Fokker F28 Fellowship

O Fokker F28 Fellowship é un reactor de pasaxeiros de curto alcance deseñado e fabricado polo construtor neerlandés Fokker.

Fokker F28 Fellowship
Piedmont F-28-1000.jpg
Tiporeactor rexional
FabricanteFokker
Primeiro voo9 de maio de 1967
Introducido28 de marzo de 1969
Estadoen servizo militar
Produción1967 - 1987
Unidades construídas241
VariantesFairchild 228

Tras o Fokker F27 Friendship, un dos primeiros e exitoso avión rexional turbohélice, Fokker decidiu comezar a desenvolver un novo avión de proximidade impulsado por turborreactores baseándose na súa experiencia co F27. Durante a fase de deseño púxose moita atención no estudo do mercado e nas preocupacións dos clientes; entre outros cambios realizados, aumentouse o seu tamaño, pasando a capacidade máxima de 50 a 65 pasaxeiros. Durante o mes de abril de 1962 Fokker anunciou o lanzamento formal do F28 Fellowship.

O 9 de maio de 1967 o prototipo F28-1000 realizou o seu primeiro voo. A súa certificación chegou o 24 de febreiro de 1969, e o primeiro voo comercial foi coa aeroliña Braathens o 28 de marzo dese ano. Tras a súa entrada en servizo Fokker desenvolveu múltiples variantes do F28. O F28-2000 tiña unha fuselaxe máis longa que podía acomodar ata 79 pasaxeiros. O F28-4000 estaba equipado co máis silencioso Rolls-Royce Spey 555-15H, tiña unha cabina redeseñada e unha á modificada, e podía sentar ata 85 pasaxeiros. A produción do F28 rematou no ano 1987 en favor de dous novos derivados, o Fokker 70 e o máis longo Fokker 100.

DesenvolvementoEditar

 
O prototipo de F28 un mes antes do seu primeiro voo

En 1960 o fabricante neerlandés Fokker estaba involugrado en múltiples programas; entre eles varios avións militares como o Bréguet Br.1150 Atlantic e o Lockheed F-104 Starfighter, así como o exitoso turbohélice de pasaxeiros F27 Friendship.[1] Nese tempo a aeroliña British European Airways (BEA) publicou unha especificación que buscaba un avión rexional de gran velocidade impulsado por turborreactores. En resposta, Fokker interesouse en desenvolver o seu propio turborreactor de curto alcance.[2] Segundo a publicación Flying, o futuro avión de Fokker foi fortemente modelado pola retroacción e as experiencias dos clientes do F27, particularmente daqueles no crucial mercado norteamericano. Así, incorporáronse metodoloxías de deseño e preferencias estadounidenses, enfatizando a simplicidade, así como esforzándose en minimizar as barreiras comerciais e de lingua.[3]

Durante o mes de abril de 1962 Fokker anunciou o lanzamento do F28 Fellowship. O programa era un esforzo colaborativo conducido entre varias compañías europeas, como a propia Fokker, as empresas de Alemaña occidental Messerschmitt-Bölkow-Blohm (MBB) e VFW-Fokker, e Short Brothers de Irlanda do Norte. Os gobernos tamén investiron unha gran cantidade de cartos no proxecto; o goberno neerlandés proporcionou o 50% da participación de Fokker, mentres que o de Alemaña occidental contribuíu co 60% da participación alemá, que era do 35%. Fokker tamén se achegou a outras compañías de aviación con ofertas de participación como a francesa Sud Aviation e a británica Hawker Siddeley.[1]

O traballo de deseño inicial centrouse nun avión capaz de transportar un máximo de 50 pasaxeiros a distancias ata os 1 650 km, modificándose posteriormente para poder acomodar ata 65 asentos nunha configuración de 5 prazas por ringleira, destacando o incremento do seu peso máximo de engalaxe, baseándose en estudos do mercado.[4] O alongado avión podía compararse en capacidade ao británico Vickers Viscount, un exitoso avión de pasaxeiros turbohélice.[5] O deseño era capaz de velocidades moi superiores ás dos seus competidores turbohélice, pero seguía sendo relativamente baixa en comparación aos deseños a reacción contemporáneos, facilitando o uso dunha á baixa relativamente recta e conseguindo boas características a baixas velocidades que lle permitían operar no 85% dos aeroportos onde operaban o F27 e o Douglas DC-3. Segundo Flying, o avión podería ser o dobre de produtivo que o F27, mentres que a propia compañía referíase ao novo modelo como un complemento ao turbohélice irmán.[5]

Ao chegar a certa etapa de desenvolvemento, Fokker intentou que o F28 fose impulsado por un par de turboventiladores Bristol Siddeley BS.75. Porén, esta selección foi moi disputada polo fabricante rival Rolls-Royce, que presentou o seu Rolls-Royce Spey Junior, unha versión simplificada do seu motor Spey. Rolls-Royce finalmente fíxose coa vitoria e o F28 sería impulsado exclusivamente por varios modelos do Spey.[6]

A responsabilidade tanto do deseño como da fabricación do F28 dividíuse entre as compañías asociadas. Fokker deseñou e fabricou a sección do nariz, a fuselaxe central, e a parte interior das ás; MBB/Fokker-VFW encargouse da fuselaxe dianteira, traseira e a montaxe da cola; mentres que Shorts deseñou e produciu a parte externa das ás.[7] A montaxe final do Fokker F28 foi no aeroporto de Schiphol, nos Países Baixos. O fabricante estadounidense Fairchild Aircraft considerou producir localmente o seu propio derivado do F28, coñecido como Fairchild 228, aínda que finalmente non chegou a producirse, decidindo entón a compañía actuar como mero distribuidor do F28.[7] No ano 1987 rematou a fabricación do F28 en favor dos novos Fokker 70 e Fokker 100; ata ese momento fabricáronse un total de 241 unidades.[8][9]

O prototipo do F28-1000, rexistrado PH-JHG, voou por primeira vez o 9 de maio de 1967, pilotado polo piloto xefe de probas Jas Moll, o piloto de probas Abe van der Schraaf, e o enxeñeiro de voo Cees Dik. A certificación das autoridades da Alemaña occidental chegou o 24 de febreiro de 1969, permitindo que o F28 puidese entrar en servizo. Aínda que o primeiro pedido fora realizado pola aeroliña alemá LTU, o seu primeiro voo comercial realizouno Braathens o 28 de marzo de 1969.[8]

DeseñoEditar

 
Interior dun F-28-4000

O Fokker F28 Fellowship era un reactor bimotor de curto alcance e compartía moitas características co BAC One-Eleven de British Aircraft Corporation e coa primeira xeración do Douglas DC-9 estadounidense en termos de configuración básica, contando cunha cola en T e motores montados na parte traseira da fuselaxe.[7] A eleción dunha á baixa, entre outros beneficios, fíxose para protexer aos motores da entrada de obxectos estraños. O combustible almacenabase tanto na parte externa das ás como na fuselaxe, e podían engadirse depósitos montados en píos para operacións de longo alcance.[10] A estrutura, que conta cun deseño de vida segura, construíuse usando as mesmas técnicas de unión pioneiras do F27.[6]

O F28 estaba equipado con ás que tiña un lixeiro ángulo crecente en forma de frecha. Utilizaba unha construción en caixa convencional, de dúas pezas separadas unidas na fuselaxe.[5] A á tiña aleróns situados preto das puntas, xunto con flaps sinxelos que eran suplementados polos aleróns durante as aproximacións; todas as superficies de control de voo actuaban a través dun cableado duplicado e, agás o temón, estaban aerodinamicamente equilibrados.[1] Tamén estaba equipada cun spoiler de cinco seccións que só se operaba tras a aterraxe; decidiuse usar un spoiler en vez de alternativas como reversas xa que os deseñadores sentían que esta configuración reduciría tanto o peso como a carga de traballo durante o mantemento. Excluiro uso de reversas tamén implicou que se reducía a posibilidade de que os motores inxerisen cascallos cando o avión operaba en pistas sen pavimentar. A á tamén tiña un bordo de ataque fixo (aínda que un modelo experimental tiña slats no bordo de ataque e estes ofrecéronse como opción) e era desconxelado a través de aire purgado dos motores.[6]

O F28 está impulsado por un par de turborreactores Rolls-Royce Spey; dependendo do modelo estes podían xerar ata 43,9 kN de empuxe.[11] Aínda que a característica estaba dispoñible na época, Fokker decidiu non equipar os motores dos primeiros F28 cun sistema de inxección de auga-metanol, xa que a compañía determinou que os motores xa tiñan un rendemento suficiente incluso cando se usaban en condicións cálidas ou altas.[4] A meirande parte dos sidemas a bordo están deseñados con sinxeleza en termos de operabilidade e capacidade de servizo; non se usou un sistema hidráulico e no seu lugar o tren de aterraxe e a dirección dependían de bombas pneumáticas.[6] Porén, o F28 tiña uha electrónica bastante avanzada, xa que o equipo de deseño de Fokker considerou este factor importante de cara á competencis xeral.[1]

