Invasión
Unha invasión[1][2] é unha acción militar que consiste na entrada das forzas armadas dunha entidade xeopolítica no territorio controlado por outra entidade semellante, normalmente co obxectivo de conquistar o territorio ou cambiar o goberno estabelecido. Unha invasión pode ser a causa dunha guerra, pode usarse como parte dunha estratexia maior para terminar unha guerra ou pode constituír unha guerra completa en si mesma.
O termo adoita connotar un esforzo estratéxico de considerable magnitude. Xa que os obxectivos dunha invasión adoitan ser a grande escala e a longo prazo, necesítanse moitas forzas para manter un territorio e protexer os intereses da entidade invasora. En xeral, as infiltracións tácticas máis pequenas non se consideran invasións e normalmente clasifícanse como escaramuzas, saídas, asasinatos selectivos ou recoñecementos ofensivos. Por definición, unha invasión é un ataque levado a cabo por forzas externas. Por tanto, as rebelións, guerras civís, golpes de estado, democidios ou outros actos de opresión non se consideran invasións.
Invasión como agresión
editarTras a segunda guerra mundial, reuniuse un tribunal de Núremberg para procesar aos oficiais da Alemaña nazi por crimes de guerra. Nese contexto, o concepto de «invasión» abstraeuse en principio como «agresión», para facer referencia á propia hostilidade como violación dos principios do civismo ou da lei internacional. Alemaña empezara unha campaña de ofensivas que incluía a invasión de case todos os países veciños de Europa, incluíndo a Polonia, Francia e a Unión Soviética. De acordo co tribunal, unha agresión é:
o crime internacional supremo, distinto a outros crimes de guerra só en que contén dentro de si a maldade acumulada do conxunto.
Faise referencia a este principio nos Principios de Núremberg que, en paralelo coas Convencións de Xenebra, están incluídos na Carta das Nacións Unidas.
Historia
editarA evidencia arqueolóxica indica que as invasións foron frecuentes desde a prehistoria. Na antigüidade, antes das comunicacións por radio e o transporte rápido, a única maneira de asegurarse uns reforzos suficientes era mover os exércitos como unha única forza masiva. Isto, pola súa propia natureza, conduciu ata a estratexia da invasión. Coas invasións viron os intercambios culturais no goberno, a relixión, a filosofía e a tecnoloxía, que moldearon o desenvolvemento de gran parte do mundo antigo.[3]
Notas
editar- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para invasión.
- ↑ Definición de invasión no Dicionario de Galego de Ir Indo e a Xunta de Galicia.
- ↑ Bagnall, Nigel (1990). The Punic Wars : Rome, Carthage, and the Struggle for the Mediterranean (Thomas Dunne Books ed.). ISBN 0-312-34214-4.