Abrir o menú principal

Música minimalista

Algúns compositores da corrente minimalista (de esquerda a dereita): Steve Reich, Philip Glass, John Adams, Terry Riley, Michael Nyman, e Arvo Pärt.

A música minimalista é unha corrente da música contemporánea xurdida nos Estados Unidos na década de 1960, que representa unha parte importante da música clásica deste país. Os principais compositores cos que é asociada esta corrente son os americanos La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich, Philip Glass, e John Adams.[1][2][3][4] A obra considerada como a fundadora do minimalismo musical é In C composta en 1964 por Terry Riley. Ás veces se refire á música minimalista coa denominación máis ampla de música posmoderna.

Máis que un retorno á tonalidade, esta corrente caracterízase principalmente pola utilización dunha pulsación regular e a repetición de motivos curtos que evolucionan lentamente. Máis aló dun movemento de reacción ao serialismo integral, daquela dominante en Europa, a música minimalista marcou o xurdir dunha música americana innovadora, liberándose dos seus vínculos europeos. Os compositores minimalistas tamén realizaron un retorno a unha música de maior emoción, en lugar do enfoque esencialmente intelectual da música serial, ou o enfoque conceptual da música experimental levada a cabo por John Cage. Despois duns inicios difíciles fóra dos circuítos tradicionais da música clásica, a música minimalista adquiriu a presenza dun certo público, ás veces de universos diferentes coma o jazz, o rock, a improvisación libre, ou a música electrónica. A televisión e o cinema teñen empregado frecuentemente esta música, en particular obras de Philip Glass, contribuíndo á súa difusión entre o gran público. Certas críticas violentas tamén se teñen expresado dende o mundo musical, acusando ao minimalismo de producir un consumidor de música superficial e sen alma.

Visión xeralEditar

PresentaciónEditar

Xeralmente desígnase polo termo "música minimalista" a unha corrente da música contemporánea aparecida nos anos 1960s nos Estados Unidos cos compositores La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich, e Philip Glass. O movemento desenvolveuse principalmente nas dúas rexións dos Estados Unidos tradicionalmente máis abertas ás innovacións artísticas e ás influencias das culturas non europeas: Nova York e a Costa Oeste. O minimalismo ten tamén adeptos en Gran Bretaña (Michael Nyman, Gavin Bryars), nos Países Baixos (Louis Andriessen), en Francia (Renaud Gagneux, Bruno Letort), mais segue a ser un fenómeno principalmente estadounidense.[5]

O termo emprégase ás veces de xeito máis xeral mediante a inclusión de certos compositores de música experimental, ou de música postmoderna. En particular, Arvo Pärt e Henryk Górecki son ás veces considerados compositores minimalistas, aínda que con preocupacións moi distintas dos americanos repetitivos.

A música minimalista marca unha ruptura coas vangardas e un retorno á música tonal, ou ás veces modal. Tamén caracterízase xeralmente por unha certa nudez e unha economía de medios. En función dos compositores, empréganse diversas características: o o emprego de procesos sistemáticos de composición, de estruturas repetitivas e unha métrica regular para os repetitivos americanos, unha influencia da música relixiosa da Idade Media para Arvo Pärt e Henryk Górecki, o retorno a certas formas clásicas (cuarteto, sinfonía...) para John Adams.[5]

O ano 1976 marcou un fito do movemento minimalista no seu conxunto[6] coas creacións concomitantes de Music for 18 Musicians de Reich, o ópera Einstein on the Beach de Glass, de De Staat de Louis Andriessen, de Für Alina a peza fundacional do tintinnabuli de Arvo Pärt e da Terceira Sinfonía de Henryk Górecki. Todas estas obras teñen en común, ademais da data das súas estreas, que representan un xiro na carreira dos seus compositores, sexa por ser o resultado dun traballo teórico ou creando un novo estilo de escritura que achegará un « sopro de aire fresco » no mundo da música clásica do século XX.[6]

Contexto musicalEditar

A música contemporánea dos anos 1950-60 estaba dominada polo serialismo integral e a vangarda europea en torno a Pierre Boulez, Luigi Nono, Bruno Maderna, Luciano Berio, Karlheinz Stockhausen etc. Os compositores experimentaron coas novas tecnoloxías da electrónica e así baseando os fundamentos da música electrónica e da música concreta, baixo o impulso especialmente de Pierre Schaeffer, Karlheinz Stockhausen, e Pierre Henry.

Nos Estados Unidos, é a figura de John Cage a que dominaba, cun enfoque esencialmente conceptual, cerca do happening, así como co fío vermello da indeterminación. Esta foi tamén a época da creación do movemento artístico denominado Fluxus, dirixido a empurrar as fronteiras da mesma noción da obra de arte, que influíu tamén aos minimalistas. Os anos 1950-60 tamén viron o nacemento e desenvolvemento baixo a influencia de John Coltrane e Ornette Coleman do free jazz, que marcou particularmente aos compositores americanos da época.

A música popular non pode ser ignorada no contexto musical. A emerxencia e dominación do Rock 'n' roll, o descubrimento en occidente da música do extremo oriente, e en particular da música da India, exerceron tamén a súa influencia sobre os minimalistas.

Sobre o termo «minimalismo»Editar

 
Michael Nyman, compositor e musicólogo, creador do termo «minimalismo».

A orixe do termo «minimalista» para describir á corrente minimalista segue sen estar clara. Polo xeral atribúeselle a paternidade do termo ao compositor británico Michael Nyman no seu libro de 1974 Experimental Music: Cage and beyond.[7][8] Con todo, Nyman empregou o termo «minimal», nun artigo titulado Minimal Music, nas obras dos compositores Cornelius Cardew e Henning Christiansen.[9] O termo «minimalista» foi posteriormente empregado por Nyman para describir non só á corrente americana, senón tamén á música experimental inglesa (incluíndo aos compositores Gavin Bryars, Christopher Hobbs, Michael Parsons...).[9]

O crítico musical Tom Johnson empregou tamén o termo en marzo de 1972 sobre un concerto de Alvin Lucier.[10] Johnson empregará o termo minimalista para describir as composicións de Steve Reich, mais o vocabulario é cambiante, e pasa a empregar o termo «música hipnótica».[9] En 1977, o xornalista escribiu un artigo titulado What is Minimalism really about?[a] no que o termo de «música minimalista» xa está ben establecido.[9]

Tamén aparece referida cos termos pulse music, systems music, process music, trance music, hypnotic music, ou en francés musique répétitive, que é moi empregado en Francia, e que é o termo que para Steve Reich é «menos malo».[8]

O adxectivo minimalista, e máis aínda o adxectivo mínima, introduce unha confusión sobre a natureza da música minimalista. A pesar de que emprega material musical escaso e unha certa economía de estruturas musicais[5], o termo describe ma a natureza da música. As pezas poden ser de feito moi longas, precisar dun gran número de músicos, e a orquestración pode ser bastante complexa.[8] Ademais pode ser percibido como algo pexorativo, no sentido unha música minimalista pode ser menos que unha «música normal»[9] e tería requirido menos esfofrzo de traballo de composición. Outra confusión vén do feito de que o minimalisto é un termo polos historiadores da arte, e que a música minimalista non sempre comparte as características do minimalismo das artes plásticas.

Os compositores non están en xeral moi satisfeitos coa denominación.[8][9]La Monte Young encontra o termo axeitado, e só para as súas primeiras obras.[9] Philip Glass prefire o termo de «música sen intención», ou «música con estrutura repetitiva».[11]

OrixesEditar

Un precursor e unha influencia: Erik SatieEditar

 
Erik Satie, unha figura importante para os minimalistas.

Os inicios da música minimalista encóntranse en certas obras de Erik Satie, especialmente polo seu emprego da forma repetitiva en ostinato visto como unha «transcendencia extática do tempo en repetición, na obsesión contemplativa do mesmo»[12] e que serve de moitas composicións. A Première Gnossienne (1890) e a primeira peza que escribiu seguindo un esquema repetitivo, que experimentaría máis adiante na súa peza mística Vexations (1892-1893). Esta última consiste en repetir 840 veces seguidas o mesmo motivo, a duración da peza pode alcanzar as vinte horas. Vexations foi interpretada por primeira vez a iniciativa de John Cage en 1963 en Nova York,[13] é dicir, nos anos do nacemento do minimalismo. Meredith Monk, frecuentemente asociada coa corrente minimalista, participou nunha interpretación das Vexations nun festival adicado a Satie en 1966,[14], e Gavin Bryars e Christopher Hobbs fixeron o mesmo en Leicester en 1971.[15]

Satie é citado polos minimalistas como unha referencia, especialmente por Steve Reich.[16] Tamén se realiza unha homenaxe en forma de chisco coa composición de Philip Glass, Piece in the Shape of a Square, en referencia aos seus Trois Morceaux en forme de poire,[17], así como as súas obras Music with Changing Parts e Einstein on the Beach reanudando unha forma de progresión dos movementos en arco de tipo ABCBCA empregado anteriormente por Satie.[18] Para Michael Nyman, Satie é «indispensable por cantidade de razóns»,[15] e considérao o único compositor preexperimental cuxo traballo é indispensable.[15]

NotasEditar

  1. Qué é realmente minimalismo?
Referencias
  1. Mertens 1983, 11.
  2. Michael Nyman, escribe no prefacio do libro de Mertens referíndose ao estilo como "chamado música minimalista" ("so called minimal music". Mertens 1983, 8).
  3. "O termo 'música minimalista' é xeralmente empregado para describir un estilo de música desenvolvido en América a finais dos anos 1960 e 1970; e que foi inicialmente relacionado cos compositores La Monte Young, Terry Riley, Steve Reich, and Philip Glass." Sitsky, L. (2002), Music of the twentieth-century avant-garde: a biocritical sourcebook,Greenwood Press, Westport, CT. (p.361)
  4. Young, La Monte, "Notes on The Theatre of Eternal Music and The Tortoise, His Dreams and Journeys" (PDF orixinal), 2000, Mela Foundation, www.melafoundation.org — Recensión histórica e ensaio musical no que Young explica por qué se considera o creador do estilo fronte a Tony Conrad e John Cale.
  5. 5,0 5,1 5,2 (en francés) Trajectoires de la musique au XXe siècle, Marie-Claire Mussat, Klincksieck études, 2002, p. 141-143 ISBN 2-252-03404-1
  6. 6,0 6,1 Reich (2002), Introdución de Paul Hillier, p. 4
  7. En Experimental Music: Cage and beyond de Michael Nyman, éditions Schirmer Books, New York, 1974.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Strickland (1991), Steve Reich p. 34-50
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 Potter (2000), p. 1-20
  10. Tom Johnson, The Minimal Slow-Motion Approach, Alvin Lucier e al., The Village Voice, 30 marzo 1972
  11. Strickland (2000), Sound, p. 252-253
  12. Vincent Lajoinie (1985) Erik Satie, p. 255
  13. Vincent Lajoinie (1985) Erik Satie, p. 85
  14. Strickland (1991), p. 91
  15. 15,0 15,1 15,2 Nyman (1974), p. 68
  16. Reich (2002), p. 160
  17. Potter (2000), p. 281
  18. Vincent Lajoinie (1985) Erik Satie p. 414

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

Ligazóns externasEditar