Historia de Milán

Medhelanon celta editar

Máis aló do mito e a lenda, semella que cara ao 600 aC os ínsubros de Golasecca, pobo celta que habitaba ao pé dos Alpes, fundaron na chaira onde se cruzaban as rutas entre o norte da cadea montañosa e o Mediterráneo coas que seguían o val do río Po, un santuario no centro (medhelan), lugar sacro de reunión nas festividades célticas. Seica unha elipse arredor da actual Praza da Scala (ao norte do Duomo), orientada segundo eixos astronómicos, podería ser o límite arborado do santuario (nemeton) [1].

Restos arqueolóxicos posteriores indican (IV século a.C.) xa un poboamento ao suroeste do santuario (arredor da actual biblioteca Ambrosiana) que vai gañando importancia a medida que os centros dos ínsubros ao pé dos Alpes (Golasecca, Como) a perden [2].

No século III aC o santuario transformouse en oppidum ao protexerse cun muro gálico. Un templo dedicado a Grande Nai Belisama (despois Minerva romana) podería situarse na zona da actual Praza do Duomo. O conxunto urbano xa exercía un papel central na rede comercial dos ínsubros.

Mediolanum romana editar

Véxase tamén: Ceca de Mediolanum.

Entre o -222 e o -194 produciuse a conquista e sometemento definitivo dos ínsubros aos romanos que a chaman Mediolanum. Pero non vai ser ata despois da centuriación do -80 cando se levou a cabo unha romanización da cidade. Primeiro, cara ao 70 aC, cunha delimitación simbólica e seguindo os eixos cardinais segundo o costume romano e a orientación da centuriación e por tanto, semella que sen respectar os da elipse sacra céltica, inda que as vivendas se sitúan na mesma área que as ínsubras [3]. Entre este e a elipse (actual praza Cordusio) eríxese a curia e capitolio.

En tempos de Augusto lévase a cabo unha refundación cunha traza corrixida. Desta vez levántase unha verdadeira muralla con seis portas e o cardo e decumanus máximos seguen a orientación que tiña a cidade celta (a das antigas vías principais da rexión). A xa capital da Galia Cisalpina conta cun foro (actual Ambrosiana), teatro, templos e escola de retórica . No ano 98, baixo Traxano, enriquécese cun pazo real e termas e iníciase a construción dun grande anfiteatro ao sur, fora de murallas. A cidade era ademais un centro de estudos superiores [4]

Capital do Imperio Romano de Occidente e centro paleocristián editar

Paradoxalmente, a medida que no século III o imperio entraba en descomposición a situación de Mediolanum facíase máis estratéxica e o seu protagonismo creceu. No 286 Diocleciano divide o imperio (tetrarquía) e a cidade convértese en capital do tetrarca Maximiano Ercúleo (augusto de Italia e África). O incremento de poboación que representou a inmigración da burocracia imperial precisaron da ampliación da cidade polo nordeste (Regio Hercúlea). Novo tramo de murallas con tres portas máis e grandes termas. No suroeste eríxese un circo e unha nova área pacega [5] Arquivado 06 de marzo de 2016 en Wayback Machine.[6].

No 313 o emperador Constantino co Edicto de Milán concede ao cristianismo a liberdade de culto e mesmo impulsa a construción das primeiras basílicas paleocristiás: a Basílica Igrexa (Vella, 314) na actual Praza do Duomo onde se atopaba o templo de Minerva. No 343 o seu fillo Constante erixe fronte a ela a Basílica Maior ou Nova (no medievo Sta. Tegra). Neste complexo catedralicio celebrouse o Concilio de Milán que levou ao cisma do arianismo [7][8] Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine.. Coma resultado seica podería seres erixida a excepcional San Lorenzo (372, fora de murallas con materiais do anfiteatro próximo e adscrita ao pazo imperial para culto ariano) [9] Arquivado 06 de marzo de 2016 en Wayback Machine.[10] Arquivado 06 de marzo de 2016 en Wayback Machine..

No 374 é consagrado Santo Ambrosio coma bispo de Milán. Inicia unha ampla labor edilicia (despois de que Teodosio o Grande declarara ao cristianismo coma relixión oficial do imperio) cunha coroa de catro grandes basílicas que arrodean as murallas da capital: San Nazaro na gran via porticata (decumanus maximus, vía de Roma) que terminaba cun arco triunfal [11] Arquivado 06 de marzo de 2016 en Wayback Machine., San Simpliciano, Basílica do Salvador (desaparecida) e a propia Basílica de San Ambrosio.

Invasións bárbaras e alto medievo editar

A ameaza das invasións barbáricas fai que no 402 a capitalidade do imperio de occidente se traslade a Rávena. Comezan dous séculos de saqueos e empobrecemento. No 569 o rei longobardo Alboino entra en Milán, pero a capital do seu reino ficaba en Pavía. Nos séculos VII e VIII, coa conversión dos longobardos ao cristianismo, a cidade foi reconstruida: igrexas, murallas, rúas, acueduto. Os bispos recuperaron a autoridade e de feito, ante a baleiro de poder civil, acadaron por séculos esa tarefa tamén.

No 774 son os francos os novos gobernantes da rexión. No 822 a antiga Basílica Vetus é substituída por unha nova catedral carolinxia, Sta. María Xemale. Milán é sede dun conde imperial e a expansión do comercio con Francia dá pulo a aparición dunha nova clase de cidadáns (comune) contraposta aos cabaleiros feudais.

Esplendor medieval e renacente: os Visconti e os Sforza editar

 
Milán no tempo de Barbarroxa (recreacción do s.XVIII)

Dende metade do século XI co bispado de Ariberto da Intimiano, o Comune de Milán da inicio ao período áureo da súa historia. Fundamentado nunha influencia sobor da enteira Lombardía e unha progresiva independencia do Sacro Imperio, o florecemento da vida económica deu lugar ao construtivo polo grande incremento poboacional.

Así, no 1075 comeza a reconstrución nun fermoso románico lombardo da basílica de San Ambrosio con bóveda de cruceiro e triforio. Entre 1156 e 1171, no medio da loita contra o emperador Frederico Barbarroxa, a cidade protéxese cun novo cinto murario [12].

No 1277 Ottone Visconti inaugura dous séculos de preeminencia da súa familia coma señores e duques de Milán. Será o seu sucesor Gian Galeazzo Visconti quen a finais do século XIV dea comezo á obra cume, símbolo da cidade, dun excepcional gótico tardío cuxa construción se estenderá ata o XIX: o Duomo [13] Arquivado 07 de decembro de 2010 en Wayback Machine.. No lugar que dende época céltica sempre acollera o templo da divindade do tempo, para a súa erección foi preciso derrubar progresivamente o complexo catedralicio paleocristián e carolínxeo (Sta. María Xemale e Sta. Tecla).

En 1450 Francesco Sforza faise co Ducado de Milán iniciando unha nova dinastía ao seu fronte. De inmediato reconstrúe a fortaleza que os Visconti erixiran na Porta Giovia da cidade (dende 1360). O Castelo Sforzesco vai seres outra peza clave da configuración urbana da capital lombarda [14][15]. Da man de Filarete que tamén proxectará o Ospedale Maggiore o renacemento arriba a Milán. E de seguido con grandes figuras: Leonardo da Vinci e sobor de todo Bramante (Sta. María presso San Satiro; ábsida de Sta. María delle Grazie, igrexa onde Leonardo pinta a súa "Última Cea").

Dominio español, austríaco e napoleónico editar

 
Murallas españolas (o N á dereita)

No século XVI as potencias europeas comezan a disputarse a multiplicidade de dominios nos que Italia atopábase dividida. Dende 1535 o Ducado de Milán pasa a seres administrado polo Imperio Español ata o século XVIII. O máis notable para a cidade foi a construción dun novo cinto murario (1550-60). O medieval foi pouco a pouco derrubado nos séculos sucesivos permanecendo o seu foso coma cerco de canais navegables (os Navigli [16]).

Durante o dominio austríaco o progreso foi máis cultural que económico. Entre outras institucións fúndanse a Academia de Belas Artes (futura Pinacoteca di Brera) e sobor de todo o Teatro alla Scala (1778, no lugar do orixinal medhelan sagrado celta), o máis importante escenario do bel canto e a ópera en xeral.

No breve interludio napoleónico (1796-1814), o xeneral francés a converte en capital do seu efémero Reino de Italia. Napoleón remata a fachada do Duomo e elabora un grandioso plan arredor do Castelo Sforzesco, o chamado Foro Bonaparte, que inda que endexamais completado deixou a súa pegada na traza desa parte da cidade (futuro Parque Sempione)[1]

Demografía editar

Habitantes segundo país [cando?]
  Italia 1,299,633
  Filipinas 28,020
  Exipto 22,947
  Ecuador 12,343
  Sri Lanka 10,600
  Marrocos 6,670
  Albania 4,526
  Francia 3,332
  Bangladesh 2,534
  Eritrea 2,315
  Alemaña 1,933
  Reino Unido 1,781
  Senegal 1,778
  España 1,488
  Tunisia 1,410
  Mauricio 1,313
  Estados Unidos 1,013

Grupos étnicos editar

No censo do 2007 polo seu grupo étnico 153 países.

Relixión editar

Milán é fogar de numerosas comunidades budismo, cristianismo e islam.

Independencia: capital burguesa e centro financeiro e industrial editar

Despois da independencia italiana en 1861, o ferrocarril desenvólvese na península e da súa man a chaira padana convértese nunha das rexións máis industrializadas de Europa con Milán coma centro.

Entre 1865 e 1877 realízase unha reordenación do centro da urbe: gáñase espazo para unha Praza do Duomo representativa e acondiciónase a súa comunicación coa Piazza da Scala mediante unha rúa cuberta monumental, a galería Vittorio Enmanuele II [17]; tamén co Castelo mediante a Praza Cordusio e a apertura da Via Dante (1884)[18][Ligazón morta permanente][19].

No século XX Milán supera os límites dos bastións españois (que son derrubados e substituídos por un anel circunvalatorio [20]). Sobor de todo nos anos sesenta prodúcese un boom económico que atrae grandes fluxos migratorios do sur de Italia [21].

Notas editar