Luís Casado

fotógrafo galego

Luís Casado Fernández, coñecido co nome artístico Ksado, nado en Ávila en 1887[1] e finado en Santiago de Compostela o 6 de febreiro de 1972, foi un fotógrafo galego.

Modelo:BiografíaLuís Casado

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento1887 Editar o valor en Wikidata
Ávila, España Editar o valor en Wikidata
Morte6 de febreiro de 1972 Editar o valor en Wikidata (84/85 anos)
Santiago de Compostela, España Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfotógrafo Editar o valor en Wikidata

BNE: XX5201852

Traxectoria

editar

Casado naceu en Ávila, e criouse en Ourense, a onde foi vivir con seis anos. Con dez anos de idade comezou a súa andaina no oficio, ao entrar coma aprendiz no estudio de Xosé Pacheco, ata que no ano 1915 se estableceu pola súa conta, abrindo o seu propio estudio no número 23 da compostelá Rúa do Vilar. Naqueles anos coincidiron en Santiago unha pléiade de fotógrafos de estudio de prestixio: Chicharro Bisi, Almeida, Sánchez-Guerra e o propio Ksado. Investigou e mellorou a súa técnica fotográfica, creando en 1917 un novo procedemento fotográfico, e realizou unha viaxe a París en 1919 para adquirir novo material. Cando no 1922 expandeu o negocio a Vigo, abrindo o seu estudio na rúa de Urzáiz, sería a súa irmá Carmiña a que quedara a cargo do estudio de Santiago.

Despois do 1936, coma consecuencia do golpe de estado, interrompeuse a súa actividade editorial. Ao ano seguinte pechou o seu estudo en Vigo e volveu a Compostela, abandonando a impronta artística dos seus traballos previos, para centrarse nas labores habituais dun estudo fotográfico.

Medios nos que colaborou

editar
 
Luís Casado traballando en Compostela, retrato en Vida Gallega, 1920.

Casado colaborou cun amplo abano de xornais e demais publicacións. Entre os españois, publicou as súas imaxes no Faro de Vigo, El Pueblo Gallego, El Nuevo Mundo, ABC, La Esfera, Mundo Gráfico, Nuevo Mundo, La Vanguardia, Céltiga, Galicia, Vida Gallega, Cartel etc. Nos medios estranxeiros colaborou con La Nación, La Prensa e Diario de la Marina.

Deltioloxía

editar

Da súa produción de postais, podemos distinguir ata catro formas diferentes de comercialización:[2]

  • As postais-fotográficas de retratos ou análogos, feitas no seu estudio ou fóra del, de tiraxe moi reducido e para desfrute do círculo íntimo do cliente. Os seus reversos foron variados, sempre en función do soporte dispoñible, de maneira que poden coincidir ao tempo varios deles (Regtor, Kodak, da estrela...).
  • As postais-fotográficas de actos ou eventos, tamén de moi reducido tiraxe. Neste caso, atopáronse algúns reversos que informan, amén do nome do fotógrafo, do punto da súa venda: a Papelería Naveira (Santiago de Compostela).
  • As postais-fotográficas de carácter artístico, igualmente de tiraxe reducido, nas que se reproducen diversos clixés da cidade e que se empregarían para a súa venda aos turistas, principalmente. Non incorporan ningún tipo de explicación da imaxe, e o reverso é igualmente variado, sempre en función do soporte dispoñible. Neste apartado hai que salientar os exemplares agrupados dentro da colección "Fotos de Galicia". Estas postais son distinguibles por incorporar no reverso a marca dun selo de caucho en tinta azul que di «Fotos de Galicia/KSDO/SANTIAGO-VIGO/Prohibida la reproducción».
  • As postais turísticas, saídas de imprenta (identificada polo anagrama HAB, de Huecograbado Arte Bilbao, imprenta radicada na cidade vizcaína) e que constitúen a denominada "Colección Ksado". Moitos dos clixés figuraron nas "Estampas Compostelanas", e a colección conta con vinte nove exemplares, editados coa técnica do ocogravado en verde. O exemplar máis antigo atopado data do 29 de xullo de 1941.
 
José Signo, Luís Casado e Federico Rivas en Bueu, 1927.

A técnica de impresión máis recorrente na obra de Ksado é o ocogravado, que empregou con Gráficas Villarroca, Huecograbado Mumbrú e Heraclio Fournier.

  • "Estampas Compostelanas". Volume dedicado á arquitectura e aos monumentos da cidade. Editado por primeira vez en 1927 nas Gráficas Villarroca de Madrid (con limiar de Salvador Cabeza de León), foi reeditado no 1948 co gallo do Ano Santo Xacobeo no Huecograbado Fournier de Vitoria (neste caso con limiar de Valentín Paz-Andrade).
  • Un folleto de 16 páxinas titulado "Santiago de Compostela" (1928), patrocinado pola Xunta Local de Turismo.
  • "Estampas de Galicia" (1936). Está considerada a súa obra de referencia, e a que lle fai ocupar un lugar destacado na historia da fotografía galega. O álbum foi editado cunha tirada de 10.000 exemplares, e nel íanse pegando cromos (de tamaño que oscilaba entre 6x9 e 12x17 centímetros) con imaxes de Galicia, ata un total de 405. Nelas recollíanse as diferentes facianas de Galicia, dende os monumentos ata imaxes do traballo dos campesiños e os mariñeiros. Tal e coma recollía a publicidade do álbum, o que se pretendía era: «exaltar os valores panorámicos, monumentais, históricos, artísticos, típicos e lendarios da nosa terra».

Relación coa intelectualidade

editar

Durante o período previo á Guerra Civil, Luís Casado mantivo unha activa participación no movemento galeguista que xermolou antes da contenda, tanto a nivel persoal coma con institucións coma o Seminario de Estudos Galegos. A súa obra insírese na procura xeracional dunha identidade de país para Galicia, recorrendo á mitoloxía celta, e é nese contexto no que debe valorarse Estampas de Galicia. Paralelamente, no plano internacional, dáse un crecente interese polo primitivismo, o que tamén inflúe neste achegamento á cultura celta.

O seu recoñecemento social foi maior que o de calquera outro fotógrafo da época e, nunha época na que as exposicións de fotografía apenas comezaban a ter lugar, as súas imaxes foron expostas en Ponferrada, Betanzos, Vigo, Buenos Aires, e en Madrid, no Pazo de Cristal e no Centro Gallego de Madrid.

Mostra deste recoñecemento foi o seu nomeamento pola Agrupación Fotográfica Galega coma presidente da sección de Santiago, así coma a homenaxe que lle rendeu no ano 1961.

Na súa honra creouse o Premio de creación fotográfica Luís Ksado, que recibiron fotógrafos coma Vari Caramés, Miguel Harguindey Vidal ou Xosé Abad Vidal.

Estilo

editar

Esculturas de Asorey coma A picariña ou A naiciña, que era para o fotógrafo o prototipo da muller celta, influíron no xeito de retratar de Ksado. Ao mesmo tempo, o hieratismo da súa obra tamén é debido á súa formación nas técnicas e concepcións propias da fotografía clásica, co que todas as súas imaxes teñen en común o equilibrio da composición e unha estética depurada de artificios. Esta actitude afastouno das correntes vangardistas que naquela época se espallaban por Europa.

  1. Castelao, Carlos (17-5-2018). Ollar Galicia. Fotografía Antiga, ed. "Raigame 2018. A etnografía e os fotógrafos. Luís Casado Fernández "Ksado"". www.facebook.com. Consultado o 17-5-2018.  O dato da data e lugar exactos de nacemento, así como outras achegas sobre as súas orixes familiares, foron feitas públicas por vez primeira nunha conferencia do mesmo autor celebrada no Museo do Pobo Galego o 20 de marzo de 2018 ("Unha conferencia afondará na figura do fotógrafo Ksado no Museo do Pobo Galego". Deputación da Coruña. 19-3-2018. Arquivado dende o orixinal o 17-05-2018. Consultado o 17-05-2018. )
  2. (Iglesias Castelao 2008, p. 17)

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar