Ettore Majorana

físico italiano


Ettore Majorana, nado en Catania, Sicilia, o 5 de agosto de 1906, e presumiblemente finado despois de 1938, foi un físico italiano coñecido sobre todo polos seus traballos en física de partículas e en particular, nas aplicacións da teoría do neutrino. A súa repentina e misteriosa desaparición na primavera de 1938 deu lugar a moitas especulacións sobre un posible suicidio no mar Tirreno ou sobre unha desaparición voluntaria.[1]

Infotaula de personaEttore Majorana

Ettore Majorana nos anos 1930.
Biografía
Nacemento5 de agosto de 1906
Catania Editar o valor em Wikidata
Morte27 de marzo de 1938? (31 anos)
Italia? Italia
Datos persoais
ResidenciaItalia Editar o valor em Wikidata
País de nacionalidadeReino de Italia Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade La Sapienza de Roma
Director de teseEnrico Fermi Editar o valor em Wikidata
Coñecido porAplicacións da teoría do neutrino.
Fermión de Majorana.
Actividade
Campo de traballoFísica de partículas
Ocupaciónfísico , científico nuclear Editar o valor em Wikidata
EmpregadorUniversidade de Roma La Sapienza
Universidade de Nápoles Frederico II Editar o valor em Wikidata
Influencias en
LinguaLingua italiana Editar o valor em Wikidata
Familia
PaisFabio Majorana (en) Traducir Editar o valor em Wikidata  e Dorina Majorana-Corso (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Infancia e xuventude editar

Ettore Majorana naceu na residencia da súa familia, no número 251 da Via Etnea, na vila siciliana de Catania, cuarto dos cinco fillos de Fabio Massimo Majorana (1875-1934) e de Dorina Majorana-Corso (1876-1965), que pertencían a unha rica e prestixiosa familia de Sicilia.[2]

O seu pai era un coñecido enxeñeiro tamén graduado en física e en matemáticas, e a súa nai descendía dunha antiga dinastía de terratenentes.[3]

Segundo Klane, cando el tiña catro anos, os seus pais púñanlle problemas de aritmética que tiña que resolver agochado baixo a mesa, o cal levaría consigo a súa posterior introversion e a negativa a presentar as súas descubertas científicas. Sentíase fascinado pola física que estudaba da man do seu pai.[4]

Aos 12 anos, tivo un accidente cando conducía o coche da familia, o que lle ocasionou unha cicatriz na coxa e outra na man, que mantivo ao longo da súa vida.[5]

Logo da formación elemental recibida na casa, onde foi sometido a un programa de estudo moi esixente, en 1921 pasou a estudar cos xesuítas en Roma, no instituto Massimiliano Massimo, e dous anos despois na escola Torquato Tasso, ata a súa graduación en ensino secundario. A continuación, matriculouse na facultade de enxeñaría da Universidade La Sapienza de Roma, onde estableceu amizades como a de Emilio Gino Segrè, que chegará anos máis tarde, a gañar o Premio Nobel de Física pola descuberta dos antiprotóns. Durante estes catro anos, Majorana ten unha reputación de excelente matemático entre os seus compañeiros.[6][7]

Estudo da física teórica en Roma editar

En 1927, uniuse ao grupo constituído na Universidade de Roma para promover a física moderna, xunto con Orso Mario Corbino, Enrico Fermi, Edoardo Amaldi e Emilio Segrè, que se coñeceu comunmente como "os mozos da rúa Panisperna".

Entre 1929 e 1930  centrou os seus traballos no "efecto túnel" e en novembro de 1932, obtivo o seu "doutoramento de Estado" (Libera Docenza) en física teórica.

Os traballos de Majorana supuxeron unha achega fundamental ao desenvolvemento da física moderna, abordando moitas cuestións dun xeito orixinal. Nun primeiro momento publicou seis artigos principalmente relacionados coa física atómica: química, espectroscopía atómica, unha teoría do enlace químico (onde mostra a súa comprensión do mecanismo de cambio de electróns de valencia), o cálculo da probabilidade de inversión do spin (inversión do momento cinético) dos átomos dun feixe de gas polarizado cando se despraza nun campo magnético rapidamente variable etc.

En xaneiro de 1932, suxire a descuberta dun "protón neutro", o neutrón, cuxa existencia será demostrada por Chadwick pouco despois. A continuación esboza unha teoría segundo a cal os protóns e os neutróns serían os únicos compoñentes do núcleo, e emite a idea de que estas partículas interactúan polas forzas de cambio de coordenadas espaciais. Malia a petición de Fermi, negouse a publicalo, polo que foi Werner Heisenberg quen o publicou en xullo de 1932.

 
Notas manuscritas de Majorana preparatorias da ecuación en infinitos compoñentes

A maior contribución científica de Majorana compóñena os seus tres derradeiros artigos, o primeiro dos cales, publicado en decembro de 1932, antes da súa partida para Leipzig, é unha teoría relativista das partículas de momento intrínseco arbitrario. Majorana ten como obxectivo construír unha teoría alternativa á de Paul Dirac, que permitise eliminar completamente as solucións á enerxía negativa. Este traballo contiña un importante descubrimento matemático: o desenvolvemento e a utilización das representacións unitarias de dimensión infinita do grupo de Lorentz. Este primeiro artigo, extremadamente difícil, apenas tivo difusión nin foi comprendido en vida do seu autor[8].

Artigos sobre física atómica editar

  • Giovanni Gentile Jr. e Ettore Majorana, "Sullo sdoppiamento del termini Roentgen e ottici a causa dell'elettrone rotante e sulla intensità delle righe del cesio". Rendiconti dell’Accademia dei Lincei. Volume 8. 1928. Páxinas 229 a 233. (En liña)
  • Ettore Majorana. "Sulla formazione dello ione molecolare di elio". Il Nuovo Cimento. Volume 8. Número 1. Marzo de 1931. Páxinas 22 a 28. (En liña).
  • Ettore Majorana. "I presunti termini anomali dell'elio". Il Nuovo Cimento. Volume 8. Número 1. Marzo de 1931. Páxinas 78 a 83. (En liña)
  • Ettore Majorana. "Reazione pseudopolare fra atomi di idrogeno". Rendiconti dell’Accademia dei Lincei. Volume 13. 1931. Páxinas 58 a 61. (En liña)
  • Ettore Majorana. "Teoria dei tripletti P' incompleti". Il Nuovo Cimento. Volume 8. Marzo de 1931. Páxinas 107 a 113. (En liña)
  • Ettore Majorana. "Atomi orientati in campo magnetico variable". Il Nuovo Cimento. Volume 9. Número 2. Febreiro de 1932. Páxinas 43 a 50. (En liña)

Artigos sobre física nuclear editar

  • Ettore Majorana. "Teoria Relativistica di Particelle Con Momento Intrinseco Arbitrario". Il Nuovo Cimento. Volume 9. Número 10. Decembro de 1932. Páxinas 335 a 344. (En liña)
  • Ettore Majorana. "Über die Kerntheorie". Zeitschrift für Physik. Volume 82. Número 3. Marzo de 1933. Páxinas 137 a 145. (En liña)
  • Ettore Majorana. "Teoria simmetrica dell'elettrone e del positrone". Il Nuovo Cimento. Volume 14. Abril de 1937. Páxinas 171 a 184. (En liña)

Estadía no estranxeiro editar

Fermi logrou persuadir a Majorana para que fose contactar con Heisenberg en Leipzig, para o que lle conseguiu unha subvención pública. A estadía comezou a finais de xaneiro de 1933 e tivo unha duración de preto de seis meses, nos que publicou un novo artigo, en alemán, sobre a teoría do núcleo. Alí formulou a hipótese de que a desintegración beta consiste na creación dun par electrón-positrón, pola exección dun electrón e a captura do positrón por un neutrón, que se transforma así nun protón.[9][10]

Posteriormente, entre o 5 de marzo e o 12 de abril de 1933, Majorana visitou o Instituto de Física Teórica de Copenhague, onde coñeceu a Niels Bohr e outros grandes científicos da época, como Christian Møller e George Placzek.[11][12]

O día 5 de agosto de 1933 regresa definitivamente a Roma[13].

De volta en Italia editar

En Roma, a súa saúde física resentiuse e o seu equilibrio psicolóxico deteriorouse, ao agravarse as alteracións do seu carácter que xa amosara previamente na súa estadía no estranxeiro, o que o levou a recluírse na súa casa a a un total abandono da súa persoa. Todos os intentos dos seus colegas Giovanni Gentile e Edoardo Amaldi por recuperali para a ciencia resultan vans.[14]

A situación parece mellorar en 1936, cando volve viaxar e comeza os traballos dedesenvolvemento dunha electrodinámica cuántica, algo moi avanzado para o momento. Majorana recupera antigos manuscritos, traballos iniciados catro anos antes, en Leipzig, e en poucos días redacta o que será o seu derradeiro artigo, titulado "Teoría simétrica do electrón e do positrón", que é hoxe en día o seu traballo máis recoñecido, no que sostén, apoiándose en cálculos e contrariamente á teoría da antimateria de Dirac (1930), que as partículas desprovistas de carga eléctrica son partículas que son a un tempo as súas propias antipartículas (fermións de Majorana)[15].

En outubro de 1937 accede a unha praza de profesor universitari creada ad hoc para el, polos seus "méritos excepcionais" e a súa "grande reputación, amplamente xustificada".[16]

Misteriosa desaparición editar

 
Facsímile da derradeira carta de Majorana a Carrelli.

O 26 de marzo de 1938, Majorana colleu un barco cara a Palermo, despois de lle enviar unha carta ao seu amigo o profesor Antonio Carrelli e outra á súa familia onse amosaba a intención de suicidarse. Consta que desembarcou en Palermo e que desde alí lle enviou un telegrama e unha carta a Carrelli nos que lle anuncia o seu regreso e a súa renuncia á súa actividade docente.

A partir do seu embarque de volta, non se volveu saber nada máis del e o seu corpo non foi atopado.

 
Anuncio da desaparición de Majorana publicado en 1938 no semanario italiano Domenica del Corriere.

O misterio da súa desaparición increméntase logo de coñecerse que previamente baleirara a súa conta bancaria e que collera o seu pasaporte. Ademais, varias testemuñas aseguraron telo visto despois do 28 de marzo, o que alimenta diversas hipóteses máis ou menos verosímiles, á parte da do suicidio, como a do retiro nun convento, o secuestro polos servizos secretos ou unha fuxida á Arxentina.

Leonardo Sciascia defendeu a idea de que a decisión de Majorana de fuxir ou de suicidarse se debería a que el prevía o uso militar da enerxía nuclear.[17][18]

Notas editar

  1. Palma, Ester. La Procura: Ettore Majorana vivo in Venezuela fra il 1955 e il 1959. En Corriere della Sera. (En italiano)
  2. Klein, Étienne. En cherchant Majorana: le physicien absolu. Paris, Flammarion/Équateurs essais, 2013. Páxina 27. [ISBN 978-2-849-90-2] (En francés)
  3. Klein (2013). Páxina 28.
  4. Klein (2013). Páxina 30.
  5. Klein (2013). Páxina 31.
  6. Klein, Étienne. "Ettore Majorana, le génial disparu". En La Recherche. Nº 335. Outubro de 2000. Páxina 62. (En francés)
  7. Klein (2013). Páxina 33.
  8. Zanichelli. Appunti inediti di Fisica teorica. Ed. Zanichelli. 2006. [ISBN 978-8808175922] (En italiano)
  9. "Tributo a Ettore Majorana". En Sicilia Fan. 16 de xullo de 2013. (En italiano)
  10. Heisenberg, Werner. The development of quantum mechanics. Discurso de recepción do Premio Nobel. 11 de decembro de 1933. (En inglés)
  11. O antigo Instituto de Física Teórica de Copenhague denomínase actualmente Instituto Niels Nohr.
  12. Klein (2013). Páxina 91.
  13. Klein (2013). Páxina 98.
  14. Sciascia, Leonardo. La Scomparsa di Majorana. Adelphi eBook. 2012. [ISBN 978-88-459-7238-6] (En italiano)
  15. "Ettore Majorana, de la légende à la science". En IRAMIS. 22 de maio de 2013. (En francés)
  16. Leonardo Sciascia. La Disparition de Majorana (1975) (2012 Allia-Paris). (En francés)
  17. Sciascia, Leonardo. La Disparition de Majorana. Ed. Allia1975. (En francés)
  18. Klein (2013). Páxinas 126 e 140.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar