Roma
Monarquía
República
Imperio
Principado Dominado
Imperio de Occidente Imperio de Oriente
Maxistrados Ordinarios:
Maxistrados Extraordinarios:
Oficiais e Títulos:
Institucións e normas:

O decenvirato (en latín: decemvir o decemviri, en plural; en galego, dez homes) foi unha institución da República Romana, que tivo lugar no século V a.C. Foi unha maxistratura extraordinaria que tiña poder consular, creada no contexto da loita entre patricios e plebeos, e que substituíu o colexio de cónsules.[1] Unha vez rematada a súa misión, o segundo colexio de decémviros intentou manterse (ilegalmente) no poder, pero a maxistratura foi abolida, permitindo aos cónsules volver a ostenta-la xefatura do estado.

A misión dos decénviros foi redactar novas leis para regula-las relacións entre os cidadáns, normativa que tomou corpo na Lei das XII Táboas. Nos dous anos que se mantivo, foi ocupada por dous colexios sucesivos e durante ese período, que adoita ser denominado como decenvirato, os decénviros gobernaron en lugar dos cónsules. O primeiro colexio, formado por patricios, foi presidido por Apio Claudio Craso e as leis que redactou foron inscritas en dez táboas. O segundo colexio, formado por patricios e plebeos, e coa mesma presidencia, foi menos efectivo, pois o seu labor limitouse a dúas táboas; ademais, estivo lastrado por ambicións persoais, e ao termo do ano do seu goberno os seus compoñentes negáronse a dimitir, como era normativo. Finalmente, o decenvirato caeu e volveuse ao sistema tradicional do dobre consulado.

Os decénviros tiñan funcións xudiciais ou relixiosas; puntualmente neste último aspecto, co sacerdote que interpretaba os libros da sibila. Nun principio, os decénviros exerceron a autoridade suprema, os cónsules quedaron suxeitos a esta e como contrapartida se eliminou a figura dos tribunos da plebe.

Contexto editar

A constitución do colexio de decénviros produciuse despois de dez anos de revolta política en Roma.

En varias ocasións, os tribunos do pobo denunciaran a arbitrariedade das decisións de certos cónsules, que interpretaban a lei oral ó seu xeito polo que, no ano 462 a.C., o tribuno da plebe Caio Terencio Arsa propuxo unha lei, Terentia de legibus consularis imperii, onde pedía que se nomeasen cinco comisarios para elaborar un corpo de leis que puxesen por escrito os dereitos dos cónsules. Porén, segundo afirma Tito Livio, os patricios opuxéronse violentamente.[2] Efectivamente, nese momento, as leis non estaban escritas en Roma, ao contrario do que aconteceu no mundo helenístico. Polo tanto, a súa creación supuxo un momento culminante na historia da República. Tras nove anos de loitas entre patricios e plebeos, o Senado romano, fronte a presión da plebe, que ameazaba con retirarse ao Monte Sacro se non eran atendidas as súas demandas, e ante o perigo inminente dunha invasión de volscos e ecuos, decidiu enviar a tres senadores a Grecia para estudar as constitucións dos distintos estados dese territorio que lles puidese servir e, tamén, o que levara a cabo Solón no referente aos dereitos das minorías sen representación.[3]

Viaxaron por Grecia durante un ano e ao seu regreso, tras unha considerable discusión, decidiron nomear dez árbitros, coñecidos como Decemviri Legibus Scribundis Consulari Imperio. Non se designaron outros maxistrados para ese ano, nin sequera os dous tribunos correspondentes. Os dez decémviros eran todos patricios.

Primeiro colexio (451 a.C.) editar

Ao regreso dos senadores, chegouse a unha solución de compromiso,[4] nomeando unha comisión de dez lexisladores, (de aí o nome de decénviros), que baixo a presidencia de Apio Claudio, redactaron a Lei das XII Táboas, a cal constituíu a base do Dereito Romano.

Segundo as fontes antigas, este primeiro decenvirato, gobernou con satisfacción xeral, e comezou o seu mandato a principios do ano 451 a.C. Estaba formado polos dous cónsules daquel ano (Apio Claudio Craso Rexilense e Tito Xenucio Augurino), xunto co praefectus urbi e os dous cuestores e cinco membros máis nomeados mediante comicios. Todos os días había un interrex nomeado mediante quenda, e diante del ían os lictores cos fasces, segundo Tito Livio.[5] Elaboraron un compendio de dez leis que posteriormente foi aprobado polo Senado e polos comicios centuriados. As leis foron gravadas en bronce e colgadas no Foro xunto á Rostra preto do edificio do Senado.

Segundo Dionisio de Halicarnaso, os decénviros foron escollidos entre os patricios, pois o Senado estimaba que eran os únicos que podían propor leis. Pero este principio non foi sempre aplicado por Tito Livio, nin polos Fastos capitolinos.[6] Así, parece pouco probable que o primeiro colexio estivese formado só por patricios; certos nomes, como Genucius ou Minucius, segundo as fontes, son plebeos.[7] Con todo, aínda que a composición fose mixta, os patricios conseguiron reservarse un lugar preponderante, e asegurarse así o control das decisións.

En efecto, a relación dos Fastos non mencionaba os cónsules nestes anos, senón a unha maxistratura colexiada composta de dez membros, co título de decemviri legibus scribundis consulari potestate. A tradición considéraa un éxito da plebe na súa tradicional loita contra os patricios. Dita maxistratura deixaba en suspenso a tódalas demais e non era apelable.

Os decénviros deste primeiro colexio foron:

Segundo colexio (450 a.C.) editar

Cando rematou o ano do primeiro decemvirato, tódalas partes estaban satisfeitas coa forma en que desempeñaran as súas funcións, e decidiron prorrogar ese sistema un ano máis, sobre todo cando algúns decénviros argumentaron que as leis non estaban o suficientemente rematadas. Dez no vos decénviros foron elixidos, e entre eles só Apio Claudio Craso repetiu no cargo malia ter en contra o costume de non exercer unha maxistratura durante dous anos seguidos. Con todo, foi reelixido, tras unha activa campaña de propaganda. Sobre o resto dos decénviros, nas fontes, non hai acordo sobre a súa procedencia. Mentres Dionisio de Halicarnaso afirmou que o segundo colexio tiña tres plebeos, Tito Livio afirmou que todos eran patricios. Finalmente, os novos decénviros comezaron a actuar nos idos de maio do 450 a.C.

Ao cabo do ano, engadiron dúas novas leis ás precedentes, de onde xorde o nome de Lei das XII Táboas.[8][9] Segundo Diodoro de Sicilia, estas dúas leis non foron engadidas até o ano seguinte, polos cónsules que sucederon aos decénviros. As XII Táboas non forman un código legal, senón unha sucesión de normas de todo tipo de dereito: procesual, familiar, sucesorio, de propiedade, e penal, moitos das cales xa existían con anterioridade. Foron inscritas en doce táboas que estaban expostas na curia no foro romano, e o seu estudo era obrigatorio. O seu obxectivo principal era substituír o dereito consuetudinario polo escrito, e non tanto obter a igualdade xurídica, pois se mantiña a desigualdade nalgunhas disposicións, non só entre patricios e plebeos, senón tamén entre absidui e proletarii. O texto completo perdeuse mais o seu contido é coñecido pola gran cantidade de fragmentos que perduraron e que permiten facerse idea do conxunto

Os decénviros do segundo colexio foron:[10]

Dimisión e restablecemento do consulado editar

Por outra banda, durante este período, os decénviros abusaron do seu poder, e gobernaron con despotismo, desprezando á plebe, e ignorando ao Senado. Cada un dos membros estaba precedido por doce lictores que, ademais das varas dos fasces, levaban tamén o machado, como mostra da súa soberanía.[11] Cometeron varios atentados contra os bens dos plebeos, as súas persoas e as súas familias, e ao rematar o ano do cargo negáronse a dimitir ou a designar sucesores. Isto non era estritamente ilegal, pero era contra as leis aprobadas que indicaban só un ano de mandato.

A parte do comportamento tiránico e violento de Apio Claudio, o principal problema foi o intento deste de facerse coa moza Virxinia, filla dun centurión, para convertela en concubina que levou ao derrocamento do decenvirato. Lucio Virxinio, pai de Virxinia quen estaba prometida cun plebeo,[12] acusou a Apio Claudio, quen para facerse coa moza chegou a dicir que era unha antiga escrava que lle foi dada a Virxinio para que a criase. Como Apio controlaba os tribunais, Virxinio acabou por matar a filla para librala da prostitución. Ao coñece-los sucesos, os soldados dunha columna do exército na fronteira dos ecuos e os volscos se amotinaron e viñeron acampar no Monte Aventino romano.[13] Outro movemento similar axitou un exército dirixido por xefes plebeos en campaña contra os sabinos.[14] Os dous exércitos pasaron ao Monte Sacro, ameazando con converter a insurrección en secesión.

Ante esta situación, no 449 a.C., os decénviros víronse na obriga de dimitir e se restableceron as maxistraturas ordinarias. Ese mesmo ano, Lucio Virxilio foi nomeado Tribuno da Plebe e os decénviros foron xulgados e e condenados: uns ao exilio[15] e outros, como Apio Claudio, foron encarcerados por orde de Lucio Virxilio.[16] Apio, mentres agrardaba o xuízo en prisión, suicidouse para evitar unha morte máis ignominiosa.[17]

Porén, o propio Tito Livio, analizou que a multitude se sublevou: "...en parte polo atroz do crime e en parte pola esperanza de estar ante a oportunidade de acada-la liberdade".[18]

Trala eliminación dos decénviros, organizáronse eleccións consulares, baixo a presidencia do Pontifex Maximus. Segundo a tradición, os cónsules elixidos foron Lucio Valerio Potito, e Marco Horacio Barbato.[19] Estes conseguiron acougar aos insurxentes, prometéndolle-lo restablecemento das principais liberdades.

Notas editar

  1. Rougé 1991, p. 220
  2. Tito Livio 2000, pp.230-231 (Libro III, 9, 6-7)
  3. Tito Livio.2000, p. 266 (Libro III, 31, 8)
  4. Briquel 2000, p.163-202
  5. Titus Livi 2000, pp. 267-268 (Libro III, 33, 3-7)
  6. Broughton 1951, p. 46
  7. Briquel 2000, p. 194
  8. Broughton 1951, pp.46-47
  9. Cicerón, De Republica, II, 63
  10. Tito Livio.2000, p. 271 (Libro III, 35, 11)
  11. Tito Livio 2000, p. 272 (Libro III, 36, 5)
  12. Tito Livio 2000, p. 288 (Libro III, 47, 7)
  13. Tito Livio 2000, p. 293 (Libro III, 50, 13)
  14. Tito Livio 2000, p. 294 (Libro III, 51, 6-7)
  15. Broughton 1951, pp.48-49
  16. Tito Livio.2000, p. 306 (Libro III, 58, 6)
  17. Smith 1876, p. 1.268
  18. Tito Livio 2000, p. 290 (Libro III, 49, 1)
  19. Tito Livio.2000, p. 300 (Libro III, 55, 1)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Briquel, Dominique (2000). Hinard, François, ed. Histoire romaine. Vol I (Des origines à Auguste) (en francés). París: Fayard. ISBN 978-2-213-03194-1. 
  • Broughton, T. Robert S. (1951). The Magistrates of the Roman Republic. Vol. I. Colección: Philological Monographs, XV (en inglés). Nova York: The American Philological Association. 
  • Chastagnol, André (1993). "Initiation à l'épigraphie latine (III)". Vita Latina (en francés) (130-131): 72–79. 
  • Le Gall, Joël; Le Glay, Marcel (1992). L'Empire romain : Le Haut-Empire de la bataille d'Actium (31 av. J.-C.) à l'assassinat de Sévère Alexandre (235 ap. J.-C.) (en francés). París: Presses universitaires de France. ISBN 978-2130442806. 
  • Le Glay, Marcel (1991). La Religion romanaine (en francés). París: Armand Colin. ISBN 2-200-32202-X. 
  • Mainar, Rafael Bernard (2006). Derecho romano. Curso de derecho privado romano (en castelán). Caracas: Universidad Católica Andrés Cello. ISBN 980-244-286-0. 
  • Opper, Thorsten (2008). Hadrian : Empire and Conflict (en inglés). Cambridge, Mass.: Harvard University Press. ISBN 9780674030954. 
  • Rougé, Jean (1991). Les institutions romaines. De la Rome royale à la Rome chrétienne. Histoire ancienne (en francés). París: Armand Colin. ISBN 2-200-32201-1. 
  • Smith, William, ed. (1876). Dictionary of Greek and Roman Biography and Mythology. Volume III (en inglés). John Murray. 
  • Tito Livio (2000). Historia de Roma desde su fundación (Libros I-III). Colecciñon: Biblioteca Clásica Gredos, nº 144) (en castelán). (tradución e notas: José Antonio Vidal Villar). Madrid: Gredos. ISBN 84-249-2463-0. 
Predecesor:
Tito Xenucio Augurino e
Apio Claudio Craso

451 a.C.

 

Decenvirato
451 a.C. - 450 a.C.

Sucesor:
Lucio Valerio Potito e
Marco Horacio Barbato

449 a.C.