Serialismo integral

O serialismo integral é unha corrente compositiva nacida no século XX e é a extensión do principio da serie dodecafónica de Schönberg a outros elementos musicais ademais da altura dos sons. O principio do serialismo integral é o pensamento de que se se podían serializar os doce sons da escala cromática, tamén se poderían serializar outros elementos como a duración, a intensidade, o timbre e a textura. A técnica denomínase serialismo integral para diferencialo do serialismo limitado de Schönberg, o dodecafonismo.

HistoriaEditar

A xeración máis nova dos compositores europeos xurdida trala II Guerra Mundial, rodeada de privacións materiais e dun gran illamento cultural, experimentou unha forte reacción contra a súa herdanza cultural, xa que para eles a tradición da música occidental parecía intrínsecamente vencellada aos fracasos políticos e sociais do pasado. Pensaban que se ía xurdir un mundo novo e mellor, tamén era necesario crear un novo tipo de música totalmente distinta a calquera outra que existira ata o momento. O neoclasicismo, a corrente dominante na música europea durante un cuarto de século, foi visto con certa sospeita e aversión pola meirande parte dos compositores máis novos, que o vían como unha tentativa de reconciliar as revolucións técnicas postonais e os fundamentos estéticos da época anterior, polo que era necesario levar a cabo unha ruptura total coas nocións musicais anteriores. Crian que os primeiros compositores do século XX fallaran á hora de levar a cabo unha revolución musical que comportase unha era radicalmente nova, en palabras de Pierre Boulez:

En 1945-1946 nada estaba preparado e todo quedaba por facer: foi todo un privilexio o poder levar a cabo certos descubrimentos e atoparnos a nós mesmossen ningún punto de referencia, o cal tivo as súas dificultades, mais tamén as súas vantaxes.[1]

Nun famoso e provocativo ensaio titulado Schönberg está morto, escrito en 1952 pouco despois da morte do compositor vienés, Boulez comeza alabando a figura do mestre austríaco por ter inventado o sistema dodecafónico, para logo criticalo por non telo desenvolvido en toda a súa extensión. Schönberg tratara as series como se foran un tema en lugar dunha configuración abstracta de intervalos, e as remprazara polo esquema formal clásico e preclásico en lugar de derivar as estruturas seriais das propias características da serie.

Segundo o punto de vista de Boulez, era necesario realizar un tratamento consciente de tódolos elementos da música, e non só dos melódicos, senón tamén dos rítmicos, dinámicos, texturais e formais, de acordo cuns procedementos estritamente seriais e que non tiveran nada que ver con ningún presuposto musical anterior. Debussy e Webern xa mostraran o camiño ao tratar os sons musicais "obxectivamente", isto é, segundo os seus propios termos e non como elementos determinados por un conxunto de relacións preestablecidas. Boulez alabou a Webern dun xeito especial por ter conseguido dar comezo a un novo dominio musical:

El foi o único... que tivo consiencia dunha nova dimensión do son, da desaparición da oposición entre o horizontal e o vertical (por exemplo, entre a tradicional distinción existente entre a harmonía e a melodía) polo que o único que viu nas series foi un xeito de proporcionar unha estrutura ao espazo sonoro.[2]

Tamén o alemán Stockhausen alabou a Webern, véndoo como un dos precursores da nova música, acerca do cal escribiu:

O principio Schönbergiano da serie temática rompeu... O esencial deixou de ser un único Gestalt (un tema ou motivo) escollido polo compositor. Agora todo se basea nunha secuencia de proporcións melódicas, de duracións e de sonoridades.[3]

A rixidez do serialismo integral pronto se relaxou.

Principios compositivosEditar

Os principios compositivos do serialismo integral son unha ampliación do sistema dodecafónico de Schönberg, no que existía unha única serie con varias permutacións que afectaba unicamente á altura dos sons. Nesta "evolución" do sistema dodecafónico existen varias series que afectan a outros elementos da música como a intensidade, a duración etc.

Unha composición totalmente serial podería, con facilidade, producir no oínte a impresión de aleatoriedade, xa que a música que se basea nestes principios carece de temas no sentido clásico de entes melódico-rítmico-harmónicos facilmente perceptibles con ampliacións, derivacións e desenvolvementos recoñecibles dos mesmos. Con isto coexiste unha ausencia típica dun pulso rítmico distinto e a ausencia de todo sentido de progresión, de movemento cara puntos de culme.

Principais compositoresEditar

NotasEditar

  1. Orientations, ed Jean-Jacques Nattiez
  2. Relevés d'apprenti, ed. Paul Thévenin (París, 1966)
  3. "Weberns Konzert für 9 Instrumente, Op 24", Texte (Colonia, 1963)

BibliografíaEditar

  • DONALD J. GROUT & CLAUDE V. PALISCA: Historia de la música occidental (vol. 2), Editorial Alianza Música
  • ROBERT P. MORGAN: La música del siglo XX, Editorial Akal