ano 1871, as alianzas feitas polo Partido Republicano Democrático Federal producen un gran descontento por parte dos federalistas galegos e suma apoios aos sectores máis intransixentes. Esta postura máis radicalizada defende a “concepción pactista e confederal” fronte a centralización en mans do Directorio. En 1872, os sucesivos fracasos electorais do partido levan a un incremento das críticas, como a efectuada por Pi y Margall ao criticar a insurrección de Ferrol no mesmo ano. En xaneiro de 1873 celébrase a Asemblea Cantonal de Galiza, na que se acorda desentenderse dos órganos centrais do partido en Madrid, negarse a enviar representación á asemblea federal convocada polos mesmos en Madrid, e organizar o Partido Federal Republicano de Galiza. Porén, a vitoria electoral de 1873 e a proclamación da República provocan o abandono do proceso.[1]

En 1879 o Diario de Lugo comeza a publicar artigos nos que se abordan diferentes problemas que afectan a Galiza e nos que se fai un chamamento á representación galega nas Cortes españolas que defendan a Galiza por encima dos seus intereses de partido. Neste momento o xornal é dirixido polo xornalista Aureliano Pereira, redactor de gran parte dos artigos publicados no mesmo. No mesmo ano o xornal publica o artigo “Estado de la población rural en Galicia”, onde se critica a miseria no rural galego relacionado co atraso, cos foros e impostos e co caciquismo.[2]

O Diario de Lugo, nestes primeiros artigos, funda o seu ideario en tres elementos: Anticaciquismo, representación de Galiza nas Cortes españolas e reforma do sistema político da Restauración nunha auténtica democracia representativa. [3]

No ano 1881, o Diario de Lugo publica unha serie de artigos co título “Causas principales del actual atraso de Galicia”, onde se analizan as diversas causas do atraso económico en Galiza, facéndose unha especial crítica aos foros. Desta crítica aos foros e ás causas da emigración, no ano 1884 mantense unha polémica co xornal tradicionalista de Santiago El Libredón, sobre as causas que levaban á poboación galega á emigración.[4] En 1882 Emilio Saco y Brey publica outro artigo de índole económica titulado “El porvenir de Galicia”, onde se mencionan as posibilidades industriais en Galiza, precisas para o avance económico, e os atrancos que as están a deter, con especial énfase no caciquismo. A industrialización aparece numerosas veces no Diario de Lugo durante 1883, nos artigos “La industria en Galicia” e “Nuestra opinión”, neste último propóndose un proceso cara a formación dunha sociedade anónima que financie os negocios e industrias galegas. Porén, esta sociedade anónima leva a unha polémica entre os dous principais promotores, o Diario de Lugo e a Gaceta de Galicia, sobre quen debe decidir os proxectos a emprender, defendendo o Diario de Lugo o protagonismo dos representantes galegos nas Cortes e dos concellos, mentres a Gaceta de Galicia pretende a realización dun concurso xornalístico de proxectos e memorias onde os mellores recibirían premios.[4]

Desenvolvemento (1884-1890)Editar

En 1884, o Diario de Lugo déixase de editar e é substituído por El Regional. Nese mesmo ano, El Regional pública artigos onde se critica a importación de gando e a posíbel subida dos impostos do sal. Ademais, tamén se critica o caciquismo e falta de representación galega nas Cortes. Debido ao falecemento de Rosalía, reálzase a súa figura en prol da literatura galega e da lingua, e debátense temas da actualidade galega. Celébrase tamén no ano 1884 o “Congreso Sanitario de Lugo”, onde Pereira e Meilán perciben a posibilidade dun movemento galego que defenda Galiza e a afirme.[5]

El Regional, ademais, reproduce o discurso de Murguía nos Xogos Florais de Pontevedra e reclama para si o feito de ser o primeiro xornal rexionalista galego, como se anunciaba na propia cabeceira.[6]

O núcleo rexionalista lucense, xuntado arredor de El Regional, tenta facer política práctica, concretar programas políticos, promocionar campañas de sensibilización rexionalista e de entrar, en toda ocasión posíbel, na vida política galega. El Regional, como medio de comunicación dos ideais do rexionalismo federal, realiza numerosas campañas de mobilización no ámbito político e no económico. Democratización política, descentralización e autogoberno, unido ao desenvolvemento económico e a industrialización, forman parte das reclamacións que El Regional espalla ao conxunto da sociedade galega. A forte definición política do xornal lévao a reaccionar contra as acusacións por parte de El Correo Gallego da vaguidade dos enfoques rexionalistas.[7]

A preocupación do rexionalismo federal pola cultura galega aparece no natal de 1886, cando Pereira propón a creación dunha Academia Galega “para elevar nuestra literatura y dar al movimiento intelectual de la región toda la brillantez que debe alcanzar”, ademais de dar a esta Academia a responsabilidade de unificar o idioma. Isto acabará materializándose na Real Academia Galega.[8]

Porén, estando nestes momentos os inicios da mobilización rexionalista, comezan a aparecer diferenzas internas dentro do movemento. O conflito entre partidarios do Antigo Réxime e da Revolución Burguesa aparece con moita forza na Galiza de finais de século, estabelecendo unha división interna entre tradicionalistas e progresistas.[9]

En 1887 convócase unha asemblea federal onde os federalistas galegos son convocados para discutir e aprobar o “Proyecto de constitución federal para el futuro Estado gallego”. Este proxecto comezou en 1883 coa formación dun comité presidido por Segundo Moreno Barcia e estando entre os seus integrantes Pereira. É un dos poucos exemplos de codificación política dentro do rexionalismo galego.[10]

Decadencia (1890-1898)Editar

O conflito entre progresistas e tradicionalista acaba xerando tensión e diversas polémicas entre as diferentes faccións do rexionalismo. O sector tradicionalista, comandado por Alfredo Brañas, oponse xa non só ao federalismo, senón mesmo ao liberalismo. O sector liberal, liderado por Manuel Murguía, rexeita o federalismo por radical en exceso.[11] Polo tanto, o sector federalista vai sendo pouco a pouco marxinado polo resto do rexionalismo. Isto faise notábel cando en 1890, no proceso de creación da “Asociación Regionalista Gallega”, as ideas de Pereira de comezar creando asociacións locais que vaian federándose entre elas son rexeitadas e, no seu lugar, a asociación constitúese arredor do “Comité Central Regionalista”, presidido por Manuel Murguía e con Alfredo Brañas como voceiro. En decembro de 1890 e co permiso de Murguía, constitúese o “Comité Regionalista de Lugo”, onde a metade dos membros serán federalistas e con Pereira de secretario do comité.[12]

As ideas electoralistas de Pereira, que consistían na alianza electoral entre o rexionalismo e o campesiñado, son marxinadas polo resto do rexionalismo.[13] O resultado é que a marxinación de Pereira dentro do rexionalismo leva tamén á marxinación do propio rexionalismo, xa que, sen o electorado rural, os rexionalistas fican estancados nos núcleos urbanos.[14]

En 1892, Amor Meilán e Pereira abandonan o Partido Republicano Democrático Federal e intégranse no Partido Liberal Fusionista.

En 1894, Pereira trasládase a Madrid para traballar como funcionario no Ministerio de Fomento. Con Pereira en Madrid, El Regional vai excluíndose do rexionalismo. Pereira morre en 1906.

A finais de 1898, o grupo tradicionalista dirixido por Brañas e o grupo liberal liderado por Murguía rompen cando Brañas realiza unha deriva cara o carlismo. Sen posicións conciliadoras, e co grupo federalista marxinado, o rexionalismo galego rompe.[15]

A principal contribución do rexionalismo federal foi, segundo o historiador Ramón Máiz, o “Proyecto de Constitución para el futuro estado gallego”, que será mencionado na Asemblea Nacionalista de Lugo e que aparece mesmo nas discusións arredor do Estatuto de Autonomía de Galiza de 1936.[16]

Membros e publicaciónsEditar

 
Manuel Leiras Pulpeiro.

Os seus membros máis destacados son Aureliano Pereira e Manuel Leiras Pulpeiro:

Os principais xornais adheridos ao rexionalismo federal, que espallan as súas ideas e que consolidan o grupo, ao ser moitos dos seus membros redactores nestes xornais, son Diario de Lugo[18] e El Regional[19].

IdeoloxíaEditar

As propostas poden resumirse da seguinte maneira:

No ámbito político:

No ámbito económico:

NotasEditar

  1. R. Máiz 1984, p. 76.
  2. R. Máiz 1984, p. 51-52.
  3. R. Máiz 1984, p. 53.
  4. 4,0 4,1 R. Máiz 1984, p. 54.
  5. R. Máiz 1984, p. 55.
  6. R. Máiz 1984, p. 66.
  7. R. Máiz 1984, p. 67-68.
  8. R. Máiz 1984, p. 69
  9. R. Máiz 1984, p. 67.
  10. R. Máiz 1984, p. 85.
  11. R. Máiz 1984, p. 78.
  12. R. Máiz 1984, p. 112.
  13. R. Máiz 1984, p. 119.
  14. R. Máiz 1984, p. 181.
  15. R. Máiz 1984, p. 188.
  16. R. Máiz 1984, p. 135.
  17. R. Máiz 1984, p. 93.
  18. Santos Gayoso 1990 p. 181.
  19. Santos Gayoso 1990 p. 257.

Véxase taménEditar