Portal:Escocia/Biografía destacada/Arquivo

Aquí están todos as biografías destacadas no portal Escocia:

Adam Smith, nado en Kirkcaldy en 1723 e finado o 17 de xullo de 1790, foi un economista e filósofo escocés, considerado un dos maiores expoñentes da economía clásica.

Adam Smith baseaba o seu ideario no sentido común. Fronte ao escepticismo, defendía o acceso cotián e inmediato a un mundo exterior independente da conciencia. Este pensador escocés cría que o fundamento da acción moral non se basea en normas nin en ideas nacionais, senón en sentimentos universais, comúns e propios de todos os seres humanos.

Estudou nas universidades de Glasgow e Oxford. De 1748 a 1751 foi profesor axudante de retórica e literatura en Edimburgo. Durante este período estableceu unha estreita amizade co filósofo David Hume, amizade que influíu moito sobre as teorías economistas e éticas de Smith.


Margarida I de Escocia nada en Noruega en 1283 e finada nas Órcadas entre setembro ou outubro de 1290. Foi raíña de Escocia entre 1286 e 1290. Foi a única filla supervivente de Margarida, filla de Alexandre III de Escocia, e o rei Eric II de Noruega.

Recibiu o sobrenome de a doncela de Noruega e, tralo súbito falecemento nun accidente do seu avó Alexandre III, o día 19 de marzo de 1286, Margarida converteuse na súa única herdeira lexítima, sendo recoñecida como tal polo rei Eduardo I de Inglaterra, quen se propuña casala co seu fillo e herdeiro Eduardo, coa finalidade de unificar nun só reino todo o territorio de Gran Bretaña.

En setembro de 1290, Margarida emprendeu a viaxe desde o porto noruegués de Bergen cara Escocia, pero debido a súa delicada saúde finou antes de chegar a porto, a idade de 7 anos, o 26 de setembro de 1290, fronte as costas das illas Órcadas.

O seu corpo foi levado de novo a Noruega e sepultado na antiga catedral de Bergen.


William Wallace (gaélico medieval: Uilliam Uallas; gaélico escocés: Uilleam Uallas; anglonormando: William le Waleys) nado en Elerslie en 1272 e finado en Londres o 23 de agosto de 1305, foi un cabaleiro e terratenente escocés. Dedicou a súa vida á defensa da independencia de Escocia, fronte a política expansionista de Eduardo I de Inglaterra, o cal aspiraba a unir os reinos inglés e escocés.

De novo viviu nunha caótica Escocia que non era quen de decidir que rei sucedería ó recentemente morto Alexandre III. Pasou a súa adolescencia, por causa do asasinato do seu pai e do desterro da súa nai, en Dunipace, sendo educado por un tío seu, o cal era clérigo e lle permitiu aprender latín e outras linguas.

Á idade de vinte anos medía dous metros de altura, e se ben hoxe en día esa altura non pasa desapercibida, naquel tempo, cando a xente tiña unha moi baixa estatura media, era considerado un xigante.

Os abusos cometidos polos ingleses a unha poboación escocesa que non se quería dobregar eran cada vez peores, así que o novo William Wallace abandonou os seus estudos eclesiásticos e uniuse a un grupo de mozos escoceses que se dedicaban a combater os soldados ingleses que tiñan ocupada Escocia.


Nicola Ferguson Sturgeon, nada o 19 de xullo de 1970, é unha política escocesa que exerce como o quinta e Primeira Ministra de Escocia e dirixente do Partido Nacional Escocés (SNP) dende novembro de 2014. É a primeira muller para ostenta calquera destes postos. Sturgeon foi membro do Parlamento escocés dende 1999, primeiro como un membro adicional para a rexión electoral de Glasgow, entre 1999 e 2007, e como membro para Glasgow Southside dende 2007 (sabido como Glasgow Govan dende 2007 a 2011).

Graduada en dereito pola Universidade de Glasgow, Sturgeon traballou como solicitor en Glasgow. Despois de ser elixida para o Parlamento escocés, exerceu como ministra do SNP para educación, saúde e xustiza. En 2004, anunciou a súa candidatura para o liderado do SNP logo da renuncia de John Swinney. Porén, retirouse da competencia polo posto en favor de Alex Salmond, sendo líder adxunta xunto con Salmond.


Deborah Jane Kerr-Trimmer, nada en Glasgow o 30 de setembro de 1921 e finada en Botesdale, Suffolk o 16 de outubro de 2007 foi unha actriz escocesa.

Iniciouse no mundo artístico como bailarina de ballet, para logo pasar á interpretación, sendo a súa primeira profesora a súa tía Phyllis Smale. Debutou no teatro en 1937, nunha obra de mimo, Harlequin and Columbine, mais non actuou en Broadway ata 1953, cando xa era unha actriz cinematográfica recoñecida. En 1940 interveu por primeira vez nun filme, pero as súas escenas foros eliminadas na montaxe final. A súa interpretación en Black Narcissus chamou a atención dos produtores de Hollywood, comezando a súa carreira no cinema estadounidense. Aínda que o seu acento británico a levou inicialmente a papeis de damas sofisticadas, a partir de De aquí á eternidade tivo máis oportunidades de demostrar a súa versatilidade.

A partir de 1969, debido aos papeis que lle ofrecían, abandonou o cinema a favor da televisión e o teatro. Aínda que nunca gañou un Oscar, un premio BAFTA ou o premio de interpretación no Festival de Cannes, as tres organizacións déronlle premios honoríficos, en 1994, 1991 e 1984, respectivamente.

Finou en 2007, vítima dos efectos da enfermidade de Parkinson.


Óengus, fillo de Fergus (en picto: *Onuist map Urguist; en irlandés antigo: Óengus mac Fergusso, "Angus mac Fergus"), foi rei dos pictos dende 732 até a súa morte en 761. O seu reinado pode ser reconstruído a partir dos detalles de diferentes fontes.

Óengus converteuse en xefe e rei dos pictos despois dun período de guerra civil a finais da década de 720. Durante o seu reinado, o reino veciño de Dál Riata foi subxugado e o reino de Strathclyde foi atacado con menos éxito. O gobernante máis poderoso de Escocia durante máis de dúas décadas, estivo involucrado en guerras en Irlanda e Inglaterra. Os reis da familia Óengus dominaron as terras pictas até 839, cando unha desastrosa derrota contra os viquingos provocou un novo período de inestabilidade que rematou coa chegada ó poder de Cináed mac Ailpín.


Amy Macdonald, nada o 25 de agosto de 1987 en Bishopbriggs, East Dunbartonshire, é unha cantautora escocesa. Macdonald deuse a coñecer no ano 2007 co seu álbum de debut This Is the Life, e o seu cuarto sinxelo, "This Is the Life". O sinxelo chegou á primeira posición das listas en seis países diferentes, e entrou nos primeiros dez postos noutros once países.

"Don't Tell Me That It's Over" foi editado en marzo de 2010 coma o primeiro sinxelo do segundo álbum de Macdonald, A Curious Thing, que foi editado o 8 de marzo de 2010. O terceiro álbum de Macdonald, Life in a Beautiful Light, foi editado o 11 de xuño de 2012.


Sir Thomas Sean Connery, nado en Edimburgo o 25 de agosto de 1930 e finado en Nassau o 31 de outubro de 2020, foi un actor e produtor de cinema escocés. Foi especialmente coñecido como o primeiro actor en interpretar o personaxe de James Bond nos filmes, protagonizando sete títulos da serie (dende 007 contra o doutor No a Só se vive dúas veces, así como Diamantes para a eternidade e 007: Nunca digas endexamais) entre 1962 e 1983.

Connery apareceu en pequenas producións de teatro e televisión antes dos seus filmes como Bond, cuxo éxito o convertería nun actor de sona internacional. Outros filmes nos que apareceu inclúen Marnie (1964), Asasinato no Orient Express (1974), O home que puido reinar (1975), A Bridge Too Far (1977), Highlander (1986), O nome da rosa (1986), Os intocables de Eliot Ness (1988), Indiana Jones e a última cruzada (1989), The Hunt for Red October (1990), Dragonheart (1996), The Rock (1996) e Finding Forrester (2000). Connery retirouse da actuación no ano 2006. Entre os seus galardóns cóntanse un Óscar ó mellor actor secundario, dous premios BAFTA e tres Globos de Ouro (entre eles un premio Cecil B. DeMille e un premio Henrietta). Nos Estados Unidos, recibiu o premio á traxectoria Kennedy Center Honor en 1999. Connery foi nomeado cabaleiro no 2000 polos seus servizos ao cinema dramático.

Connery foi considerado por unha enquisa de 2004 de The Sunday Herald como "O máis grande escocés vivo", e en 2011, unha enquisa de Euromillóns considerouno o "O maior tesouro nacional vivo de Escocia". Foi escollido pola revista People como o "home vivo máis sexy" en 1989 e o "home máis sexy do século" en 1999.


Naomi Mary Margaret Mitchison, nada en Edimburgo o 1 de novembro de 1897 e finada en Carradele o 11 de xaneiro de 1999, foi unha escritora escocesa. Coñecida como a decana da literatura escocesa, escribiu máis de 90 libros de xéneros diversos como a novela histórica, ciencia ficción, libros de viaxes e autobiografía. En 1981 foi nomeada CBE (Commander of the Order of the British Empire).

Naomi Mitchison foi unha feminista comprometida, especialmente coa campaña polo control de natalidade. We Have Been Warned (1935) é a súa obra máis controvertida pola sexualidade explícita. O libro foi rexeitado polas editoriais máis importantes e finalmente censurado.

A súa novela The Corn King and the Spring Queen (1931) está considerada unha das mellores novelas históricas do século XX.


John Boyd Dunlop, nado en North Ayrshire o 5 de febreiro de 1840 e finado en Dublín o 23 de outubro de 1921, foi un veterinario escocés que reinventou o pneumático con cámara. Fundou a compañía que leva o seu apelido, Dunlop Tyres.

Naceu nunha granxa en Dreghorn, no norte de Ayrshire (Escocia), e licenciouse como veterinario no Edinburgh Veterinary College (agora parte da Universidade de Edimburgo) con só 19 anos. Exerceu a profesión de veterinario en Edimburgo durante oito anos. En 1867 trasladouse a Belfast.

En 1887, desenvolveu o primeiro pneumático con cámara de aire para o triciclo que o seu fillo de nove anos de idade usaba para ir á escola polas rúas bacheadas de Belfast. Para resolver o problema do traqueteo do triciclo, Dunlop inflou uns tubos de goma cunha bomba de aire para inflar balóns. Despois envolveu os tubos de goma cunha lona para protexelos e pegounos sobre as lamias das rodas do triciclo. Ata entón, a maioría das rodas tiñan lamias con goma maciza, pero os pneumáticos permitían unha marcha notablemente máis suave. Desenvolveu a idea e patentou o pneumático con cámara o 7 de decembro de 1888.