Kalandraka

editorial
(Redirección desde «Faktoría K»)

Kalandraka é unha editorial pontevedresa especializada na edición de libros infantís. Naceu no ano 1998[1], baixo a inspiración dun grupo de persoas ligadas ao mundo do ensino e da literatura infantil nas súas vertentes de animadores, libreiros, autores ou difusores[2]. Conta con máis de 1000 títulos no catálogo[3]. Foi pioneira en Galicia na edición de álbum ilustrado de xeito sistemático en galego e, en paralelo, noutras linguas peninsulares (éuscaro, catalán, castelán e portugués) e do resto do mundo (italiano e inglés).

Kalandraka
Logo
Kalandraka na feira do libro de Madrid de 2008.
Tipoeditorial
Data de fundación2 de abril de 1998
PremiosPremio Nacional a la Mejor Labor Editorial Cultural
EnPontevedra
PaísGalicia
42°25′46″N 8°38′45″O / 42.429583333333, -8.6459444444444
Na rede
http://www.kalandraka.com/
Facebook: EDITORIALKALANDRAKA Twitter: kalandrakaedit Instagram: kalandrakaeditora Youtube: UCQuyP5-ZbLvkgAdaOG3YegQ Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

En 2012 converteuse na primeira editorial galega en ser recoñecida polo Ministerio de Cultura español co Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural, unha distinción de carácter honorífico creada en 1994 para recoñecer a traxectoria editorial de persoas físicas ou xurídicas cuxa achega á vida cultural fose innovadora e sobranceira.[4]

O primeiro director da empresa foi Xoán Couto, cargo que dende 2004 ocupa o vigués Xosé Ballesteros; canda el, na dirección editorial, está Manuela Rodríguez[5]. A compañía conta na actualidade con máis de 20 traballadores e unha posición consolidada no mercado internacional.

En colaboración co Concello de Santiago de Compostela convoca dende 2007 o Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados[6]. Así mesmo, en colaboración co concello de Orihuela convoca dende 2008 o Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía para Nenos[7].

A compañía promove outros proxectos e establecementos comerciais como a libraría Libros para soñar[8] na zona vella de Vigo, o Espacio Kalandraka (unha sala de exposicións e obradoiros artísticos) no Barrio das Letras madrileño[9] ou a canle de televisión dixital de literatura infantil e xuvenil Kalandraka.tv[10].

Faktoría K é un dos selos da editorial[11].

Traxectoria editar

Etimoloxía editar

 
Xosé Ballesteros (esqda.), director de Kalandraka, co xornalista Ramón Rozas na Casa das Campás, como parte o evento Conversas na UVI, o 23 de outubro de 2018.

O nome da compañía, Kalandraka, está tomado dun grupo de teatro vinculado aos fundadores, e escollérono principalmente debido á súa forte sonoridade.

Con todo, varios dicionarios bidireccionais castelán-galego recollen o termo homófono calandraca coas acepcións de "lodo aherido á roupa" e, nun sentido figurado, de "esperpento, persoa desleixada e sucia" ou "calamidade"[12][13].

Por outra banda, en castelán é posible rastrexar outros significados como o de "sopa feita a base de galleta" (nun contexto marítimo) e o de conversa molesta (un localismo murciano)[14].

Con nomes idénticos ou parecidos, existen outros grupos e entidades sen vinculación ningunha coa editorial: o grupo musical Kalandrakas[15] ou o refuxio Kalandraka, en Rodellar (Huesca)[16].

Comezos editar

Dende os inicios, amais do aspecto netamente literario, unha das preocupacións da editorial tiña que ver coa normalización lingüística do galego[17]. Así mesmo, a editorial desenvolveu xa dende a nacenza unha serie de actividades de animación á lectura co título de “Libros para contar”.

Iniciouse con tres coleccións: Demademora, que pretendía recoller a obra dos escritores e autores contemporáneos; Os Contos do Trasno, que acollía as adaptacións dos contos clásicos ou a versión dos contos populares de diferentes culturas (estreouse con "A casiña de chocolate" dos irmáns Grimm, adaptada e ilustrada por Macu Fontarigo, e con "Os tres osos", con debuxos de Pepe Carreiro); e Maremar, unha colección de creación, cun formato diferente, dirixida a "nenos entre 9 e 99 anos"[18], que abriu con O ladrón de voces (con ilustracións de Loreto Blanco Salgueiro e textos de Rafael F. Lorenzo) en 1998[19].

Ao longo da primeira etapa, foi diversificando a súa produción con máis coleccións: Tras os montes, conformada por éxitos internacionais da literatura infantil do século XX traducidos ao galego[20], a Biblioteca de Panteno, con textos para adultos sobre a literatura infantil, ou Sondeconto.

1999-2009 editar

En 2001 apareceron as coleccións Seteleguas, para lectores de entre 8 e 10 anos, e Tiramillas, para aqueloutros de entre 10 e 12.

Múltiples ilustradores galegos e de fóra iniciaron con Kalandraka a súa andaina polo mundo da literatura infantil. Nalgúns casos, os recoñecementos en forma de Premios Nacionais chegaron axiña, como foi o caso de Óscar Villán con O coelliño branco (Premio Nacional de Ilustración de 1999) ou de Federico Fernández con Onde perdeu Lúa a risa? (Premio Nacional en 2001).

Máis adiante, en 2003, a obra Artefactes recibiría o Premio ao Libro mellor editado; ese ano o libro Pancho, de Antonio Santos, foi distinguido co 2º Premio Nacional de Ilustración[21]. Un ano máis tarde, en 2004, Un lugar en el bosque, de Armando Quintero, foi Premio Nacional de Literatura infantil no Uruguai.

Pola súa banda, Smara acadou o Premio Isaac Díaz Pardo ao libro mellor ilustrado de 2006. E Pucho o habitador dos tellados, de Manuel Janeiro Casal, ilustrado por Juan Ramón Alonso, recibiu o Premio Nacional de Edición no ano 2007[22].

Estas e outras obras publicadas pola editorial recibiron así mesmo o Premio Llibreter[23], o Daniel Gil[24] (en varias edicións) ou o Premi Junceda d'l·lustració[25].

Moitos dos seus libros foron traducidos a outras linguas, coma o xaponés, o coreano, o grego ou o hebreo entre outros[26].

2010-2020 editar

En 2012 obtivo o Premio Nacional ao Mellor Labor Editorial Cultural do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte polo "seu compromiso coa literatura infantil, destacando o coidado dos textos, xunto coa calidade da ilustración e a adicación a xéneros máis complexos como a poesía"[27]. En 2013 foi galardoada co Premio Xoán Manuel Pintos do Concello de Pontevedra.[28] En 2018, 2019 e 2020 recibiu o Premio Gala do Libro Galego na modalidade de Teatro por distintas obras (Rio Bravo, Eroski Paraíso e Citizen) de Chévere[29]; nesa Gala, convocada anualmente pola Asociación Galega de Editoras, a Federación de Librarías de Galicia e a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, obtivo en todas as edicións un importante número de candidaturas entre as obras finalistas de cada modalidades[30][31].

En 2017 botou a andar a Biblioteca de Teatro, especializada na publicación de textos teatrais[32]. En 2019 a editorial puxo en marcha a colección "Confluências"[33]. En 2020, durante os primeiros meses da crise sanitaria derivada da pandemia mundial de coronavirus, Kalandraka optou por potenciar os contidos de literatura infantil a través da súa canle televisiva, presentada por Bea Campos[34].

Notas editar

  1. Editorial Kalandraka. Exposición Sala Infantil Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine., Reddebibliotecas.jccm.es (en castelán).
  2. Información sobre a editorial en Guiaempresas.universia.es (en castelán). O grupo promotor conformábano Xoán Couto, Begoña Martínez, Gonzalo Pérez, Isabel Tato, Manuela Rodríguez e Xosé Ballesteros, que daquela achegaron un millón de pesetas (6.000 €) por cabeza.
  3. 20 años de aniversario para una Kalandraka con nuevos proyectos, Galiciapress, 31 de marzo de 2018 (en castelán).
  4. Premio Nacional a la Mejor Labor Editorial Cultural Arquivado 27 de abril de 2020 en Wayback Machine., Culturaydeporte.gob.es (en castelán).
  5. Ficha de Rodríguez Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine. na web da editorial.
  6. O Concello e Kalandraka convocan un premio internacional de álbum ilustrado pioneiro en Galicia, Santiagodecompostela.gal, 8 de outubro de 2007.
  7. Ficha da obra gañadora Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine. na I edición do certame.
  8. Blog da libraría Libros para soñar.
  9. Entrada Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine. sobre Espacio Kalandraka en barrioletras.com
  10. Páxina web de Kalandraka.tv.
  11. Faktoría K de Libros Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine., Kalandraka.com.
  12. De "calamidad" a referente mundial, Faro de Vigo, 15 de outubro de 2012 (en castelán).
  13. Entrada no Dicionario de Dicionarios, UVigo.
  14. Entrada no DRAE (en inglés)
  15. Páxina web oficial Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine. da banda de rock (en castelán).
  16. Páxina web Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine. do albergue (en castelán).
  17. Entrevista con X. Ballesteros, Pekelele.es (en castelán).
  18. Os contos para nenos xa teñen a súa propia casa editorial en galego, Faro de Vigo, 6 de xuño de 1998 (en castelán).
  19. Ficha da obra na Revista Galega de Educación, dixitalizada no arquivo da AELG.
  20. Kalandraka Editora cumpre cinco anos como un referente para edición galega e para a literatura infantil e xuvenil de todo o mundo, Culturagalega.gal, 2 de abril de 2003.
  21. Ficha da obra Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine. (en castelán).
  22. Pucho, o habitador dos tellados, LG3.
  23. "La niña de rojo" (Kalandraka), Premio Llibreter 2013, Culturamas, 25 de xuño de 2013 (en castelán).
  24. Una obra editada por Kalandraka recibe el Premio Daniel Gil al mejor libro infantil, La Voz de Galicia, 21 de febreiro de 2008 (en castelán).
  25. Listados de premios de álbum ilustrado, revista Cornabou Modelo:Cat.
  26. Catálogo de 2019 Arquivado 07 de xuño de 2020 en Wayback Machine. coa relación da venda de dereitos de cada título.
  27. Kalandraka, Premio Labor Editorial Cultural 2012 Arquivado 01 de xuño de 2020 en Wayback Machine., Kalandraka.com, 9 de outubro de 2012
  28. "A Coordinadora de Normalización da Lingua e Kalandraka reciben os premios Xoán Manuel Pintos". Pontevedra Viva. 29/11/2013. Consultado o 2/3/2018. 
  29. "'Río Bravo' de Chévere, gañadora dos Premios Gala do Libro Galego na categoría de Teatro - Erregueté". Erregueté. 2018-05-19. Consultado o 2018-05-19. 
  30. Gala do Libro Galego 2019. Obras finalistas, AELG, 15 de marzo de 2019.
  31. Finalistas da Gala do Libro Galego 2020, Editorasgalegas.gal.
  32. "Colección Biblioteca de Teatro". Kalandraka. Arquivado dende o orixinal o 19 de marzo de 2018. 
  33. Unha ponte literaria peninsular, artigo de Xesús Fraga en La Voz de Galicia o 7 de maio de 2019
  34. Kalandraka se lanza a los cuentacuentos para superar el confinamiento, La Voz de Galicia, 25 de marzo de 2020

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar