Foudia madagascariensis

Foudia madagascariensis

Macho

Femia
Femia

Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Passeriformes
Suborde: Oscines
Infraorde: Passerida
Superfamilia: Passeroidea
Familia: Ploceidae
Xénero: Foudia
Especie: F. madagascariensis
Nome binomial
Foudia madagascariensis
(Linnaeus, 1758)
Sinonimia
Loxia madagascariensis
Linnaeus, 1766

Foudia madagascariensis é unha especie de ave da orde dos paseriformes, suborde dos oscines, infraorde dos paséridos, e familia dos ploceidos, unha das sete pertencentes ao xénero Foudia, propia da illa de Madagascar.

Taxonomía editar

Descrición editar

En 1760, o zoólogo francés Mathurin Jacques Brisson incluíu na súa Ornithologie unha descrición dunha ave de plumaxe vermella, baseándose nun espécime recolectado en Madagascar, e utilizou para designala o nome francés de le cardinal de Madagascar, e o latino de Cardinalis madagascariensis.[2] Aínda que Brisson nesta obra empregou nomes latinos, estes non se axustaban todos á nomenclatura binomial, polo que non están recoñecidos pola Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica.[3]

Cando en 1766 o naturalista sueco Carolus Linnaeus actualizou o seu Systema Naturae para a 12ª edición (que se publicaría dous anos máis tarde), engadiu 240 especies que Brisson describira anteriormente.[3] Unha destas foi a que se trata aquí; Linnaeus incluíu unha breve descrición dela, acuñou o nome binomial Loxia madagascariensis, e citou o traballo de Brisson.[4]

A especie hoxe en día está incluída no xénero Foudia, que foi descrito polo naturalista alemán Ludwig Reichenbach en 1850.[5]

A designación de Foudia madagascariensis como especie tipo do xénero, foi efectuada posteriormente.[6]

Etimoloxía editar

Para a do xénero, véxase Foudia.

O epiteto específico, madagascariensis fai referencia á illa onde habita esta ave.

Características editar

Foudia madagascariensis é un pequeno paxaro duns 5 cm de lonxitude e un peso que pode variar dos 14 aos 19 g, máis ou menos as dimensións dun pardal común.

O macho presenta unha plumaxe, na época da reprodución de cor vermella brillante, con manchas negras ao redor de cada ollo; as partes inferiores son tamén vermellas, o que distigue esta especie doutras semellantes que habitan nas zonas onde se introduciu. As ás e a cola son de cor parda olivácea. Na femia, durante todo o ano, ten a plumaxe das partes superiores do corpo de cor parda olivácea e a das inferiores de cor gris apardazada. A plumaxe dos inmaturos é semellante á das femias.[7]

Hábitat e distribución editar

O seu hábitat habitual son claros de bosques, pasteiros e campos de cultivo. En Madagascar considérase unha praga para o cultivo de arroz.[1][7]

Distribúese de forma natural na illa de Madagascar, pero a especie foi introducida noutras illas do océano Índico, como as illas do Almirante, as do Territorio Británico do Océano Índico, en Bahrain, as Comores, as Seychelles, Mauricio e Reunión e, xa no océano Atlántico, nas de Santa Helena, Ascensión e as de Tristan da Cunha.[1][7][8]

Poboación editar

O tamaño da súa poboación mundial non se cuantificou, pero a especie descríbese como moi común.[9]

Bioloxía editar

Alimentación editar

A especie aliméntase principalmente de sementes, especialmente de herbas, e de insectos, pero tamén consome outros alimentos, como froitos, néctar, restos de comida dos humanos e copra.[7]

Reprodución editar

Fóra da época de reprodución é unha ave gregaria. A medida que se acerca a temporada de reprodución, os machos establecen territorios duns 30 m de diámetro. É unha especie monógama, e o macho, como fan todos os membros dos ploceidos (ou tecedores), comeza a construír o niño no centro do seu territorio antes de que comece o cortexo. Os niños agrúpanse en colonias, e teñen forma globular cunha entrada lateral e un soportal en forma de tubo curto. Está construído tecendo pequenas raíces, gabiáns, herbas e outras febras longas doutros vexetais, e tarda uns oito días para construírse; moitos son abandonados se o macho non logra atraer unha parella.[7]

Impacto nas aves nativas editar

En diferentes partes daquelas illas onde foi introducida, esta especie provocou diferentes impactos nas aves nativas. Tanto Foudia rubra, de Mauricio, que está en perigo de extinción, como Foudia flavicans, de Rodrigues, foron afectadas pola competencia polos recursos alimenticios nas súas respectivas illas.[10]

Status editar

A Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UINC), tendo en conta que Foudia madagascariensis ten unha área de distribución moi grande, estima que a poboación é estábel e que ante a ausencia de evidencias de diminucións ou ameazas substanciais, avalía o estado de conservación da especie como LC (pouco preocupante).[1]

Galería editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 BirdLife International (2018): Foudia madagascariensis na Lista vermella da UICN. Versión 2019-1. Consultada o 21 de abril de 2019.
  2. Brisson, Mathurin Jacques (1760). Ornithologie, ou, Méthode contenant la division des oiseaux en ordres, sections, genres, especes & leurs variétés (en francés e latín). Volume 3. París: Jean-Baptiste Bauche. pp. 112–114, Plate 6 fig 2.  As dúas estrelas (**) ao comezo da sección indican que Brisson baseou a súa descrición no exame dun espécime.
  3. 3,0 3,1 Allen, J. A. (1910). "Collation of Brisson's genera of birds with those of Linnaeus". Bulletin of the American Museum of Natural History 28: 317–335. Arquivado dende o orixinal o 19 de setembro de 2012. Consultado o 22 de abril de 2019. 
  4. Linnaeus, Carolus (1766). Systema naturae: per regna tria natura, secundum classes, ordines, genera, species, cum characteribus, differentiis, synonymis, locis (en latín). Tomus 1, Pars 1 (12ª ed.). Holmiae: Laurentii Salvii. p. 300. 
  5. Reichenbach, Ludwig (1850). Avium Systema Naturale. Das natürliche System der Vögel. Dresden: Expedition der Vollständigsten Naturgeschichte. Plate 79. 
  6. Mayr, Ernst; & Greenway, James C. Jr., eds. (1962). Check-list of birds of the world. Volume 15. Cambridge, Massachusetts: Museum of Comparative Zoology. p. 62. 
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 Safford, Roger & Hawkins, Frank (2013): The Birds of Africa: Volume VIII: The Malagasy Region: Madagascar, Seychelles, Comoros, Mascarenes. Londres, UK: A&C Black. ISBN 978-0-7136-6532-1, pp. 892–896.
  8. "Madagascar Red Fody (Foudia madagascariensis) (Linnaeus, 1766)". Avibase - The world bird database (en inglés). Consultado o 22 de abril de 2019. 
  9. Morris, P. & Hawkins, F. (1998): Birds of Madagascar: a photographic guide. Robertsbridge, UK: Pica Press.
  10. Lever, Christopher (2010). Naturalised Birds of the World. Londres, Reino Unido: Bloomsbury Publishing. p. 276. ISBN 978-1-4081-2825-1. Consultado o 22 de abril de 2019. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Craig, Adrian (2010): "Family Ploceidae (Weavers)". En del Hoyo, J.; Elliott, A. & Christie, D. A. Handbook of the Birds of the World 15. Barcelona: Lynx Edicions. ISBN 978-84-9655-368-2.
  • del Hoyo, J.; Collar, N. J.; Christie, D. A.; Elliott, A., Fishpool, L. D. C.; Boesman, P. & Kirwan, G. M. (2016): HBW and BirdLife International Illustrated Checklist of the Birds of the World. Volume 2: Passerines. Barcelona / Cambridge, UK: Lynx Edicions / BirdLife International. ISBN 978-84-9655-398-9.
  • Fry, C. H. & Keith, S. (2004): The birds of Africa. Volume VII. Londres, Reino Unido: Christopher Helm. ISBN

Outros artigos editar