Ataque a Pearl Harbor
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde setembro de 2015.) |
Ataque a Pearl Harbor | |
---|---|
O Arizona ardeu durante dous días tras ser bombardeado. Algunhas partes do barco recuperáronse, mais os seus restos permanecen en Pearl Harbor hoxe en día, e encima deles hai un monumento. | |
Conflito: segunda guerra mundial, guerra do Pacífico | |
Data: 7 de decembro de 1941 | |
Lugar: Pearl Harbor, Hawai | |
Resultado: Vitoria táctica xaponesa | |
Combatentes | |
Estados Unidos | Xapón |
Comandantes | |
Husband Kimmel (USN) Walter Short (USA) |
Chuichi Nagumo (IJN) |
Forzas | |
8 acoirazados, 6 cruceiros, 29 destrutores, 9 submarinos, ~390 avións | 6 cargueiros, 2 acoirazados, 3 cruceiros, 9 destrutores, 441 avións, 5 mini submarinos |
Baixas | |
2.403 mortos; 5 acoirazados afundidos, 3 danados; 3 cruceiros afundidos; 3 destrutores afundidos; 188 avións destruídos, 155 avións danados | 29 avións destruídos, 55 aviadores mortos, 5 mini submarinos afundidos, 9 mariñeiros mortos, 1 capturado. |
Campaña do Pacífico 1941-1942 | Batallas en Pearl Harbor – Tailandia – Force Z – Rabaul – Balikpapan – Ambon – Singapur – Makassar Strait – Darwin – Badung Strait – Mar de Xava – Incursión Doolittle – Mar do Coral – Midway |
O ataque a Pearl Harbor foi unha ofensiva militar sorpresa efectuada pola Armada Imperial Xaponesa contra a base naval dos Estados Unidos en Pearl Harbor, Oahu, Hawai, na mañá do 7 de decembro de 1941. O ataque foi executado contra a frota do Pacífico da mariña dos Estados Unidos de América e as súas forzas de defensa, o corpo aéreo do exército, e a forza aérea da Mariña. O ataque damnificou ou destruíu 11 navíos de guerra, 188 avións, e matou 2.403 militares estadounidenses e 68 civís. O Almirante Yamamoto Isoroku planeou o ataque, comandado polo vicealmirante Chuichi Nagumo, que perdeu 64 pilotos, como o inicio da campaña do Pacífico na segunda guerra mundial. Tres portaavións da frota do Pacífico non se encontraban no porto, polo tanto non foron danados, así como os depósitos de combustíbel e outras instalacións. Utilizando estes recursos a Mariña foi capaz de reconstruír a frota nun tempo de 6 meses a 1 ano. O ataque quedou na memoria como bombardeo de Pearl Harbor e batalla de Pearl Harbor, mais o nome máis común é ataque a Pearl Harbor ou simplemente Pearl Harbor.
Antecedentes diplomáticos
editarA guerra entre o Xapón e os Estados Unidos era unha posibilidade certa para as autoridades dos dous países dende a década de 1920. Non obstante, as relacións mutuas eran o suficientemente cordiais como para que seguisen a ser socios comerciais[1][2]. As tensións xa existentes aumentaron coa invasión xaponesa de Manchuria en 1931 e ao longo da década seguiu unha política expansionista na China o que levou á segunda guerra sino-xaponesa en 1937. Xapón realizou enormes esforzos para illar a China, e esforzouse para asegurar suficientes recursos para lograr a vitoria no continente. A doutrina de expansión cara ao sur oficializouse para axudar neses esforzos.[3]
A partir de decembro de 1937 sucesos como o ataque xaponés ao USS Panay, o incidente Allison ou o masacre de Nanking viraron a opinión pública occidental en contra do Xapón[4].
In 1940 o Xapón invadiu a Indochina Francesa nun intento por bloquear o fluxo de subministracións que chegaban á China. Os Estados Unidos paralizaron o envío ao Xapón de navíos con avións, pezas, máquinas ferramenta e combustible de aviación que os xaponeses percibiron como un acto hostil[1], pero non se prohibiu a exportación de petróleo, xa que pola dependencia do petróleo norteamericano que tiñan os xaponeses o goberno norteamericano consideraba que iso poderíase considerar unha provocación extrema[2].
A mediados de 1940 o presidente Franklin D. Roosevelt trasladou a frota do Pacífico de San Diego a Hawaii[5] e tamén ordenou o fortalecemento militar nas Filipinas para desalentar unha posible agresión xaponesa. Ao estar o alto mando xaponés certo, erroneamente, que calquera ataque contra as colonias británicas en Asia[6] podería levar aos Estados Unidos á guerra, un ataque preventivo devastador semellaba ser o único xeito de evitar a interferencia naval norteamericana[7]. O alto mando xaponés tamén consideraba precisa a invasión de Filipinas. O plan de guerra laranxa prevía defender Filipinas cunha forza de elite composta por 40.000 membros; opción que non se implementou pola oposición de Douglas MacArthur, que pensaba que era precisa unha forza meirande. En 1941 o alto mando estadounidense esperaba abandonar Filipinas se estoupaba a guerra, e a finais de ano o almirante Thomas C. Hart, comandante da frota asiática deu ordes nese sentido[8].
Os Estados Unidos cesaron finalmente as exportacións de petróleo ao Xapón en xullo de 1941, logo da toma da Indochina Francesa ao caer Francia, en parte polas novas restriccións ao consumo de petróleo dentro das propias fronteiras norteamericanas[9]. Por este cesamento, o Xapón continuou cos seus plans de conquistar as Indias Orientais Neerlandesas, ricas en petróleo. O 17 de agosto Roosevelt avisoulle ao Xapón que América estaba preparada para tomar medidas se había un ataque a países veciños[10].
O Xapón e mais os Estados Unidos emprenderon negociacións ao longo de 1941 para melloraren as súas relacións. No decurso desas discusións, o Xapón ofreceu a súa retirada da maior parte da China e Indochina despois de facer as paces co goberno nacionalista. Tamén propuxo adoptar unha interpretación independente do Pacto Tripartito e absterse de discriminación comercial coa condición que fose recíproco. Washington rexeitou esas propostas. O primeiro ministro xaponés Konoe, ofreceulle entón un encontro a Roosevelt, pero este insistiu en chegar ao acordo antes da celebración dunha xuntanza[11]. O embaixador norteamericano no Xapón tiñalle pedido a Roosevelt que aceptase a reunión, advertíndolle que era o único xeito de preservar o goberno conciliador de Konoe e pacificar o Pacífico[12]. Non obstante, as súas recomendacións non se aceptaron e o goberno Konoe caeu o mes seguinte, cando os militares xaponeses rexeitaron unha retirada de todas as súas tropas da China[13].
O 20 de novembro o Xapón ofreceu a súa proposta final, ofrecía a retirada do sur de Indochina e gardarse de ataques no sueste de Asia coa condición que os Estados Unidos, Reino Unido e os Países Baixos lle subministrasen un millón de galóns[14] de combustible de aviación, levantasen as súas sancións contra o Xapón e cesasen a súa axuda á China[13]. Os norteamericanos responderon con outra proposta o 26 de novembro, a nota Hull, na que demandaban a retirada completa do Xapón da China sen condicións e asinar pactos de non agresión coas potencias do Pacífico.
Os xaponeses concibiron o ataque como unha acción preventiva para impedir a interferencia da frota norteamericana do Pacífico nas previstas accións militares xaponesas no sueste asiático contra territorios baixo soberanía británica, neerlandesa e norteamericana. Durante sete horas houbo ataques xaponeses coordinados sobre Filipinas, Guam e Illa Wake e as posesións británicas de Malaia, Singapur e Hong Kong.[15].
Preparación xaponesa
editarO 26 de novembro de 1941 unha frota, que incluía seis portaavións comandados polo vicealmirante Chuichi Nagumo, deixou a baía de Hitokappu, nas Illas Kuril, e seguiron para Pearl Harbor baixo un silencio estrito, no que todas as comunicacións vía radio entre as embarcacións da propia frota e o Xapón estaban prohibidas.
Os portaavións xaponeses utilizados no ataque eran: Akag, Hiryu, Kaga, Shokaku, Soryu, Zuikaku. Todos xuntos tiñan un total de 441 avións, incluíndo bombardeiros-torpedo, bombardeiros de mergullo e bombardeiros-caza.
Preparación americana
editarAs forzas de intelixencia americanas e rusas, tanto civís como militares, xa tiñan entre si información suficiente para anticipar o ataque xaponés algunhas semanas antes. Inclusive as forzas armadas en Pearl Harbor recibiran varias alertas no día do ataque. Tales informacións poderían haber colocado Pearl Harbor nunha alerta máxima e haber diminuído as perdas, e mesmo haber preparado a frota americana para un contraataque aos portaavións xaponeses.
Tendo descifrado o código Púrpura e interceptado mensaxes xaponesas, os expertos americanos en claves cifradas puideron prever o ataque, aínda que non puidesen indicar o lugar e a hora. Os espías Richard Sorge e Dusko Popov avisaran os diplomáticos americanos sobre un posíbel ataque.
Xa en Pearl Harbor, os comandantes americanos foran alertados de probas que mostraban que o lanzamento de torpedos en augas pouco profundas era posíbel. Na expectativa de que Pearl Harbor tería defensas naturais contra ataques torpedo, a mariña dos Estados Unidos decidiu non montar redes contra torpedos, e tal feito facilitou así a utilización dos mesmos contra os acoirazados americanos ancorados.
O ataque
editarOs primeiros disparos e as primeiras baixas en Pearl Harbor ocorreron cando o USS Ward atacou e afundiu un minisubmarino xaponés ás 06:37 (hora local). Existían cinco minisubmarinos clase Ko-hyoteki, co obxectivo de entrar no porto e destruír os navíos dos Estados Unidos utilizando torpedos. Ningún dos submarinos conseguiu volver a salvo e só 4 dos 5 foron encontrados despois do ataque. Dos 10 mariñeiros a bordo dos 5 submarinos, 9 morreron e o único sobrevivente, Kazuo Sakamaki, foi capturado, converténdose no primeiro prisioneiro de guerra capturado polos americanos na segunda guerra mundial.
Fotografías recentes analizadas polo Instituto Naval dos Estados Unidos indican que un minisubmarino conseguiu entrar no porto e disparar un torpedo con éxito contra o US West Virxinia. A posición final deste submarino é descoñecida.
Na mañá do ataque, un novo radar instalado apenas uns días antes do ataque indicou a presenza dos avións xaponeses, mais o aviso foi confundido coa chegada prevista dun grupo de avións dos Estados Unidos. Varios avións norteamericanos foron abatidos a medida que a forza de ataque se aproximaba, mais todos os avisos se encontraban á espera de confirmación cando comezou o ataque.
O ataque comezou ás 07:53 (hora local) do 7 de decembro, que no horario xaponés eran as 03:23 do 8 de decembro. Os avións xaponeses atacaron en dúas vagas, nas que 353 avións chegaron a Oahu. A primeira vaga foi liderada por 186 torpedeiros-bombardeiros vulnerábeis, aproveitando os primeiros momentos de sorpresa atacando os navíos no porto mentres bombardeiros de mergullo atacaban as bases aéreas ao longo de Oahu, comezando polo campo aéreo Hickam, o maior, e o campo aéreo Wheeler, a principal base de cazas. A segunda vaga de 168 avións atacou o campo Bellows e a illa Ford, unha base aérea naval e mariña no medio de Pearl Harbor. A única forza de oposición veu dalgúns P-36 e P-40, e de fogo antiaéreo naval.
Dos 441 avións das dúas vagas, 29 (nove na primeira vaga e outros 20 na segunda vaga) foron destruídos durante a batalla, e outros 74 avións foron danados por fogo antiaéreo. Máis de 20 dos que aterraron en seguranza nos seus portaavións encontrábanse irreparábeis.
Decisión de Nagumo da retirada despois das dúas vagas
editarAlgúns oficiais e líderes de voo tentaron convencer a Nagumo para atacar cunha terceira vaga para destruír os depósitos de combustíbel, fábricas e diques secos en Pearl Harbor. A destrución destas instalacións aumentaría as dificultades da mariña americana, pois as instalacións utilizábeis máis próximas encontrábanse a millares de quilómetros de Hawai, na costa dos Estados Unidos. Varios historiadores suxiren que a perda destas instalacións sería máis grave que a perda de todos os navíos de guerra durante as dúas primeiras vagas. Nagumo decidiu cancelar a terceira vaga a favor dunha retirada, por varios motivos:
- A actuación das defensas antiaéreas mellorara moito na segunda vaga (20 avións perdidos) con respecto á primeira (9 avións perdidos), e dous terzos das perdas xaponesas aconteceran durante a segunda vaga, debido en parte a que os americanos xa estaban alertados. Unha terceira vaga tería sufrido perdas aínda maiores.
- As dúas primeiras vagas utilizaron esencialmente todos os avións preparados posteriormente ao ataque, e unha terceira vaga tería levado tempo para ser preparada, probabelmente dando tempo ás forzas norteamericanas para encontrar e atacar a frota de Nagumo. A localización dos portaavións norteamericanos en exercicio antes do ataque continuaba descoñecida para Nagumo.
- Os pilotos xaponeses non se prepararan para o ataque ás bases navais de Pearl Harbor e organizar tal adestramento demoraría aínda máis tempo.
- O combustíbel dispoñíbel non permitía que a forza xaponesa ficase máis tempo ao norte de Pearl Harbor.
- A hora da posíbel terceira vaga sería tan tarde que obrigaría os avións a volver aos seus portaavións despois do anoitecer. As operacións aéreas nocturnas aínda eran moi recentes en 1941, e ningunha forza mundial tiña aínda desenvolvido técnicas eficaces.
- A segunda vaga completara esencialmente a misión enteira: neutralizar a frota americana no Pacífico.
- Os portaavións eran necesarios para serviren de soporte para o ataque principal xaponés contra as Filipinas, as Indias, Malaisia e Birmania; no cal o seu obxectivo era capturar combustíbel e outros recursos. Nagumo tiña ordes directas para non arriscar o seu comando máis do necesario. As previsións posteriores ao ataque indicaban que probabelmente a forza xaponesa sufriría a perda de 2 a 4 portaavións durante o ataque, e Nagumo estaba bastante contento por non ter sufrido grandes baixas e non quería abusar da súa sorte.
Resposta americana
editarApenas algunhas horas despois do inicio do ataque a Pearl Harbor (o día seguinte, 8 de decembro de 1941 segundo o horario internacional), as tropas xaponesas atacaron o territorio de Hong Kong, seguido dalgúns ataques ás Filipinas, Wake Island, Malaisia, e Tailandia, e o afundimento do HMS Prince of Wales e Repulse.
O 8 de decembro de 1941 o congreso americano declaroulle a guerra ao Xapón, cun único voto en contra - voto de Jeannette Rankin. O presidente Roosevelt asinou a declaración de guerra, só algúns minutos despois. O goberno dos Estados Unidos continuou e aumentou a intensidade da mobilización militar, e iniciou unha economía de guerra no país.
Como resposta, o presidente Roosevelt ordenou un ataque a Toquio, corazón do Xapón, o cal era practicamente imposíbel, orixinando así o ataque Doolittle lanzado o 18 de abril de 1942.
A Alemaña nazi declarou a guerra aos Estados Unidos o 11 de decembro, catro días despois do ataque xaponés. Hitler non estaba obrigado a facer tal declaración polos termos do Pacto Tripartito. A declaración de guerra escandalizou ao público americano e permitiulle aos Estados Unidos entraren directamente no teatro da guerra do Pacífico e aumentar o seu apoio ao Reino Unido, que xa pedira había moito tempo un apoio total por parte dos Estados Unidos.
En termos de obxectivos, o ataque a Pearl Harbor foi un tremendo éxito táctico. Até mesmo o ataque sorpresa dos portaavións británicos á base naval italiana de Taranto, en 1940, non foi tan devastador en termos de danos causados, aínda que fora un éxito ao neutralizar a Mariña italiana. Debido ás súas graves perdas en Pearl Harbor e a invasión subseguinte de Filipinas, a mariña americana ficou imposibilitada polos 6 meses seguintes ao ataque, de ter calquera papel significante na guerra do Pacífico. Coa frota americana fóra de combate, o Xapón podía, temporalmente e sen preocupacións, conquistar o Pacífico e expandirse para o suroeste asiático, o suroeste do Pacífico e até o océano Índico.
Aínda que o ataque a Pearl Harbor teña sido o ataque máis notábel en territorio americano durante a segunda guerra mundial, producíronse máis ataques.
Significado histórico
editarO ataque a Pearl Harbor tivo só un pequeno impacto militar debido á que a Mariña imperial xaponesa fallou en afundir os portaavións, mais mesmo se estes chegasen a ser afundidos, podería non ter axudado na mesma o Xapón a longo termo. O ataque firmemente apuntou os Estados Unidos e a súa economía masiva industrial para a segunda guerra mundial, conducindo á derrota mundial das forzas do Eixo. O primeiro ministro Winston Churchill, do Reino Unido, ao ter coñecemento de que o ataque a Pearl Harbor fixera finalmente que os EUA entraran na guerra, escribiu "Estando saturado e satisfeito de emoción e sensación, fun para a cama e durmín o sono dos salvos e agradecidos" (Winston Churchill, The Second World War, vol. 3, p. 539). A vitoria aliada nesta guerra conduciu a que os EUA emerxesen como unha potencia mundial.
En termos de historia militar, o ataque marcou os portaavións como o centro do poder naval, substituíndo o navío de guerra como o navío máis poderoso da frota naval. Con todo, non foi até máis tarde, noutras batallas na guerra, que o portaavións se tornou nese centro de poder.
Dramatizacións
editarO ataque foi representado en moitos filmes. Algúns son:
- Tora! Tora! Tora! (1970) Xeralmente considerado a mellor dramatización sobre o ataque.
- The Final Countdown (1980) Un filme de ficción científica que envolve unha viaxe ao pasado.
- Pearl Harbor (2001) Un romance baseado nunha historia real.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 "Peace and War, United States Foreign Policy 1931–1941". United States Government Printing Office. 1943. p. 96.
- ↑ 2,0 2,1 "Peace and War, United States Foreign Policy 1931–1941". United States Government Printing Office. 1943. p. 94.
- ↑ Barnhart, Michael A. (1987). Japan prepares for total war: the search for economic security, 1919–1941. Cornell University Press..
- ↑ Werner Gruhl (2007). Imperial Japan's World War Two: 1931–1945. Transaction Publishers. p. 39. ISBN 978-0-7658-0352-8.
- ↑ Shift Of Our Fleet To Atlantic Studied, New York Times, 23 de xuño de 1940
- ↑ Harper, Tim (2009-09-07). "Japan's gigantic second world war gamble". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2016-12-07.
- ↑ Peattie, Mark R.; Evans, David C. (1997). Kaigun: Strategy, Tactics, and Technology in the Imperial Japanese Navy. Naval Institute Press.
- ↑ Edward S. Miller. War Plan Orange: The U.S. Strategy to Defeat Japan, 1897–1945. Naval Institute Press. pp. 63. ISBN 978-1-59114-500-4.
- ↑ "Peace and War, United States Foreign Policy 1931–1941". United States Government Printing Office. 1943. p. 125.
- ↑ Maurice Matloff e Edwin M. Snell: The Showdown With Japan August–December 1941 United States Army in World War II. The War Department. Strategic Planning for Coalition Warfare, 1941–1942
- ↑ Chapter IV: The Fatal Turn Morton, Louis. Strategy and Command: The First Two Years
- ↑ Review of the Diplomatic Conversations REPORT OF THE JOINT COMMITTEE ON THE INVESTIGATION OF THE PEARL HARBOR ATTACK (1946)
- ↑ 13,0 13,1 Chapter V: The Decision for War Morton, Louis. Strategy and Command: The First Two Years
- ↑ Entre 3 800000 e 4 500 000 de litros
- ↑ Gill, G. Hermon (1957). Australia in the War of 1939–1945. I. Royal Australian Navy 1939–1942. Australian War Memorial. p. 485.
Véxase tamén
editarCommons ten máis contidos multimedia sobre: Ataque a Pearl Harbor |