Dodecafonismo

tipo de música atonal

O dodecafonismo, do grego dodeka: 'doce' e fonos: 'son') é un sistema de organización de alturas musicais creada na década de 1920 polo compositor austríaco Arnold Schönberg. Trátase dunha forma de música atonal, cunha técnica de composición na cal as 12 notas da escala cromática son tratadas como equivalentes, é dicir, suxeitas a unha relación ordenada que, a diferenza do sistema maior-menor da tonalidade, non establece xerarquía entre as notas.

Historia editar

A principios do século XX, os compositores buscaban xeitos alternativos de organización das notas musicais logo do esgotamento do sistema tonal,[1][2] posteriormente denominadas atonalismo, que non estiveran baseadas na polarización dun eixo harmónico central como ocorre no sistema tonal.

Entre 1916 e 1923 Schönberg cesou na súa produción debido en parte á Guerra, xa que foi chamado a filas, mais a causa fundamental da súa crise creativa foi esencialmente artística. Schönberg chegara a un punto no que non confiaba máis no carácter "intuitivo" característico da música que compuxera antes da Guerra. A pesar da liberdade que lle proporcionaban os métodos compositivos libres e nada sistemáticos da súa música atonal, chegou a consideralos non axeitados como base para composicións máis extensas e desenvoltas. Mais para un compositor tan comprometido como el coa irrevocabilidade histórica da evolución musical dirixida cara ao cromatismo integral, a solución non podía estar encamiñada cara ao diatonismo ou un novo tipo de tonalidade, senón que precisaba dun sistema específico para a música cromática, en certo modo, análogo co tonal, capaz de incorporar as novas melodías disonantes e as estruturas de acordes propias da música do século XX dentro dun esqueleto concibido dun xeito máis consciente e ordenado sistematicamente.

Schönberg creu que a súa misión histórica era a de desenvolver un sistema novo e durante sete anos traballou na creación deste sistema. Non obstante non foron anos de inactividade, xa que o compositor austríaco seguiu a traballar nunha serie de proxectos, entre os que destaca Die Jakobsleiter (A escala de Xacobe) que o mantivo ocupado de xeito intermitente entre 1917 e 1922, e na que comezou a explorar as súas novas ideas estruturais.

En 1921, Schönberg confioulle a un dos seus discípulos que realizara un descubrimento que:

aseguraría a supremacía da música alemá durante os próximos cen anos.[3]

Este descubrimento era o dodecafonismo, que segundo a súa opinión, permitiría a continuación dos valores musicais tradicionais seguindo o camiño que xa percorrera a evolución musical do século XX. En escritos posteriores explica que creou este sistema para poder ter un control máis consciente sobre os novos materiais cromáticos que ata aquela se empregaran de xeito intuitivo.

Como nun soño... totalmente convincente; como se este soño tivera existido. Trátase da crenza de que estes novos sons obedecen ás leis da natureza e o noso xeito de pensar. Orde, lóxica, comprensibilidade e forma non poden estar presentes sen a obediencia a este tipo de leis. Todo isto obriga ao compositor a seguir o camiño da exploración onde debe atopar, senón leis ou regras, polo menos as formas que expliquen o carácter disonante destas harmonías e das súas sucesións[3]

Para Schönberg, este sistema era capaz de ofrecer e substituír as diferenzas estruturais que antes proporcionaba a tonalidade. Para Rudolph Reti, un dos iniciadores do dodecafonismo e que argumentou o seu xurdimento das frustracións de Schönberg pola libre atonalidade

Substituír unha forza estrutural (tonalidade) por outra (incremento de unidades temáticas) é en si a idea fundamental do dodecafonismo

Contra o ano 1923, logo destes seis anos sen publicarse ningunha obra súa, Schönberg formulou un "método de compoñer con doce notas onde cada unha delas se podía relacionar unicamente con outra".

 
Schönberg, inventor do dodecafonismo.

A pesar de que o estilo de composición dodecafónico segue unhas normas e instrucións moi ríxidas, a medida que o século foi avanzando, estas normas e instrucións volvéronse aínda máis estritas, chegándose ao control total de tódolos parámetros dunha composición no sistema que se adoita coñecer como serialismo integral.

Principios compositivos editar

Fronte á harmonía clásica tradicional, na cal unha composición ten un centro tonal, unha nota prefixada (a tonalidade na que está escrita) que fai de centro, e respecto á cal as demais notas da escala cumpren determinadas relacións harmónicas (estás relacións determínanse, dende o punto de vista físico, por relacións aritméticas sinxelas entre as frecuencias de vibración desas notas). Segundo este sistema, a base de toda composición é unha serie que consta de doce sons ou clases de notas da oitava, dispostos en calquera orde e sen ningún tipo de relación xerárquica, é dicir, ningunha nota posúe superioridade tonal ou harmónica sobre outra. As notas da serie poden empregarse de xeito sucesivo a modo de melodía, ou simultaneamente como harmonía ou contrapunto, en calquera oitava e con calquera tipo de ritmo. Débese evitar calquera combinación ou secuencia de notas que impliquen tonalidade (intervalos perfectos, tríades, sétimas diminuídas etc). Outra característica fundamental deste sistema compositivo é o compositor debe esgotar as notas da serie antes de comezar outra vez a serie en calquera das súas formas, que serían as seguintes:

  • P: Sería a serie orixinal, constrúese a serie ordenando libremente cada unha das notas da escala cromática:

 

  • R: A serie retrogradada ou en espello, é dicir a mesma serie que a orixinal mais comezando dende a última nota desta ata a primeira:

 

  • I: É o nome que se lle dá á inversión da serie, isto é, comezando na mesma nota da serie se inverten os intervalos, de xeito que por exemplo, unha quinta xusta ascendente pode pasar a ser unha cuarta xusta ascendente ou unha quinta xusta descendente:

 

  • RI: Esta sería a retrogradación da inversión ou a retrogradación da serie invertida, isto se faría do mesmo xeito que R mais tendo como base I:

 

Por outra banda, algunhas das catro formas básicas da serie poden transportarse para comezar noutra nota. O transporte indícase xeralmente engadindo un número que indica a cantidade de semitóns ascendentes que hai dende a serie orixinal, por exemplo:

  • P-0 sería a denominación da serie orixinal
  • P-1 sería a serie orixinal transportada unha segunda menor ou un semitón.
  • P-5 sería a serie orixinal transportada unha cuarta xusta ou cinco semitóns.
  • R-3 indica que a serie retrogradada está transportada unha segunda aumentada ou tres semitóns.

As catro formas básicas da serie, multiplicadas polos doce transportes posibles dan un total de 48 versións posibles da serie orixinal, mais normalmente non se empregan todas, senón que o emprego dunhas ou doutras depende do tipo de obra que se queira compoñer. A riqueza harmónica é extraordinaria, posto que as posibilidades de combinacións que se poden realizar entre as series dodecafónicas son enormes (foron calculadas 479 001 600 combinacións posibles).

A serie base pode ser contemplada como unha célula temática de doce sons diferentes cunha coherencia interna, engadíndoselle posteriormente as variacións: a súa retrogadación, inversión e a inversión da retrogradación. Deste xeito, confírese unha unidade ao conxunto das catro células cun total de 48 notas agrupadas en compases, as cales gardan entre si unhas relacións interválicas predefinidas, xa que cada variación da serie base se constrúese en virtude a unhas regras ríxidas.

Hai diversos modos de desenvolver a serie:

  • O desenvolvemento rítmico, no cal o ritmo persiste, mentres que os intervalos da serie aumentan o diminúen en proporcións idénticas.
  • O desenvolvemento melódico, que contempla a persistencia da serie básica mentres que o ritmo cambia.
  • O desenvolvemento harmónico, no que os acordes de acompañamento mantéñense, sendo os elementos melódicos e rítmicos os que sofren modificacións.

Do mesmo xeito, as notas dunha serie poden estar emprazadas en distintas oitavas o ser distribuídas entre diversos instrumentos.

Aínda que a serie determina a sucesión de notas empregada nunha peza, non sinala nin os seus rexistros, nin as súas intensidades nin as súas duracións, elementos que si formarían parte posteriormente nas series do serialismo integral desenvolvido principalmente por Olivier Messiaen, Karlheinz Stockhausen e Pierre Boulez.

Notas editar

  1. A reorganização do som no século XX (Resumo da palestra de Carlota Simões)[Ligazón morta]. Sitio do Departamento de Matemática da Universidade de Lisboa).
  2. Simões, Carlota. "A reorganização do som no Século XX". Actas do ProfMat 2004, Covilhã (en portugués). 
  3. 3,0 3,1 Morgan: La música del siglo XX

Bibliografía editar

  • DONALD J. GROUT & CLAUDE V. PALISCA: Historia de la música occidental (vol. 2), Editorial Alianza Música
  • ROBERT P. MORGAN: La música del siglo XX, Editorial Akal
  • Style and Idea: Selected Writings of Arnold Schönberg, Editorial Leonard Stein (Nova York)
  • PERLE, George: Serial Composition and Atonality: An Introduction to the Music of Schönberg, Berg, and Webern
  • WUORINEN, Charles: Simple Composition

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar