Yangon
Coordenadas: 16°48′N 96°9′L / 16.800, -96.150
Yangon (en birmano: ရန်ကုန်) é unha cidade de Myanmar, a maior e máis importante do país (4.668.755 hab. en 2007), e capital do mesmo ata o 2005 no que foi substituída pola nova cidade de Naypyidaw.
Yangon | |
---|---|
ရန်ကုန် | |
![]() | |
Vista da cidade | |
Localización | |
País | ![]() |
Rexión | Territorio de Yangon |
Xeografía | |
Superficie | 598,75 km² |
Demografía | |
Poboación | 5.998.000 hab. (2010) |
Densidade | 10.000 hab/km² |
Outros datos | |
Alcalde | Hla Myint |
Situada no delta do Irawadi, a beira da súa póla máis oriental preto da desembocadura no Mar de Andaman, é o principal porto, centro industrial, comercial, financeiro e cultural de Myanmar.
Naceu coma cidade cando, en 1753, o rei Alaungpaya conquistou o que dende o século V era unha vila de pescadores xunto a un templo mon, Dagon, renomeándoa Yangon, "sen inimigos".
En 1852 caeu en mans do Imperio Británico que a chamaron Rangoon (Rangún).
HistoriaEditar
Santuario de peregrinaciónEditar
As orixes de Yangon van unidas ás do templo Shwedagon, unha estupa budista (pagode) erixida pola etnia Mon, segundo a lenda antes da morte de Buda (século V aC) con reliquias súas. Os arqueólogos, con todo, a datan entre o século VI e o X (inicialmente de nove metros de altura). A seu carón, na beira do río Yangon (en realidade o brazo máis oriental do delta do Irawadi), desenvolveuse unha aldea pesqueira do mesmo nome, Dagon.
O pagode foi arruinándose ata que no século XIV sucesivos rexes Mon de Bago (Pegu) a reconstrúen cada vez máis alta (acadando os 98m no século XV). Converteuse no santuario máis importante do reino, centro de peregrinación e Dagon, ao mesmo tempo, nun importante porto (inda que o porto comercial de cabeceira da rexión era o próximo Siriam, na beira oriental do río Pegu). Neste tempo foi fundado un novo asentamento ao oeste do Shwedagon.
YangonEditar
Nos séculos seguintes, o pagode foi seriamente danado por varios terremotos. En 1755, o rei Alaungpaya, fundador da dinastía Konbaung, conquista Dagon e renoméaa Yangon. Convértea en cidade, agrandándoa engadindo asentamentos no sur do Shwedagon ao longo do río ( de oeste a leste Ahlon, Pabedan, Kyauktada e Botataung) arredor doutra pagode, Sule (que existía dende o tempo de Dagon). Asemade, faina porto do reino en detrimento de Siriam, destruído. En 1768, tras un novo terremoto que derruba o pináculo do Shwedagon, o rei Hsinbyushin reconstrúeo co seu aspecto dourado actual.[1][2] O rei Thayawaddy (1837-46) enriqueceu a cidade con templos e un complexo palaciano na actual Dagon Township (inmediacións do Shwedagon).
Rangún colonialEditar
Destruída polo lume en 1841 e polos británicos cando a súa conquista en 1852, a cidade foi refeita segundo un plano reticular en paralelo ao río (deseño do enxeñeiro militar A. Fraser[3]) centrado no Pagode Sule, onde situáronse os edificios administrativos.[4] Nas mazás arredor desenvolveuse o comercio e actividades sociais. Nas máis exteriores, a área residencial e dos grupos étnicos (vg. a cidade chinesa). As mazás cadradas foron a súa vez divididas lonxitudinalmente na dirección perpendicular ao río (norte-sur) con rúas intermedias máis estreitas.[5]
Co nome de Rangún (Rangoon) foi declarada capital da Birmania Británica en 1885.
Ademais os británicos continuaron a fortalecer a cidade coma centro comercial e portuario da rexión (ferrocarril), o que produciu un gran crecemento de poboación, aparecendo novos barrios cara ao norte, arredor de dous reservorios de auga artificiais, o Lago Kandawgyi (Lago Real) xunto ao Shwedagon e o Inya máis lonxe do centro[6]. Tamén dotaron á capital dos servizos e institucións (hospitalarias, educativas) dunha cidade moderna.
Independencia e loita democráticaEditar
Despois dunha breve ocupación xaponesa foi nomeada capital da Birmania independente en 1948.
O crecemento continuou, pero coa chegada, a partir de 1962, de xuntas militares aislacionistas e xenófobas ao poder, a cidade foi perdendo pulo a vez que actividade cosmopolita (e mesmo caendo en certo abandono). Recuperou o seu antigo nome de Yangon en 1989 pero en 2005 as autoridades designaron Naypyidaw coma nova capital administrativa da renomeada Myanmar. A conseguinte emigración de persoal e embaixadas supón un novo golpe ao que engadiuse a destrución de gran parte da súa infraestrutura industrial tralo paso do ciclón Nargis en 2008.
As periódicas revoltas antigobernamentais e prodemocráticas teñen en Yangon o seu principal escenario, con resultados sanguentos ata o de agora.
NotasEditar
- ↑ "Pintura do s.XIX coa vía de acceso ao Shwedagon". Arquivado dende o orixinal o 10 de xuño de 2015. Consultado o 16 de marzo de 2010.
- ↑ Plano de Yangon, 1824
- ↑ Plano de Rangún
- ↑ Plano de Rangún, 1893
- ↑ Plano de Rangún coa partición das mazás en lotes lonxitudinais con rueiros intermedios, 1924 [1]
- ↑ Mapa de Yangon cos desenvolvementos cara ao norte
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Yangon |