Nucifraga

xénero de aves

Nucifraga é un xénero de aves paseriformes da familia dos córvidos.

Taxonomía editar

Descrición editar

A especie foi descrita en 1760 polo físico, filósofo, naturalista e zoólogo francés, especializado en aves, Mathurin Jacques Brisson, na páxina 30 do tomo 1º da súa obra Ornithologia sive Synopsis methodica sistens avium divisionem in ordines, sectiones, genera, species, ipsarumque varietates. [Tradución ao francés].[1]

Etimoloxía editar

O nome científico Nucifraga está formado pola unión dos elementos Nuci- e -fraga, tirados do latín. Nuci- é a raíz do xenitivo de nux, nucis, "noz", "semente dura", e -fraga deriva do verbo frango, "crebar", "partir", "esmiuzar".[2] Literalmente, "crebanoces", nome popular co que se coñecen as súas especies na bibliografía internacional.

Sinónimo editar

Ademais de polo nome actualmente válido, o protónimo de Brisson, o xénero coñeceuse tamén polo sinónimo:[1]

  • Nuciphraga Temminck, 1839

Especies editar

No xénero recoñécense na actualidade (2021) as seguintes tres especies:[3][4]

Imaxe Nome científico Nome vulgar Distribución
  Nucifraga caryocatactes Crebanoces común, ou euroasiático Europa e Asia
  Nucifraga multipunctata Crebanoces do Himalaia Himalaia e os seus contrafortes
  Nucifraga columbiana Crebanoces de Clark, ou americano Oeste de Norteamérica

Características editar

Os recursos alimentarios máis importantes para estas especies son as sementes (piñóns) de varios piñeiros (Pinus sp.), principalmente as especies de clima frío (do extremo norte ou que viven a grandes altitudes) de piñeiros brancos (Pinus subxénero Strobus) que teñen sementes grandes: P. albicaulis, P. armandii, P. cembra, P. flexilis, P. koraiensis, P. parviflora, P. peuce, P. pumila, P. sibirica e P. wallichiana, e outros. Nalgunhas rexións, onde non hai ningún destes piñeiros, as sementes de abetos (Picea sp.) e de abelás (Corylus sp.) tamén forman parte importante da súa dieta. Os seus peteiros son ferramentas especializadas para extraeren as sementes dos froitos.

As sementes sobrantes sempre as almacenan para o seu uso posterior, e as espescies deste xénero son as responsábeis do restablecemento dos seus piñeiros preferidos sobre grandes superficies queimadas en incendios forestais ou desforestadas polo home. Os crebanoces poden almacenar até 30 000 piñóns nunha soa tempada, lembrando a localización de até o 70 % do lugar onde aos gardaron, mesmo cando estean enterrados na neve.[5] Os crebanoces almacenan as sementes en agochos situados até 32 km de distancia das plantas nais, unhas oito veces máis lonxe que os dispersores relacionados como os gaios e os corvos, polo que son importantes para restableceren os bosques e responderen ao cambio climático.[6]

Tamén se alimentan de varios insectos, entre eles larvas de abellas e avespas, e tamén de ovos e polos de aves, e de preas.

O aniñamento sempre é cedo neste xénero, co fin de aproveitar ao máximo os piñóns almacenados no outono anterior. O niño adoita construírse no alto dunha conífera. Normalmente a posta é de 2 a 4 ovos que son incubados durante 18 días. Ambos os sexos alimentan ás crías, que adoitan pasar no niño uns 23 días, e despois permanecen moitos meses cos seus pais, seguíndooos para aprenderen as técnicas de almacenamento de alimentos.

Ningunha das especies é migratoria, pero abandoarán as súas áreas habituais se unha falla de conos provoca a escaseza de alimentos.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Nucifraga Brisson, 1760 no GBIF. Consultado o 3 de decembro de 2021.
  2. Nucifraga. En: Jobling, James A (2010): The Helm Dictionary of Scientific Bird Names. London: Christopher Helm. ISBN 978-1-4081-2501-4, p. 276.
  3. Nucifraga Brisson, 1760 no ITIS. Consultado o 3 de decembro de 2021.
  4. Nucifraga. Spacies na Lista vermella da UICN. Versión 2012-2. Consultada o 3 de decembro de 2021.
  5. "Yellowstone", BBC2, episodio 3"
  6. Tomback, Diana F. (2016). "7, p. 201". En Sekercioglu, Cagan; Wenny, Daniel G.; Whelan, Christopher J. Why birds matter: avian ecological function and ecosystem services. Chicago: University of Chicago Press. ISBN 0-2263-8263-X. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar