Deva Victrix

Deva Victrix, ou simplemente Deva, foi unha cidade-fortaleza lexionaria situada na provincia romana de Britania.[1] Nada como un simple asentamento, evolucionou até converterse na cidade de Chester, capital do moderno condado de Cheshire (Inglaterra). A súa construción está datada na década 70 do século I, cando a Legio II Adiutrix a edificou para empregala como fortaleza defensiva no seu avance contra os brigantes, tribo que habitaba o norte da illa.

Deva Victrix
DevaMinervaPlan(bq).jpg
Maqueta de Deva no Museo Grosvenor.
RexiónBritania
TipoFortificación e asentamento
Historia
FundadoMediados 70s AD
PeríodosImperio Romano

Varios factores levaron a pensar que estaba destinada a albergar unha base militar desde a que se iniciaría unha futura invasión a Irlanda; entre estes factores destacan a presenza dunha estrutura elíptica única nas fortalezas imperiais, o método empregado na súa construción e o seu tamaño —un 20 % maior que o resto dos fortes da zona—. De feito, certos historiadores baséanse nos factores indicados anteriormente á hora de identificala como a capital de Gran Bretaña.[2][3] No seu interior edificáronse barracóns, celeiros, cuarteis militares, baños e un edificio de forma elíptica do que se di que podería actuar como a sede do gobernador da provincia. A fortaleza foi reconstruída en pedra a finais do século I, cando foi ocupada pola Legio XX Valeria Victrix; outra reconstrución levouse a cabo dous séculos máis tarde. É probable que esta lexión permanecese na fortaleza até a súa caída en desuso, acaecida a finais do século IV ou a principios do V.

Ao redor da fortaleza xurdiu un asentamento civil, cuxo emprazamento impulsou a construción dun anfiteatro no sueste da mesma.[4] O anfiteatro romano de Chester constituíu a edificación militar máis extensa de Britania; de feito podía albergar no seu interior a 8000/10 000 persoas. Este asentamento militar permaneceu habitado trala marcha dos romanos, crecendo até converterse no que hoxe en día é a moderna cidade de Chester. Ao redor da fortaleza construíronse unha serie de asentamentos, entre os que están Boughton —cidade que proporcionaba auga á zona— e Handbridge —onde se localizaba unha canteira de arenita e o Santuario de Minerva—. Este santuario é o único edificio deste tipo construído na rocha dos existentes en Britania.

HistoriaEditar

FundaciónEditar

 
Un antefix romano que mosa a insignia e o estandarte da Legio XX Valeria Victrix.

Segundo os escritos do xeógrafo Claudio Ptolomeo, Deva estaba localizada nas terras dos cornovii celtas.[5] Os cornovii eran unha tribo cuxas fronteiras limitaban cos brigantes ao norte e os ordovicos ao oeste, e cuxos dominios comprendían parte do que hoxe é Cheshire, Shropshire e o norte de Gales.[6]

Cando fracasaron as negociacións entre o Imperio e os brigantes, unha tribo celta que ocupaba gran parte do Norte de Inglaterra, os romanos decidiron que a mellor forma de pacificar estes territorios era conquistalos.[7] As campañas que lideraron os comandantes romanos Frontino e Agrícola saldáronse coa toma do norte da illa. Esta expansión —efectiva durante o reinado do emperador Vespasiano— revelou a necesidade de edificar unha nova base militar situada nas inmediacións da nova fronteira. O territorio de Chester constituía un lugar ideal para emprazar unha fortaleza; tiña acceso ao mar a través do Dee e dividía os territorios de brigantes e ordovicos.[8] A Legio II Adiutrix iniciou a construción dunha fortaleza de lexionarios a mediados da década do ano 70.

A fortaleza —emprazada nun risco de rocha arenita— dominaba a ponte sobre o río e localizábase nas inmediacións dun porto natural, que hoxe corresponde ao hipódromo de Roodee; ademais, a curvatura do río brindaba protección de posibles ataques procedentes do sur ou do oeste.[9] O Dee era navegable na súa totalidade, fóra da zona na que existía unha elevación de rochas; situar á fortaleza pasado este punto dificultaría o acceso ao porto.[8] É probable que a fortaleza necesitase uns 2 400 000 l de auga ao día; a subministración de auga dependía daquela que se obtiña nos mananciais naturais dos suburbios de Boughton, 1.6 km cara ao leste.[10]

 
É posible ver unha sección orixinal da muralla romana desde northgate.

Uns lingotes de chumbo descubertos en Chester indican que a construción de Deva iniciouse no ano 74.[11] É factible que se construíran anteriormente edificios militares no lugar; de ser así foron demolidos a fin de que fose posible construír a fortaleza.[12] Os primeiros edificios construíronse en madeira; no entanto, ditos edificios foron substituídos de forma gradual por estruturas locais permanentes construídas en pedra arenita.[13] O lugar estaba defendido por unha muralla de 6 metros de altura, construída con area, barro, cascallos e troncos, e por unha gabia de 3 metros de ancho e 1.5 metros de profundidade.[14]

Esta fortaleza tiña a tradicional forma de «carta» presente nos castrum romanos —rectangular coas esquinas redondeadas— e no seu interior había catro portas, situadas ao norte, ao sur, ao leste e ao oeste.[15] Cubría unha superficie de 25 hectáreas; de feito, constituía a fortaleza máis extensa construída en Britania durante a década do ano 70.[16] Estímase que se empregaron 24 664 toneladas de madeira na primeira fase da súa construción, pois, para a edificación dos edificios anexos a Deva, como o porto ou o anfiteatro, necesitáronse 31 128 toneladas.[17] No seu interior construíronse barracóns, celeiros (horrea), cuarteis militares (principia) e termas.[18] Todas as barracas tiñan as mesmas dimensións: 82.5 metros de lonxitude e 11.8 metros de ancho.[19]

É probable que o nome de Deva Victrix derive da protectora do Dee; xa que en latín deusa dise diva ou dea.[20] Outra alternativa suxire que os romanos tomaron directamente o nome que empregaban os britanos para referirse ao río.[21] O termo Victrix —presente no nome da fortaleza— ten a súa orixe na Legio XX Valeria Victrix, que significa «vitorioso» en latín.[22]; esta lexión empregaba esta fortaleza como base.[23] Por outra banda, o nome da cidade de Chester deriva do termo latino castrum (pl: castra), que significa «fortaleza» ou «campamento militar»: -«chester» e -«castra» son sufixos comúns entre os campamentos romanos que creceron até converterse en cidades inglesas.[24]

Legio XX Valeria VictrixEditar

 
Restos da torre romana situada na esquina sueste do campamento. Esta torre é unha das 22 que construíu a Legio XX Valeria Victrix.

No ano 88, o emperador Domiciano enviou á Legio II Adiutrix —que até entón estaba acantonada en Deva Victrix— á zona inferior do Danubio. Trala marcha desa lexión, a Legio XX Valeria Victrix trasladouse a esta fortaleza, abandonando o forte que construíra en Escocia (Inchtuthil).[25] Á súa chegada, a Legio XX Valeria Victrix comezou a reconstruír Deva; dita reconstrución realizouse primeiro en madeira e, a finais de século, en pedra.[23] A nova muralla da fortaleza tiña 1.36 metros de espesor na base e 1.06 metros de espesor na parte superior.[26] Construíronse 22 torres a intervalos regulares de preto de 60 metros de separación entre si; estas torres tiñan unha dimensión de 6.5 metros cadrados.[27] Ampliouse a gabia ata que alcanzou os 7.5 metros de ancho e os 2.45 de profundidade. Calcúlase que se empregaron 55 452 toneladas de pedra a fin de reconstruír as defensas da fortaleza.[28] Os barracóns de madeira foron substituídos por edificios de pedra dun tamaño similar.[29]

 
Lápida de Cecilio Avito, un optio da Legio XX Valeria Victrix.

Polo menos unha parte da Legio XX Valeria Victrix participou na construción do Muro de Hadrián.[30] A marcha destes soldados fixo que certos sectores da fortaleza caesen polo seu mal estado ou fosen abandonados. Esta lexión tomou parte na campaña que Clodio Albino realizou na Galia en 196. Trala derrota do gobernador britano en Lyon, a Legio XX Valeria Victrix retirouse de novo a Britania.[31][32]

A principios do século III ordenouse a reconstrución de Deva por mor da campaña expansionista á conta das tribos bárbaras durante o reinado de Septimio Severo; esta vez empregáronse 309 181 toneladas métricas de pedra.[33] Os escritores cristiáns Xildas e Beda afirman que os mártires Xullo e Aarón foron asasinados na «cidade das lexións». No entanto, os historiadores relacionan esta «cidade» con Isca Augusta (Caerleon).[34] Un século despois ordenouse o regreso de parte dos soldados que conformaban a lexión e a guarnición acantonadas en Deva; esta decisión respondía á política imperial á que estiveron suxeitas o resto das forzas do Imperio.[35]

Declive e abandonoEditar

O achado de moedas romanas en Chester testemuña a presenza de soldados romanos no lugar até o ano 383.[36] Os principais edificios da fortaleza mantivéronse en bo estado até a segunda metade do século IV, e os cuarteis de Deva continuaron estando habitados.[37] É posible que a retirada total dos efectivos de Chester se producira despois de que Magno Máximo invadise a Galia en 383. O Notitia Dignitatum —escrito c. de 395— pon de manifesto a ausencia de unidades militares en Deva; esta afirmación indica que a fortaleza xa estaba abandonada nesta época. Se volveu empregarse esta fortaleza nalgunha ocasión foi en 410, cando os romanos se retiraron de Britania e o emperador romano de occidente —Honorio— anunciou ás cidades de Gran Bretaña que as defensas que se construíron alí constituían a súa última protección fronte aos invasores; por iso, é probable que os civís seguisen utilizando esta fortaleza e as súas defensas a fin de defenderse dos ataques procedentes do Mar de Irlanda.[38]

O abandono de Chester continuou a menor escala trala marcha das lexións imperiais. A maior parte dos edificios caeron por falta de mantemento, aínda que algunhas das edificacións máis importantes mantivéronse en pé durante algún tempo.[39] A pesar diso, é probable que a cidade continuase sendo o centro militar e administrativo da rexión. Chester converteuse —trala chegada dos anglosaxóns— nun asentamento coñecido como Legacaestir, termo que significa «cidade das lexións» no idioma deste pobo.[40] Aínda que non existen probas que o evidencien, os cronistas medievais afirmaron que a igrexa de San Pedro e San Pablo —a actual catedral de Chester— era de orixe romana. Os muros da fortaleza reparáronse e engadíronse novas defensas trala conversión de Chester nun burh anglosaxón no ano 907.[41] Moita da cachotaría romana foi reutilizada en épocas posteriores.[42]

Historia do seu descubrimentoEditar

No século XIV, Ranulf Higdon —un monxe de Chester— describiu algúns dos restos romanos que se atopaban na fortaleza, incluído o sistema de rede de sumidoiros e as lápidas.[43] Tres séculos despois, os anticuarios comezaron a interesarse polos restos; este interese incrementarase cos relatos acerca de Deva Victrix e cos descubrimentos que se realizaron, tales como un altar adicado a Xúpiter Tanaro.[44] Xúpiter Tanaro —ou Tanaris— era a versión romanizada do deus celta Taranis; Taranis é o equivalente celta de Xúpiter, deus do trono.[45] En 1725, William Stukeley escribiu sobre a existencia duns arcos romanos na porta oriental da cidade; ditos arcos foron demolidos en 1768. Un século despois continuaron efectuándose descubrimentos de forma accidental; pouco antes da conclusión dun plan urbanístico do século XVIII achouse o complexo que albergaba as termas das lexións. A Sociedade Arqueolóxica de Chester —fundada en 1849— realizou un considerable número de descubrimentos na zona e puxo en marcha unha serie de escavacións; en 1886 abriuse o Museo Grosvenor a fin de amosar ao público os achados que se fixeron.[46][47] Entre os descubrimentos que fixo esta sociedade destacan os restos de certos edificios da fortaleza e os asentamentos que se construíron ao seu ao redor.[48] Na época comprendida entre 1962 e 1999 efectuáronse preto de 50 escavacións dentro e fóra da fortaleza; ao seu termo obtívose nova información acerca de Deva Victrix.[49] Financiadas polo Concello de Chester en colaboración co English Heritage efectuáronse unha serie de escavacións nas inmediacións do anfiteatro entre 2007 e 2009.[50]

Restos arqueolóxicosEditar

AnfiteatroEditar

 
Anfiteatro romano de Chester visto desde os muros da cidade, coas escavacións arqueolóxicas en curso (2006).

A Sociedade Arqueolóxica de Chester redescubriu o anfiteatro da fortaleza en 1929; esta organización —co apoio do entón primeiro ministro Ramsay MacDonald— protexeu o seu descubrimento das obras de construción dunha estrada que pretendía pasar por ese lugar.[51] As escavacións realizadas no lugar revelaron a existencia de cultivos sementados a finais da Idade do Ferro, así como que o anfiteatro foi construído en dúas fases.[52] Un primeiro anfiteatro construíuse en madeira pouco despois da construción da fortaleza; o diámetro maior deste edificio medía 75 metros, o menor 67 metros.[53] Existen varios factores que indican que este edificio foi concibido como unha estrutura temporal: non existen probas de que o anfiteatro recibise reparación algunha, non contaba cunha construción moi sólida —os cimentos tiñan unha profundidade de 0,6 metros— e era moito máis pequeno que o edificio de pedra posterior.[54] Este edificio foi substituído durante a época flavia por outro construído en pedra; o diámetro maior deste anfiteatro medía 95,7 metros, e o menor 87,2 metros. Aínda que o anfiteatro creceu, dita ampliación limitábase ao número de asentos. Escavacións posteriores indicaron que se trataba dunha estrutura dividida en dous niveis e capaz de albergar a 8000 ou 10 000 espectadores.[55] O tamaño deste edificio é indicador da abundante poboación civil que habitaba nas inmediacións da fortaleza, así como da presenza de cidadáns ricos. Como resultado da última fase de construción, alzouse o anfiteatro militar máis amplo de Britania. Dito edificio é un Scheduled Ancient Monument.[56]

 
Pedras empregadas no apuntalamento do segundo anfiteatro.

Os usos que se deron ao anfiteatro foron moi diversos. A consecuencia da súa proximidade á fortaleza, utilizouse como campo de adestramento, e tamén para acoller a celebración de espectaculares xogos; estes estaban protagonizados por acróbatas, loitadores e gladiadores profesionais.[54] Os muros do anfiteatro tiñan 0,9 metros de espesor e unha altura de preto de 12 metros.[57] O pequeno tamaño dos contrafortes é reflexo do seu uso decorativo.[58]

En 1738 achouse parte dun friso de lousa —cuxa elaboración se remonta ao século II— que representaba a un retiarius ou a un loitador de rede; dito friso foi empregado para decorar a tumba dun gladiador que combatera alí.[59] Investigacións posteriores descubriron unha pequena figura de bronce dun gladiador, partes dun conco romano no que se retrataron escenas dun concurso de loitadores, e un anaco dunha espada (gladius).[60][55] Gran parte da cachotaría empregada na construción do anfiteatro volveu ser utilizada na edificación da igrexa de San Xoán e do mosteiro de Santa María.[61]

Inscrición no Salón do MercadoEditar

 
Fragmento da inscrición do Salón do Mercado, da fortaleza Deva.

Este é un fragmento dunha inscrición moito máis grande, finamente tallada na lousa galesa, que foi descuberta preto do 'principia' do forte. O arqueólogo David J.P. Mason dixo que:[62]

... Inscricións deste tipo son relativamente escasas ... polo tanto parece que pertencen á clase de inscrición administrativa, xeralmente redactada na súa totalidade ... que se crearon como un rexistro público de decisións oficiais tomadas no máis alto nivel de goberno.

Exemplos de inscricións importantes desta natureza inclúen tratados con tribos locais e declaracións de dereitos. O texto desta inscrición non pode reconstruírse a partir deste pequeno fragmento, pero parece falar da "fortaleza", unha "conclusión amigable" e de alguén que está "en contra do réxime".[62]

Canabae legionisEditar

Ó redor do asentamento civil (canabae legionis) que se estableceu nas inmediacións da fortaleza durante a ocupación romana, apareceu un nutrido grupo de comerciantes que impulsaron o establecemento de prósperas relacións comerciais cos soldados destinados en Deva.[63] Este asentamento era administrado por un consello electo no canto de polo exército; no entanto, a consecuencia de que moitos soldados se retiraban no canabae legionis, este era para todos os efectos unha colonia de veteranos. Os cemiterios estaban localizados en torno ao camiño que conducía ao asentamento, convenientemente separado das zonas urbanas.[64] O Museo Grosvernor conta con máis de 150 lápidas; constitúe a maior colección de lápidas romanas orixinarias dun único emprazamento de todo o territorio britano.[65] A pesar diso, os soldados empregaron un considerable número de tumbas a fin de reparar a parte norte da muralla. O asentamento estendeuse até localizarse ao leste, sur e oeste da fortaleza; así mesmo, edificáronse tendas a 300 metros da zona amurallada.[66][67] Ao leste da fortaleza localizábase o terreo polo que os soldados celebraban os desfiles; ao norte edificáronse os baños, e ao sur un mansio, un enorme edificio que servía para que se hospedasen os funcionarios gobernamentais.[68] Os edificios do canabae construíronse orixinalmente en madeira, pero a principios do século II reconstruíronse en pedra.[69] Este asentamento e a súa poboación aumentaron en tamaño e número respectivamente durante o transcurso dos séculos II e III, e continuou habitado trala marcha das lexións, pasando a formar parte da moderna cidade de Chester.[70]

Os bañosEditar

 
Unha mostra dos mosaicos que se empregaban para cubrir o chan do complexo das termas.

Deva Victrix acolleu no seu interior un complexo de baños (thermae) construído en pedra e formigón e concibido co fin de que os soldados mantivesen unha hixiene axeitada e o empregaran no seu tempo libre. As thermae —localizadas nas inmediacións da porta sur— tiñan unhas dimensións de 82.6 metros por 85.5 metros, unha altura de 16.1 metros, e os seus muros un espesor de 1.2 metros.[71][72] A súa construción completouse a finais do reinado do emperador Vespasiano.[73]

 
Restos do hipocausto, o sistema de calefacción baixo o chan dos baños.

As thermae tiñan no seu interior un vestíbulo (vestibulum), un ximnasio (basilica thermarum), unha sauna (sudatorium), unha estancia fría cunha piscina de auga xeada (frigidarium), unha sala seca (tepidarium) e unha habitación cálida cunha piscina de auga quente (caldarium). O complexo albergaba ademais un patio no que se realizaban deportes (palaestra).[71] O chan dos baños —que recibía calor a través dun hipocausto conectado a tres fornos— era de mosaico.[74] A fin de manter a calor nos fornos, os soldados tiñan que cortar diariamente varias toneladas métricas de madeira.[75]

Os baños estaban en funcionamento 24 horas ao día, e representaban un consumo diario de aproximadamente 850 000 litros de auga.[75] Procedente dos mananciais naturais de Boughton, a auga chegaba ao complexo a través dun sistema subterráneo de tubaxes de chumbo que conectaba cun acueduto construído preto da porta este. Antes de chegar ás termas, a auga permanecía un tempo en enormes tanques.[74]

Ao longo da historia destruíronse importantes partes dos baños —a consecuencia dun plan de desenvolvemento urbanístico (1863) e das obras de construción do Grosvenor Shopping Mall (1963)—.[73] Hoxe en día é posible ver as columnas de arenita que albergaban os baños desde os «Xardíns Romanos», situados fóra de Pepper Street e as columnas —cuxa altura orixinal era de 5.9 metros, hoxe miden 0.75 metros.[76] No soto do 39 de Bridge Street é posible contemplar os restos dunha das seccións do hipocausto.[77]

CanteiraEditar

Na construción desta fortaleza empregouse pedra arenita que os romanos obtiñan dunha canteira situada alén do río, ao sur da fortaleza.[13] Hoxe en día poden observarse os restos desta canteira desde o distrito de Handbridge. No século II tallouse na pedra desta canteira un santuario a Minerva, quizais a fin de protexer aos que traballaban alí.[78][79] A pesar do desgaste ao que foi sometida a rocha, aínda pode observarse o tallado dunha figura cunha lanza, un escudo e un moucho no ombreiro esquerdo; este animal simboliza a sabedoría.[79] Tamén permanece visible un altar no que se depositaban as ofrendas.[78]

Posible capital de BritaniaEditar

En 1939 realizáronse novos descubrimentos; os investigadores acharon unha sección de chan pavimentada, e os muros de dous edificios elípticos pouco comúns, un encima do outro. Estes edificios "elípticos" foron descubertos parcialmente detrás da sala do mercado de Chester.[80] O curioso destes edificios radica na ausencia dun precedente no resto de fortalezas lexionarias do Imperio.[81] Estas edificacións —rodeadas por unha serie de almacéns— estaban situadas cerca do centro da fortaleza, e contaban coas súas propias termas. A presenza dun segundo complexo de baños era moi infrecuente, pois as fortalezas ordinarias contaban cun único edificio desta clase.[82] Aínda que a construción do sitio iniciouse cara ao ano 80, as obras abandonáronse pouco despois e non finalizaron por completo até aproximadamente o ano 230.[83] O primeiro edificio foi un prestixioso edificio realizado con cimentacións de formigón e cantería finamente labrada, e foi probablemente o mellor edificio de toda a fortaleza. Tecnicamente falando non era elíptico, senón arqueado, co salón central formado a partir de dous arcos que se cruzan, e isto fai que sexa único no Imperio Romano. Descoñécese a súa función. Non había asentos dentro dos arcos, o que indica que non era un teatro, e a mellor suposición dos arqueólogos foi que as doce alcobas podían ter imaxes dos deuses, co templo dedicado aos doce deuses primarios do panteón romano.[62] Ou, alternativamente, a forma oval pode representar a forma do mundo romano coñecido, pero non hai evidencias que apoien iso.[84]

Este estraño edificio tiña unhas dimensións de 60 por 33 metros, e posuía un patio de forma ovalada cunha fonte no seu centro; este tiña unhas dimensións de 14 por 9 metros, e estaba rodeado por 12 habitacións con forma de cuña. Certas escavacións descubriron a base da fonte e a tubaxe de chumbo que transportaba a auga. As 12 estancias situadas ao redor do patio tiñan unha entrada arqueada de 4 metros de ancho e 5.5 metros de altura.[85][86] Non se sabe se o primeiro edificio se completou algunha vez, pero seguramente xa estaba destruído nos anos 90 d.C. e o sitio foi utilizado posteriormente como vertedoiro de lixo da fortaleza durante moitas décadas.[87]

 
Plano do primeiro templo elíptico.

O segundo edificio elíptico foi construído sobre o primeiro, e aínda que o arquitecto debeu ter coñecemento do deseño exacto do edificio anterior, o deseño do segundo modificouse lixeiramente. Aínda que parece moi semellante ao primeiro, empregou diferentes diámetros de arco para lograr un deseño lixeiramente "máis ancho". O segundo edificio "elíptico" non se construíu ata preto do ano 220 d.C., e iso confirmouno unha moeda do Emperador Elagabalus baixo unha das lousas do pavimento. Crese que o segundo edificio puido sobrevivir ata o final do dominio e influencia romanos en Gran Bretaña.[62]

 
Plano do segundo edificio 'elíptico'.

A estrutura elíptica non constitúe a única diferenza entre esta e o resto de fortalezas romanas construídas en Britania. Deva Victrix era un 20 % máis extensa —4 hectáreas— que as fortalezas de Eboracum (York) —ulterior capital de Britania Inferior— e Isca Augusta (Caerleon). Así mesmo, as murallas de Chester foron construídas empregando enormes bloques de arenita sen utilizar o morteiro; iso require un maior esforzo e habilidade que os métodos usados na construción de Eboracum e Isca Augusta e adoitaba estar reservado para edificar estruturas importantes como templos ou murallas de cidades, non de fortalezas.[88] A infrecuente existencia de edificios situados no corazón do forte —contabilizando as 4 hectáreas nas que Deva era máis grande que outras fortalezas— deu pé a que moitos historiadores afirmen que o administrador provincial ordenou a súa construción. Cando as obras se iniciaron, o gobernador britano era Cneo Xullo Agrícola; de feito, as tubaxes de chumbo que conducían a auga á estrutura elíptica levan inscrito o seu nome. Ditas inscricións constitúen a única proba de que un edificio da provincia estaba baixo o seu control directo.[89] Todas as diferenzas mencionadas suxiren que esta fortaleza puido ser a sede administrativa de Agrícola en Britania, sendo dese modo e para todos os efectos a capital provincial. Unha investigación levada a cabo polo programa televisivo Timewatch especulou con esta posibilidade.

Outro importante factor que reforza esta hipótese é a presenza dun porto. Desde Deva era accesible Irlanda (Hibernia), un territorio que Agrícola tiña intención de conquistar; mesmo puxo en marcha unha expedición á illa, aínda que non se coñece o lugar exacto do desembarco.[90] Partindo da política expansionista levada a cabo durante o reinado da dinastía flavia, a localización de Deva preto da fronteira facía máis rápidas e sinxelas as tarefas administrativas.[89] Independentemente dos plans imperiais para esta fortaleza, Londinium, centro comercial e económico da illa, alzouse como a capital provincial; isto reflicte unha transición da política expansionista imperial a unha política que avogaba pola consolidación dos territorios conquistados.[91]

NotasEditar

  1. Rankov, Hassall & Tomlin (1980), p. 352.
  2. Carrington (2002), p. 45.
  3. Carrington (2002), p. 46.
  4. Tamén coñecido co nome de canabae.
  5. Claudio Ptolomeo (1992), Libro II, Cap. 3.
  6. "The Celtic tribes of Britain". Roman-Britain.org. Arquivado dende o orixinal o 09 de maio de 2008. Consultado o 22 de marzo de 2020.  Consultado o 20 de maio de 2008.
  7. Mason (2001), p. 41.
  8. 8,0 8,1 Mason (2001), p. 42.
  9. Mason (2001), pp. 43-44.
  10. Mason (2001), pp. 83, 85-86.
  11. Carrington (2002), p. 33.
  12. Mason (2001), p. 46.
  13. 13,0 13,1 Mason (2001), p. 107.
  14. Carrington (2002), pp. 35-36.
  15. Mason (2001), pp. 50-51.
  16. Carrington (2002), pp. 33-35.
  17. Mason (2001), p. 47.
  18. Mason (2001), pp. 58, 61, 64, 66.
  19. Mason (2001), p. 59.
  20. "Procura no Dicionario en liña de Latín para dea". University of Notre Dame. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2012. Consultado o 22 de marzo de 2020.  Consultado o 10 de marzo de 2008.
  21. Lewis, C. P.; A. T. Thacker (editores) (2003). "A History of the County of Chester: Volume 5 Part 1, the City of Chester: General History and Topography". British-history.ac.uk.  Consultado o 10 de marzo de 2008.
  22. "Procura no Dicionario en liña de Latín para victrix". University of Notre Dame. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2012. Consultado o 22 de marzo de 2020.  Consultado o 2 de maio de 2008.
  23. 23,0 23,1 Mason (2001), p. 128.
  24. "Procura no Dicionario en liña de Latín para castrum". University of Notre Dame. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2012. Consultado o 22 de marzo de 2020.  Consultado o 10 de marzo de 2008.
  25. Mason (2001), p. 127.
  26. Mason (2001), p. 129.
  27. Mason (2001), p. 130.
  28. Mason (2001), p. 93.
  29. Mason (2001), p. 132.
  30. Mason (2001), p. 155.
  31. Batalla na que o exército de Albino caeu derrotado a mans do de Septimio Severo, quen accedeu ao trono de Imperio.
  32. Mason (2001), pp. 155-156.
  33. Mason (2001), pp. 161-162.
  34. Monmouth (1966), p. 131.
  35. Mason (2001), p. 195.
  36. Lewis, C. P.; Thacker, A. T. "Roman Chester". A History of the County of Chester: Volume 5 part 1: The City of Chester: General History and Topography (British-History.ac.uk).  Consultado o 15 de marzo de 2008.
  37. Mason (2001), p. 210.
  38. Mason (2001), pp. 209-210.
  39. Mason (2001), pp. 212 y 214.
  40. Mason (2001), p. 212.
  41. Mason (2001), p. 214.
  42. Mason (2001), p. 10.
  43. Mason (2001), p. 12.
  44. Mason (2001), p. 13.
  45. Allies (1852), p. 124.
  46. Mason (2001), p. 15.
  47. Mason (2001), p. 16.
  48. Mason (2001), pp. 17-18.
  49. Carrington (2002), p. 7.
  50. "Amphitheatre project". Chester.gov.uk. Arquivado dende o orixinal o 01 de febreiro de 2008. Consultado o 22 de marzo de 2020.  Consultado o 16 de abril de 2008.
  51. Mason (2001), p. 18.
  52. "Where are the cord-riggs and what do they look like?". University of Notre Dame. 24 de agosto de 2007.  Consultado o 19 de marzo de 2008.
  53. Carrington (2002), pp. 54-56.
  54. 54,0 54,1 Mason (2001), p. 106.
  55. 55,0 55,1 "Revealed: New discoveries at Chester's Roman amphitheatre". 24hourmuseum.org.uk. 9 de xaneiro de 2007.  Consultado o 11 de marzo de 2008.
  56. "Chester Amphitheatre". Pastscape.org.uk.  Consultado o 10 de marzo de 2008.
  57. Mason (2001), pp. 143-144.
  58. Mason (2001), p. 144.
  59. Mason (2001), p. 146.
  60. Fleming, Nic. "They came, they saw, they bought the souvenir".  Consultado o 11 de marzo de 2008.
  61. Mason (2001), p. 215.
  62. 62,0 62,1 62,2 62,3 Baum & Mason (2001)
  63. Mason (2001), p. 101.
  64. Mason (2001), pp. 101-102.
  65. "Roman stonres". Chester.gov.uk. Arquivado dende o orixinal o 12 de outubro de 2007. Consultado o 22 de marzo de 2020.  Consultado o 20 de marzo de 2008.
  66. Mason (2001), pp. 103-111.
  67. Mason (2001), p. 104.
  68. Mason (2001), pp. 104-105, 108.
  69. Mason (2001), p. 141.
  70. Mason (2001), pp. 142, 159, 181.
  71. 71,0 71,1 Mason (2001), p. 66.
  72. Mason (2001), pp. 71-72.
  73. 73,0 73,1 Carrington (2002), p. 37.
  74. 74,0 74,1 Mason (2001), p. 69, 72.
  75. 75,0 75,1 Mason (2001), p. 73.
  76. Mason (2001), p. 67.
  77. Mason (2001), pp. 68-69.
  78. 78,0 78,1 "Roman shrine to Minerva". historicengland.org.uk.  Consultado o 15 de marzo de 2008.
  79. 79,0 79,1 "Minerva's Shrine". Chester City Council. Arquivado dende o orixinal o 27 de setembro de 2007. Consultado o 22 de marzo de 2020.  Consultado o 15 de marzo de 2008.
  80. Mason (2001), pp. 76-77.
  81. Carrington (2002), p. 40.
  82. Carrington (2002), pp. 34, 43.
  83. Carrington (2002), p. 43.
  84. Mason (2002a), p. 44.
  85. Carrington (2002), pp. 41-42.
  86. "The Chester Amphitheatre Project". Chester.gov.uk. Arquivado dende o orixinal o 05 de abril de 2007. Consultado o 22 de marzo de 2020.  Consultado o 27 de outubro de 2007.
  87. Mason (2002a), p. 43.
  88. Carrington (2002), p. 45.
  89. 89,0 89,1 Carrington (2002), p. 46.
  90. The Life and Death of Julius Agricola, 24, (1876) de Tácito, traducido por Alfred John Church e William Jackson Brodribb
  91. Carrington (2002), p. 48.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

BibliografíaEditar

  • Thompson. Deva Roman Chester. Chester: Grosvenor Museum. 
  • Windle. Chester. Chester: S.R. Publishers. ISBN 0 85409 591 8. 

Ligazóns externasEditar