Área Metropolitana de Vigo

A Área Metropolitana de Vigo (AMV) é a rexión urbana e entidade local supramunicipal que engloba á cidade galega que lle dá nome e unha serie de concellos satélites que funcionan como cidades dormitorio, industriais, comerciais e de servizos.

A área metropolitana de Vigo (AMV)

O espazo metropolitano de Vigo responde ó modelo clásico de cidade central dominante, que alcanzou un importante grao de complexidade e atópase nun ciclo de proceso metropolitano no que a cidade central empeza a perder peso de poboación e económico relativo a favor dos concellos limítrofes.

Foi constituída como entidade xurídica, segundo a lei autonómica 4/2012 da Xunta de Galicia.

Inicios do proxecto

editar

En maio do ano 2009, tras a vitoria de Alberto Núñez Feijóo nas eleccións autonómicas de 2009, o conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou en Vigo unha proposta de área metropolitana, que en principio englobaría á cidade de Vigo e a outros 13 municipios entre os cales existe un vínculo económico e social coa cidade viguesa.[1]

Aprobación e definición

editar

A aprobación definitiva da área Metropolitana de Vigo produciuse o 10 de abril de 2012, mediante unha lei autonómica, que no seu artigo 2, delimita o seu ámbito territorial aos seguintes municipios: Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo.

Unha vez aprobada a lei, a mesma foi rexeitada de polo concello de Vigo (presidido por Abel Caballero) tras mostrar discrepancias no modelo de transporte e na elección da presidencia e a xunta de goberno metropolitana, xa que na lei inicial a cidade de Vigo contaría pouco máis dun terzo dos membros da asemblea e só un dos 14 da xunta de goberno. Debido a estas diferenzas, Vigo quedou inicialmente fóra do transporte metropolitano e non se convocou a asemblea de alcaldes encargada de constituír a área metropolitana.[2]

Non foi até xullo do ano 2015, unha vez transcorridas as eleccións municipais do 24 de maio, nunha reunión en Santiago de Compostela entre Caballero e Feijóo, na cal acordan desbloquear a área metropolitana e realizar modificacións na lei baseándose principalmente no modelo da área de Barcelona.[3]

Nos meses posteriores producíronse diversos encontros entre os alcaldes dos municipios integrados na área e cargos da Xunta de Galicia, unha vez alcanzouse un principio de acordo para a posta en marcha do ente supramunicipal a comezos do ano 2016, o alcalde de Vigo trasladou o acordo á Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). A culminación a estas sucesivas reunións finalizou no verán do ano 2016, coa integración o día 6 de xullo no transporte metropolitano do municipio de Vigo e da empresa Vitrasa, e posteriormente coa aprobación no parlamento galego da modificación da lei autonómica 4/2012 o día 12 dese mesmo mes.[4][5]

 
Extensión dos 14 municipios que inicialmente integraron a área metropolitana de Vigo.

Algunhas das melloras máis significadas da modificación da lei aprobada no ano 2012, foi a posibilidade da ampliación dos municipios integrados na área, a aqueles outros que mostraron a súa vontade de sumarse, por exemplo: O Rosal, A Cañiza, A Guarda, As Neves, Mondariz, Oia, Ponteareas, Ponte Caldelas, Tomiño, Tui e Vilaboa. O obxectivo de futuras integracións na área metropolitana é que os diferentes municipios con vínculo histórico á cidade de Vigo poidan verse beneficiados das diferentes vantaxes de pertencer ao ente supramunicipal. Coa xuntanza destes concellos, a área metropolitana alcanzaría unha poboación de 580.000 habitantes.

Outra das grandes diferenzas da modificación da lei, foi a outorgar á cidade de Vigo de dotación de servizos públicos da administración central, autonómica e provincial, similar aos dunha capital de provincia. Sendo a primeira vez desde a restauración democrática en España, que unha lei outorga á cidade o rango de capital de provincia, compensando desta maneira unha reclamación histórica da sociedade viguesa.[6]

Na actualidade en Área metropolitana de Vigo, defínese como unha entidade local supramunicipal, de carácter territorial, integrada polos municipios de Vigo e os da súa área de influencia, entre os cales existe unha vinculación económica e social que fai necesarias a planificación conxunta e a coordinación de determinados servizos e obras, para garantir a súa prestación integral e adecuada no ámbito de todo o territorio así como alcanzar a eficacia dos investimentos públicos.[7][8]

Municipios integrantes

editar

A área metropolitana de Vigo constituíuse inicialmente cos seguintes municipios integrados: Baiona, Cangas, Fornelos de Montes, Gondomar, Moaña, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Soutomaior e Vigo.

 
Praia de Rodas nas Illas Cíes, Vigo.
 
A Ponte de Rande une os municipios de Redondela e Moaña.
 
Fachada marítima de Baiona.
 
Castelo de Soutomaior.
Municipio Comarca Poboación
(2015)
Superficie
km²
Densidade
hab./km²
(2015)
  Vigo Vigo 294 098 109,10 27 031,15
  Redondela Vigo 29 697 51,90 572,2
  Cangas O Morrazo 26 520 38,10 696,06
  Moaña O Morrazo 19 492 31,50 618,79
  O Porriño Val da Louriña (Vigo) 18 898 61,20 308,79
  Nigrán Val Miñor (Vigo) 17 619 34,90 504,84
  Mos Val da Louriña (Vigo) 15 305 52,00 294,33
  Gondomar Val Miñor (Vigo) 14 056 74,50 188,67
  Baiona Val Miñor (Vigo) 12 072 35,35 341,5
  Salvaterra de Miño O Condado 9 619 62,00 155,15
  Salceda de Caselas Vigo 8 873 35,90 247,16
  Soutomaior Vigo 7 317 24,97 293,03
  Pazos de Borbén Vigo 3 067 50,00 61,34
  Fornelos de Montes Vigo 1 794 83,10 21,59
Total 478 427 744,52 642,59

Competencias da área

editar

A área metropolitana de Vigo conta con diversas competencias na cidade de Vigo e no resto de municipios que forman parte da área, as cales son: promoción económica, emprego e servizos sociais, turismo e promoción cultural, mobilidade e transporte público metropolitano, medio ambiente, augas e xestión de residuos, prevención e extinción de incendios, protección civil e salvamento, ordenación territorial, cooperación urbanística e coordinación das tecnoloxías da información. A maioría destas competencias pertencían anteriormente á Deputación de Pontevedra.

Goberno metropolitano

editar

A presidencia e a xunta de goberno metropolitana escóllese cada catro anos nunha votación dos alcaldes dos municipios que forman parte do organismo mediante un sistema de voto ponderado, en función do número de representantes dos distintos concellos e cun mecanismo de corrección para facelo máis equilibrado.

A xunta de goberno metropolitana ademais de elixir o presidente da área, tamén ten entre as súas funcións a elección dos catro vicepresidentes, os cales son nomeados en función da representación dos diferentes grupos políticos que forman parte do goberno metropolitano, equilibrio territorial e igualdade de xénero. Independentemente do presidente e dos vicepresidentes, a asemblea metropolitana complétase con 54 representantes distribuídos por concello, segundo o seu peso demográfico.

Unha vez constituída, a asemblea ten entre as súas competencias a fiscalización e o control dos diversos órganos de goberno, aprobación de ordenanzas ou orzamentos etc. Os diferentes acordos adoptados pola xunta metropolitana deben de contar polo menos cun 50% dos votos da xunta e ter un apoio mínimo de catro municipios.[9]

  1. "Propuesta para la creación de un área metropolitana de 14 municipios". Faro de Vigo. Arquivado dende o orixinal o 10 de maio de 2009. Consultado o 5 de xullo de 2016.  Arquivado 10 de maio de 2009 en Wayback Machine.
  2. "Rueda asegura que "no hay ningún otro obstáculo" legal que impida seguir adelante con el Área Metropolitana de Vigo". 20 minutos. Consultado o 5 de xullo de 2016. 
  3. "Feijoo y Caballero se comprometen a desbloquear proyectos clave para Vigo". La Voz de Galicia. Consultado o 5 de xullo de 2016. 
  4. "Concello y Xunta rubrican el plan de transporte metropolitano para su puesta en marcha entre 500.000 vecinos". Faro de Vigo. Consultado o 6 de xullo de 2016. 
  5. "El Parlamento aprueba por unanimidad la ley del área metropolitana de Vigo". Diario de Pontevedra. Consultado o 12 de xullo de 2016. 
  6. "Vigo gana la batalla ascendiendo a capital". El Correo Gallego. Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2016. Consultado o 5 de xullo de 2016. 
  7. "Ley del Área Metropolitana de Vigo" (PDF). Faro de Vigo. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 12 de maio de 2016. Consultado o 5 de xullo de 2016.  Arquivado 12 de maio de 2016 en Wayback Machine.
  8. "La Ley del Área entra en el Parlamento para su aprobación en julio tras darle el plácet la Xunta". Faro de Vigo. Arquivado dende o orixinal o 11 de xuño de 2016. Consultado o 5 de xullo de 2016. 
  9. "Estatus de capital y mejores servicios gracias a la unión". Faro de Vigo. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2016. Consultado o 15 de xullo de 2016.