Cariño

concello da provincia da Coruña

Cariño é un concello da provincia da Coruña, pertence á comarca do Ortegal. Segundo o IGE, en 2014 tiña 4.241 habitantes (4.590 no 2009, 4.700 no 2006, 4.788 no 2005, 4.798 no 2004, 4.812 no 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é cariñés[8].

Cariño
Bandeira de Cariño
Escudo de Cariño
Casa do Concello de Cariño
Situación
Xentilicio[1]cariñés/cariñesa
Xeografía
ProvinciaProvincia da Coruña
ComarcaComarca do Ortegal
Poboación3.699 hab. (2022)[2][3]
Área46,8 km²[3]
Densidade79,04 hab./km²
Entidades de poboación5 parroquias[4]
Capital do concelloCariño
Política (2023 [5])
AlcaldesaAna María López (PP[6])
ConcelleirosBNG: 3
PPdeG: 5
PSdeG-PSOE: 3
Eleccións municipais en Cariño
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes39,47%
Na rede
www.concellodecarino.gal
editar datos en Wikidata ]

Xeografía editar

 
Cariño.

O punto xeográfico máis importante do Concello é a Punta dos Aguillóns (Cabo Ortegal).

A serra da Capelada elévase na parte occidental do Concello e descende cara ó Océano Atlántico con elevados cantís, un dos cales, o de Herbeira, xa no concello de Cedeira, é considerado o máis alto da Europa continental. Os montes máis destacados da Capelada son o monte Herbeira (613 m), monte Limo (558 m) e Monte Miranda.

A zona oriental do Concello está formada polo descenso dos montes, de forma suave, cara á Ría de Ortigueira. Nesta zona sitúanse todos os núcleos de poboación do Concello, a maior parte dos cales preto da ría.

Os cinco ríos máis importantes do concello son o río Soutullo, Maguleiro, Sagrón, Lourido, Seixo e río de Barreiros. Todos eles nacen na Serra da Capelada e descenden cara ó leste. Trátase de ríos de augas polo xeral rápidas, e moi curtos.

Demografía editar

Censo total 2014 4.241 habitantes
Menores de 15 anos 393 (9.27 %)
Entre 15 e 64 anos 2.502 (59 %)
Maiores de 65 anos 1.346 (31.74 %)

Clima editar

Dentro do concello, hai dúas áreas ben diferenciadas. Na cima dos montes da Serra da Capelada, as precipitacións son elevadas todo o ano (2000 mm); debido á protección destes mesmos montes, as chuvias redúcense lixeiramente na zona oriental do Concello (aproximadamente uns 1000 mm). A temperatura media anual sitúase entre os 13º e os 14º.

Comunicacións editar

A principal estrada de Cariño (CP-6121) conéctao con Ponte de Mera, en Ortigueira, e transcorre case a carón da costa, a través das parroquias de Feás, Landoi, Sismundi, A Pedra e, finalmente, Cariño. Dende aquí, pódese continuar cara ó Cabo Ortegal por unha estrada local; de igual forma pódese subir á Serra da Capelada mediante dous ramais, un que parte de Feás e o outro, de A Pedra.

Historia editar

Os restos atopados na Serra da Capelada evidencian que o concello estaba xa poboado na época prehistórica: no monte do Limo acháronse lascas de sílex, e hai cinco dolmens (no Coto de Lodeiro, na Cova da Fornela, no Coto da Zarza e dous no monte de Herbeira).

O concello continuou a ser poboado varios milenios máis tarde, a xulgar polos castros da Moura, da Punta do Castro e da Cancela. En San Xiao de Trebo, un pequeno núcleo de poboación situado ó norte de Cariño, atopáronse restos dunha vila romana baixo unha capela.

Da Alta Idade Media coñécense varias construcións, entre elas A Pena do Castelo de Cariño (na parroquia da Pedra), do que só se conservan algúns restos.

Xa máis adiante, Cariño foise convertendo nunha vila pesqueira. No ano 1584, o padrón rexistra "39 veciños e 124 almas". A partir do século XVII, Cariño converteuse en parte do condado de Santa Marta de Ortigueira.

O papel pesqueiro de Cariño reforzouse durante o século XIX e o principios do XX coa implantación de fábricas de salazón, e posteriromente de conserva, por parte de inmigrantes procedentes de Cataluña, unha nova burguesía local á que se sumaron familias da comarca e doutros puntos de Galicia.

Especialmente traumáticos para o porto foron a galerna de 1887, que ocasionou a desfeita de varias fábricas de salazón situadas a pe de praia, e barcos, e unha revolta popular acontecida en 1897 con tráxicas consecuencias ao cargar a Garda Civil contra os manifestantes, a práctica totalidade da poboación.

As mudanzas económicas proletarizaron o sector mariñeiro, supuxeron o acceso das mulleres ao traballo asalariado e propiciaron o crecemento dunha pequena burguesía local. O nome de Cariño non tardou en sumarse, baixo as siglas da CNT e outras, á emerxencia do sindicalismo mariñeiro ao ritmo dos outros enclaves pesqueiros do país.

A represión comandada pola Falange (asasinatos, prisión, exilio...) ensañouse cruelmente na comarca do Ortegal contra a militancia anarquista e socialista tras o golpe de Estado do 36[9].

A industria pesqueira e conserveira conseguiron recuperarse unha vez pasada a posguerra e as fortes correntes migratorias entre os anos 40-60. Unha nova xeración de mariñeiros con vocación empresarial explorou novos caladoiros. A frota medrou e modernizouse e o rendemento vinculado ás especies de altura (pescada, bonito etc.) permitiu notorios avances sociais. A pesar de todas as conserveiras iren pechando paulatinamente, nesa mesma época chegou un período de prosperidade para Cariño que se acentuou coa extracción e exportación de dunita a partir da década dos oitenta.

Xurdiron tamén daquela iniciativas culturais e incrementouse o asociacionismo. Organizouse o Festival de Teatro de Cariño -que acabou sendo dos de maior renome no circuíto nacional- e logrouse o consenso social e político para conseguir dous centros de ensino oficiais e, máis tarde, a proclamación do Concello independente o 21 de xaneiro de 1988 tras aprobarse oficialmente a súa segregación de Ortigueira. Cariño é o Concello número 313 de Galicia.

Economía editar

O Concello de Cariño é economicamente activo. O sector de maior importancia é o da pesca, se ben na actualidade baixou a súa actividade. As industrias conserveiras eran outra fonte de emprego e de riqueza no concello, que nos anos 60 contabilizaba dúas ducias de empresas.[10] Desde os anos 70 foron cerrando case todas, na actualidade so permanece aberta unha, conservas La Pureza. Na parroquia de Landoi hai unha mina de dunita.

Cultura editar

Cariño, como outras vilas, ten posto o foco nalgunha manifestación cultural. Neste caso é o teatro, sen dúbida, o evento anual máis destacado. En 1978 ponse en marcha a primeira edición do Festival de Teatro Galego-Portugués, levada a cabo pola Agrupación Cultural Malveira, fundada en 1975 para dinamizar a vida cultural do porto. Dentro desta agrupación naceu o grupo de teatro Malveira, que durou ata 1983,e que organizou o festival ata 1990. Posteriormente foi asumido polo acabado de crear concello de Cariño, cambiando a denominación a Mostra de Teatro, que en 2018 celebrou a súa XL edición[11].

Goberno municipal editar

Trala segregación de Ortigueira das parroquias que constituirían o concello de Cariño, en 1988, o socialista José Luis Armada pasou a ser o seu alcalde, un posto que revalidaría nos comicios locais de 1991. Abriríanse despois dous mandados (de 1995 a 2003) con Fernando Tallón (PPdG) como novo alcalde. Porén, en 2003 e 2007 Armada volvería ser alcalde, nunha corporación que, en ámbalas dúas citas, estivo composta por 5 edís do PSdeG-PSOE, 4 do PP e 2 do BNG. Situación que abocou a senllos gobernos de coalición entre socialistas e nacionalistas.

En 2011 é elixida alcaldesa Mª Purificación Seixido Gómez, do Bloque Nacionalista Galego (BNG). A corporación municipal completábase con 3 concelleiros do BNG,4 do PP e 3 do PSdeG-PSOE. En 2015, José Miguel Alonso Pumar (PSdeG-PSOE), é elixido novo alcalde, ao contar os socialistas con 4 concelleiros por 3 do PP, outros 3 de BNG, e 1 de AECA. Nas eleccións municipais no 2019 revalidaría cunha maioría absoluta de 7 concelleiros, por 3 do PP e un do BNG.

Cariño na literatura popular editar

  • Meu señor San Andresiño/ póñano-lo vento en popa/ que somo-los de Cariño,/ traémo-la vela rota [12].

Galería de imaxes editar

Artigo principal: Galería de imaxes de Cariño.

Parroquias editar

Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Cariño

Cariño (San Bartolomeu) | Feás (San Pedro) | Landoi (Santiago) | A Pedra (Santa María) | Sismundi (Santo Estevo)

Lugares de Cariño editar

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Cariño vexa: Lugares de Cariño.

Notas editar

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2022) "Cariño".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. Goberno de España, Ministerio del Interior (ed.). "Elecciones 2023" (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  6. "El PSdeG gobernará sobre 1,2 millones de gallegos, el PP a 667.000, y el BNG a 360.000". La Voz de Galicia (en castelán). Consultado o 20 de xuño de 2023. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. Costas González, X.-H. (2016): Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega, páx. 44. Universidade de Vigo. ISBN 978-84-8158-706-7
  9. Suárez, Xosé Manuel (1993). O alzamento de 1936 no norte da Coruña. Sada, A Coruña [Spain]: Ediciós do Castro. ISBN 978-84-7492-657-6. OCLC 32034415. 
  10. Armada Castro, José Luis (2015). "Unha mirada persoal sobre a segregación de Cariño". Terras do Ortegal, revista de estudos locais, Nº 2. 
  11. Soneira Do Canto, Rafael (2018). "O teatro e o Porto de Cariño". Revista Terras do Ortegal (Ortigueira-A Coruña) 5: 35–49. 
  12. Lino Lema Bouzas (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993, 13. Santo André de Teixido é unha parroquia do concello de Cedeira, concello que linda ó leste co de Cariño.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar