Sindicalismo
O sindicalismo ou movemento sindical é un termo amplo para designar o desenvolvemento da historia e a organización colectiva dos traballadores, en dirección á defensa dos seus intereses e de mellores condicións de traballo, fronte ós empregadores e os gobernos. Sindicato e gremio son palabras habituais para designar as organizacións dos traballadores coa fin de representar colectivamente os intereses da clase obreira.
Historia
editarPrimeiros pasos
editarA historia do movemento obreiro, ou historia sindical, comezou coa revolución industrial e a democracia moderna, cando a escravitude comezou a ser abolida legalmente e o traballo asalariado a xeneralizarse. De cotío adoita poñerse como precedente a Revolución Francesa, que provocou a quebra do sistema feudal e o recoñecemento por primeira vez de certos dereitos da clase operaria.
Durante máis dun século a acción colectiva dos traballadores (sindicatos, folgas, convenios colectivos) foi comunmente considerada como un crime. Foi en Europa, e máis concretamente en Inglaterra, onde apareceron os primeiros movementos obreiros, como o ludismo conducido por Ned Ludd (rompedores de máquinas) (1810-1811).
En 1824, pola forte presión popular, o parlamento británico derogou Combination Acts, leis que prohibían as organizacións obreiras. En 1829 Robert Owen, un dos fundadores do socialismo moderno, creou as primeiras cooperativas, que eran sociedades industriais de traballadores.
O nacemento dos sindicatos
editarNa década de 1830 aparecen as primeiras organizacións obreiras agrupando, ós traballadores segundo o seu oficio. En Inglaterra tomaron o nome de trade-unions (literalmente unións de comercio) ou simplemente unións. En 1829 John Doherty fundou a "Grande Unión dos Tecedores de Algodón de Gran Bretaña" e a primeira central sindical de tódolos oficios da historia: a "Asociación Nacional para a Protección do Traballo". Agrupaba 150 sindicatos con 100.000 membros. Publicou o histórico periódico obreiro: "A Voz do Pobo".
En Francia o sindicalismo aparece tamén na década de 1830, coas primeiras crises económicas. Adopta o nome de syndicat (sindicato), que quere dicir tamén unión. Foron obreiras francesas as primeiras en organizarse contra as condicións de explotación nos serradoiros de Bordeos e nas fábricas téxtiles de Lión.
Namentres París, Lión e Irlanda eran testemuñas de levantamentos obreiros agudizados pola grave crise económica do momento, en Inglaterra abolíase a escravitude, proceso que levou de 1833 a 1838.
En xuño de 1836 a Asociación de Traballadores de Inglaterra elaborou a Carta do Pobo, esixindo o voto universal e segredo. Foron coñecidos como os cartistas. Durante algúns anos o movemento dos traballadores recibiu a influencia de diversos ideólogos que se ocuparon de estudar e investigar a situación dos traballadores. Entre eles estaban Friedrich Engels, que escribiu The Condition of the Working Class in England in 1844 (en galego, "A situación da clase obreira en Inglaterra en 1844"), baseándose nos datos e a convivencia co movemento "Cartista".
A partir da década de 1840 os alemáns Karl Marx e Friedrich Engels instaláronse en Inglaterra e deron orixe a un particular pensamento obreiro, o marxismo ou socialismo científico, que foi seguido en todo o mundo. Contemporaneamente o ruso Mikhail Bakunin e o francés Pierre Joseph Proudhon sentaron as bases do anarquismo e do anarcosindicalismo.
En 1848 estendéronse por toda Europa unha serie de movementos revolucionarios que tiveron especial importancia en Inglaterra e Francia. Neles facíanse esixencias tanto de carácter político como social, propondo a protección dos intereses dos traballadores e o dereito ó traballo. A eses movementos refírense Marx e Engels no Manifesto Comunista, publicado ese mesmo ano: Unha pantasma percorre Europa, a pantasma do comunismo. Tódalas forzas da vella Europa fóronse unindo en santa cruzada para acosar a esta pantasma...
Na década de 1850 o movemento sindical estendeuse por Europa, creándose sindicatos en Portugal, Bélxica e Alemaña.
Os anos da Internacional
editarEn 1864 creouse en Londres a Asociación Internacional de Traballadores (AIT), A Internacional, primeira central sindical mundial da clase obreira. Ese mesmo ano recoñécese en Francia o dereito á folga como un dos dereitos fundamentais do individuo.
En 1866 a AIT celebrou o seu primeiro congreso, no que representantes dos traballadores de distintos países trataron de forma conxunta os problemas sociais que lles preocupaban.
Paralelamente á celebración dese primeiro congreso da AIT, fundouse en Inglaterra o Trades Union Congress (TUC), primeira asociación de obreiros que pode recibir propiamente o nome de sindicato, xa que as persoas afiliadas a el son defendidas e representadas desde a organización. Este sindicato continúa na actualidade con máis de seis millóns de afiliados.
En 1867 Bélxica púxose á cabeza de Europa en materia social, sendo recoñecidos numerosos dereitos, entre eles o da folga.
En 1871 xorde a Comuna de París, levantamento obreiro en pro dos dereitos sociais. Só dura un par de meses pola intervención do exército.
En 1872, durante o V Congreso de AIT, tivo lugar a escisión entre marxistas e bakuninistas, no que foi a primeira gran división entre os representantes dos traballadores.
Non foi ata 1875 que se substituíron da lexislación inglesa os termos "amo" e "servo" para pasar a denominarse "patrón" e "obreiro". Foi o primeiro país en adoptar este cambio.
En 1884 recoñecéronse os sindicatos obreiros en Francia. En Lión creouse en 1886 a Federación Nacional de Sindicatos e grupos cooperativos (FNS), antecedente da CGT francesa e do sindicalismo revolucionario.
En 1886 tiveron lugar en Chicago a Revolta de Haymarket, que deu lugar á celebración do Día internacional dos traballadores.
A Segunda Internacional. Finais do século XIX
editarEn 1889 fundouse a Segunda Internacional, celebrándose o seu primeiro congreso en París o 14 de xullo. Este congreso declara ó 1º de Maio como Día internacional dos traballadores, en lembranza dos 5 folguistas mortos en maio de 1886 en Chicago. Desde entón é un día de mobilización global sincronizada dos traballadores do mundo. Ademais, adoptan a reivindicación da xornada de oito horas.
En 1895 a FNS francesa transfórmase na Conféderation Genérale du Travail.
En 1899 asínase en Suecia o primeiro pacto social entre empresarios e sindicatos.
Desde finais do século XIX, na medida en que se foi conquistando o voto universal e segredo, e a posibilidade de que representantes dos traballadores e partidos obreiros accedesen ós parlamentos e mesmo obter o triunfo electoral nun país, o movemento obreiro toma características nacionais. Neste sentido a clase obreira de cada país ten a súa propia historia sindical.
Inicios do século XX
editarEn 1901 constituíuse en Copenhague a Secretaría Internacional de Sindicatos, con participación de asociacións de Alemaña, Bélxica, Finlandia, Gran Bretaña e Suecia.
En 1906, mentres a CGT francesa aproba en Amiens a súa Carta Magna, créase o primeiro sindicato italiano: a Confederaziones Generale del Lavoro (CGL), e nos Países Baixos a Federación Holandesa de Sindicatos.
En 1910 fundouse en España a Confederación Nacional do Traballo, herdeira da sección española da Primeira Internacional.
O taylorismo gaña forza nestes albores do século XX, publicando F. W. Taylor en 1911 The Principles of Scientific Management. A aplicación xeneralizada dos métodos propostos por Taylor supuxeron un profundo cambio no modelo produtivo e na organización do traballo: comezaba a Segunda revolución industrial.
En 1917 tivo lugar a Revolución Rusa, que estableceu o primeiro estado obreiro da historia, e un poderoso impacto no movemento obreiro mundial.
En 1919 creouse a Organización Internacional do Traballo, un dos organismos internacionais máis antigos do mundo, gobernado en forma tripartita por gobernos, sindicatos e empregadores.
No século XX os sindicatos de todo o mundo tenderon a abandonar a antiga organización sindical por oficio, para xeneralizar o sindicato por rama de actividade.
Sindicalismo moderno
editarNo século XX os sindicatos tenderon a dividirse internacionalmente en tres grandes correntes mundiais:
- os comunistas organizados na Federación Sindical Mundial (FSM),
- os socialistas democráticos organizados na Confederación Internacional de Organizacións Sindicais Libres (CIOSL),
- os cristiáns organizados na Confederación Mundial do Traballo (CMT).
Existen sindicatos non organizados coas correntes maioritarias ó seren organizacións de carácter máis independente, e que como os sindicatos libertarios se coordinan con outros sindicatos e organizacións sociais como Solidariedade Internacional Libertaria ou a Asociación Internacional dos Traballadores (AIT).
Globalización
editarA finais do século XX, na globalización, o movemento obreiro comezou a restablecer o protagonismo do sindicalismo internacional e empezaron a verse fusións entre as diversas correntes para establecer organizacións sindicais únicas, como sucede no caso da Confederación Europea de Sindicatos (CES).
O 1 de novembro de 2006 a CIOSL e a CMT disolvéronse para fusionarse xunto con varias federacións independentes na nova Confederación Sindical Internacional (CSI), que recoñece 168 millóns de afiliados en todo o mundo [1].