Factor de crecemento
Os factores de crecemento ou GF (do inglés growth factors) chamados tamén "factores tróficos" son un conxunto de substancias, a maioría de natureza proteica que, xunto coas hormonas e os neurotransmisores, desempeñan unha importante función na comunicación intercelular[1]. A función principal dos factores de crecemento é o control externo do ciclo celular, mediante o abandono da quiescencia celular (fase G0 do ciclo) e a entrada da célula en fase G1. O aumento do tamaño celular é tamén estimulado ao incrementarse a síntese proteica, xunto coa proliferación celular.[2]
Características
editarA función dos factores de crecemento non só é estimular a proliferación celular por medio da regulación do ciclo celular iniciando a mitose, senón tamén manter a supervivencia celular, estimular a migración celular, a diferenciación celular e mesmo a apoptose.
Os factores de crecemento desempeñan a súa función a moi baixa concentración nos líquidos corporais, da orde de picogramos. Actúan uníndose a receptores celulares situados na membrana celular que transmiten o sinal do exterior ao interior da célula, mediante o acoplamento de diferentes proteína quinases que se fosforilan e que activan unha fervenza de sinais que acaba coa activación dun ou varios xenes (transdución de sinais).
A función dos factores de crecemento está regulada por diferentes mecanismos que controlan a activación xenética como:
- A transcrición e a tradución do xene do factor de crecemento.
- A modulación de emisións de sinais polo receptor.
- O control da resposta celular por moléculas con acción oposta á resposta inicial.
- O control extracelular pola dispoñibilidade do factor de crecemento que é atrapado na matriz extracelular.
En estudos con cultivos celulares descubriuse que os factores de crecemento son transportados polo soro. Son producidos por gran número de células e os requirimentos son moi variables entre diferentes células. Para que as células proliferen nun cultivo cómpre a existencia de soro que achegue os factores de crecemento e as moléculas de adhesión celular como a fibronectina e a vitronectina, e nutritivas como lipoproteínas e a transferrina, xunto con nutrientes: aminoácidos, ións, moléculas enerxéticas.
Exemplos de factores de crecemento
editarOs principais son:[3]
- Factor de crecemento derivado de plaquetas: PDGF (platelet-derived growth factor).
- Factor de crecemento transformante beta: TGF-beta, BMPs (Proteínas Morfoxenéticas Óseas, Bone Morphogenetic Proteins)
- Factores de crecemento dos fibroblastos: FGF e KGF.
- Factor de crecemento epidérmico: EGF e os relacionados TGF-alfa.
- Factor de crecemento de hepatocitos: HGF.
- Factor de crecemento endotelial vascular: VEGF (vascular endotelial growth factor).
- Factor de crecemento insulínico tipo 1: IGF-1 (insulin-like growth factor-1).
- Factor de crecemento nervioso: NGF
- Factor estimulante das colonias de granulocitos: G-CSF (granulocyte-colony stimulating factor).
- Factor estimulante das colonias de granulocitos-macrófagos: GM-CSF (granulocyte-macrophage colony stimulating factor).
- Eritropoetina: EPO.
- Neurregulinas.
- Trombopoetina: TPO.
Usos
editarNas dúas últimas décadas o uso terapéutico dos factores de crecemento foise incrementando, e actualmente úsanse en tratamentos de doenzas hematolóxicas e oncolóxicas como :
Factores de crecemento fronte a citocinas
editarÁs veces os termos "factor de crecmento" e "citocina" úsanse case como sinónimos entre os científicos.[4] Historicamente, as citocinas foron asociadas con células hematopoéticas (formadoras de sangue) e células do sistema inmunitario (como linfocitos e células do bazo, timo, e ganglios linfáticos). No sistema circulatorio e na medula ósea, onde as células poden atoparse en suspensión líquida e non unidas a un tecido sólido, tiña senso que as células se comunicasen por medio de moléculas proteicas solubles circulantes. Porén, a medida que diversas liñas de investigación converxeron, empezou a parecer claro que algunhas das mesmas proteínas de sinalización das células dos tecidos hematopoéticos e inmunitarios tamén se utilizaban por todo tipo de células doutros tecidos, durante o desenvolvemento e tamén no organismo adulto.
Mentres que o termo factor de crecemento implica un efecto positivo na división celular, o termo citocina é un termo neutro en canto a se a célula afecta ou non á proliferación. Algunhas citocinas poden ser factores de crecemento, como G-CSF e GM-CSF, pero outras mesmo teñen un efecto inhibitorio sobre o crecemento e proliferación celular. Algunhas citocinas, como o ligando de Fas, utilízanse como sinais de "morte", xa que causan que as células diana sufran unha morte celular programada ou apoptose.
Notas
editar- ↑ "Cytokines, Growth Factors and Hormones. Sigma-Aldrich". Arquivado dende o orixinal o 21 de decembro de 2014. Consultado o 04 de xaneiro de 2015.
- ↑ "Growth factor". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 2021-03-05.
- ↑ Growth Factors and Cytokines - Medical Biochemistry
- ↑ Thomas Yorio; Abbot F. Clark; Martin B. Wax (15 de outubro de 2007). Ocular Therapeutics: Eye on New Discoveries. Academic Press. pp. 88–. ISBN 978-0-12-370585-3. Consultado o 28 de novembro de 2010.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Growth Factors Medical Subject Headings (MeSH) na Biblioteca Nacional de Medicina dos EUA.
- http://www.uniprot.org/uniprot/P21583
- http://www.ncbi.nlm.nih.gov/pmc/articles/PMC1794241/pdf/1747-1028-2-4.pdf
- http://jcs.biologists.org/cgi/reprint/119/7/1213