Lucio Munacio Planco

Cónsul romano non ano 42 a.C.
(Redirección desde «Lucius Munatius Plancus»)

Lucio Munacio Planco (en latín, Lucius Munatius Plancus), nado no 87 a.C. e finado no 15 a.C., foi un militar e político do final da República Romana e do comezo do reinado de Augusto.

Infotaula de personaLucio Munacio Planco

Editar o valor em Wikidata
Nome orixinal(la) L.Munatius L.f.L.n. Plancus Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacementoc. 87 a. C. Editar o valor em Wikidata
Tívoli Editar o valor em Wikidata
Mortec. 15 a. C. Editar o valor em Wikidata (71/72 anos)
Gaeta (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Senador romano
valor descoñecido – valor descoñecido
Cónsul romano
42 a. C. – 42 a. C.
Xunto con: Lépido (pt) Traducir
Censor romano
Prefeito urbano (pt) Traducir
Gobernador romano
Legado (Roma antiga)
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeRoma Antiga Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónpolítico da Roma antiga , militar da Roma antiga Editar o valor em Wikidata
Período de tempoRepública Romana serodia Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua latina Editar o valor em Wikidata
Carreira militar
Rango militarLegado (Roma antiga) Editar o valor em Wikidata
ConflitoGuerra das Galias Editar o valor em Wikidata
Familia
FamiliaMunatii Planci (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Cónxuxevalor descoñecido Editar o valor em Wikidata
FillosLúcio Munácio Planco (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Paisvalor descoñecido Editar o valor em Wikidata  e valor descoñecido Editar o valor em Wikidata
IrmánsLucius Plautius Plancus (en) Traducir e Munatia (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Foi legado de Xulio César durante a Guerra das Galias e a Guerra Civil contra Pompeio, converteuse en procónsul da Galia Comata no 43 a.C. e anunciou ao Senado que xuntaba as súas forzas coa causa republicana mais, finalmente, uniuse ao campamento de Marco Antonio trala Guerra de Módena e foi unha figura clave que permitiu o establecemento do Segundo Triunvirato o mesmo ano.

Foi cónsul con Lépido no 42 a.C. e, durante a Guerra civil de Perusia, estivo á expectativa coma os outros legados de Marco Antonio, deixando a Lucio Antonio cercado e obrigado a renderse. Tamén foi procónsul entre o 40/39 a.C. en Asia e no 36 a.C., en Siria durante a Guerra romano-pártica do 40 ao 33 a.C. Aínda que apoiou a Marco Antonio e Cleopatra, delatounos a Octaviano na véspera da derradeira guerra civil da República Romana. Foi un dos homes máis importantes do comezo do principado de Augusto e converteuse en censor con Emilio Lépido Paulo no 22 a.C. Ademais, durante o seu goberno na Galia, fundou as colonias romanas de Lugdunum (Lión) e Augusta Raurica (Augst, en Suíza).

Representou un exemplo clásico dos políticos que conseguen sobrevivir a base de cambiar, constantemente, de lealdades e de bandos.

A moderna estatua de Lucio Munacio Planco en Basilea (que data de 1580).

Traxectoria editar

Familia editar

Proviña dunha familia de notables italianos.[1] O seu pai tamén se chamaba Lucio Munacio Planco, así como o seu avó e o seu bisavó, o primeiro cidadán romano da familia.[2] O alcume (cognomen) da súa familia, "Plancus", significa "pé plano".[3]

Naceu no 87 a.C. quizais en Tibur, cidade coa que a súa familia tiña vínculos privilexiados. Puido ter dous irmáns, un Caius, adoptivo e un Tito co agnomen Byrsa, e outro parente chamado Tito Munatio Planco.[2] O seu sobriño Marco Ticio, partidario de Marco Antonio, foi quen deu a orde de executar a Sexto Pompeio e, finalmente, unírase a Octavio antes de Actium polo que foi recompensado cun consulado no 31 a.C.

Tivo un fillo, tamén chamado Lucio Munatio Planco.[2] Ademais, foi o bisavó de Munatia Plancina quen xunto co seu marido, Cneo Calpurnio Pisón, foi acusada de ter asasinado a Xermánico, o sobriño e fillo adoptivo do emperador Tiberio.

Legado de César editar

 
Busto de Xulio César, Nápoles.

Coñécese pouco sobre os inicios da súa carreira antes dos idos de marzo.[1] Foi oficial de Xulio César durante a Guerra das Galias e a Guerra Civil contra Pompeio. Aparece no 54 a.C., no inverno entre os belgae e, despois, entre os carnutos. Volve aparecer nas fontes, no 49 a.C., loitando en Hispania contra os xenerais de Pompeio e onde atopou dificultades. Despois, durante o 47 e 46 a.C., acompañou a César en África.[1]

No 45 a.C., converteuse en prefecto de Roma, nomeado polo ditador César quen, daquela, estaba en Hispania e quizais combinou o posto coa maxistratura de pretor urbano. A partir de entón converteuse tamén nun membro do colexio de Epulones. Tamén obtivo o proconsulado da Galia Comata durante o ano 43 a.C. e César, quen tiña o poder de designar futuros maxistrados, tamén o elixiu para o consulado do 42 a.C.[1]

Cando César foi asasinado o 15 de marzo do 44 a.C., Munacio Planco estaba en Roma. Pronunciou un discurso a favor da paz civil, o 17 de marzo despois de Marco Antonio e Cicerón. O Senado confirmouno como procónsul da Galia para o ano seguinte e á espera dun novo consulado.[1]

Gobernador da Galia editar

Levantou tropas e dirixiu unha expedición a Recia con tres lexións, durante a cal foi recibido co título de imperator.[1] No 43 a.C., como gobernador na Galia, fundou as colonias romanas de Lugdunum (Lión) e Augusta Raurica (actual Augst en Suíza, non moi lonxe da fronteira franco-alemá)[nota 1] e, en xuño, un escrito da súa man a Cicerón permite para dar fe da existencia da aldea de Cularo (Grenoble).[4]

Ese mesmo ano, foi solicitado por Marco Antonio, quen intentou apoderarse da Galia Cisalpina, gobernada por Décimo Xunio Bruto Albino e por Cicerón, que quería impedir o seu control por Marco Antonio.[5][6] Tivo fortes lazos co partido do Senado e fixo ofertas de paz que foron rexeitadas por Cicerón.[7] En contacto con ambos a principios do 43 a.C., Planco enviou cartas conciliadoras ao Senado en marzo e asegurou a Cicerón o seu apoio, poñendo as súas cinco lexións ao servizo da causa republicana. Mais a situación de Marco Antonio, derrotado durante a guerra civil de Módena, mellorou grazas a Publio Ventidio Baso e, de súpeto, Lépido e Asinio Polión uníronse de contado a Marco Antonio, até o punto de que este reuniu o exército máis grande de Occidente. Polión serviu de intermediario, aínda que os dous homes tiñan malas relacións, pero conseguiu reconciliar a Marco Antonio e a Planco, de tal xeito que este, tras pensalo moito, rematou por se unir a Marco Antonio. A seguir, un dos conspiradores, Décimo Xunio Bruto, que fora enviado polo Senado para perseguir os restos do exército de Marco Antonio, atopándose en inferioridade numérica, tentou escapar mais foi capturado e asasinado.[8][9][10]

Partidario de Marco Antonio editar

 
Busto de Marco Antonio, Museos Vaticanos .

Xunto a Marco Antonio, Lépido e Polión, marcharon cara a Italia onde Marco Antonio e mais Octavio se aliaron contra a facción senatorial dirixida por Cicerón, que non conseguira converter a Octavio en aliado e, pouco despois, estableceuse o segundo triunvirato.[11]

Durante a proscrición do 43 a.C., varios dos seus parentes foron incluídos na lista de proscritos, o seu irmán foi executado sen que el intervise, e tamén foron proscritos varios rivais de Tibur, a cidade da súa familia. Ademais, defendeu a Lucio Xulio César e a un tal Sergius.[11][12] A finais dese mesmo ano, 43 a.C., celebrou un triunfo sobre os Raeti, ao mesmo tempo que Lépido.[11]

No 42 a.C, os triunviros mantiveron a honra deste homo novus[13] do consulado xunto a Lépido que substituíu a Décimo Xunio Bruto que era o que, inicialmente, estaba previsto. Durante o seu consulado, promulgouse a Lei Emilia-Munatia pola que se regulamentaba a concesión do dereito de cidadanía e as inmunidades.[11] Durante a campaña de Filipos, na Tercera guerra civil da República romana, Planco asegurou o control de Occidente con Quinto Fufio Caleno, outro partidario de Marco Antonio, mentres Lépido controlaba Roma.[14][15]

Logo foi a Benevento onde se encargou de repartir terras aos veteranos. Cando estala a Guerra de Perusia, reuniu tropas e, por consello de Fulvia, tentou unirse ao asediado Lucio Antonio, conseguindo un dos poucos éxitos dos antonianos nesta guerra civil. Con todo, foi rexeitado por Marco Vipsanio Agripa e tivo que se retirar a Spoleto. Durante o resto do conflito, mantívose á espera, como os outros partidaros de Marco Antonio cos que mantivo malas relacións.[16] Ao remata-lo conflito, Marco Antonio deulle a benvida mais as fontes antigas póñenlle a etiqueta de "traidor", por non ter rescatado finalmente a Lucio, e de "covarde", por fuxir apresuradamente trala rendición de Perusia e temer pola súa vida esquecendo. a dos seus partidarios.[17] Os historiadores modernos subliñan a actitude de "precaución" e "esperar e ver" de Planco neste caso, mais tamén noutras circunstancias similares.[18][19]

Arredor do 40 a.C., converteuse en procónsul de Asia. Non se sabe, exactamente, se chegou despois da grande ofensiva dos partos[18] pero tivo que fuxir en canto chegou á súa provincia.[20] Despois, participou nas batallas vitoriosamente libradas por Publio Ventidio Baso contra os partos e foi aclamado co título de imperator bis e foi adorado nunha cidade que sufriu o ataque dos partos dirixido por Quinto Labieno, que estaba refuxiado entre eles. Probablemente permaneceu en Asia ata o 39 a.C. posiblemente tendo como sucesor a Marcus Cocceius Nerva.[21][22]

 
Busto de Cleopatra VII, 40/30 a.C., Altes Museum de Berlín.

A seguir, marchou con Marco Antonio a Exipto, participando nas súas festas con Cleopatra. El foi o árbitro do desafío que ela lle botou a Antonio para consumir unha fortuna nunha soa comida. Planco declarouna vencedora ao disolver en vinagre unha magnífica perla dun dos seus pendentes e parouna cando estaba a piques de face-lo mesmo co outro. Daquela, Planco estaba no cume da súa relación con Antonio e Cleopatra.[21]

Durante as expedicións de Marco Antonio en Armenia e Partia para vingar a morte de Craso, foi nomeado procónsul de Siria en substitución de Caio Sosio. Sexto Pompeio, outro dos proscritos, foi executado baixo as ordes do seu sobriño Marco Ticio, mais os historiadores modernos debaten se actuou por iniciativa do seu tío Planco ou de Marco Antonio.[21]

Por xuño ou xullo do 32 a.C., Marco Ticio e o seu tío abandonaron o bando de Marco Antonio e declaráronse a favor de Octavio.[23][24][25] Segundo o antigo biógrafo Plutarco, os dous homes cambiaron de bando porque foron menosprezzados por Cleopatra VII ao rexeitar participar na guerra.[25] Quizais a verdadeira razón da súa deserción sexa o seu oportunismo. No pasado, foran amigos de Cleopatra e, apartir dese momento, os dous homes foron considerados "os máis viles adoradores da raíña".[26] Durante a preparación militar e a propaganda bélica, Planco e o seu sobriño tiveron dúbidas sobre a vitoria de Marco Antonio e isto, sen dúbida, empurrou ao vello cónsul e ao seu sobriño a desertar.[27][28][29][30] Quizais a súa decisión estivese influenciada tamén polas liortas dos outros principais partidarios de Marco Antonio, polas relacións, cada véz, máis frías entre Planco e o triunviro, e polo feito de que Marco Antonio descubrise malversacións por parte de Planco.[29][30][31]

Partidario de Octavio Augusto editar

 
Estatua de Augusto denominado "de Prima Porta", I século a.C., Museo Chiaramonti, Vaticano, Roma.

Os dous desertores relataron a Octaviano todo tipo de anécdotas sobre os "esplendores de Alexandría" de Antonio e Cleopatra que resultaron útiles e foron empregadas pola propaganda de Octaviano.[30][32] Sobre todo, revelaron o contido do testamento que Marco Antoine depositara na casa das vestais. Daquela, Octaviano, de xeito totalmene ilegal, apoderouse del e develou o seu contido como unha táctica para facer un labor propagandístico en contra de Marco Antonio. Este afirmaba no testamento, e baixo xuramento, que Cesarión era realmente o fillo de César e deixaba un considerable legado aos fillos de Cleopatra, e pedía ser enterrado en Alexandría. Deste xeito, a propaganda de Octaviano, presentaba a Marco Antonio como unha especie de príncipe oriental e estranxeiro de Roma, polo que, Octavio podía presentarse como o verdadeiro defensor de Roma e Italia.[33]

Segundo Suetonio, foi Planco quen suxeriu a Octaviano que adoptase o título de "Augusto",[34] en lugar de "Rómulo" como "o segundo fundador de Roma".[35] Así, Planco, aparece como unhas figuras máis relevantes do principado e, por exemplo, recibiu a dedicatoria dunha oda de Horacio,[36] nunha serie que incluía a Augusto, Agripa, Mecenas e Virxilio.[21]

No 22 a.C., Augusto designou a Planco e a Emilio Lépido Paulo como censores.[37][38][39][40][41] Foron os derradeiros censores designados porque o seu exercicio foi moi contestado por toda a comunidade política da época que os acusaron de ilexitimidade e incompetencia. Ó asumi-lo posto o primeiro día, a plataforma na que debían subir, derrubouse e, a seguir, os dous censores houberon renunciar ao cargo por mor dese mal agoiro.[42]

Augusto tamén involucrou a Planco no seu programa de reconstrución en Roma e, este, restaurou o templo de Saturno.[43] Cómpre sinalar, non obstante, que acometeu esta restauración ao día seguinte do seu triunfo do 43 a.C. pero que a obra non rematou até despois de Actium. A dedicatoria honrou o triunfo de Italia (represntada por Octaviano) sobre Oriente (Antonio e Cleopatra) e encádrase no contexto ideolóxico da nova época dourada, o século de Augusto.[11]

Segundo Plinio o Vello, Asinio Polión estaba a preparar discursos contra Planco, que pretendía publicar despois da morte deste para que non poidese responder. Informado sobre o proxecto, Planco tería replicado:

Só os vermes fan a guerra contra os mortos[44]

Morreu no ano 15 a.C. en Gaeta. Tanto para os seus contemporáneos como para as fontes antigas posteriores, Munacio Planco representaba, sen dúbida de forma abusiva, a imaxe dun traidor e dun cortesán. Non obstante, mostrou talento militar e político. Dende o eido literario, cómpre admitir que escribía con elegancia e tiña unhas cualidades de oratoria notables. Foi un dos últimos nobres romanos en recibir culto póstumo.[34]

Mausoleo de Gaeta editar

 
Mausoleo de Plancus en Gaeta.
 
Vista interior.

Planco foi unha das figuras romanas cuxa tumba sobreviviu e segue a ser identificable, aínda que o seu corpo desapareceu hai tempo. O Mausoleo de Munacio Planco é unha tumba formada por un enorme cilindro hoxe ben reconstruído (e erroneamente atribuído á Virxe María a finais do século XIX), está situado en Gaeta, Italia, nun outeiro que domina o mar e asegura a súa exposición. É semellante ao mausoleo de Augusto e resume a súa traxectoria e as súas pretensións: a decoración é unha mestura de influencias etruscas e helenísticas de Mileto ou Pérgamo e o tema principal fai referencia á idea do triunfo.[34]

Esta tumba leva a seguinte inscrición que resume a súa vida:[nota 1]

L · MVNATIVS · L · F · L · N · L · PRON

PLANCVS · COS · CENS · IMP · ITRE · VII · VIR
EPVLON · TRIVMP · ES · RAETIS · AEDEM · SATVRNI
FECIT · DE MANIBIS · AGROS · DIVISIT · IN · ITALIA
BENEVENTI · IN GALLIA · COLONIAS · DEDVXIT

LUGDVDVM · ET · RAVRICAM
"Lucio Munacio, fillo de Lucio, neto de Lucio, bisneto de Lucio,

Planco, cónsul, censor, imperator por segunda vez, septemviro
do colexio dos Epulóns, triunfou sobre os Rhaeti, construíu o templo de Saturno
repartiu terras conquistadas en Italia
en Beneventum, na Galia fundou as colonias

de Lugdunum e Raurica”.

Recoñecementos editar

O 3 de novembro de 2014, os representantes electos da oposición lionesa pediron ao alcalde de Lión que se lle rendese unha homenaxe ao fundador da cidade.[45]

O 5 de maio de 2015, votouse que unha rúa do Parc de la Visitation no 5 distrito de Lión levase o seu nome.

Unha placa conmemorativa da fundación de Lugdunum está instalada no xardín do parque que se converteu no Hôtel de Fourvière.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Segundo o epitafio da súa tumba, referenciado en CIL X, 6087
Referencias
  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Ferriès (2007), p. 439.
  2. 2,0 2,1 2,2 Ferriès (2007), p. 438.
  3. Plinio o Vello, Naturalis Historia, XI, 105.
  4. Cicerón, Ad Familiares, X, cartas 17, 18 e 23.
  5. Cicéron, Ad Familiares, XI, 5 e 7
  6. Ferriès (2007), p. 440.
  7. Roddaz (2000), p. 837.
  8. Ferriès (2007), pp. 440-441.
  9. Roddaz (2000), pp. 838-840.
  10. David (2000), p. 250.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 11,4 Ferriès (2007), p. 441.
  12. Hinard (1985), p. 249.
  13. Dettenhofer (1992), p. 16.
  14. Roddaz (2000), p. 849.
  15. David (2000), p. 251.
  16. Roddaz (2000), pp. 863-864.
  17. Ferriès (2007), pp. 441-442.
  18. 18,0 18,1 Ferriès (2007), p. 442.
  19. Roddaz (2000), p. 863.
  20. Roddaz (2000), p. 877.
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 Ferriès (2007), p. 443.
  22. Broughton (1952), p. 392.
  23. Veleio Patérculo, Historia romana, II, 83.1-2
  24. Dion Casio, Historia Romana, L, 3.2-3
  25. 25,0 25,1 Plutarco, Vidas paralelas de homes ilustres, Antonio, 58.3.
  26. Macrobio, Saturnales, III, 17, 5
  27. Grant (1998), pp. 265–266.
  28. Schäfer (2006), p. 209.
  29. 29,0 29,1 Roddaz (2000), p. 895.
  30. 30,0 30,1 30,2 Cosme (2009), pp. 99-100.
  31. Schäfer (2006), p. 210.
  32. Roddaz (2000), p. 895, 898.
  33. David (2000), pp. 259-259.
  34. 34,0 34,1 34,2 Ferriès (2007), p. 444.
  35. Suetonio, Vidas dos doce Césares, Augusto, 7
  36. Horacio, Odas I, 7 («Oda a Lucius Munatius Plancus»).
  37. Syme (1939), p. 402.
  38. Apiano, Guerras civís, V, 2
  39. Suetonio, Augusto, 16
  40. Dion Casio, Historia romana, LIV, 2
  41. Veleio Patérculo, Historia romana, II, 95
  42. Cosme (2009), p. 165.
  43. Suetonio, Vida dos doce Césares, Augusto, 29
  44. Plinio o Vello, Naturalis Historia, I, 24.
  45. "Des élus lyonnais interpellent Gérard Collomb sur… Lucius Munatius Plancus". lyonpremiere.com (en francés). Arquivado dende o orixinal o 19 de maio de 2015. Consultado o 29 de outubro de 2021. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Fontes antigas editar

Fontes modernas editar

Outros artigos editar


Predecesor:
Caio Carrinas e
Publio Ventidio Baso
  

Cónsul da República Romana
con Marco Emilio Lépido 
42 a.C.

Sucesor:
Lucio Antonio e
Publio Servilio Vatia Isáurico