Henri Milne-Edwards
Henri Milne-Edwards, tamén coñecido como Henri Milne Edwards[1], nado en Bruxas o 23 de outubro de 1800 e finado en París o 29 de xullo de 1885, foi un médico e zoólogo francés. Foi o pai do tamén zoólogo Alphonse Milne Edwards.
Traxectoria
editarNaceu en Bruxas, que daquela formaba parte de Francia, o 23 de outubro de 1800. Foi o fillo máis novo do inglés William Edwards (o 27, ou o 28, ou segundo as fontes, o 29), que era un rico plantador de Xamaica, e da súa segunda esposa Elisabeth Vaux, francesa. O mozo Henri foi educado polas súas irmás e polos seus irmáns máis vellos.
O seu pai axudou aos británicos a reunir a illa co Reino Unido, e foi arrestado polas tropas de Napoléon Bonaparte. Henri Milne-Edwards foi entón levado a París polo seu irmán máis vello William Edwards, médico.
A caída de Napoleón permite a liberación do seu pai e a familia reúnese en París. Henri estudou medicina. Durante os seus estudos gañou unha reputación de trouleiro. Stendhal chamouno «Irmán Brandy» e dixo del que era «un mal suxeito cos seus rizos loiros e os seus belos ollos divagantes» e «moi alegre, moi valente e mesmo cunha alma nobre, cando non estaba ofuscada por cincuenta copas de augardente».[2]
Porén, recibiu o seu doutoramento en medicina en 1823 e o mesmo ano casou con Laura Trézel, con quen tivo nove fillos, entre eles a Alphonse Milne-Edwards (1835-1900), que tamén sería zoólogo.
Milne-Edwars dedicouse un tempo á práctica médica e publicou varios libros de divulgación sobre temas de medicina. Tamén ensinou durante un tempo Ciencias naturais no Lycée real Henri IV.
En 1828 publicou a súa Investigación sobre os moluscos, que foi recompensada co premio de fisioloxía da Academia de Ciencias de Francia.
Seguiu cursos con Georges Cuvier (1769-1832) e fíxose amigo de Jean Victoire Audouin (1797-1841). Con este último realizou entre 1826 e 1828 un estudo moi detallado da fauna mariña costeira nas proximidades de Granville (Departamento de Mancha).
En 1832 Henri foi profesor de Hixiene e de Historia natural na Escola Central de Artes e Manufacturas de París. Obtivo o doutoramento en Ciencias naturais na Facultade de Ciencias de París en 1837. Á morte de Audouin, en 1841, foi nomeado para ocupar a cadeira de entomoloxía no Museo Nacional de Historia Natural de Francia. Henri Milne-Edwards visitou en 1849 as costas de Italia e Sicilia con dous futuros mestres do Museo, Armand de Quatrefages (1810-1892) e Émile Blanchard (1819-1900). Cando en 1849 Dumas (1800-1884) se converteu en ministro, Milne-Edwards accedeu ao posto de decano.
En 1862 abandonou a súa cadeira de Entomoloxía para suceder a Isidore Geoffroy Sant-Hilaire (1805-1861) na cadeira de Mastozooloxía e Ornitoloxía do mesmo museo. Tamén foi decano da Facultade de Ciencias de París e profesor de zooloxía, anatomía e fisioloxía.
Milne-Edwards foi o líder da escola da "zooloxía fisiolóxica", que dominou a Historia Natural francesa durante moito tempo, tras o baleiro deixado pola morte de Georges Cuvier e de Étienne Geoffroy Saint-Hilaire. Milne-Edwards defendeu o estudo dos animais no seu ambiente natural, opoñéndose á tradición dominante, baseada no estudo anatómico dos animais disecados.
Grande admirador de Cuvier, Milne-Edwards concedía unha absoluta prioridade á función sobre a forma animal, esforzándose por encontrar as leis reitoras da adaptación biolóxica:
- Segundo a lei da economía ou da unidade do tipo, a natureza tende a reutilizar os mesmos órganos ou estruturas para funcións diferentes.[3]
- A lei da división do traballo (1827, 1834), influída pola teoría económica de Adam Smith, parte da analoxía entre o organismo e a fábrica, e entre os órganos que o compoñen e os obreiros que traballan nela. Ao igual que unha fábrica é máis produtiva canto máis especializados estean os seus traballadores, Milne-Edwards postula que canto máis complexo sexa o animal, máis diferenciados estarán os seus órganos.
A maior parte das súas obras publicáronse nos Annales des sciences naturelles, revista da cal dirixiu a parte dedicada á zooloxía (desde 1834). Entre as súas outra obras están a Histoire naturelle des crustacés (3 volumes, 1837-1841), que durante moito tempo foi unha abra de referencia, a Histoire naturelle des coralliaires (1858-1860) e especialmente as importantes leccións sobre a fisioloxía e a anatomía comparada de humanos e animais (14 volumes, 1857-1881).
Milne-Edwads faleceu en París o 29 de xullo de 1885.
Principais publicacións
editar- A manual of surgical anatomy … Desilver, Philadelphia 1828.
- A manual of materia medica and pharmacy. Careys & Lea, Philadelphia 1829.
- Cahiers d’histoire naturelle. Crochard & Masson, París 1833–53.
- Annales des sciences naturelles, zoologie et biologie animale. Masson, París 1834–85.
- Élémens de zoologie. Crochard & Dumont, París, Brüssel 1834–37.
- Histoire naturelle des crustacés. Roret, París 1834–40.
- Outlines of anatomy and physiology. Little & Brown, Boston 1841.
- Die Zoologie. Scheible, Rieger & Sattler, Stuttgart 1848–58.
- Quelques remarques sur l’emploi du sel en agriculture … París 1849.
- A monograph of the British fossil corals. Londres, 1850–72.
- Zoologie. Langlois, Leclercq & Masson, París 1850–58.
- Mélanges carcinologiques. Martinet, París 1851–54.
- Beiträge zur allgemeinen Zoologie. Müller, Stuttgart 1853.
- Leçons sur la physiologie et l'anatomie comparée de l'homme et des animaux, faites a la faculté des sciences de Paris, París: Masson, 1857.
- Introduction a la zoologie génerale, ou Considérations sur les tendances de l anature dans la constrruction du règne animal, París: Masson, 1853.
- Histoire naturelle des coralliaires ou polypes proprement dits. Roret, París 1857–60.
- A manual of zoology. Renshaw, Londres 1863.
Abreviatura
editarA abreviatura Milne-Edwards emprégase para recoñecer a Henri Milne-Edwards como autoridade na descrición e taxonomía en zooloxía.
Recoñecementos
editarGalardóns
editar- En 1848 foi elixido membro estranxeiro da Royal Society de Londres, sociedade que en 1856 galardoouno coa medalla Copley.
- Así mesmo foi grande oficial da Lexón de Honor francesa.
Nomes de familias, de xéneros e de especies naturais
editarO nome de Henri Milne-Edwards foi honrado por varios autores para nomear familias, xéneros ou especies de animais, entre eles:
- Anemones de mar: familia Edwardsiidae Andres, 1881
- Estrelas de mar: xénero Henricia Gray, 1840
- Ourizos de mar: Milnesium tardigradum Doyère, 1840
- Crustáceos: Glossocephalus milneedwardsi Bovallius, 1887
- Caprinos: Capricornis milneedwardsii David, 1869
- Coracíidos: Geranopterus milneedwardsi Mayr & Mourer-Chauviré, 2000
Notas
editar- ↑ Orixinalmente, Milne era un dos nomes de Henri. Para evitar ser confundido cos membros da súa importante familia, el agregou este nome ao seu apelido, como Milne Edwards (sen guión). O seu fillo Alphonse sempre usou o apelido Milne-Edwards (con guión). Esta situación ás veces conduce a confusión, especialmente debido a que os autores anglosaxóns (e doutras linguas, debido á influencia do inglés na literatura científica) moi a miúdo chámano Henri Milne-Edwards. Para distinguir a ambos os autores empréganse nas publicacións as abreviaturas Milne-Edwards para o pai e A. Milne-Edwards (en zooloxía) e Milne-Edw. (en botánica), para o fillo.
- ↑ Stendhal, Souvenirs d'égotisme, capítulo 9.
- ↑ Leçons sur la physiologie et l'anatomie comparée de l'homme et des animaux, faites a la faculté des sciences de Paris, Paris: Masson, 1857, vol. 1: 13, e Introduction a la zoologie génerale, ou Considérations sur les tendances de la nature dans la construction du règne animal, Paris: Masson, 1853 : 7-12.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Henri Milne-Edwards |
Bibliografía
editar- Berthelot, Marcelin (1981): Notice historique sur Henri Milne Edwards, Didot, París.
- Norton, Trevor (2000): Stars beneath the sea, Carroll & Graf, Nova York. ISBN 0-7867-0750-X.
- Schmitt, Stéphane (2004). Histoire d'une question anatomique: la répétition des parties. París: Publications Scientifiques du Muséum national d'Histoire naturelle.