Unha característica pouco común do F28 eran as seccións divididas móbiles instaladas no cono de cola; estas abriríanse hidráulicamente cara fóra para actuar como freo de aire variable. Unha idea semellante usouse tamén no caza contemporáneo Blackburn Buccaneer e no avión rexional posterior British Aerospace 146. O deseño é único xa que non só frena o avión rapidamente, senón que tamén pode axudar un rápidos descensos dende altitudes económicas de cruceiro e permite que os motores se axusten a altas velocidades, o que axuda a eliminar tempos de atraso. Isto significaba que os motores respondían máis rapidamente se se precisaban cambios súbitos de velocidade ou facer un motor e ao aire nas aterraxes.O Fellowship tiña un tren retractable en triciclo, que usaba grande pneumáticos de baixa presión, permitindo o seu uso en pistas sen pavimentar. O uso de freos antideslizantes nas rodas principais do tren tamén contribuían a unha curta aterraxe.[1]

VariantesEditar

Unha variante do F28, equipada cunha fuselaxe máis longa, designouse F28-2000; este modelo podía transportar ata 79 pasaxeiros en vez dos 65 do F28-1000. O prototipo deste modelo era un prototipo F28-1000 convertido que voou por vez primeira o 28 de abril de 1971. As variantes F28-6000 e -5000 eran modelos modificados dos F28-2000 e F28-1000, respectivamente; as principais características destes modelos era a adición de slats, unha maior envergadura e motores máis potentes e silenciosos. Tanto o F28-6000 como o -5000 fracasaron e finalmente só se fabricaron dous F28-6000s e ningún F28-5000. Tras ser usado por Fokker durante un tempo, os F28-6000 vendéronse a tras ser convertidos a F28-2000.[8]

Quizais a versión con máis éxito do F28 foi o F28-4000, que se estreou o 20 de outubro de 1976 cun dos maiores clientes de Fokker, Linjeflyg. Esta versión estaba impulsada por motores máis silenciosos Spey 555-15H, tiña unha capacidade de ata 85 pasaxeiros, maior envergadura con ás reforzadas, unha nova cabina de mando, e un interior modernizado. O F28-3000, o sucesor do F28-1000, tiña as mesmas melloras que o F28-4000.

F.28 Mk 1000 (F28-1000)
Tiña unha capacidade máxima de 70 pasaxeiros e foi certificado pola EASA o 24 de febreiro de 1969. O 1000C tiña unha gran porta de carga na cuberta principal.[12]
F.28 Mk 2000 (F28-2000)
 
F28 4000 de Air France
Un Mark 1000 coa fuselaxe alongada 1,4 m dinate das ás e 0,76 m detrás. Tiña unha capacidade de ata 79 pasaxeiros e foi certificado pola EASA o 30 de agosto de 1972.[12] Voou por vez primeira o 28 de abril de 1971 e entrou en servizo en outubro dese ano con Nigeria Airways. Só se fabricaron 10 unidades.[8]
F.28 Mk 3000 (F28-3000)
Un Mark 1000 con 1,5 m máis de envergadura certificado o 19 de xullo de 1978. Tiña unha variante 3000C cuha porta máis grande na cuberta de carga.[12] Foi unha versión exitosa con estrutura reforzada e maior capacidade de combustible que comezou a operar con Garuda Indonesia.[8]
F.28 Mk 4000 (F28-4000)
Certificado o 13 de decembro de 1976 está baseado no Mark 2000. Ten dúas saídas sobre as ás, 1,5 m máis de envergadura e capacidade para 85 pasaxeiros.[12] O primeiro prototipo apareceu o 20 de outubro de 1976 e comezou a operar coa aeroliña sueca Linjeflyg a finais dese ano.[8]
F.28 Mk 5000 (F28-5000)
Ía combinar a fuselaxe máis curta do Mk 3000 cunha envergadura incrementada. Engadiríanse slats no bordo de ataque e equiparíase cos motores máis potentes Rolls-Royce RB183 Mk555-15H. Aínda que se agardaba que fose un excelente avión para operar en pistas curtas debido á súa potencia o proxecto abandonouse.[8]
F.28 Mk 6000 (F28-6000)
Voou por vez primeira o 27 de setembro de 1973, e tiña a fuselaxe longa do Mk 2000/4000 con máis envergadura e slats nos bordos de ataque das ás. Foi certificado nos Países Baixos o 30 de outubro de 1975. Fabricáronse dúas unidades en 1976.[8][13]
F.28 Mk 6600 (F28-6600)
Versión proposta pero nunca fabricada.[8]
Fairchild 228
Proposta de versión estadounidense de 50 asentos que sería montado por Fairchild-Hiller con motores Rolls-Royce RB.203 Trent. O proxecto cancelouse.[14]

Accidentes e incidentesEditar

Avións expostosEditar

EspecificaciónsEditar

Variante -1000[11] -2000[11] -4000[21] -3000[21]
Pasaxeiros 65 79 85 65
Bodega de carga 13m³ 15,9m³ 13 m³
Lonxitude 27,4m 29,6m 27,4m
Altura 8,47m
Envergadura 23,6m 25,07m
Á 76,4m², 16° de frecha, 7.3:1 alongamento 79m², 16° de frecha, 8:1 alongamento
Peso máximo de engalaxe 29 480 kg 33 110 kg
Peso baleiro 16 144 kg 16 707 kg 17 611 kg 16 846 kg
Carga útil máxima 8 629 kg 7 976 kg 10 556 kg 8 620 kg
Combustible máximo 13 040 l
2× turboventiladores Rolls-Royce Spey Mk 555-15 Rolls-Royce Spey Mk 555-15H
Empuxe unitario 43,9 kN
Velocidade de cruceiro 848 km/h Max, 666 km/h LR 808 km/h Max, 656 km/h LR
Consumo de combustible 2 800 kg/h Max, 1 480 kg/h LR 2 260 kg/h Max, 1 475 kg/h LR
Autonomía 1,705 km 1,668 km 2,872 km
Engalaxe (MTOW, ISA, SL) 1 676m
Aterraxe (MLW, SL) 1 079 m 1 065 m 967 m
Teito de voo 10 700 m[21]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 May 1963, p. 94
  2. May 1963, p. 25
  3. May 1963, pp. 25, 92
  4. 4,0 4,1 May 1963, pp. 93-94
  5. 5,0 5,1 5,2 May 1963, p. 92
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 May 1963, p. 93
  7. 7,0 7,1 7,2 Eden 2016, p. 124
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 8,6 8,7 8,8 López Ortega, Antonio. ([1999]). Reactores comerciales : dibujos del autor. Madrid: Agualarga. ISBN 978-84-95088-87-1. OCLC 47809267. 
  9. Eden 2016, pp. 126-127
  10. May 1963, pp. 92-93
  11. 11,0 11,1 11,2 "Commercial aircraft survey". Flight International. 24 de outubro de 1974
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 "Certificación do Fokker F28" (PDF). EASA. Consultado o 10 de decembro de 2020. 
  13. Jane's all the world's aircraft. 1976-77 : [67th year]. London: Jane's Yearbooks. 1976. ISBN 0-354-00538-3. OCLC 85999217. 
  14. "What happened to the Fairchild 228?". AAHS Journal. Primavera de 1998
  15. Ranter, Harro. "ASN Aircraft accident Fokker F-28 Fellowship 3000 PK-GFU Sorong-Jefman Airport (SOQ)". 
  16. "Fokker F 28 1000 Fellowship - Norsk LuftfartsmuseumNorsk Luftfartsmuseum". web.archive.org. 2018-07-10. Consultado o 2020-12-13. 
  17. Falcus, Matt (2017-07-03). "11 Unusual Preserved Airliners in the USA". Airport Spotting (en inglés). Consultado o 2020-12-13. 
  18. 18,0 18,1 "Stichting AIRnieuws Nederland". www.airnieuws.nl. Consultado o 2020-12-13. 
  19. Davey, Andy. "Fokker F-28-4000, XY-AGH / 1114, Myanma National Airlines (UB / UBA) :". abpic.co.uk. Consultado o 2020-12-13. 
  20. "Registration Details For PK-MGJ (Merpati Nusantara Airlines) Fokker F-28-4000 - PlaneLogger". www.planelogger.com. Consultado o 2020-12-13. 
  21. 21,0 21,1 21,2 "Commuter airliner guide". Flight International. 21 de marzo de 1981

BibliografíaEditar

  • Eden, Paul E. "The World's Most Powerful Civilian Aircraft." Rosen Publishing Group, 2016. ISBN 1-4994-6588-2