Nucifraga caryocatactes

Nucifraga caryocatactes é unha especie de ave paseriforme da familia dos córvidos, unha das tres integradas no xénero Nucifraga,[2][3] da que é a súa especie tipo.

Nucifraga caryocatactes
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Familia: Corvidae
Xénero: Nucifraga
Especie: N. caryocatactes
Nome binomial
Nucifraga caryocatactes
(Linnaeus, 1758)
Área de distribución de Nucifraga caryocatactes
Área de distribución de Nucifraga caryocatactes

Área de distribución de Nucifraga caryocatactes
Subespecies
Véxase o texto

As outras dúas especies do xénero son Nucifraga multipunctata, antigamente considerasa como unha subespecie de Nucifraga caryocatactes (N. c. multipunctata), do Himalaia, e Nucifraga columbiana, propia do oeste de América do Norte.

Nucifraga caryocatactes, coñecida vulgarmente na bibliografía internacional como crebanoces común, é un pouco máis grande que o gaio (Garrulus glandarius). Ten un peteiro moito máis grande, e unha cabeza de aspecto máis delgado e sen crista. A plumaxe é predominantemente marrón chocolate con manchas e raias brancas. As ás e a parte superior da cola son practicamente negras, cun brillo azul verdoso.

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1758 por Linneo na páxina 106 da 10ª edición do seu Systema Naturae, baixo o nome de Corvus caryocatactes.[2]

Etimoloxía editar

Para a do xénero, ver Nucifraga.

O epíteto específico, caryocatactes, deriva do grego antigo καρυοκατακτης karyokataktēs, derivado da unión dos termos κάρυον káryon, "noz", e κατάγνυμι katágnumi, derivada do verbo κατασείω kataseíō, "sacudir", "axitar",[4] en referencia aos hábitos alimentarios deste paxaro.

Sinónimo editar

A especie coñeceuse tamén polo sinónimo:[2][3]

 
Comparación das cabezas das subespecies N. c. caryocatactes de Valonia e N. c. macrorhynchos de Siberia

Subespecies editar

Na actualidade (2021) recoñécense as seguintes subespecies:[2]

  • Nucifraga caryocatactes caryocatactes (Linnaeus, 1758)
  • Nucifraga caryocatactes hemispila Vigors, 1831
  • Nucifraga caryocatactes interdicta O. Kleinschmidt & Weigold, 1922
  • Nucifraga caryocatactes japonica Hartert, 1897
  • Nucifraga caryocatactes macella Thayer & Bangs, 1909
  • Nucifraga caryocatactes macrorhynchos C. L. Brehm, 1823
  • Nucifraga caryocatactes owstoni Ingram, 1910
  • Nucifraga caryocatactes rothschildi Hartert, 1903

Características editar

 
Nucifraga caryocatactes no inverno, nos Alpes

Este paxaro ten o corpo de cor marrón escura, salpicada de manchas brancas en forma de bágoa, máis apertadas na face, onde forman unha máscara clara que contrasta co bico negro e o píleo marrón escuro. As plumas das ás son negras, ao igual que as da cola, que presenta unha estreita barra terminal branca e unha gran zona branca debaixo da súa base.

As crías teñen unha plumaxe xeral agrisada ou de cor chocolate con leite, con manchas brancas moi difusas.

As súas dimensións son:

  • Lonxitude: 29 - 36 cm
  • Envergadura alae: uns 55 cm
  • Masa corporal: 150 - 200 g

Como na maioría dos córvidos, non presentan dimorfismo sexual.

Hábitat e distribución editar

É unha especie de distribución paleártica que se encontra nas montañas da Europa central e oriental: nas Ardenas, nos relevos do centro de Alemaña, nos Vosgos, na cordilleira do Xura, en todo o arco alpino, nos Balcáns e nos Cárpatos; no norte, no sur de Escandinavia, e polo oeste na Rusia europea. En Asia ocupa Siberia, chegando até as costas do Pacífico; ademais, atópase no Himalaia.

Bioloxía editar

 
Lámina de Nucifraga caryocatactes en Naturgeschichte der Vögel Mitteleuropas, 3ª ed., 1905.
Por Johann Friedrich Naumann

Nutrición editar

Nucifraga caryocatactes é unha ave sedentaria que depende dos recursos do medio. Os recursos alimentarios máis importantes para esta especie son as sementes (piñóns) de varios piñeiros (Pinus sp.), de piñeiros brancos (Pinus subxénero Strobus) que teñen sementes grandes: P. albicaulis, P. armandii, P. cembra, P. flexilis, P. koraiensis, P. parviflora, P. peuce, P. pumila, P. sibirica e P. wallichiana, e outros. Nalgunhas rexións, onde non hai ningún destes piñeiros, as sementes de abetos (Picea sp.) e de abelás (Corylus sp.) tamén forman parte importante da súa dieta. Os seus peteiros son ferramentas especializadas para extraeren as sementes dos froitos.

As sementes sobrantes almacénanas para o seu uso posterior, polo que esta espescie e unha das responsábeis do restablecemento dos seus piñeiros preferidos sobre grandes superficies queimadas en incendios forestais ou desforestadas polo home. O crebanoces común pode almacenar até 30 000 piñóns nunha soa tempada, lembrando a súa localización de até un 70 % do lugar onde aos gardaron, mesmo cando estean enterrados na neve.[5] Este crebanoces almacena as sementes, que esconde en previsión do inverno, nun territorio de dez a cen hectáreas -dependendo dos recursos alimentarios do lugar— e nun radio máximo duns 10 km. Aprecia especialmente os abetos con follaxe mesta, que lles subministran protección natural contra a neve para o niño e os agochos de alimentos. Estes agochos poden estar situados até 32 km de distancia das plantas nais, unhas oito veces máis lonxe que os dispersores relacionados como os gaios e os corvos, polo que é importantes para restablecer os bosques e responder ao cambio climático.[6]

Tamén se alimenta de insectos, entre eles larvas de abellas e avespas, e tamén de ovos e polos de aves, e de preas.

Os adultos mozos, para atopar un territorio, afástanse dos seus pais a unha distancia de 10 a 15 km.

En ocasións, durante anos de baixa produción de alimentos, especialmente en Escandinavia, e pesar do seu sedentarismo, miles de cascanoces comúns poden iniciar unha migración ou desprazamento a zonas onde abunden as piñas.

Reprodución editar

 
Nucifraga caryocatactes caryocatactes
  • Posta: as femias poñen de dous a catro ovos, excepcionalmente cinco.
  • Incubación: 18-22 días, por ambos os pais.
  • Alimentación: por ambos os pais.
  • Saída do niño: as crías voan aos 23-25 ​​días. Despois permanecen uns 100 días cos seus pais, seguíndooos para aprenderen as técnicas de almacenamento de alimentos.
  • Alcanzan a madurez sexual aos dous anos de idade.
  • Suervivencia: a taxa de supervivencia adoita ser superior ao 80 %.
  • Lonxevidade máxima coñecida: máis de 15 amos.

Ameazas editar

Actualmente non se coñecen ameazas significativas para esta especie.[1]

Protección editar

A conservación desta especie está ligada á abundancia de árboles dos que consome as súas sementes.

Nucifraga caryocatactes está incluído no apéndice I (especies non cazábeis) da Directiva 2009/147/CE, ou Directiva de aves da Unión Europea,[7] e no apéndice 3 (protección relativa) da Convención de Berna de 1979 (Convención relativa á conservación da vida silvestre e do medio natural de Europa).

Goza de protección total en Bélxica desde a Convención do Benelux, A.G.W. de 14 de xullo de 1994 relativa á protección de aves, así como en Francia.

Estado de conservación editar

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza (UICN), considerando que esta especie ten unha área de distribución extraordinariamente grande e, polo tanto, non se acerca aos limiares de "vulnerábel" segundo o criterio do tamaño do rango (extensión de presenza <20 000 km2), e a pesar de que a tendencia da poboación parece estar diminuíndo, non se cre que a diminución sexa o suficientemente rápida como para acercarse aos limiares de vulnerábel. O tamaño da poboación é extremadamente grande e, polo tanto, non se acerca aos limiares de vulnerábel segundo este criterio. Por todo isto, a UICN avalía o status desta especie como LC (pouco preocupante).[1]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 BirdLife International (2016): Nucifraga caryocatactes na Lista vermella da UICN. ersión 2012-2. Consutada o 3 de decembro de 2021.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Nucifraga caryocatactes (Linnaeus, 1758) no GBIF. Consutado o 3 de decembro de 2021.
  3. 3,0 3,1 Nucifraga caryocatactes (Linnaeus, 1758) no ITIS. Consutado o 3 de decembro de 2021.
  4. Nutcracker Nucifraga caryocatactes en BirdFacts. BTO.
  5. "Yellowstone", BBC2, episodio 3"
  6. Tomback, Diana F. (2016). "7, p. 201". En Sekercioglu, Cagan; Wenny, Daniel G.; Whelan, Christopher J. Why birds matter: avian ecological function and ecosystem services. Chicago: University of Chicago Press. ISBN 0-2263-8263-X. 
  7. Directiva 2009/147/CE do Parlamento Europeo y del Consejo de 30 de noviembre de 2009 relativa a la conservación de las aves silvestres (en castelán).

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • del Hoyo, Josep; David Christie & Andrew Elliott, eds. (2009): Handbook of the Birds of the World. Volume 14. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-9655-350-7, p. 611.
  • Madge, S. (2009): "Spotted Nutcracker (Nucifraga caryocatactes). En: del Hoyo, J., Elliott, A., Sargatal, J., Christie, D. A. & de Juana, E., eds. Handbook of the Birds of the World Alive. Barcelona: Lynx Edicions.

Outros artigos editar