Juan de la Cosa, nado posiblemente en Santoña, Cantabria entre 1450 e 1460 e finado en Turbaco, Colombia o 28 de febreiro de 1510, foi un navegante e cartógrafo español coñecido por ter participado en sete das primeiras viaxes a América e por ter debuxado o mapa máis antigo conservado no que aparece o continente americano.

Juan de la Cosa
Nacementoc. 1450 e c. 1460
Lugar de nacementoSantoña
Falecemento28 de febreiro de 1510
Lugar de falecementoTurbaco
Causaveleno
NacionalidadeCoroa de Castela
Ocupaciónexplorador, cartógrafo, Conquistadores casteláns e xornalista
Coñecido porMapa de Juan de la Cosa
editar datos en Wikidata ]

De la Cosa tivo un papel destacado na primeira e segunda viaxe de Cristovo Colón ás Antillas e en 1499 participou como piloto maior na expedición de Alonso de Ojeda ás costas do continente suramericano. Ao seu regreso a Andalucía, debuxou o seu famoso mapamundi e pouco despois volveu embarcarse cara ás Indias, esta vez con Rodrigo de Bastidas. Nos anos seguintes alternou viaxes a América baixo o seu propio mando con encargos especiais da Coroa, incluíndo unha misión como espía en Lisboa e a participación na Xunta de pilotos de Burgos de 1508. En 1509 emprendeu a que sería a súa derradeira expedición, de novo xunto a Ojeda, para tomar posesión das costas da actual Colombia. La Cosa morreu nun enfrontamento armado con indíxenas antes de poder chegar a exercer o seu cargo de alguacil maior de Urabá.

Orixe e xuventude editar

 
Monumento a Juan de la Cosa en Santoña (Cantabria).

Non se sabe con certeza onde naceu Juan de la Cosa pero a hipótese máis aceptada é que foi en Santoña (Cantabria), xa que se conservan documentos que mostran que foi veciño de Santoña e que a súa muller e filla residiron nesa cidade.[1] Algúns cronistas do século XVI chamáronlle "o biscaíño", o que levou a confundilo con outros mariños chamados Juan Vizcaíno, os cales hoxe se sabe que eran persoas distintas.

Tampouco se coñece a súa data de nacemento, estimada entre 1450 e 1460, nin se teñen datos da súa infancia nin da súa adolescencia. Suponse que de novo debeu tomar parte en navegacións polo mar Cantábrico e, posteriormente, en dirección ás illas Canarias e á África occidental.[2]

As primeiras referencias sólidas proveñen de 1488, cando estaba en Portugal. Nese momento acababa de chegar o navegante Bartolomeu Dias a Lisboa, tras ter alcanzado o cabo de Boa Esperanza. Os Reis Católicos enviarían a La Cosa a esa cidade en calidade de espía en busca de información e detalles de dito descubrimento, logrando La Cosa volver a Castela antes de que os oficiais portugueses o capturaran.[3]

No inicio da década de 1490, La Cosa atopábase establecido en El Puerto de Santa María (hoxe en día na provincia de Cádiz) e posuía unha nao chamada Marigalante ou Gallega. Crese que por motivos de negocios tivo relacións cos irmáns Pinzón.[2]

Viaxes con Colón ás Indias editar

Primeira viaxe editar

En 1492 participou na primeira viaxe de Cristovo Colón ás Indias a bordo da súa nao, que segundo os cronistas posteriores foi rebautizada Santa María para a ocasión. Exercía o cargo de mestre, sendo Colón o capitán. A embarcación naufragou a noite do 24 ao 25 de decembro do mesmo ano fronte ás costas haitianas. O Diario escrito por Bartolomé de las Casas supostamente a partir das notas de Colón, acusa persoalmente a La Cosa polo incidente, dicindo que ocorreu baixo a súa garda e que ademais fuxiu en vez de prestar socorro ao barco.

Martes, 25 de decembro, día de Nadal
(...)Quixo o Noso Señor que ás doce horas da noite, como viran deitar e repousar ao Almirante e vían que era calma morta e o mar como nunha escudela, todos se botaron a durmir, e quedou o goberno na man daquel rapaz, e as augas que corrían levaron a nao sobre un daqueles bancos. (...) O mozo (...) deu voces, ás cales saíu o Almirante, e foi tan presto que aínda ninguén sentira que estaban encallados. Logo, o mestre da nao, de quen era a garda, saíu e o Almirante díxolles a el e aos outros que halasen o batel que traían por popa e tomasen unha áncora e a botasen por popa, e el con outros moitos saltaron no batel, e pensaba o Almirante que facían o que lles mandara. Eles non curaron senón de fuxir da carabela...
Mércores, 26 de decembro
(...)se non fora pola traizón do mestre e da xente, que eran todos ou os máis da súa terra, de non querer botar a áncora por popa para sacar a nao, como o Almirante lles mandaba, a nao teríase salvador...
Diario de Cristovo Colón. Edición facsimilar de Jesús Varela Marcos, pp.122-123.

Non obstante, en 1494 La Cosa recibiu unha compensación económica de parte dos Reis Católicos polo afundimento da súa nao na primeira viaxe. Dábaselle o dereito a transportar «douscentos cahíces de trigo» desde Andalucía até Biscaia eximíndoo de pagar certas taxas.[4] Este documento, que fala do mariño en termos eloxiosos ("bos servizos que nos fixéstedes") fai pensar aos historiadores que realmente Juan de la Cosa non tivo culpa da perda do seu barco, contrariamente ao que afirma o Diario.[2]

Segunda viaxe editar

Juan de la Cosa participou na segunda viaxe de Colón (1493-1496) e crese que debeu ser un dos cartógrafos da expedición. Mais, segundo unha nómina de pagos datada en 1497 e descuberta por Montserrat León Guerrero en 1998, La Cosa enrolárase como simple mariñeiro na nao Colina, cobrando 1.000 marabedís ao mes.[5]

Sábese tamén que Juan de la Cosa tomou parte na exploración da costa de Cuba xa que foi un dos asinantes do xuramento no que Colón lle obrigou aos seus tripulante a declarar que Cuba non era unha illa. Nese documento, datado en xuño de 1494, La Cosa figura como mariñeiro da carabela Niña, se ben podería ser tamén un dos "mestres de cartas de marear" mencionados no texto.[6]

Algúns documentos da segunda viaxe de Colón mencionaban a un mariñeiro chamado Juan Vizcaíno, que algúns historiadores confundiran con Juan de la Cosa. O descubrimento da nómina de pagos de 1497 demostrou que realmente nesta expedición tomaron parte non unha senón dúas persoas chamadas Juan Vizcaíno e ademais Juan de la Cosa, polo que son finalmente de tres persoas diferentes.

Terceira viaxe? editar

A maioría dos historiadores opinan que Juan de la Cosa non participou na terceira viaxe de Colón ás Indias (1498 - 1500). Non obstante, Bartolomé de las Casas escribiu que La Cosa "por entón (1500) era o mellor piloto que por aqueles mares tiña andado en todos as viaxes que fixera o almirante",[2] o cal polo tanto incluiría a terceira viaxe. Tamén se conserva unha declaración dunha testemuña dos Preitos Colombinos que afirma ter visto a La Cosa con Colón "cando se descubriu Paria", o cal normalmente se supón que pasou durante a terceira viaxe. Por iso, o historiador Jesús Varela Marcos cre que La Cosa si que participou na terceira viaxe de Colón e debeu regresar a Europa antes que o Almirante.[7]

Expedición de Ojeda editar

En 1499, a Coroa decide poñerlle fin ao monopolio que tiña Colón sobre as navegacións ás Indias e abre o negocio a outros navegantes e empresarios. Isto dá lugar á realización dunha serie de expedicións que os historiadores denominaron viaxes menores, viaxes de recoñecemento e rescate ou tamén viaxes andaluzas, xa que todas se organizaron e partiron desde Andalucía e os que participaron nelas residían maioritariamente nesa rexión.[8]

Juan de la Cosa participou como piloto maior e cartógrafo na primeira destas viaxes, a capitaneada por Alonso de Ojeda (que tamén estivera na segunda viaxe de Colón). A expedición partiu de Cádiz o 18 de maio de 1499 con rumbo ao cabo Aguer e de alí á Gomera. Só 25 días despois encontrábanse ante a desembocadura do río Orinoco.[2] Percorreron minuciosamente a costa suramericana cara a occidente, chegando á península de Coquibacoa e ao cabo da Vela (na actual Colombia). La Cosa foi ferido por unha frecha indíxena.[3] Máis tarde navegaron á illa Española, a pesar de que iso o tiñan prohibido.[2] Non se sabe con exactitude cando retornaron a España, barallándose as datas de novembro de 1499[9] ou abril-maio de 1500.[2]

Esta viaxe non obtivo apenas beneficios económicos pero La Cosa puido cartografar en detalle a costa da rexión explorada, a cal amosaría despois no seu famoso mapamundi.

O mapamundi editar

 
Mapamundi feito por Juan de la Cosa en 1500. Móstrase o Novo Mundo na parte superior (en verde) e o Vello Mundo na parte central e inferior (en branco).
Artigo principal: Mapa de Juan de la Cosa.

Tras a súa volta a Cádiz, La Cosa elaborou para os Reis Católicos ou para alguén da súa corte[10] un mapamundi que é o mapa máis antigo conservado no que aparece o continente americano. Está pintado sobre dúas peles de pergamiño unidas en forma de rectángulo irregular de 96 cm de ancho e 183 cm de largo. No extremo occidental do mapa aparece unha efixie de San Cristovo, probable alusión a Colón, situado a poñente das Antillas sobre unha inscrición que di: «Juan de la cosa la fizo en el puerto de S: mã en año de 1500».[11]

Dito mapa reflicte os resultados dos descubrimentos realizados en América durante o século XV; con información procedente das viaxes realizadas por Colón (viaxes de 1492, 1493 e 1498), Alonso de Ojeda, Vicente Yáñez Pinzón, Xoán Caboto, Pedro Álvares Cabral e diversos exploradores portugueses que percorreron África, como Bartolomeu Dias e Vasco da Gama.

La Cosa suxeriu que as terras descubertas no norte e o sur de América podían estar unidas formando un só continente, aínda que coa efixie superior fixo un truco para permitir a posibilidade de que existira un paso marítimo entre ambas en Centroamérica, cousa que Colón cría.[12] Cuba aparece xa identificada como unha illa, en contra da opinión de Colón. En xeral, as Antillas aparecen de maneira completa e de América do Sur móstrase a costa desde o cabo da Vela até o cabo de Santo Agostiño, mostrando unha parte do norte do Brasil. Polo contrario, en América do Norte non se atopan a península de Florida, o golfo de México nin a península do Iucatán. América Central está tapada pola efixie do santo.

O contorno das costas de África aparece debuxado por primeira vez de maneira correcta, grazas ás últimas viaxes de exploración realizadas polos portugueses. A rexión de Europa e o Mediterráneo aparece ben detallada, mentres que amplas zonas de Asia encóntranse baleiras e imprecisas.

O mapa está decorado con rosas dos ventos, bandeiras, barcos, cidades, reis, personaxes da Biblia e figuras mitolóxicas. Represéntanse algúns ríos e a maioría dos topónimos están escritos en castelán antigo.

Expedición de Bastidas editar

Cara a finais de 1500, o notario sevillano Rodrigo de Bastidas obtivera unha licenza rexia para explorar o Novo Mundo, así que consultou con La Cosa sobre que ruta tomar. Finalmente Bastidas decidiu nomealo piloto maior da expedición. Outro membro da tripulación que se faría famoso máis tarde foi Vasco Núñez de Balboa.[8]

Partiron de Cádiz en outubro de 1500 con dous barcos e percorreron o litoral caribeño desde o cabo da Vela cara ao oeste. Descubriron a desembocadura dun gran río ao que chamaron Magdalena e case naufragaron nas Bocas de Ceniza.[13] Penetraron despois no Golfo de Urabá e chegaron até o actual Puerto Escribanos, en Panamá. Obtiveron cantidades importantes de ouro[3] pero o mal estado das embarcacións obrigounos a dirixirse a La Española, onde foron arrestados polo gobernador Francisco de Bobadilla. La Cosa e Bastidas regresaron a España a finais de 1502.

A raíña Isabel, mediante cédula real datada o 3 de abril de 1503 nomeou a La Cosa Alguacil Maior de Urabá como parte da súa recompensa polos servizos prestado na viaxe con Bastidas e adicionalmente foi nomeado oficial asalariado na recentemente creada Casa da Contratación.[3] Pola súa parte Bastidas foi absolto de todos os cargos dos que o acusara Bobadilla.[13]

Viaxes propias e misións especiais editar

Misión en Portugal editar

En 1503 La Cosa foi a Lisboa, á corte do rei Manuel I de Portugal, cunha misión diplomática ou de espionaxe. Segundo a documentación oficial, entregáronselle 10 ducados de ouro para "yr a Portogal a se ynformar e saber secretamente del viaje que los portogueses hizieron a las Yndias con quatro navios...".[14] Mais La Cosa foi capturado rapidamente e pouco despois regresou á Corte castelá en Segovia. Alí entregoulle á Raíña "dos cartas de marear de las Yndias", que non se conservaron.

Primeira viaxe ás Indias baixo o seu propio mando editar

En 1504, La Cosa logrou efectuar a súa primeira viaxe de descubrimento baixo o seu propio mando como capitán xeneral e piloto, grazas a unha capitulación da Coroa para descubrir e vixiar as costas de Terra Firme. Con catro naves armadas percorreu as costas entre a illa de Margarita e o golfo de Urabá, onde conseguiu un cuantioso "rescate" (palabra que designaba tanto o beneficio comercial como o botín de guerra). En Cartaxena de Indias encontrou e socorreu ao mercador sevillano Cristóbal Guerra e aos seus homes, con quen tivo grandes disensións. Sufriron penalidades en Urabá e Xamaica, até que La Cosa os conduciu a todos á Española, onde permaneceu dous anos. Tras o seu regreso á Península Ibérica en 1506, recibiu un premio de 50 mil marabedís como recompensa polo seu labor.[2]

Juan de la Cosa, veciño de Santa María do Porto, piloto de Rodrigo de Bastidas, armou o ano de 4 catro carabelas con axuda de Juan de Ledesma, de Sevilla, e doutros, e con licenza do rei, porque se ofreceu para domar os caribes daquela terra. Foi, pois, a desembarcar a Cartaxena, e creo que atopou alí ao capitán Luis Guerra, e entrambos fixeron a guerra e mal que puideron; saltearon a illa de Codego, que cae á boca do porto. Tomaron seiscentas persoas, discorreron pola costa, pensando rescatar ouro; entraron no golfo de Urabá, e nun areal atopou Juan de la Cosa ouro, que foi o primeiro que de alí se presentou ao rei. Levaban moi cheos de xente os navíos; deron volta a Santo Domingo, que nin atopaban rescate nin mantemento.

Segunda viaxe propia editar

Ao ano seguinte, en 1507, a Casa da Contratación nomeouno para dirixir unha pequena frota de barcos que vixiarían as costas entre Cádiz e o cabo de San Vicente, que era lugar de reunión de piratas.[3]

Pouco despois iniciou unha nova travesía oceánica desde El Puerto de Santa María, regresando o ano seguinte. Por esta viaxe recibiu 100.000 marabedís.[2] Escribiuse que Bastidas puido ter participado tamén nesta expedición.[15]

Xunta de Burgos editar

En marzo de 1508 participou na Xunta de Burgos a petición do rexente Fernando o Católico xunto a Vicente Yáñez Pinzón, Juan Díaz de Solís e Américo Vespucio, que eran os mellores navegantes cos que contaba a Coroa de Castela por aquel entón, para discutir entre outros asuntos do proxecto dunha expedición para encontrar un paso marítimo a Asia a través ou arredor das terras descubertas no oeste.[16] Nesa mesma xunta representou a Alonso de Ojeda no concurso pola gobernación de Terra Firme, en competición con Diego de Nicuesa. Ao final a Coroa decidiu dividir Terra Firme en dúas gobernacións: Veragua ao oeste do golfo de Urabá e gobernada por Nicuesa; e Nova Andalucía ao leste, gobernada por Ojeda.[16]

Tamén en 1508 confirmóuselle a La Cosa o cargo de Alguacil Maoor de Urabá outorgado cinco anos antes, pero esta vez de maneira hereditaria.

Última viaxe e morte editar

La Cosa viaxou novamente a La Española para participar nunha viaxe ao mando de Alonso de Ojeda, que acababa de ser nomeado gobernador de Nova Andalucía. La Cosa recibiu da Coroa o cargo de tenente gobernador e unha importante axuda económica xa que ía instalarse alí xunto á súa familia.[3] A expedición partiu de Santo Domingo o 10 de novembro de 1509 con tres embarcacións e uns 300 homes, entre eles un soldado chamado Francisco Pizarro.[2] La Cosa resolveu a disputa entre os dous novos gobernadores (Ojeda e Nicuesa) sobre que lugar exacto do golfo de Urabá sería o límite das súas respectivas gobernacións, sinalando o río Atrato como a fronteira entre Veragua e Nova Andalucía.

Ao chegar a Nova Andalucía en decembro, Ojeda decidiu desembarcar na baía de Calamar, desoíndo os consellos de La Cosa que recomendaba que non se perturbaran aos indios da zona onde estaban, xa que eran indíxenas que usaban frechas envelenadas. O cántabro propoñía dirixirse á ribeira do golfo de Urabá, onde vivían indios menos belicosos que La Cosa coñecera cinco anos atrás, pero finalmente acatou a orde de Ojeda. Pouco despois os expedicionarios víronse envoltos nun combate con indíxenas que se saldou con vitoria española, o que incitou a Ojeda a meterse na selva, perseguindo aos indíxenas na súa fuxida até o poboado de Turbaco. Ao chegar ao poboado, Ojeda, La Cosa e os demais homes foron sorprendidos polos indíxenas, que dispararon frechas envelenadas. La Cosa caeu morto, así como a maioría dos seus homes, aínda que Ojeda deu fuxido.[2]

Ao volver Ojeda á baía de Calamar atopouse coa expedición do seu rival Nicuesa. Ao saberen do feito ocorrido en Turbaco, os casteláns deixaron de lado as súas diferenzas e os homes de ambas expedicións vingáronse destruíndo o poboado de Turbaco e asasinando a case todos os seus habitantes. Algunhas crónicas afirman que cando atoparon o cadáver de La Cosa parecía un ourizo cheo de frechas; outras din polo contrario que o corpo fora devorado polos indios.[2]

A viúva de La Cosa recibiu 45.000 marabedís e todos os indíxenas que tiña en posesión o navegante como indemnización polos servizos prestados. Descoñécese o destino do fillo de La Cosa, o cal debería ter teoricamente herdado o cargo de Alguacil Maior de Urabá.[15]

O seu legado editar

Cartografía editar

 
Busto de Juan de la Cosa en El Puerto de Santa María, provincia de Cádiz, (Andalucía).

O mapamundi de Juan de la Cosa é unha das obras máis importantes da cartografía de finais do século XV e inicios do século XVI. Foi redescuberto en 1832 polo barón de Walckenaer, ministro plenipotenciario de Holanda en París, que o mercou a un prezo moi barato. Á morte do barón en 1853, puxouse e o goberno español, aconsellado por Ramón de la Sagra, adquiriuno por 4.321 francos. Desde aquela está exposto no Museo Naval de Madrid. Numerosos eruditos realizaron reproducións e análises de diversas zonas do mapa de La Cosa. As primeiras foron as de Alexander von Humboldt no seu Atlas géographique et physique des régions équinoxiales du Nouveau Continent de 1834,[17] Ramón de la Sagra en 1837 na Historia física política y natural de la isla de Cuba e o vizconde de Santarém en 1842 co seu Atlas da Idade Media.

Sábese que La Cosa debeu realizar outros mapas importantes pero nunca se encontraron. En concreto consta que en 1503 se lle aboaron sete ducados por dúas "cartas de marear" que lle ofreceu á Raíña.[2]

Por outra parte, é posible que o bacharel Martín Fernández de Enciso aproveitara as súas relacións amistosas con La Cosa para incorporar parte dos seus coñecementos cartográficos na súa obra Suma de geografía que trata de todas las partes y provincias del mundo: en especial de las Indias, impresa en Sevilla en 1519.[15]

Historiografía editar

Varios cronistas do século XVI mencionaron a Juan de la Cosa resaltando as súas grandes cualidades náuticas:

Tras o descubrimento do mapamundi en París en 1832, Alexander von Humboldt tratou da vida de La Cosa no seu Examen critique de l'histoire de la géographie du nouveau continent (1836). Con motivo do IV Centenario do Descubrimento de América en 1892 publicouse un estudo biográfico en español, francés e inglés que acompañaba a unha copia facsímile do mapamundi. Entre as biografías de Juan de la Cosa escritas no século XX destacan as de Víctor Andresco (1949), Alberto Fernández Galán (1951), Florentino Pérez Embid (1951), Antonio Ballesteros Beretta (1954) e Francisco Morales Padrón (1963).[2]

Nos anos 1950 varios historiadores (Justin Winsor, Alicia B. Gould, George Morison) defenderon a tese de que existiran dous mariñeiros diferentes chamados Juan de la Cosa, ambos veciños do Porto de Santa María: un tería sido o mestre da nao Santa María na primeira viaxe de Colón e o outro participaría na segunda viaxe de Colón e tería debuxado o mapamundi. Esta tese foi rebatida por Roberto Barreiro Meiro en 1970.[10]

Na actualidade editar

 
O buque hospital Juan de la Cosa.

Cada ano, no mes de agosto, celébrase unha regata co seu nome en augas da Baía de Cádiz organizada polo Real Club Náutico de El Puerto de Santa María.

En 2006, o Instituto Social da Mariña botou un buque hospital, bautizado como Juan de la Cosa na súa honra.

En 2010, con motivo do 500º aniversario da morte de Juan de la Cosa (28 de febreiro de 1510 en Turbaco, Colombia), realizáronse numerosos actos conmemorativos, principalmente en Cantabria e Andalucía. Entre o 3 de xullo e o 30 de agosto desenvolveuse en Santoña unha exposición titulada "'Juan de la Cosa y la época de los Descubrimientos", que incluíu un ciclo de conferencias.[21] A Asociación para a divulgación da Hispanidade (Disad) editou en agosto de 2010 o cómic titulado Juan de la Cosa y el Descubrimiento de América que foi distribuído gratuitamente entre os escolares de Cantabria. Foi debuxado por Rubén Martín Ojeda "Mudito". Para este fin, contou coa colaboración da Dirección Xeral de Relacións Institucionais de Defensa e o Concello de Santander. [22]

Pola súa parte, a Asociación de la Carta de Juan de la Cosa que preside Juan Lago Novás estivo entregando reproducións feitas en 1892 a escala real do mapa a diversas institucións públicas e buques da Armada Española, por exemplo: Concello de El Puerto de Santa María,[23] Real Club Náutico da mesma localidade, Hispanic Society of America en Nova York.

Notas editar

  1. Bilbao, Pedro (1948). Eusko Ikaskuntza (2003), ed. Juan de la Cosa (PDF). VII Congreso de Estudios Vascos (Biarritz). San Sebastián. pp. 321–328. ISBN 84-8419-931-2. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de setembro de 2019. Consultado o 23 de marzo de 2012. 
  2. 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 2,10 2,11 2,12 2,13 2,14 Cervera Pery, José (2000). "Juan de la Cosa: el marino y el hombre" (PDF). Cuadernos Monográficos del Instituto de Historia y Cultura Naval (35): 49–57. Consultado o 19 de maio de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 ArteHistoria (ed.). "Juan de la Cosa" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2010. Consultado o 23 de marzo de 2012. 
  4. Orde datada en Medina del Campo o 28 de febreiro de 1494. Conservada no Arquivo de Simancas, Rexistro Xeral do Selo II-1494-130.
  5. "Gente del Segundo Viaje de Cristóbal Colón", Arquivo de Simancas, Contaduría Mayor de Cuentas, 1ª época, marzo 98.
  6. Arquivo Xeral de Indias, Patronato 8, ramo 11.
  7. Varela Marcos, Jesús (2001). "Los reflejos políticos en la carta de Juan de la Cosa". En Seminario Iberoamericano de Descubrimientos y Cartografía. Descubrimientos y Cartografía IV: Grandes viajes descubridores. Valladolid. pp. 61–79. 
  8. 8,0 8,1 Laviana Cuetos, María Luisa. ArteHistoria, ed. "Los viajes andaluces". Arquivado dende o orixinal o 30 de novembro de 2009. Consultado o 24 de marzo de 2012. 
  9. Ramos, Demetrio (1980). "El regreso de Alonso de Ojeda de su viaje de descubrimiento". En Ministerio de Educación y Ciencia. Homenaje a Antonio Domínguez Ortiz. Madrid. ISBN 84-369-0833-3. , citado en Ramos, Demetrio (1982). "El retorno a España de Alonso de Ojeda, en calidad de preso, después de su Segundo Viaje" (PDF). Quinto Centenario (4): 209–220. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 03 de marzo de 2016. Consultado o 24 de marzo de 2012. 
  10. 10,0 10,1 Martín Merás, Luisa (2000). "La carta de Juan de la Cosa: interpretación e historia". Monte Buciero (Concello de Santoña) (Nº. 4). ISSN 1138-9680, páxs. 71-86. Consultado o 24 de marzo de 2012. 
  11. Elkhadem, Hossam; et al. (1992). Bibliothèque Royale Albert Ier, ed. "Juan de La Cosa, Parte correspondiente a la América de la Carta General de Juan de La Cosa...". Cartes de Amériques dans les collections de la Bibliothèque Royale Albert Ier (en francés). Arquivado dende o orixinal o 05 de decembro de 2011. Consultado o 23 de marzo de 2012. 
  12. Siebold, James (1998). "Monography on the Portolan World Map, Juan de la Cosa, 1500". Cartographic Images (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de agosto de 2009. Consultado o 24 de marzo de 2012. 
  13. 13,0 13,1 Ceballos Gómez, Diana Luz. Círculo de Lectores, ed. "Rodrigo de Bastidas". Gran Enciclopedia de Colombia. Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2010. Consultado o 24 de marzo de 2012. 
  14. Asento do Libro Maior da Contratación do 22 de agosto de 1503.
  15. 15,0 15,1 15,2 "Juan de la Cosa". Boletín da Sociedade Xeográfica de París 3 (17). 1862. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2008. Consultado o 24 de marzo de 2012. 
  16. 16,0 16,1 ArteHistoria (ed.). "La búsqueda del paso". Arquivado dende o orixinal o 26 de marzo de 2010. Consultado o 24 de marzo de 2012. 
  17. "Humboldt. Atlas géographique et physique....". LiveAuctioneers.com. Consultado o 24 de marzo de 2012. 
  18. Carta a Luis Hurtado de Mendoza datada en Valladolid o 18 de decembro de 1513
  19. Historia general y natural de las Indias, islas y tierra-firme del mar océano (1535), libro 3, cap.8
  20. Historia general de las Indias (1552), cap. 57
  21. El Diario Montañés, ed. (21 de febreiro de 2010). "Descubriendo al navegante" (en castelán). Consultado o 24 de marzo de 2012. 
  22. El Diario Montañés, ed. (17 de setembro de 2010). "El cómic también descubre a Juan de la Cosa" (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2010. Consultado o 24 de marzo de 2012. 
  23. Hernández, Alejandro (12 de febreiro de 2010). Andalucía Información, ed. "Juan de la Cosa vuelve a El Puerto". Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2015. Consultado o 24 de marzo de 2012. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar