Elixio Rodríguez
Elixio Rodríguez Domínguez, nado en Grou (Lobios) o 4 de xaneiro de 1910 e finado en México o 9 de xullo de 2007, foi un destacado galeguista.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 4 de xaneiro de 1910 Grou, España |
Morte | 9 de xullo de 2007 (97 anos) México |
Actividade | |
Ocupación | político |
Partido político | Partido Galeguista |
Traxectoria
editarDe neno mudouse a vivir a Bande, onde o seu mestre, Xosé Taibo, o iniciou no galeguismo cando aínda era un rapazolo; logo estudou cos maristas en Venta de Baños (1920) e en Tui. Malia a expulsión que sufriu nesta cidade, conseguiu ser admitido nos maristas de Ourense. Durante a Segunda República foi o fundador das Mocidades Galeguistas de Bande e obtivo o título de piloto na Escola de Aviación.
Guerra civil
editarDetido pola Garda Civil ó comezo da guerra civil española, pasou dous meses encarcerado no convento de Celanova, conseguiu evitar o paseo enganchando na lexión. Pasou algún tempo en Cáceres en labores administrativos ata entrar na arma de aviación coa esperanza de poder pasar ó bando republicano, e estivo destinado como capitán en León e no pequeno aeródromo de Navia. En febreiro de 1937 incorporouse á Lexión Cóndor, ao mes seguinte conseguiu evadirse nun Breguet XIX a Xibraltar e pasar á zona republicana, alí destinárono á base de San Javier en Murcia pero foi detido e condenado a morte acusado de espionaxe para o inimigo. Grazas á intervención de Castelao e outros deputados galegos residentes en Valencia, conseguiuse a anulación da sentenza e a celebración dun novo xuízo, no cal foi absolvido.
Pasou o resto da guerra en Barcelona ó cargo da intendencia de aviación e como secretario xeral da Solidaridade Galega Antifeixista, ata que coa caída de Cataluña tivo que pasar a Francia, saíndo do país no barco Ipanema cara a Veracruz, onde chegou o 7 de xullo de 1939.[1] Alí aceptou o ofrecemento das autoridades de mexicanas para adoptar a nacionalidade mexicana e estableceu a súa residencia na Cidade de México como empresario e distribuidor. Porén, non perdeu o espírito galeguista, mantivo a militancia no Partido Galeguista no exilio, foi un dos promotores en 1952 e locutor do programa semanal de radio en galego Hora de Galicia, primeiro emitida na emisora XMEC e logo en Cadena Radio Continental. O 29 de xuño de 1953 participou no establecemento do Padroado da Cultura Galega, polo cal foi delegado no Congreso da Emigración Galega celebrado en 1965 en Santiago de Compostela, sendo o único en ler a súa comunicación en galego. Tamén participou na creación da revista Vieiros dirixida por Luís Soto Fernández, Carlos Velo e Florencio Delgado, e máis tarde tamén por José Caridad Mateo.
Obras
editar- Matádeo mañá. Libro de memorias. 1994, Edicións Xerais de Galicia.
Notas
editarVéxase tamén
editarBibliografía
editar- Vilavedra, Dolores, ed. (1995). Diccionario da Literatura Galega. Autores I. Vigo: Editorial Galaxia. p. 521. ISBN 84-8288-019-5.
Outros artigos
editar- Homenaxe ao galeguista Elixio Rodríguez Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine.
- Vídeo entrevista a Elixio Rodríguez