Abrir o menú principal

Frank Lloyd Wright

arquitecto estadounidense, un dos principais mestres da arquitectura do século XX

Frank Lloyd Wright, nado en Richland Center (Wisconsin) o 8 de xuño de 1867 e finado en Phoenix (Arizona) o 9 de abril de 1959, foi un arquitecto estadounidense, un dos principais mestres da arquitectura do século XX e grande influente en tódolos demais arquitectos mundiais.

Frank Lloyd Wright
Frank Lloyd Wright LC-USZ62-36384.jpg
Wright o 1 de marzo de 1926.
Nome completoFrank Lincon Wright
Nacemento8 de xuño de 1867
 Richland Center, Wisconsin, Estados Unidos de América Estados Unidos
Falecemento9 de abril de 1959 (91 anos)
 Phoenix (Arizona), Estados Unidos de América Estados Unidos
Causasurgical complications
NacionalidadeEstadounidense
Etniaamericanos brancos
RelixiónUnitarismo
Alma máterUniversidade de Wisconsin-Madison
OcupaciónArquitecto
NaiAnna Lloyd Jones Wright
CónxuxeOlgivanna Lloyd Wright
FillosJohn Lloyd Wright e Lloyd Wright
Coñecido/a porEmil Bach House, Pettit Memorial Chapel, Annunciation Greek Orthodox Church, A. D. German Warehouse, Casa da fervenza, Prairie School e Museu Solomon R. Guggenheim
PremiosRoyal Gold Medal e Medalha Frank P. Brown
Frank Lloyd Wright signature.svg
editar datos en Wikidata ]
Primeira casa-estudo de Frank Lloyd Wright.
Taliesin Oeste
Edificio Johnson
Museo Guggenheim de Nova York
Museo Guggenheim de Nova York

TraxectoriaEditar

Primeiros anosEditar

Frank Lloyd Wright naceu na cidade agrícola de Richland Center, Wisconsin nos Estados Unidos, en 1867. Orixinalmente chamado Frank Lincoln Wright, cambiou o seu nome despois do divorcio dos seus pais, para honrar o apelido galés da familia materna, os Lloyd Joneses. O seu pai, William Carey Wright (1825 - 1904) foi un orador admirado no ámbito local, profesor de música, avogado ocasional e ministro itinerante. William Wright coñeceu e casou coa mestra de escola do condado, Anna Lloyd Jones (1838/39 - 1923), o ano anterior, cando foi contratado como superintendente das escolas do Condado de Richland. Orixinario de Massachusetts, William Wright fora un ministro baptista, pero que máis tarde se uniu á familia da súa muller na fe do unitarismo. Anna foi un membro da grande, próspera e moi coñecida familia dos unitarianos Lloyd Jones, que emigrara de Gales a Spring Green, Wisconsin. Os pais de Wright foron persoas comprometidas con intereses idiosincrásicos que pasaron a Frank. Na súa biografía, a súa nai declarou, cando estaba a esperar o seu primeiro fillo, que chegaría a construír bonitos edificios. Decorou o seu berce con gravados das catedrais inglesas arrincados dunha revista para fomentar a ambición do bebé. A familia trasladouse a Weymouth en 1870 porque William era ministro dunha congregación pequena.

En 1876, Anna visitou a Exposición Universal de Filadelfia e viu unha exposición dos bloques educativos, creados por Friedrich Wilhelm August Fröbel. Os bloques, coñecidos como Agasallos Froebel, eran o fundamento do seu innovador concepto de xardín de infancia. Como mestra capacitada, Anna estaba emocionada polo programa e comprou un conxunto de bloques para a súa familia. O mozo Frank pasaba moito tempo xogando cos bloques. Estes tiñan formas xeométricas e podían montarse en varias combinacións para formar varias composicións tridimensionais. Wright na súa autobiografía fala sobre a influencia destes exercicios no seu enfoque de deseño. Moitos dos seus edificios caracterízanse pola claridade xeométrica que presentan.

 
Casa de Wright en Oak Park.

A familia Wright tivo problemas financeiros en Weymouth e volveu a Spring Green, onde o clan Lloyd Joneses, podería axudar a William a atopar traballo. Asentáronse en Madison onde William impartiu clases de música e serviu como secretario da Sociedade Unitaria acabada de formar. Aínda que William foi un pai distante, compartía o seu amor pola música, especialmente as obras de Johann Sebastian Bach, cos seus fillos.

Pouco despois de que Frank cumpriu 14 anos -en 1881- os seus pais separáronse. Anna fora infeliz durante algún tempo coa incapacidade de William para manter a súa familia e pediulle que marchase. O divorcio concretouse en 1885, despois de que William demandase a Anna pola falta de afecto físico. William deixou Wisconsin despois do divorcio e Wright afirmou que xa non volveu ver o seu pai.[1] Neste momento o segundo nome de Frank foi cambiado de Lincoln a Lloyd. Como o home que quedaba na familia, Frank asumiu a responsabilidade financeira da súa nai e das súas dúas irmás.

Wright asistiu a unha escola secundaria de Madison, pero non hai probas que se houbese graduado.[2] Foi admitido na Universidade de Wisconsin-Madison como estudante especial en 1886. Alá uniuse á fraternidade Phi Delta Theta,[3] tomou clases a tempo parcial durante dous semestres, e traballou cun profesor de enxeñaría civil, Allan D. Conover .[4] En 1887, Wright deixou a escola sen ter un título (aínda que se lle concedeu un doutoramento honorario en Belas artes pola Universidade en 1955). Trasladouse a Chicago, que aínda se estaba reconstruíndo polo gran incendio de Chicago de 1871, e uniuse ao estudo de arquitectos de Joseph Lyman Silsbee. Despois dun ano, deixou Silsbee e traballou para a empresa de Adler e Sullivan como aprendiz de Louis Henri Sullivan.[5]

En 1889, casou coa súa primeira muller, Catherine Lee "Kitty" Tobin (1871-1959), comprou terras en Oak Park, e construíu a súa primeira casa co seu estudo incorporado. A súa nai, Anna, pronto seguiu a Wright na cidade, onde lle comprou unha casa adxacente á súa residencia. O seu matrimonio con Kitty Tobin, a filla dun rico empresario, elevou o seu status social, e fíxoo máis coñecido.

A partir de 1890, asignóuselle todo o traballo de deseño residencial da empresa. en 1893, Louis Sullivan descubriu que Wright aceptara encargos privados. Sullivan sentiuse traizoado porque o seu empregado favorito deseñara casas "ás súas costas", e pediu a Wright que deixase a empresa. Cunha necesidade constante de fondos para manter a súa crecente familia, Wright deseñara outras casas para complementar os seus escasos ingresos. Wright refírese a estas casas como o seu deseño "pirata". Están situadas preto da casa de Frank Lloyd Wright, en Chicago Avenue en Oak Park. Despois de deixar Sullivan, Wright practicou coa súa propia casa.

En 1896 escribe un credo coas súas conviccións titulado Work Song e, no 1901, pronuncia a súa conferencia The Art and Craft of rhe Machine.

Esta práctica foi un notable compendio de deseños arquitectónicos creativos. En 1901, Wright completara aproximadamente 50 proxectos, incluíndo moitas casas en Oak Park.

Será no 1905 cando Wright viaxe por primeira vez a Xapón e empece a sentir interese polos gravados que se realizan neste país.

Escola PrairieEditar

Entre 1900 e 1917, os seus deseños residenciais foron casas da Escola Prairie (escola pradaria), denominada así porque o deseño é considerado como un complemento do territorio de pradarías ao redor de Chicago. Estas casas son edificios baixos con pouca profundidade, de teitos inclinados, liñas de ceo limpo, beirís e terrazas con materiais inacabados. Trátase de casas unifamiliares, fortemente integradas na súa contorna. As cubertas sobresaen considerablemente das fachadas e as xanelas forman unha secuencia continua horizontal. O núcleo central das vivendas constitúeo unha gran cheminea, ao redor da cal se dispoñen as habitacións. As casas teñen o mérito de ser os primeiros exemplos de espazos abertos.

A manipulación do espazo interior nos edificios residenciais e públicos son o selo distintivo do seu estilo. Un deles é o Unity Temple, a casa da congregación Unitaria Universalista en Oak Park. Como Unitarista e membro da Unity Temple, Wright ofreceu os seus servizos á congregación despois de que a súa igrexa se incendiara en 1904. A comunidade acordou contratalo, e traballou na construción desde 1905 até 1908. Cría que a humanidade tería que ser central a todo o deseño.

Wright creou un novo concepto respecto dos espazos interiores dos edificios, que aplicou nas súas casas de campo, pero tamén nas súas outras obras. Wright rexeita o criterio existente até entón dos espazos interiores como habitacións pechadas e illadas das outras, e deseña espazos nos cales cada habitación ou sala ábrese ás outras, co que consegue unha gran transparencia visual, unha profusión de luz e unha sensación de amplitude e apertura. Para diferenciar unha zona da outra, recorre a divisións de material lixeiro ou a teitos de altura diferente, evitando os peches sólidos innecesarios. Con todo isto, Wright estableceu por primeira vez a diferenza entre "espazos definidos" e "espazos pechados".

 
Hillside Home School, 1902, Taliesin, Spring Green.

Hai moitos exemplos deste traballo en Buffalo como resultado da amizade entre Wright e Darwin D. Martin, un executivo da compañía de xabón Larkin. En 1902, a Compañía Larkin decidiu construír un novo edificio administrativo. Wright chegou a Buffalo e deseñou non só os primeiros esbozos para o edificio de administración de Larkin (acabado en 1904, derrubado en 1950), senón tamén as casas de tres dos executivos da empresa:

A Casa Westcott foi construída en Springfield, nalgún momento entre 1907 e 1908. Non só incorpora o deseño do innovador estilo Prairie, senón que tamén reflicte a súa paixón pola arte xaponesa e a cultura nos trazos característicos do deseño tradicional xaponés. É a única casa prairie construída en Ohio, e representa unha importante evolución do concepto Prairie de Wright. A casa ten unha ampla pérgola, cuberta cunha intricada celosía de madeira, conectando un garaxe separado coa casa principal característica de só algúns deseños de Wright posteriores ao estilo Prairie.

Non se sabe exactamente cando Wright deseñou a casa Westcott, pode ser algúns meses antes ou máis dun ano despois de que Wright volvese da súa primeira viaxe ao Xapón en 1905. Wright creou dous deseños diferentes para a Casa Westcott, os dous inclúense nos Estudos e edificios construídos por Frank Lloyd Wright, publicado polo distinguido Ernst Wasmuth (Alemaña, 1910-1911). Esta obra en dous volumes contén máis de 100 litografías dos deseños de Wright e é comunmente coñecido como o Portfolio Wasmuth.

Outras casas de Wright consideradas obras mestras do último período Prairie (1907-1909) son a casa Robie en Chicago e en Avery e a Casa Queene Coonley en Riverside, Illinois. A Casa Robie, coa súa alza, o beirado do tellado, apoiado por unha canle de aceiro de 34 metros de longo, é o máis espectacular. As súas áreas de estar e comedor, atópanse practicamente nun espazo ininterrompido. Este edificio tivo unha profunda influencia nos novos arquitectos de Europa despois da Primeira guerra mundial e é ás veces denominada a "pedra angular da modernidade". Con todo, o traballo de Wright non foi coñecido polos arquitectos europeos até a publicación do Portfolio Wasmuth.

Europa e os problemas persoaisEditar

 
Foto aérea de Taliesin, Spring Green, Wisconsin.

En 1903, Wright deseñou unha casa para Edwin Cheney, un veciño de Oak Park, e inmediatamente cativouse da esposa de Cheney, Mamah Borthwick Cheney. Mamah Cheney foi unha muller moderna con actividades fóra de casa. Era unha pioneira feminista e Wright víaa como o seu equivalente intelectual. Os dous namoráronse, a pesar de que Wright levaba casado durante case 20 anos. A miúdo, daban paseos no automóbil de Wright a través de Oak Park, e convertéronse no tema da cidade. A esposa de Wright, Kitty, segura que esta unión desvaneceríase como as outras, negouse a concederlle o divorcio. Tampouco Edwin Cheney llo concedería a Mamah. En 1909, mesmo antes de que a Casa Robie estivese rematada, Wright e Mamah Cheney fuxiron a Europa, deixando ás súas parellas e fillos atrás. O escándalo que estalou practicamente destruíu as posibilidades de Wright de practicar a arquitectura nos Estados Unidos.

Os estudiosos sosteñen que en 1907 sentiu que fixera todo o que podía facer co estilo prairie, en particular desde o punto de vista das casas unifamiliares. Wright non estaba a recibir grandes encargos para edificios comerciais ou públicos, e frustrouse.

O que levou a Wright a Europa foi a oportunidade de publicar o conxunto da súa obra con Ernst Wasmuth, quen en 1909 comprometeuse a publicar o seu traballo neste continente.[6] Esta oportunidade tamén permitiu a Wright profundar na súa relación con Mamah Cheney. Wright e Cheney abandonaron os Estados Unidos por separado en 1910 para reunirse en Berlín, onde se atopaban as oficinas de Wasmuth.

Os dous volumes do Portfolio Wasmuth publicáronse en 1910 e 1911 en dúas edicións, creando a primeira gran exposición da obra de Wright en Europa.

Wright permaneceu en Europa por un ano (aínda que Mamah Cheney volveu aos Estados Unidos un par de veces) e instalouse en Fiesole, Italia. Durante este tempo, Edwin Cheney concedeulle o divorcio a Mamah, a pesar de que Kitty negouse a concederllo ao seu marido. Despois do retorno de Wright aos Estados Unidos a finais de 1910, Wright persuadiu á súa nai para comprar uns terreos para el en Spring Green, Wisconsin. Os terreos compráronos o 10 de abril de 1911, atopábanse xunto aos terreos da familia da súa nai, os Lloyd-Jones. Wright empezou a construírse unha nova casa, á cal denominou Taliesin, en maio de 1911. O tema recorrente de Taliesin tamén tiña orixe materna: Taliesin na mitoloxía galesa foi un poeta, mago e superheroe. O lema da familia era Y Gwir yn Erbyn y Byd que quere dicir "a verdade contra o mundo". Foi creado por Iolo Morgannwg, que tamén tivo un fillo chamado Taliesin, e o lema segue sendo utilizado hoxe como berro dos druídas e o xefe Bardo do Eisteddfod de Gales.[7]

En 1916, coa firma do contrato para a proxección do novo Hotel Imperial, Wright abrirá un estudio en Toquio. En 1922 abriu un estudio nos Ánxeles.

Máis problemas persoaisEditar

O 15 de agosto de 1914, mentres Wright estaba en Chicago completando un gran proxecto (Midway Gardens), Julian Carlton, un servente que contratara uns meses antes, prendeu lume ás vivendas de Taliesin e asasinou sete persoas cunha machada mentres o lume ardía. Entre os mortos estaba Mamah, os seus dous fillos, Joan e Martha, un xardineiro, un delineante, un obreiro e o fillo do obreiro. Dúas persoas sobreviviron ao caos, un dos cales axudou a apagar o lume, que consumiu case por completo a á residencial da casa.

En 1922, a primeira muller de Wright, Kitty, concedeulle o divorcio, aínda que Wright tivo que esperar un ano ata que se puido casar coa súa nova parella, Maude "Miriam" Noel. En 1923 morreu a nai de Wright, Anna (Lloyd Jones) Wright. Wright casou con Miriam Noel en novembro de 1923, pero a súa adicción á morfina levou ao fracaso o matrimonio en menos dun ano. En 1924, despois da separación, pero aínda casado, Wright coñeceu a Olga (Olgivanna) Lazovich Hinzenburg, nunha actuación en Chicago do ballet Petrogrado. Empezaron a vivir xuntos en Taliesin en 1925, e Olgivanna pronto quedou embarazada da súa filla, Iovanna. Iovanna naceu o 2 de decembro 1925.

O 22 de abril de 1925, outro incendio destruíu as vivendas de Taliesin, aparentemente debido a un defecto no sistema eléctrico.[8] Wright reconstruíu a vivenda de novo, denominándoa "Taliesin III".

En 1926, o ex-marido de Olga, Vlademar Hinzenburg, solicitou a custodia da súa filla, Svetlana. En Minnetonka, Minnesota, Wright e Olgivanna foron acusados de violar a Mann Act e foron detidos en outubro de 1926. Os cargos retiráronse posteriormente.

O divorcio de Miriam Noel non chegou até 1927, e unha vez máis, Wright viuse obrigado a esperar un ano até volver casar. Wright e Olgivanna casaron en 1928.

En 1927 comezou a escribir a serie de artigos titulados In the Cause of Architecture que se publicarán mensualmente na revista The Architectural Record. No 1932, funda a comunidade Taliesin Fellowship que comezará a publicar no 1934 o primeiro número de Taliesin, revista creada por Wright.

Proxectos notables despois do período PrairieEditar

 
Casa da Fervenza, Bear Run, Pensilvania (1937).
 
First Unitarian Society Meeting House, Madison, WI (1947).

Durante a turbulenta década de 1920, Wright deseñou Graycliff, unha das súas residencias máis innovadoras da época, e a precursora Casa da Fervenza (Fallingwater). Graycliff construíuse entre 1926-1929 por Isabelle e Darwin Martin, nun cantil con vistas ao lago Erie, ao sur de Buffalo, Nova York. Wright deseñou un complexo de tres edificios con extensos terreos que incorporan balcóns e terrazas en beiril, "tiras" de xanelas, e unha "pantalla" transparente ás xanelas obtendo vistas do lago no edificio máis grande, Isabelle Martin R. House. Os edificios amplamente luminosos de Graycliff foron deseñados no estilo "orgánico de Wright," e foron construídos en pedra calcaria da praia próxima, estucos de cor ocres cálidos e teitos de cores vermellas. Wright deseñou para os terreos de Graycliff motivos baseados na auga que se fan eco do lago Erie ao que miran: un estanque, unha fonte, xardíns afundidos, paredes de pedra cunha fervenza que rodea a propiedade. No solsticio de verán, alíñase Graycliff coa posta de sol no lago Erie, tal como Wright previra.

Outra das residencias privadas máis famosa de Wright é a Casa da Fervenza, construída desde 1934 até 1937 para o señor e a señora Edgar J. Kaufmann Sr., en Bear Run, Pensilvania, preto de Pittsburgh. Foi deseñada segundo o desexo de Wright para situar os ocupantes preto da contorna natural, cun regato e unha fervenza corrente por dentro do marco da construción. A construción é unha serie de balcóns e terrazas en beiril, usando pedra calcaria para todas as verticais e formigón para as horizontais. A casa custou 155.000$, incluídos os honorarios do arquitecto de 8.000 dólares. Os mesmos enxeñeiros de Kaufmann sostiveron que o deseño non era sólido. Este informe foi rexeitado por Wright, aínda que o contratista engadiu -en segredo- aceiro adicional para os elementos horizontais de formigón. En 1994, Robert Silman Associates examinou o edificio e elaborou un plan para restaurar a estrutura. Na década de 1990, engadíronse uns apoios de aceiro en beiril inferior ata que se puidese facer unha análise estrutural detallada. En marzo de 2002, aplicouse formigón pretensado á terraza inferior.

Tamén na década de 1930, Wright deseñou a primeira casa Usonian. Destinadas a ser casas moi prácticas para clientes de clase media, os deseños baséanse nunha xeometría simple pero estilosa. Máis tarde utilizará formas elementais á construción do First Unitarian Meeting House construído en Madison, Wisconsin, entre 1946 e 1951.[9]

No 1938, deseña o número de xaneiro de Architectural Forum que se dedica á súa obra, e protagoniza a portada da Revista Time.

Wright é o responsable dunha serie de conceptos moi orixinais de desenvolvemento suburbano unidos baixo o termo de Broadacre City. Propuxo a idea no seu libro A cidade que desaparece en 1932, e deu a coñecer un modelo de 3,7 m2. da praza desta comunidade do futuro, mostrándoo en varios escenarios nos anos seguintes. Estivo a desenvolver a idea até a súa morte.

As súas casas Usonian estableceron un novo estilo para o deseño dos suburbios que foi unha característica de incontables desenvolvedores. Moitas das características dos modernos fogares norteamericanos remóntanse a Wright: os planos abertos, as laxas sobre bases de calidade e unha simplificación das técnicas de construción que permitiu máis mecanización ou polo menos máis eficiencia na construción.

O Salomon R. Guggenheim Museum de Nova York ocupou a Wright durante 16 anos (1943-1959)[10] e é probablemente a súa obra mestra máis recoñecida. O edificio levántase como unha espiral beige na Quinta Avenida, e o interior é similar ao interior dunha cuncha. A súa xeometría única central estaba destinada a permitir aos visitantes gozar facilmente das coleccións de pinturas xeométricas non obxectivas do Guggenheim, collendo un ascensor até o nivel superior e vendo as obras de arte andando nun lento descenso, mediante unha rampla en espiral. Desgraciadamente, cando o museo estivo rematado, unha serie de detalles importantes do deseño de Wright foron ignorados, entre outros o seu desexo de que o interior fose pintado dunha cor branqueado. Ademais, o Museo deseña algunhas exposicións para ser vistas andando polo corredor curvo en lugar de camiñando dende o nivel superior.

 
Price Tower en Bartlesville, Oklahoma.

O único rañaceos construído dos deseñados por Wright é a Price Tower, con 19 pisos e 67 metros de altura en Bartlesville, Oklahoma. É tamén unha das dúas estruturas orientadas verticalmente de Wright, a outra é a Torre de Investigación Johnson Wax de Racine, Wisconsin. A Price Tower foi encargada por Harold C. Price de H.C. Price Company, unha empresa química local. Abriuse ao público en febreiro de 1956. O 29 de marzo de 2007, foi designada como Punto Histórico Nacional pola United States Department of the Interior e é un dos 20 Puntos Históricos do estado de Oklahoma.[11]

No 1956, o alcalde de Chicago declara o 17 de outubro Día de Frank Lloyd Wright.

MorteEditar

O 4 de abril de 1959, Wright foi hospitalizado por dores abdominais e foi operado o 6 de abril. Parecía que estaba a recuperarse, pero morreu tranquilamente o 9 de abril. [12] Despois da súa morte, o legado de Wright estivo afectado durante anos.[13] O último desexo da súa terceira esposa Olgivanna fora que Wright, ela e a filla do seu primeiro matrimonio fosen incinerados e soterradas xuntos nun xardín memorial construído no Taliesin West. Segundo os seus propios desexos, o corpo de Wright quedara no cemiterio de Lloyd-Jones, xunto á capela de Unity, preto de Taliesin, en Wisconsin. Aínda que Olgivanna non tomara medidas legais para mover os restos de Wright, e contra os desexos doutros membros da familia, así como a lexislatura de Wisconsin, en 1985, os restos de Wright foron eliminados da súa tumba por membros da Taliesin Fellowship, incinerados e enviados a Scottsdale, onde despois foron soterrados no xardín memorial. O sitio orixinal da súa tumba en Wisconsin, agora baleira, segue marcada co nome de Wright.[14]

PosicionamentoEditar

Wright aplicou o termo de arquitectura orgánica, definíndoa como aquela na que a construción se deriva directamente do medio natural. Dende os inicios da súa carreira rexeitou os estilos neoclasicistas e vitorianos que imperaban a finais do século XIX. Opúxose á imposición de calquera estilo, convencido de que a forma que se lle outorga a un edificio debe estar vinculada á súa función (o que máis tarde se nomearía funcionalismo), ao medio e aos materiais empregados na súa construción. Por iso, reconóceselle como un arquitecto que soubo combinar os materiais de acordo coas súas posibilidades estruturais e estéticas. Wright foi pioneiro na utilización de novas técnicas construtivas, como os bloques de formigón armado prefabricados e as innovacións no campo do aire acondicionado, a iluminación indirecta e os paneis de calefacción. Un deses exemplos é o Edificio Larkin en Buffalo de 1904, que foi o primeiro edificio de oficinas en con aire acondicionado, ventás dobres, portas de vidro e mobles metálicos. Outro exemplo é o Hotel Imperial de Toquio que destaca polas súas innovacións estruturais, polo seu sistema antisísmico para gañar flexibilidade (empregou unha estrutura apoiada nuns cimentos que flotan sobre un leito de barro), razón pola que non sufriu ningún dano no terrible terremoto do ano seguinte ao da súa terminación.

Outro achegamento fundamental á arquitectura moderna foi o dominio da planta libre, coa que obtivo espazos moi interesantes que fluían entre estancias. É este o concepto que manexou nas casas da pradaría. Wright trataba á casa como un organismo humano, no que o seu centro era a cheminea, que funcionaba como o corazón da casa, tanto por producirse a vida ao seu carón, como por ser o punto que quecía o espazo.

Este arquitecto é moi coñecido pola grande importancia que a vexetación tiña nas súas representacións, das que se conservan numerosas mostras de elaborados debuxos, nos que puña especial interese nos detalles vexetais, chegando incluso a inventarse especies non coñecidas.

Principais proxectosEditar

  • Casa William H. Winslow, en River Forest, Illinois (1893)
  • Casa William G. Fricke, en Oak Park, Illinois (1901)
  • Casa Ward W. Willitts, en Highland Park, Illinois (1902)
  • Casa Darwin D. Martin, en Buffalo (1903)
  • Edificio da Prensa, en San Francisco (1903)
  • Edificio Larkin, en Buffalo, Nova York (1903)
  • Templo Unitario, en Oak Park, Illinois (1905)
  • Casa Avery Coonley, en Riverside, Illinois (1907)
  • Casa Frederick C. Robie, en Chicago, Illinois (1908)
  • Casa de Mrs. Thomas Gale, en Oak Park, Illinois (1909)
  • Casa de xogos A. Coonley, en Riverside, Illinois (1912)
  • Taliesin (Casa, leira e estudio de Wright), en Spring Green, Wisconsin (1911)
  • Hotel imperial, en Toquio, Xapón (1915)
  • Casa Aline Barnsdall, nos Ánxeles (1917)
  • Colexio Jiyu Gakuen, en Toquio (1921)
  • Casa Alice Millard, A Miniatura, en Pasadena (California) (1923)
  • Casa Charles Ennis, nos Ánxeles (1923)
  • Complexo Taliesin Fellowship, en Spring Green, en Wisconsin (1932)
  • Casa Malcolm Willey, en Minnesota (1934)
  • Casa da fervenza (Fallingwater), en Pensilvania (1935)
  • Casa Paul e Jean Hanna, en Stanford, California (1935)
  • Edificio Johnson, en Wisconsin (1936)
  • Taliesin Oeste (Casa e estudo de Wright), en Scottsdale (Arizona) (1937)
  • Casa John C. Pew, en Wisconsin (1938)
  • Casa Rose Pauson, en Phoenix (Arizona) (1939)
  • Laboratorio de investigación, en Wisconsin (1943)
  • Museo Guggenheim Nova York, en Nova York (1943)
  • Casa herbert Jacobs, en Wisconsin (1944)
  • Igrexa Unitario, en Wisconsin (1947)
  • Tenda de agasallos V. C. Morris, en California (1948)
  • Torre H. C. Price, en Oklahoma (1952)
  • Sinagoga, en Pensilvania (1954)
  • Centro Cívico do Condado de Marin, en San Rafael (California) (1957)
  • Casa Norman Lykes, en Arizona (1959)

Obra escrita máis importanteEditar

  • An Autobiography (1932)
  • An Organic Architecture (1939)
  • Natural House (1954)

NotasEditar

  1. Unha autobiografía por Frank Lloyd Wright, Duell, Sloan e Pearce, Nova York, 1943, páx. 51
  2. Frank Lloyd Wright: A Biography, por Meryl Secrest, University of Chicago Press, 1992, páx. 72
  3. [Phi Delta Theta list of Famous Phis, consultado: 26-maio-2008
  4. Frank Lloyd Wright: A Biography , por Meryl Secrest, páx. 82
  5. Addison, Herb et. al. (2004). The New York Times Guide to Essential Knowledge: A Desk Reference for the Curious Mind. Nova York: St. Martin's Press. p. p. 9. ISBN 0-312-31367-5. 
  6. Frank Lloyd Wright: A Biography,por Meryl Secrest, Alfred A. Knopf, 1993, páx. 202
  7. "País". Arquivado dende o orixinal o 28 de decembro de 2005. Consultado o 18 de outubro de 2019. 
  8. Frank Lloyd Wright: A Biography,por Meryl Secrest, páx. 315-317
  9. "First Unitarian Society". Arquivado dende o orixinal o 22 de xaneiro de 2010. Consultado o 18 de outubro de 2019. 
  10. Guggenheim Museum - History
  11. National Park Service. Lugares históricos nacionais designados, 13 de abril de 2007
  12. Huxtable, p.245
  13. "Frank Lloyd Wright Dies; Famed Architect Was 89". nytimes.com<!. 10 de abril de 1959. Consultado o 12 de maio de 2010. 
  14. Secrest, p. 213

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Brooks, B. (2004), Wright. Madrid: Ed. Taschen
  • Frank Lloyd Wright: Architecture, man in possession of his earth, by Iovanna Lloyd Wright (1962, Doubleday; OCLC 31514669)
  • Many Masks, by Brendan Gill (1987, Putnam; ISBN 0-399-13232-5)
  • Frank Lloyd Wright, by Ada Louise Huxtable (2004, Lipper/Viking; ISBN 0-670-03342-1)
  • Frank Lloyd Wright: a Biography, by Meryle Secrest (1992, Knopf; ISBN 0-394-56436-7)
  • Frank Lloyd Wright: His Life and Architecture, by Robert Twombly (1979, Wiley; ISBN 0-471-03400-2)
  • Frank Lloyd Wright: by Vaccaro, Tony, (2002, Kultur-unterm-Schirm)
  • The Fellowship: The Untold Story of Frank Lloyd Wright and the Taliesin Fellowship, by Roger Friedland and Harold Zellman (2006, Regan Books; ISBN 0-06-039388-2)
  • Loving Frank, by Nancy Horan, (2008, Random House, Inc; ISBN 0-345-49499-7)
  • Architecture of Frank Lloyd Wright, The, by Neil Levine (1996, Princeton University Press; ISBN 0-691-03371-4)
  • Architecture of Frank Lloyd Wright: A Complete Catalog, The, by William Allin Storrer (2007 updated 3rd. ed., University of Chicago Press; ISBN 0-226-77620-4)
  • Frank Lloyd Wright, by Robert McCarter (1997, Phaidon, London; ISBN 0-7148-3148-4 (hardback), ISBN 0-7148-3854-3 (paperback))
  • Frank Lloyd Wright: America’s Master Architect, by Kathryn Smith (1998, Abbeville Publishing Group (Abbeville Press, Inc.); ISBN 0-7892-0287-5)
  • Frank Lloyd Wright: Architect, by the Museum of Modern Art (1994, ISBN 0-87070-642-X)
  • "Frank Lloyd Wright: Architecture and Space", by Peter Blake (1965, Pelican Books).
  • Frank Lloyd Wright Companion, The, by William Allin Storrer (2006 Rev. Ed., University of Chicago Press; ISBN 0-226-77621-2)
  • Frank Lloyd Wright: Masterworks, by Bruce Brooks Pfeiffer (1993, Rizzoli; ISBN 0-8478-1715-6)
  • Frank Lloyd Wright: Building for Democracy, by Bruce Brooks Pfeiffer (2004, Taschen; ISBN 3-8228-2757-6)
  • Wrightscapes: Frank Lloyd Wright’s Landscape Designs, by Charles and Berdeana Aguar (2003, McGraw-Hill; ISBN 0-07-140953-X)
  • Wright Space: Pattern and Meaning in Frank Lloyd Wright's Houses by Grant Hildebrand (1991, University of Washington Press; ISBN 0-295-97005-7)
  • Frank Lloyd Wright Field Guide, by Thomas A. Heinz (1999, Academy Editions; ISBN 0-8101-2244-8)
  • Frank Lloyd Wright's Glass Designs, by Carla Lind (1995, Pomegranate; ISBN 0-87654-468-5)
  • Frank Lloyd Wright Complete Works 1943–1959, by Bruce Brooks Pfeiffer and Peter Gössel (editor) (2009, Taschen; ISBN 978-3-8228-5770-0). First in a series of three monographs featuring all of Wright's 1,100 designs, both realized and unrealized.

Outros artigosEditar

Ligazón externasEditar