Franklin D. Roosevelt

presidente dos Estados Unidos de América de 1933 a 1945
(Redirección desde «Franklin Delano Roosevelt»)

Franklin Delano Roosevelt, nos EUA coñecido ás veces polas súas siglas FDR, nado o 30 de xaneiro de 1882 en Hyde Park (Nova York) e finado o 12 de abril de 1945 en Warm Springs (Xeorxia), foi o 32º presidente dos Estados Unidos, cargo que exerceu dende 1933 ata o seu falecemento. Foi unha figura importante nos eventos mundiais de mediados do século XX e liderou os Estados Unidos durante un período de crise económica e guerra mundial.

Modelo:BiografíaFranklin D. Roosevelt

Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Franklin Delano Roosevelt Editar o valor en Wikidata
30 de xaneiro de 1882 Editar o valor en Wikidata
Hyde Park, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Morte12 de abril de 1945 Editar o valor en Wikidata (63 anos)
Little White House, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Causa da mortehemorraxia cerebral Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturatumba de Franklin Delano e Anna Eleanor Roosevelt Editar o valor en Wikidata
32º Presidente dos Estados Unidos de América
4 de marzo de 1933 – 12 de abril de 1945 (finado no cargo)
← Herbert Clark HooverHarry S. Truman →
26º Presidente electo dos Estados Unidos
8 de novembro de 1932 – 4 de marzo de 1933
← Herbert Clark HooverDwight D. Eisenhower →
44º Gobernador de Nova York
1 de xaneiro de 1929 – 31 de decembro de 1932
← Al SmithHerbert H. Lehman →
Secretario Asistente da Armada
17 de marzo de 1913 – 26 de agosto de 1920
← Beekman WinthropGordon Woodbury →
Member of the State Senate of New York (en) Traducir
1 de xaneiro de 1911 – 17 de marzo de 1913
Capitán Xeneral de Filipinas
Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
ResidenciaNova York Editar o valor en Wikidata
RelixiónIgrexa episcopal nos Estados Unidos e Protestantismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónColumbia Law School (en) Traducir (1904–1907)
Groton School (–1900)
Harvard College Editar o valor en Wikidata
Altura189 cm Editar o valor en Wikidata
Lateralidadedestro Editar o valor en Wikidata
Actividade
Lugar de traballo Washington, D.C. Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónestadista Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Demócrata Editar o valor en Wikidata
Carreira militar
LealdadeEstados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Rama militarForzas Armadas dos Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
ConflitoPrimeira guerra mundial
segunda guerra mundial Editar o valor en Wikidata
Deportegolf Editar o valor en Wikidata
Obra
Arquivos en
Familia
FamiliaFamilia Roosevelt Editar o valor en Wikidata
CónxuxeEleanor Roosevelt (1903–1945), morte da persoa Editar o valor en Wikidata
FillosAnna Roosevelt Halsted, James Roosevelt, Franklin Delano Roosevelt, Elliott Roosevelt, Franklin Delano Roosevelt Jr., John Aspinwall Roosevelt Editar o valor en Wikidata
PaisJames Roosevelt Editar o valor en Wikidata  e Sarah Ann Delano Roosevelt Editar o valor en Wikidata
IrmánsJames Roosevelt Roosevelt Editar o valor en Wikidata
ParentesTheodore Roosevelt, curmán quinto Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih,
Medvik >>>:Roosevelt, Franklin D. (Franklin Delano), 1882-1945,
1922 Encyclopædia Britannica (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0740483 Rottentomatoes: celebrity/franklin_delano_roosevelt
BNE: XX1097389 Musicbrainz: afac40dc-7788-4da7-9229-61d660e77dd3 Discogs: 856289 WikiTree: Roosevelt-1 Find a Grave: 897 Editar o valor en Wikidata

Membro do Partido Demócrata, gañou catro eleccións presidenciais consecutivas, converténdose nunha figura central dos acontecementos mundiais da primeira metade do século xx e no presidente que máis tempo permaneceu no cargo na historia do país. Nas súas dúas primeiras lexislaturas, Roosevelt presidiu o goberno federal durante a maior parte da Gran Depresión e puxo en marcha un ambicioso programa nacional coñecido como New Deal ("Novo Pacto" ou Acordo), en resposta á peor crise económica na historia dos Estados Unidos. Líder indiscutible do seu partido, forxou a chamada «Coalición do New Deal», que definiu as liñas mestras da política e o liberalismo moderno nos Estados Unidos das tres décadas posteriores. O seu terceiro e cuarto mandato estiveron marcados pola entrada dos Estados Unidos na segunda guerra mundial, que terminou apenas uns meses despois da súa morte no cargo.

Foi o presidente que sacou o país da Gran Depresión e o presidente da segunda guerra mundial. Tras o ataque xaponés a Pearl Harbor o 7 de decembro de 1941 puido asinar a declaración de guerra en sesión conxunta da Casa de Representantes no capitolio.

Era parente do tamén presidente dos Estados Unidos de América Theodore Roosevelt.

Primeiros anos

editar

O seu pai, James Roosevelt (1828-1900) era un adiñeirado terratenente e vicepresidente do ferrocarril de Delaware e Hudson, a súa familia era orixinaria de Haarlem (Países Baixos), chegando o seu antepasado Claes van Rosenvelt en torno ao ano 1650 a Nova York, por aquel entón chamada Nieuw Amsterdam. En 1788 Isaac Roosevelt era membro da convención do Estado de Nova York, que se celebrou en Poughkeepsie e onde se ratificou a constitución dos Estados Unidos.

No século XVIII a familia Roosevelt dividiuse en dúas ramas, os "Roosevelts de Hyde Park", quen a finais do século XIX eran do "Partido Demócrata dos Estados Unidos", e o "Oyster Bay, New York" ou "Oyster Bay". O presidente Theodore Roosevelt, un republicano do Oyster Bay, era primo en quinto grao de Franklin. Malia as súas diferenzas políticas, as dúas ramas seguiron levándose ben. James Roosevelt coñeceu á súa esposa nunha reunión da familia Roosevelt en Oyster Bay, e Franklin casou coa sobriña de Theodore.

A nai de Roosevelt, Sara Ann Delano (1854?-1941) era descendente de Phillippe da Noye, fillo de protestantes franceses hugonotes radicados en Leiden quen emigrou en 1621 a Massachusetts. Ela era filla de Warren Delano, cónsul dos Estados Unidos na China, razón pola que pasou a súa nenez en devandito país, na súa viaxe de regreso aos Estados Unidos os Delano viviron un tempo en Valparaíso, na casa dos seus parentes de Chile. A súa nai pertencía aos Lyman, outra familia de gran tradición nos Estados Unidos. Franklin foi o seu único fillo, e converteuse nunha nai extremadamente posesiva. Posto que James era un pai ausente e moi maior (tiña 54 anos cando naceu Franklin), Sara foi a influencia dominante nos primeiros anos de Franklin. El mesmo, moito máis tarde, indicou aos seus amigos que durante toda a súa vida tivo medo dela.

Roosevelt creceu nunha atmosfera privilexiada. Aprendeu a montar a cabalo, tiro, loita e a xogar ao polo e a tenis. As súas frecuentes viaxes a Europa permitiron que puidese falar alemán e francés. Mentres, o feito de que o seu pai fose demócrata, apartouno da maioría dos membros da aristocracia de Hudson Valley. Os Roosevelt crían no servizo público, e eran suficientemente ricos para empregar o seu tempo e diñeiro en tarefas filantrópicas.

Roosevelt acudiu ao Groton School, unha residencia de estudantes da Igrexa Episcopal nos Estados Unidos de América próxima a Boston. Estaba profundamente influído polo seu director, Endicott Peabody que predicaba o deber cristián de axudar aos menos afortunados e fomentaba que os seus alumnos ingresasen no servizo público. Roosevelt graduouse en Groton en 1900, e posteriormente ingresou na Universidade Harvard, onde estudou moda doméstica e se graduou en artes en 1904 sen moitos esforzos para estudar. Mentres estaba en Harvard, Theodore Roosevelt converteuse en presidente, e o seu vigoroso estilo de goberno e o seu celo reformista convertéronse no modelo de Franklin. En 1903, coñeceu a súa futura muller Eleanor Roosevelt, sobriña de Theodore, nunha recepción na Casa Branca (previamente coñecéranse de pícaros, pero este foi o seu primeiro encontro serio).

Posteriormente, Roosevelt acudiu á Facultade de Dereito da Universidade Columbia. Pasou o exame de cualificación para exercer de avogado e satisfixo os requisitos para graduarse en Dereito en 1907, pero finalmente non o fixo. En 1908 comezou a traballar con Ledyard e Milburn, prestixiosa firma de Wall Street, onde exerceu fundamentalmente o dereito de sociedades.

Matrimonio e fillos

editar

Do seu matrimonio coa sobriña de Theodore Roosevelt e prima afastada súa, Anna Eleanor Roosevelt, o 17 de marzo de 1905 naceron seis fillos:

Carreira política

editar
 
Franklin D. Roosevelt como Secretario da Mariña, en 1913

En 1910, Roosevelt presentouse como candidato para o Senado do Estado de Nova York, polo distrito de Hyde Park, o cal non elixira un Demócrata desde 1884. O apelido Roosevelt, o diñeiro Roosevelt e a corrente demócrata dese ano, levárono á capital do Estado, Albany, onde liderou un grupo de reformistas que se opuxeron á maquinaria de Manhattan de Tammany Hall que dominaba ao Partido Demócrata do estado. Roosevelt era novo (30 anos en 1912), alto, ben parecido e ben falado, e pronto se converteu nunha figura dentro dos Demócratas de Nova York. Cando Woodrow Wilson foi elixido Presidente en 1912, Roosevelt asumiu o cargo de Secretario Adxunto da Mariña. En 1914, presentouse á elección demócrata para o Senado dos Estados Unidos, pero foi duramente derrotado nas primarias por James W. Gerard.

Entre 1913 e 1917, Roosevelt traballou para expandir a Mariña (coa importante oposición dos pacifistas da Administración, por exemplo o Secretario de Estado William Jennings Bryan), e fundou a Reserva da Mariña dos Estados Unidos, para proporcionar unha reserva de homes adestrados para ser mobilizados nos tempos de guerra. Wilson enviou o Exército e os Marines para América Central e o Caribe, para que interviñesen en países de devanditas zonas. Roosevelt, segundo o seu propio testemuño, foi o responsable de redactar a Constitución de Haití de 1915, imposta polos Estados Unidos. Cando os Estados Unidos entraron na primeira guerra mundial, en abril de 1917, Roosevelt converteuse no máis alto administrador da Mariña dos Estados Unidos, xa que o Secretario do Exército, Josephus Daniels, fora elixido por razóns políticas e tan só desempeñaba funcións representativas.

 
Franklin Roosevelt co presidente brasileiro Getúlio Vargas, o 27 de novembro de 1936.

Roosevelt desenvolveu un afecto polo Exército para toda a vida. Demostrou un gran talento administrativo e rapidamente aprendeu a negociar cos líderes congresistas e outros departamentos gobernamentais para aprobar orzamentos e conseguir unha rápida expansión do Exército. Converteuse nun firme defensor do submarino e das formas para combater a ameaza dos submarinos alemáns á frota Aliada: propuxo crear unha barreira de minas a través do Mar do Norte desde Noruega a Escocia. En 1918, visitou Inglaterra e Francia para inspeccionar as instalacións navais estadounidenses, nesa visita coincidiu con Winston Churchill por primeira vez. Co fin da guerra en novembro de 1918, encargouse da desmobilización, aínda que se opuxo ao completo desmantelamento do Exército.

En 1920, a Convención Demócrata Nacional elixiuno como candidato a Vicepresidente dos Estados Unidos na candidatura encabezada polo Gobernador de Ohio, James M. Cox. Os opoñentes republicanos denunciaron os oito anos de falta de xestión e pediron un "Retorno á Normalización". A candidatura Cox-Roosevelt foi amplamente derrotada polo republicano Warren Harding. Entón, Roosevelt retirouse da práctica legal en Nova York, pero poucos dubidaron que pronto volvería á carreira política de novo.

Vida privada

editar

Roosevelt era un home carismático, ben parecido e activo socialmente, mentres que a súa esposa Eleanor era tímida e retraída, máis aínda tendo en conta que practicamente estivo embarazada durante toda a década posterior a 1906. Roosevelt atopou pronto amantes fóra do seu matrimonio. Unha delas foi a secretaria social de Eleanor, Lucy Mercer Rutherfurd, quen sostivo unha relación con Roosevelt ao pouco tempo de ser contratada a principios de 1914 .

En setembro de 1918, Eleanor atopou cartas na equipaxe de Franklin que revelaron a infidelidade. Enfureceu e entristeceuse ao mesmo tempo, ensinándolle as cartas e demandando o divorcio. A nai de Franklin, Sara Roosevelt decatouse rapidamente da crise e interveu de forma decisiva. Argumentou que un divorcio arruinaría a carreira política de Franklin e apuntou que se Eleanor se divorciaba de Franklin, tería que criar cinco fillos ela soa. Dado que Sara financiaba a parella, é comprensible que este feito fose decisivo para evitar a ruptura do matrimonio.

Alcanzouse un acordo no que se mantería unha aparencia de matrimonio, pero as relacións sexuais cesaron. Sara pagaría unha casa separada para Eleanor en Hyde Park e financiaría, así mesmo, as actividades de beneficencia de Eleanor. Cando Franklin se converteu en presidente –do que Sara sempre estivo convencida– Eleanor foi capaz de usar a súa influencia para levar a cabo os seus actos de beneficencia. Eleanor aceptou estes termos e desde entón, Franklin e Eleanor levaron unha nova relación como amigos e colegas políticos, pero mantendo vidas separadas. Franklin continuou véndose con varias mulleres, incluída a súa secretaria Marguerite LeHand.

En agosto de 1921, mentres a familia Roosevelt estaba de vacacións na Illa Campobello, Novo Brunswick, Franklin enfermou con poliomielite, unha infección viral das fibras nerviosas da columna vertebral, que probablemente contraeu nadando na auga estancada dun lago próximo. O resultado foi que Roosevelt quedou total e permanentemente paralizado da cintura para abaixo. Ao principio, os músculos do seu abdome e a parte máis baixa das costas tamén se viron afectados, pero máis tarde recuperáronse. Deste xeito, podía levantarse e, coa axuda de muletas, manterse de pé, pero non podía andar. Ao contrario que noutras formas de paraplexía, os seus intestinos, vexiga e funcións sexuais non se viron afectadas.

Pese a que a parálise por mor da polio non tiña cura (e, actualmente, segue sen tela aínda que é moi rara a infección por esta enfermidade en países desenvolvidos), Roosevelt rexeitou durante toda a súa vida que estaría permanentemente paralizado. Probou con numerosos tratamentos, pero ningún tivo efecto. Mentres, estaba convencido dos beneficios da hidroterapia e, en 1926, comprou un resort en Warm Springs, Xeorxia, onde fundou un centro de hidroterapia para tratar os pacientes infectados pola polio, o cal continúa aberto e chámase Roosevelt Warm Springs Institute for Rehabilitation (cun obxectivo aínda máis extenso), onde pasou moito tempo durante a década de 1920. Isto fíxoo en parte para escapar da súa nai, Sara, a cal tratou de recuperar o control sobre a súa vida mediante o seguimento da súa enfermidade.

Nunha época en que as intromisións da prensa na vida privada de personaxes públicos eran moito menos intensas que hoxe en día, Roosevelt foi capaz de convencer a moita xente de que estaba recuperándose, o que pensaba que era esencial para retornar á política.[1] Suxeitando as súas pernas e cadeiras por medio de abrazadeiras de ferro, aprendeu a camiñar distancias curtas virando a súa torso mentres se apoiaba cun bastón. Usaba cadeira de rodas na intimidade, pero evitou mostrarse en público con ela, aínda que por veces apareceu con muletas. Normalmente mostrábase de pé, mentres se apoiaba nun lado nun dos seus fillos. Pese ao pouco que lle gustaba verse así, a súa estatua en cadeira de rodas foi instalada no Monumento a Franklin Delano Roosevelt na cidade de Washington.

Gobernador do Estado de Nova York: 1928-1932

editar

En torno a 1928 Roosevelt pensou que xa estaba plenamente recuperado como para relanzar a súa carreira política. Durante todo o tempo que durou o seu retiro, encargouse de manter os seus contactos dentro do Partido Demócrata.

Asistiu en 1924 á Convención Demócrata e fixo un discurso de apoio á candidatura para a presidencia en favor do gobernador de Nova York, Alfred E. Smith. Aínda que Smith non foi elixido, volveu optar de novo en 1928 e nesta ocasión tamén contou co apoio de Roosevelt.

Esta vez conseguiuno, propoñéndolle a Roosevelt que optase a ser Gobernador de Nova York. Para conseguir o seu nomeamento como candidato, Roosevelt tivo que facer as paces con Tammany Hall, o que fixo con grandes reparos.

Nas eleccións de novembro, Smith foi amplamente derrotado polo republicano Herbert Hoover, pero Roosevelt foi elixido Gobernador por unha marxe de 25.000 votos nunha participación de 2,2 millóns. Nado ao norte do Estado de Nova York, tivo máis facilidade para gañar o voto dos residentes do Estado que non vivían na cidade de Nova York con moita máis vantaxe que outros candidatos demócratas.

Na presidencia dos Estados Unidos

editar
 
Roosevelt e o presidente saínte Hoover o 4 de marzo de 1933.

A crise económica de 1929 e a súa aposta por unha nova política, o coñecido como New Deal (Novo Trato), fíxolle gañar a confianza dos estadounidenses nas eleccións de 1932 derrotando o candidato republicano Herbert C. Hoover, e converténdose no presidente dos Estados Unidos de América polo Partido Demócrata.

A súa política económica New Deal consistiu en estimular o gasto público mediante o investimento en infraestruturas; durante os seus primeiros anos de goberno executou todo tipo de proxectos como hidroeléctricas, estradas, escolas e en xeral todo tipo de obras públicas, modernizando de xeito significativo o país. Non hai ningunha proba de que o New Deal tivese eficacia na loita contra a crise, que perdurou ata os Estados Unidos mobilizar a súa economía coa segunda guerra mundial.[2][3] Pola contra, o seu éxito é innegable no plano social. A política levada polo presidente Franklin D. Roosevelt cambiou o país mediante unha revolución, como el mesmo expresou: "si é unha revolución, é pacífica, levada a cabo sen violencia, sen o derrube do imperio da lei e sen a negación do dereito equitativo de todo individuo ou clase social" (palabras do mesmo Franklin D. Roosevelt escritas no seu libro "The test of our progress" chamado en galego "En Marcha")[4] Por outra banda, os programas do New Deal eran abertamente experimentais, manifestamente perfectibles,[5] e, dados os custos deste proceso, poderíase preferir un programa de cambio máis completo. Con todo, o carácter imperfecto do New Deal permitiu unha crítica construtiva e unha reflexión máis pausada que abriu o camiño a un melloramento da democracia estadounidense nos anos seguintes e que perdura ata a actualidade. En materia sindical, a adopción da Wagner Act permitiu facer dos sindicatos uns colectivos poderosos.

 
Franklin D. Roosevelt no anverso dun dólar presidencial de 2014.

Durante o seu mandato potenciou a política exterior loitando por conseguir a primacía mundial estadounidense, establecendo relacións diplomáticas coa Unión Soviética en 1933. Como resposta á ameaza da Alemaña de Hitler, puxo en marcha unha serie de medidas preventivas (rearmamento, economía de guerra, aliñación coas potencias occidentais) que prepararon o seu país para un posible enfrontamento armado.

Nos feitos, malia non participar na guerra directamente, estableceu un fluído abastecemento de armas de guerra para os seus aliados e, por contrapartida dereitamente impediu iguais condicións para coas potencias do Eixe, por exemplo o bloqueo de hidrocarburos ao Xapón.

A pantasma da guerra presentouse co ataque a Pearl Harbor proveniente do mando xaponés á base militar en Pearl Harbor no Pacífico no ano 1941. Ante esta agresión, Roosevelt declarou ante o Congreso que ese día sería coñecido como o día da infamia e pediu o estado de guerra ao Congreso. Actuou firme e enerxicamente en todos os aspectos necesarios para levar o seu país e a súa industria a un óptimo esforzo de guerra.

Aprobou presupostos de guerra destinados non só a reconstruír os acoirazados afundidos en Pearl Harbor senón tamén á implantación dunha frota superior á que se tiña á entrada da guerra. Propuxo e apoiou a Incursión Doolittle como primeira resposta ofensiva ao territorio xaponés en marzo de 1942 e mantivo un forte ascendente sobre o alto mando das forzas armadas.

 
Franklin Delano Roosevelt o 11 de decembro de 1941 declarando a guerra a Alemaña.
 
Selo postal da Arxentina en honor a Roosevelt.

Partidario da vía diplomática e de manter contactos persoais cos políticos aliados, entrevistouse en varias ocasións, por separado e conxuntamente, con Winston Churchill e Stalin para conseguir acordos ao finalizar a segunda guerra mundial na chamada Conferencia de Ialta. Nesta liña e de acordo co seu desexo de lograr un entendemento pacífico entre os distintos países, promoveu a creación dunha Organización das Nacións Unidas (ONU). No seu labor político, ademais, destaca o importante papel xogado pola súa esposa Eleanor.

Aínda que tiña coñecementos do proxecto Manhattan sobre o desenvolvemento da bomba atómica, que puxo en marcha tras unha carta asinada en 1939 por Einstein e promovida por L. Szilard, E. Teller e E. Wigner, non alcanzou a administrar o seu uso.[6]

Na tarde do 12 de abril de 1945, Roosevelt dixo: "Sento unha terrible dor na parte traseira da miña cabeza". Logo caeu cara a adiante da súa cadeira, inconsciente, e foi levado para o seu cuarto. Segundo o Dr. Howard Bruenn, o presidente foi diagnosticado dunha hemorraxia cerebral masiva, e faleceu ás 3:35 p.m. ese mesmo día, ás portas do fin do conflito, sen ver concluída a segunda guerra mundial e sen lograr un acordo co cada vez máis poderoso Stalin.[7]

A morte impediulle completar o seu último mandato tralas eleccións de novembro de 1944. Trátase do único presidente, tras romper a tradición establecida por George Washington de non ser elixido por máis de dous mandatos (ou non reelixirse máis dunha vez), que gobernou durante catro mandatos (1933-1945). En 1947 o Congreso aprobou a Vixésimo segunda emenda, que limitaba a dous os mandatos do presidente. Sucedeu a Roosevelt no cargo o entón vicepresidente Harry Truman.

Premios e distincións

editar

Foi nomeado doutor honoris causa en Leis pola Universidade Católica de América en 1933.

  1. (A Enciclopedia Británica, por exemplo, di que "por medio de coidadosos exercicios e tratamento en Warm Springs, está recuperándose paulatinamente", aínda que isto non foi certo en absoluto).
  2. A. Kaspi, Franklin Roosevelt, Fayard, 1988, p.337
  3. "New Deal". www.essortment.com. Arquivado dende o orixinal o 06 de febreiro de 2016. Consultado o 09 de xaneiro de 2015. 
  4. Libro "En Marcha" , Traducido al castellano por H.B.Rasmussen - editorial Tor, 1945, p.5
  5. Eric Rauchway, The Great Depression and the New Deal, Oxford Press; The New American Way, at home and around the World, p.130-1
  6. Glashow, Sheldon L. (1994). Interacciones : una visión del mundo desde el encanto de los átomos. Barcelona: Tusquets. ISBN 84-7223-429-0. OCLC 43732833. 
  7. http://www.cnsspectrums.com/aspx/articledetail.aspx?articleid=605

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Friedman, Milton (1992). Franklin D. Roosevelt, Silver, and China. Journal of Political Economy (en inglés) 100 (Chicago: The University of Chicago Press). pp. 62–83. doi:10.2307/2138806. 
  • Higgs, Robert (1998). The Mythology of Roosevelt and the New Deal. The Freeman: Ideas on Liberty (en inglés) 48 (Nova York: Foundation for Economic Education). pp. 553–557. Arquivado dende o orixinal o 20 de outubro de 2012. Consultado o 28 de maio de 2012. 
  • Flynn, John T. (1948). The Roosevelt Myth (en inglés). Nova York: The Devin-Adair Company. Consultado o 28 de maio de 2012. 
  • Murphy, Robert P. (2009). The Politically Incorrect Guide to the Great Depression and the New Deal (en inglés). Washington: Regnery. ISBN 978-1596980969. 

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar
Predecesor:
Herbert Clark Hoover
 
Presidente dos Estados Unidos de América

19331945
Sucesor:
Harry S. Truman