Mapa de Piri Reis

carta náutica de 1513

O mapa de Piri Reis é un fragmento dun mapa elaborado polo almirante e cartógrafo otomán Piri Reis en 1513. Piri Reis naceu en Galípoli por 1470 (non sabe a data certa) sendo sobriño dun célebre corsario, Kemal Re'is, que acompañou desde moi novo na súas correrías mariñas, participando nas campañas navais contra Venecia e na conquista da illa de Rodas en 1523. Dous anos antes destes feitos publicara o Libro das Materias Mariñas, cunha exhaustiva información que facía referencia exclusivamente ao Mediterráneo. Unha nova versión ampliada, dedicada ao sultán Suleiman, concluíu en 1526, cunha dedicatoria en verso na que contaba a historia de

Fragmento do mapa de Piri Reis.
un astrónomo que se chamaba Kolón..., que saíu en busca de Antyle... e descubriuna. Hoxe a ruta é moi coñecida e o seu mapa chegou a nós.[1]

Nela referíase tamén ao mapa que el mesmo debuxara anos atrás e co que obsequiara a Selim I no Cairo. Nas marxes detalla as súas fontes: un mapa de Cristovo Colón, encontrado nun barco español apresado en 1501, e catro mapas portugueses máis recentes. Ademais contou cos informes dun mariño que participara nas primeiras viaxes colombinas, posteriormente capturado polo seu tío, feito escravo.[2]

Por conter aparentes representacións de terras entón descoñecidas e a raíz dos propios escritos de Reis indicando que outras das súas fontes foran "os antigos reis do mar", suscitou grande interese como «enigma». É, por outro lado, a mellor testemuña dos mapas que debuxou Colón das terras por el descubertas, dos que tan só se conservou un pequeno esbozo do norte da Española. O orixinal consérvase no Museo Topkapi Sarayi de Istambul onde se localizou en 1929, aínda que non adoita estar exposto ao público.

Descrición editar

O mapa está pintado en coiro de gacela, cun entramado de liñas que atravesan o océano Atlántico. Chamadas liñas de rumbo son típicas das cartas dos mariños medievais tardíos e non indican latitude e lonxitude, senón que se usan como axuda para establecer direccións (hoxe en día úsanse tamén na aviación). No bahriye (comentario marxinal) anotou: "Un mapa desta clase non o posúe actualmente ninguén". O mapa inclúe traballados debuxos, acompañados de inscricións que indican descubrimentos importantes. Un deles correspóndese, case con total certeza, coa expedición de Pedro Álvares Cabral de 1500. Crese que Cabral "descubriu" Brasil cando os ventos o sacaron da súa ruta, nunha viaxe ás indias orientais.

A Península Ibérica e a costa de África occidental están debuxadas con moito tino, case como nas cartas portolanas. É frecuente que reciba o nome de "portolano", a pesar de que non o sexa stricto sensu. Moitos dos nomes destas rexións están en turco, sen transliterar do castelán ou o portugués. No alto do mapa hai un barco ancorado xunto a un peixe, con dúas persoas sobre o seu lombo: unha clara referencia á lenda medieval de San Brandán de Irlanda. Como está copiado coidadosamente dun dos seus mapas fonte, evidencia que polo menos un dos mapamundis mencionados por Piri Reis era unha produción europea medieval e non un mapa dos "antigos reis do mar".

Descubrimento editar

 
Vista do Palacio Topkapi desde o Bósforo.

En 1929, o Palacio de Topkapi, en Istambul, Turquía, estaba en proceso de ser convertido en museo. Un grupo de eruditos que traballaban clasificando material na sección de arquivos do Imperio Otomán fixo un descubrimento notable: unha sección dun mapa de principios do século XVI baseada, en aparencia, en cartas debuxadas por Cristovo Colón na súa viaxe ao Novo Mundo.[3]

O achado foi presentado á comunidade científica dous anos despois polo orientalista alemán Paul Kahle no 18º congreso da especialidade, e causou unha profunda impresión. O portolano presentaba unha inscrición particularmente relevante:[4]

As costas e illas deste mapa foron obtidas do mapa de Colón.

De acordo coa investigación subsecuente, a historia do mapa comezou en 1501, nove anos despois do descubrimento de Colón, cando Kemal Reis, capitán da frota otomá, capturou sete naves cerca das costas de España, e descubriu mediante interrogatorio aos tripulantes que un deles, que viaxara co Almirante ao Novo Mundo, posuía un mapa debuxado por Colón en persoa. Kemal enviou o mariñeiro ao seu sobriño Piri, tamén capitán naval e cartógrafo.[4]

En 1511, Piri Reis empezou a deseñar un novo mapa que contería todos os recentes descubrimentos ibéricos. Usou unhas vinte fontes cartográficas, das cales se coñece a procedencia de catorce: catro (por entón novidosas) cartas portuguesas, oito tolemaicas,[5] unha árabe e a colombina entregada polo mariñeiro español capturado.[4] A carta arábiga describía a India; as portuguesas, América, o océano Índico e a China; a de Colón, o Caribe. Non se determinou a que cartas tolemaicas se refería.[4]

En 1517 presentoulle o seu mapa ao sultán Solimán o Magnífico, que, impresionado, retribuíno ascendéndoo a almirante. En 1521 produciu outra contribución á cartografía mundial: unha cartilla de guía das costas e illas do mar Mediterráneo, publicada baixo o nome de "Kitab-i Bahriye" ("O libro do mariñeiro"). Incluía un reconto do descubrimento do Novo Mundo por Colón, virtualmente idéntico a unha extensa descrición no lado esquerdo do portolano. Esta obra foi de suma axuda para os peritos que intentaban determinar a autenticidade do mapa de Reis, que chegaron a unha conclusión positiva.[4]

Piri retirouse a Galípoli, e traballou durante os seguintes tres anos reducindo os mapas fonte a unha mesma escala, o que era un labor moi dificultoso. Ao rematalo, agregou esta inscrición:[4]

O autor disto é o humilde Piri ibn Hajji Muhammad, coñecido como o sobriño de Kemal Reis, na cidade de Galípoli no Sagrado Mes de Muharram do ano 919 [1513].
 
Mapa de Bartolomeu Colón das Indias Occidentais (1506) segundo o esquema de Alessandro Zorzi.

Até o descubrimento do mapa de Piri Reis, había unicamente dúas fontes cartográficas —ambas indirectas— para comprender cal era a visión de Cristovo Colón sobre os seus propios descubrimentos. Unha destas era un bosquexo recollido nun códice de 1522 por Alessandro Zorzi, cartógrafo de Venecia, que dixo que se baseaba nun mapa traído por Bartolomeu Colón (irmán do descubridor) en 1506. Pero o mapa de Zorzi contiña información que nese ano era descoñecida e polo tanto non pode usarse para deducir como eran os conceptos xeográficos do Almirante, aínda que amose o Novo Mundo como unha parte de Asia.

 
Mapamundi de Juan de la Cosa (1500). Cuba xa aparece como unha illa.

O único outro mapa supervivente da época é o debuxado por Juan de la Cosa, membro da primeira expedición colombina de 1492, que posteriormente navegaría tamén con Américo Vespucio.[6] Pero este mapa —datado en 1500— amosa correctamente Cuba como unha illa, mentres que Colón non só cría que Cuba era unha península asiática, senón que llo fixo xurar aos seus tripulantes por medo ás consecuencias do feito de ter arribado a unha illa e non a un continente (a expedición partira de España co propósito de atopar unha ruta cara ás Indias a través do Atlántico).

O mapa e os seus relatos deberon ser moi útiles para o goberno otomán: demostraban que as novas rutas descubertas polos exploradores hispanos e lusitanos supoñían unha ameaza para o dominio turco dos mares do océano Índico e o Golfo Pérsico. Moitos anos despois, en 1551, o mesmo Reis foi posto ao mando dunha frota coa misión de espantar as forzas portuguesas que frecuentaban o Golfo.[4]

É por estes motivos que a conferencia de Paul Kahle en 1931 sobre o mapa sorprendeu á súa audiencia e tivo unha gran repercusión. Parecía case milagroso que o único rexistro cartográfico directo do descubrimento de América se preservara nunha biblioteca de Istambul, e que debamos a súa conservación a un pirata da mariña otomá. Mais a pesar da dimensión do descubrimento documental, a súa atracción disipouse rapidamente. Poucos investigadores desde a época de Kahle examinaron con detalle os compoñentes colombinos do mapa de Reis, e a cuestión de até que punto representa as ideas do descubridor non está resolta en absoluto. Imago Mundi, por exemplo, unha das máis importantes revistas sobre a historia da cartografía, xamais dedicou un artigo propio ao mapa de Piri Reis.[4]

 
Hipótese que intenta correlacionar o contorno inferior do mapa de Piri Reis co da costa patagónica arxentina e as Illas Malvinas.
 
Outra hipótese, menos aceptada, que intenta correlacionar o contorno americano do mapa de Piri Reis co da costa venezolana e brasileira.

Análises editar

Porción meridional de América editar

A maioría dos eruditos considera que as alegadas similitudes do perfil meridional do mapa de Reis co da costa antártica son en extremo tenues e coincidentes. Durante séculos, antes do descubrimento do continente branco no século XIX, os cartógrafos debuxaran unha gran masa austral de terra (a Terra Australis Incognita) baseados na presunción de simetría esixida por Aristóteles e Eratóstenes, entre outros naturalistas gregos; a masa meridional do mapa de Reis podería ser unha continuación desta tradición. Nun principio críase que o extremo sur de Suramérica e o de, unha vez descuberta, Australia, debían estar unidos a esta gran terra polar, da que se pensaba que era moito maior do que realmente é.

Suxeriuse que a suposta Antártida que figura na parte meridional do mapa non é outro perfil que o da costa patagónica oriental, xirada en sentido antihorario uns noventa graos debido a falencias nos mapas portugueses nos que Reis se baseou (entre os navegantes da Península Ibérica era común o modificar substancialmente a lonxitude posicional dos territorios para situalos a un lado ou a outro do límite asignado polo Tratado de Tordesillas), ou por limitacións de espazo no pelello de gacela que serve de substrato para o debuxo. En efecto, puido darse o caso de que Piri Reis, ou o escriba que copiou a súa obra, reparase en que ao chegar ao Río da Prata, se estaba acabando a valiosa pel de gacela. Neste momento podería ter xirado a liña costeira cara ao leste e ter descrito un semicírculo que lle coubera no coiro. Este tipo de prácticas eran moi habituais na época.[7][8]

Un exame minucioso do bordo costeiro apoia esta visión, revelando representacións das bocas e angosturas do Estreito de Magalláns e zonas próximas, os principais golfos e baías, e as Illas Malvinas (o arquipélago cuxa illa principal é chamada por Reis "illa de Sare"); a zona da gran baía ou golfo intermedio correspondería ao Río da Prata, e o punto máis oriental da costa, ao extremo meridional da Arxentina, en Terra do Fogo. Ademais, as anotacións do mapa, que indican que a área é calorosa e habitada por serpentes, non encaixan na suposición de que se trata da Antártida, pero si na hipótese patagónica. Ao mesmo tempo, unha nota sobre as alegadas Malvinas di que alí a primavera "chega antes", o cal non é certo para os territorios insulares ao sur da Converxencia Antártica.[9]

Gregory McIntosh editar

Gregory McIntosh, un historiador da ciencia cartográfica, examinou o mapa en detalle e publicou os seus resultados en The Piri Reis Map de 1513 (Atenas e Londres: University of Georgia Press, 2000). Alí sostén que a fonte colombina que Reis menciona foi usada para debuxar o Caribe: esta zona é, en efecto, de excepcional importancia. No seu extremo noroeste atópase unha grande illa chamada La Española (hoxe Haití e a República Dominicana), descuberta por Colón na súa primeira viaxe e onde establecera unha colonia, indicada no mapa con tres torres. Inmediatamente ao sur da Española vese Porto Rico, e ao nordeste un conxunto de illas que chama "Úndizi Vérgine" ("As Once Virxes"). Dado que este nome é claramente italiano, non portugués nin español, evidencia a orixe colombina deste sector. En efecto, moitos dos nomes de portos e accidentes xeográficos usados por Reis encóntrase tamén en textos colombinos. Polo tanto, esta zona non se basearía en mapas da Antigüidade remota.

 
Cristovo Colón desembarca en La Española.

É evidente que Colón deformou La Española nos seus mapas, facéndoa quedar completamente desproporcionada con respecto a Brasil e orientada de norte a sur en vez de leste a oeste. Desa maneira quedaba sorprendentemente parecida ás representacións convencionais do Cipango (Xapón) de Marco Polo que se ven nos mapas de Martin Behaim ou Paolo Toscanelli, que Colón utilizou. O Almirante, polo menos na súa primeira viaxe, estaba convencido de ter encontrado aquel territorio fabuloso, e debuxou a súa Española con esta forma para apoiar a súa tese.

Un elemento aínda que máis importante para reafirmar a orixe colombina desta zona do mapa fronte á súa suposta orixe arcaica é que a verdadeira illa de Cuba non aparece, tal e como é lóxico nun mapa colombino, pois Colón pensaba que o territorio continental americano era unha parte de Asia, e debuxouno como tal. No mapa de Piri Reis, a proxección continental que se acha fronte a La Hispaniola é, con toda seguridade, Cuba; e aparece de norte a sur tal e como Colón cría, influenciado polas descricións de Marco Polo sobre Catai. Dado que Colón pensaba que encontrara a costa asiática, loxicamente debuxou o continente deste xeito, segundo a representación convencional. De feito, todo o sector continental no extremo noroeste está etiquetado con topónimos que nas viaxes colombinas foron asignados a lugares cubanos.

McIntosh afirma que o mapa mostra dous grupos de Illas Virxes porque Piri Reis tomounas de dous mapas distintos sen advertir que representaban o mesmo.

A delineación da costa brasileira na carta de Piri Reis é moito máis precisa que a caribeña. A relación e distancia entre Suramérica e a costa africana occidental, por exemplo, é moito máis correcta que na maioría de mapas europeos da súa época. Os nomes que aparecen nesa zona, claramente transliterados do italiano e o castelán, quedan nitidamente asociados aos informes de viaxe de Américo Vespucio e outros.[10]

Charles Hapgood editar

A área caribeña do mapa é tremendamente imprecisa. O estadounidense Charles Hapgood intentou facela encaixar postulando unha proxección equidistante desde un punto de orixe próximo ao Cairo, dicindo que a illa que aparece claramente identificada como a Hispaniola é en realidade Cuba e reorientando todas as rexións caribeñas do mapa. Esta tese foi recibida con escepticismo pola comunidade científica, e Hapgood foi acusado de deformar a realidade para adaptala á teoría.

Un dos detalles topográficos máis sorprendentes, e dos que causaron máis discusións, é a presenza dunha cadea montañosa ao longo de Suramérica, que Hapgood identificou como os Andes. Os ríos que parten dela, loxicamente, considéranse o Amazonas, o Orinoco e o Río da Prata; e o animal con dous cornos que se atopa xunto ás montañas, segundo Hapgood, é unha llama.

Mais, o mapa de Piri Reis non é o primeiro en mostrar montañas no interior de Suramérica. O Planisferio de Caverio (Biblioteca Nacional de París) e a carta de Martin Waldseemüller de 1507 debuxan a costa leste de Suramérica —aínda que esquematicamente— e unha cadea montañosa adornada con árbores.

 
Mapa de Nicolaus Caverio (1504-05). Apréciase unha cordilleira en aproximada concordancia coa da dos Andes, pero non aparece a mítica Terra do Sur.

O mapa de Caverio debuxouse entre 1504 e 1505, moito antes de que se explorara esa zona do interior. Existe unha similitude extraordinaria entre este mapa e o de Piri Reis, polo que cabe supoñer que un se basea no outro. Piri Reis podería ter tido tamén acceso aos mapas de Waldseemuller (1507), Clareanus (1510) e Johannes de Stobnicza (1512).

Todos están relacionados entre si e, case sen dúbida, derívanse do mapa de Caverio. En particular, o mapa de Johannes de Stobnicza puido ter sido accesible para Piri Reis, pois foi impreso en Cracovia —unha edición de Claudio Tolomeo— en 1512, un ano antes do debuxo do pirata turco. Este podería ser un dos mapas que chamou "debuxados na época de Alexandre o Grande" (356-323 a. C.) ao que fai referencia o propio Reis, caendo na confusión que existía entre os dous Tolomeos (sendo o máis antigo Claudio Tolomeo, astrónomo, matemático e xeógrafo grego, do século II a. C.).

 
Mapamundi de Abraham Ortelius (1570), no que figura a inmensa terra austral fundida á Illa Grande de Tierra del Fuego.

A zona da Antártida e a costa de tendencia cara ao leste situadas no extremo inferior foi crucial para as hipóteses de Hapgood. Pero, aínda que ningún dos mapas derivados do de Nicolo Caverio amose un continente antártico, outros grupos de mapas antigos si o fan. A partir do século XV, os cartógrafos frecuentemente incluíron unha gran masa meridional que unía África con Asia, facendo do océano Índico un mar interior: esta noción xeográfica deriva das interpretacións tolemaicas da Terra Australis. Cando o portugués Fernando de Magallanes pasou entre Suramérica e a illa de Terra do Fogo (a través do estreito que leva o seu nome), creu que a Illa se trataba do extremo norte do mítico territorio do que falaban os gregos antigos. Non foi senón até a viaxe de Francis Drake de 1578 cando esta idea se corrixiu.

A procura da Terra Australis durou séculos, producindo o descubrimento da grande illa que agora leva o nome que tanto fascinou aos cartógrafos renacentistas: Australia. Pero a Antártida non se quixo manifestar aos grandes descubridores. Existen indicios de que foi avistada antes do seu descubrimento oficial en 1820, por exemplo, o relato de Américo Vespucio —desprazado 500 millas (uns 900 km) da súa ruta polos ventos— onde fala dunha Terra Vista: quizais as Illas Malvinas ou talvez a propia Antártida. Algúns dos textos que dan soporte a esta hipótese son presumiblemente apócrifos, pero a evidencia cartográfica inmediatamente posterior tende a apoiala.[11]

En 1514, o ano posterior á finalización do mapa de Piri Reis, dous barcos portugueses e outros dous holandeses informaron cousas parecidas. Se esta chamada PressillgtLandt era ou non a Antártida é tema de discusión, pero non o é o feito de que un buque do século XVI ben construído e pilotado puidera chegar moi ao sur.

 
Planisferio de Rumold Mercator (1587). Segue aparecendo unha Terra Australis Incognita.

Hapgood admite que hai unhas 900 millas da costa suramericana que non aparecen no mapa otomán.

Gavin Menzies editar

O ex capitán das Forzas navais británicas e cartógrafo Gavin Menzies no seu libro 1421: The Year China Discovered The World, presenta a hipótese dunha teoría de que a masa terrestre meridional do mapa de Reis é realmente a Antártida e que está baseada en cartas chinesas anteriores. O almirante Hong Bao tería cartografado esta costa baixo as ordes do lendario almirante Zheng He uns setenta anos antes de que Colón descubrira América. A expedición tería como obxectivo colocar a todo o planeta baixo control tributario do emperador chinés. A teoría de Menzies foi desacreditada pola historiografía científica.

Notas editar

  1. Citado en VV. AA., Cartografía histórica del encuentro de dos mundos, Instituto Nacional de Estadística, Geografía e Informática, México e Instituto Geográfico Nacional, España, 1992, ISBN 84-7819-044-9, páx. 74.
  2. VV. AA., Cartografía histórica del encuentro de dos mundos, Instituto Nacional de Estadística, Geografía e Informática, México e Instituto Geográfico Nacional, España, 1992, ISBN 84-7819-044-9, páxs. 71-74.
  3. Lunde, Paul. Piri Reis and the Columbus map. pp 8-25. Saudi Aramco World Magazine, Houston (maio e xuño de 1992)
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Lunde
  5. Reis confunde a Claudio Tolomeo, cosmógrafo do século II d. C., co xeneral macedonio Tolomeo I, crendo que a súa fonte era da época de Alexandre Magno.
  6. Pohl, Frederick. Amerigo Vespucci Pilot Major. p 49. Octagon Books, Nueva York (1966)
  7. Coughi, Diego. I Misteri della mappa di Piri Reis. Uno studio sulle controverse mappe di Piri Reis, Orontius Finaeus e Philippe Buache apud Polidoro, Massimo.Gli enigmi della storia. Edizioni Piemme, Milán (2003)
  8. Dutch, Steven. The Piri Reis Map.
  9. Dutch
  10. Levillier, Roberto. New Light on Vespucci's Third Voyage: Evidence of His Route and Landfalls. apud Imago Mundi, Vol. 11. pp. 37-46. Imago Mundi, Londres (1954)
  11. Pohl, 124

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar