IES Santa Irene

centro de ensino secundario en Vigo

Coordenadas: 42°13′12″N 8°43′54″O / 42.22, -8.73166667

O Instituto Santa Irene é un centro educativo da cidade de Vigo. Atópase na Praza de América, lugar sobranceiro da cidade e centro do barrio das Travesas, na estrema da parroquia de Coia. Foi unha doazón de Policarpo Sanz á cidade olívica, e recibiu o seu nome en memoria da súa finada dona, Irene de Ceballos.

IES Santa Irene
Praza de América coa Porta do Atlántico e fachada do instituto no fondo.
Enderezo
Praza de América, Vigo
Datas
Creación1927
Edificio actual1945
Reformas1972 - 1975
Educación
EnsinanzasESO e Bacharelato
Xestión
TipoPúblico
Xunta de Galicia
Outros nomes
Instituto de Vigo
Na rede
Web

O vasto edificio de cantaría granítica obra de Antonio Cominges Tapias, é unha obra senlleira da cidade, tanto arquitectonicamente coma polo seu significado estético e emotivo. O reloxo que remata o edificio foi proxectado por Manuel de Cominges, e desde hai uns anos os vigueses festexan as súas badaladas no aninovo.

En 2023, o instituto Santa Irene contaba cun equipo de 72 profesores e 12 PAS e imparte clase a preto de mil alumnos distribuídos en 16 grupos de ESO e 16 grupos de Bacharelato en dúas quendas de diúrno e adultos.

Foi nomeado Vigués Distinguido do ano 1997. Entre os seus docentes estivo o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín, que foi presidente da Real Academia Galega.

Historia editar

Precedentes editar

 
Retrato de Policarpo Sanz.

A principios do século XX o único instituto de ensino medio da provincia de Pontevedra estaba na capital, Pontevedra. Os alcaldes Gregorio Espino e o seu sucesor Mauro Alonso Cuenca reivindicaron a construción dun instituto, aprobada polo goberno de Miguel Primo de Rivera no consello de ministros do 17 de xuño de 1927.

O instituto de Vigo comezou a súa andaina no curso 1927-28 con 189 alumnos, nun edificio propiedade dos maristas na Areosa alugado polo concello á espera dunha sede definitiva. Trala disolución da orde dos xesuítas, en 1932 o instituto instalouse no seu terreo de Bellavista, onde ficou até 1936. Tralo alzamento nacional e o inicio da guerra civil española, o centro foi desprazado pola autoridade militar, que preferiu instalar naquelas dependencias un hospital de evacuación de feridos de guerra. Sen sede axeitada, improvísanse locais, como o da Escola de Artes e Oficios, que por resultaren inadecuados obrigaron ao concello á procura urxente dunha solución definitiva.

 
Irene de Ceballos.

A morte de Irene de Ceballos en 1935 posibilitou que o legado do seu home Policarpo Sanz quedase dispoñíbel e se achegasen os cartos necesarios para a construción do edificio definitivo. No seu testamento establecíase un fondo de dous millóns e medio de pesetas, que debía dedicarse, entre outras cuestións, á construción dun:

  • edificio de cantería a propósito para establecer nel un Colexio ou Institución para primeiro e segundo ensino, capaz para douscentos ou trescentos nenos, ou máis, segundo sexan as necesidades da poboación de Vigo. … A educación nese colexio ha ser completamente gratuíta para todos os nenos de familias pobres da cidade. ...

Ademais encarga expresamente que:

  • na parte superior da entrada principal porase en letras de bronce: "Instituto Santa Irene consagrado a la instrucción pública gratuita, fundado por José Policarpo Sanz e Irene Ceballos de Sanz"

Construción editar

Deste xeito, en marzo de 1941 a corporación municipal, presidida por Luis Suárez-Llanos, o primeiro alcalde designado polo réxime franquista, acorda a cesión da coutada do Carme para iniciar a construción do instituto. O arquitecto Antonio Cominges Tapias redactou o proxecto e a casa Pérez Conde executou as obras.

Trátase dun edificio con planta en forma de E, na procura dunha boa iluminación e ventilación do interior. A fachada principal segue un esquema ecléctico e a ornamentación vertébrase no corpo central, coa súa poderosa torre que actúa como elemento emblemático e referencial. O edificio conta con magníficas instalacións (laboratorios, biblioteca, cantina, paraninfo, salas de ordenadores, etc) e uns campos de recreo axardinados que ocupan o terreo do Carme.

Primeiros anos editar

O definitivo Santa Irene comezou a funcionar no curso 1945-46 baixo a dirección do profesor López Niño, sendo inaugurado de forma oficial en setembro de 1946 polo ministro de educación, José Ibáñez Martín, coa presenza da máis alta xerarquía civil, militar, eclesiástica e académica.

Nesta primeira etapa a contribución do Instituto Santa Irene foi enorme para a vida cultural da cidade. A mellora, cuantitativa e cualitativa, da escolarización foi manifesta, xa que facilitou a incorporación de nenos que na práctica tiñan vetado o bacharelato e tamén polo notábel aumento do nivel científico e humanístico do ensino impartido, grazas á preparación do cadro de catedráticos e catedráticas que se incorpora á cidade. Cabe destacar desa primeira etapa a Enrique López Niño, Anadón Frutos, Vicente Argomániz, Luís Curiel e Manuel Pazo, que foron os seus primeiros directores, e, entre outros moitos, a Emilio Freijeiro, Manuel Copena “Nolete” (ambos os dous profesores da aula preparatoria), Carmen Ambrog, Pilar Millán, Luís Ceruelo, Francisco Echarte, José Mercado, Cecilia Armendániz, Virgilio Trabazo, Posada Curros, Teresa Díez, Pilar Maestu, Ángeles Vázquez de Parga, Margarita Rodríguez Solano, Patricio Sánchez, Roberto Dopazo, Rufo e Cándido Pérez, José Bebiá, Vicente Casal, Pedro Núñez, Leónides de Carlos, Méndez Ferrín etc.

A pesar de que boa parte do profesorado citado era de aberto talante liberal, víase obrigado a gardalo celosamente dado que o ambiente xeral no instituto estaba determinado polo forte control do nacional-catolicismo imperante.

Por outra parte, o instituto co seu paraninfo e cos seus extensos e ben coidados campos de recreo foi un espazo dedicado a todo tipo de actos culturais e deportivos. Por isto foi enorme a súa proxección sobre Vigo e, moi especialmente, sobre o emerxente barrio das Travesas, para o cal significou un equipamento cultural e de lecer de primeira orde.

Entre 1972 e 1975 o instituto trasladouse a Coia (ao edificio que ocupa hoxe o IES Alexandre Bóveda, naquel momento recentemente construído) para realizar unha remodelación do edificio que actualizase as súas instalacións. É tamén a época na que a corporación do alcalde Rafael Portanet, facendo oídos xordos á forte protesta do claustro de profesores e doutros sectores sociais, decide ocupar parte do terreo do Carme para a construción do actual centro deportivo e deixa ao instituto (e ás Travesas) sen os seus campos de recreo, sendo así o único centro educativo que na actualidade non conta con instalacións deportivas nin zonas de esparexemento para o seu alumnado.

Democracia editar

O regreso no curso 1976-77 á sede da Praza de América, inicia a etapa democrática. Comeza con certa inestabilidade pola sucesión de direccións breves (Clementina González, Adrián Lobo e Manuel Fernández) ata que en 1986 accede á dirección Leónides de Carlos (que permanecerá nela ata a súa morte 16 anos despois) asistido por Méndez Ferrín como vicedirector, Manuel Rosales como secretario, e Antonio García Caamaño, Guillermo Touza e Alfonso García Suárez como xefes de estudo. Esa longa etapa de estabilidade axuda a consolidar unha forma de entender o ensino que permitiu ofrecer un servizo público de calidade.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar