Xosé Castro Veiga

guerrilleiro antifranquista galego
(Redirección desde «O Piloto»)

Xosé Luís Castro Veiga, Piloto, nado en Boelle (Arxemil, O Corgo) o 11 de febreiro de 1915 e finado en San Fiz de Asma (Chantada) o 10 de marzo de 1965, foi o derradeiro guerrilleiro da loita antifranquista, morto pola Garda Civil preto do encoro de Belesar.

Xosé Castro Veiga
Nacemento11 de febreiro de 1915
Lugar de nacementoBoelle
Falecemento10 de marzo de 1965
Lugar de falecementoSan Fiz de Asma
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmembro da resistencia
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Aos 16 anos ingresou na Aviación militar española (o que lle valeu o alcume de "Piloto") alcanzando o grao de cabo. Durante a guerra civil española desertou do bando nacional para loitar no republicano. Capturado en Madrid cando rematou a guerra, foi condenado a 30 anos de cadea, mais foi indultado tras cumprir catro, en 1943. Cando recuperou a liberdade agochouse baixo a aparencia dun traballador nun hospital[1] até que en 1945 decidiu regresar a Galicia. Na clandestinidade continuou coa súa actividade política como militante do PCE. Á súa chegada a Galicia entrou deseguido en contacto cos guerrilleiros e botouse ó monte no verán de 1945. Deseguida formou a súa propia unidade xunto a Xosé Arias Fernández Cristo, composta de desertores do exército e da mariña franquista.

En 1946 batían unha zona amplísima da liña Castroverde-O Corgo-Sobrado que chegaba até Asturias e León, pola comarca dos Ancares (Pedrafita do Cebreiro, Paradela, Vilar de Frades, Becerreá, Toldaos, As Nogais, San Román de Cervantes, Noceda e Navia de Suarna). Por esta zona colaborou coa partida de Antonio Fernández Crespo Fuenteoliva.[2] Neste ano, trala detención dun gran número de militantes lucenses da resistencia antifranquista, trasladou a súa zona de acción ó sur da provincia,[3] cara á zona de Monforte de Lemos-Quiroga-río Sil, que atravesaban decote para atacar no norte da provincia de Ourense.

O 27 de maio de 1954, nun duro encontro, perdeu á meirande parte dos seus homes na zona de Paradela (ó norte de Monforte de Lemos), o que o obrigou a estar inactivo entre 1955 e 1956. Despois estivo inactivo e á espera, facendo de cando en vez un golpe económico (atraco). Reapareceu na mesma zona en 1964, mais foi recoñecido por un antigo compañeiro do servizo militar no Saviñao, e foi denunciado. O 10 de marzo de 1965, preto do encoro de Belesar, foi abatido pola Garda civil de Chantada.[4]

En 2015 estreouse o documental O Piloto, con guión de Afonso Eiré e dirección de Xosé Reigosa.[5]

Notas editar

  1. "El último guerrillero antifranquista. Homenaje a El Piloto, muerto hace hoy 21 años", artigo de Ernesto Pombo en El País, 10 de marzo de 1986 (en castelán).
  2. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 26 de abril de 2003. Consultado o 26 de abril de 2003. 
  3. http://nodo50.org/foroporlamemoria/documentos/2005/ultimomaquis_09032005.htm
  4. ""A guerrilla galega reuníase nas casas, non no monte"". Praza Pública. 8 de xullo de 2015. Consultado o 9 de xullo de 2015. 
  5. "O Piloto". Consultado o 2022-05-09. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Eiré, Afonso (2015). O Piloto. O último guerrilleiro. A Coruña: Hércules. ISBN 978-84-94386-82-4. 
  • Redondo Abal, Francisco Xavier (2006). Botarse ao monte. Censo de guerrilleiros antifranquistas en Galiza (1939-1965). Sada: Do Castro. ISBN 84-8485-231-8. 

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar