Ponte de Rande

ponte atirantada na provincia de Pontevedra

Coordenadas: 42°17′17″N 8°39′38″O / 42.28808, -8.66051

A ponte de Rande é unha construción civil que atravesa a ría de Vigo, unindo a Península do Morrazo no lado norte coa comarca de Vigo na beira sur. Forma parte da autoestrada do Atlántico e é un dos emblemas da Ría de Vigo e Galiza.

Ponte de Rande
Localización
RíoRía de Vigo
ConcelloRedondela - Moaña
ProvinciaPontevedra
Características
Construción1973–1981
Lonxitude1554 m
Ancho23,46 m
Gálibo50 m
TipoDe cables atirantados
Material

Situación editar

Recibe o nome do estreito de Rande.[1] No seu lado sur a ponte comeza no barrio de Cabanas (parroquia de Trasmañó, concello de Redondela). Polo lado norte atravesa uns metros o concello de Moaña a través da parroquia de Domaio, e sae ao concello de Vilaboa, na parroquia de Cobres.

Situase aproximadamente no quilómetro 148 da autoestrada do Atlántico.

Enxeñería editar

As obras de construción comezaron a finais do ano 1973, coa colocación da primeira pedra o 17 de decembro, e duraron ata o ano 1977, aínda que a ponte non se inauguraría e abriría ao tráfico ata catro anos despois, o 7 de febreiro de 1981,[2] debido a que as prolongacións dos accesos a terra non quedaron rematadas ata ese ano. O seu custo foi de 3.658 millóns de pesetas da época e o proxecto orixinal é dos enxeñeiros Fabrizio de Miranda, Florencio del Pozo e Alfredo Passaro.

A ponte dispón de tres vans: os laterais de 147,42 metros, e o central de 400,14 metros de luz entre os eixos dos piares centrais. O taboleiro resólvese cunha estrutura metálica atirantada con cables de aceiro, cun largo de 23,46 metros e un canto de 2,46 metros. Os piares centrais son de formigón armado de 118,60 metros de altura. As travesas dos piares principais son de formigón postensado. Para acceder á ponte, conta con dous viadutos de formigón pretensado, de 753 metros no lado sur e 106 metros no lado norte.

Con estas dimensións, no momento da súa construción foi unha das pontes cun maior van central do mundo dentro desa tipoloxía concreta de pontes de cables atirantados, e a número un dentro da Península Ibérica. No ano 2013, na clasificación de pontes desa tipoloxía, era a ponte número 103 do mundo cun maior van central e a segunda de España, por detrás da ponte do Enxeñeiro Carlos Fernández Casado que cruza o encoro de Barrios de Luna, na provincia de León.

Actualmente soporta un tráfico de máis de 50.000 vehículos ao día. Dende a súa apertura ao tráfico en 1981 xa pasaron por ela máis de 230 millóns de vehículos. Por mor deste intenso tráfico está prevista a súa ampliación[3] cun carril máis por sentido polos lados exteriores da ponte, que serían exclusivos para o acceso aos vehículos con orixe e destino a Península do Morrazo. No mes de febreiro de 2015 comezaron as obras para facer realidade este proxecto de ampliación, cun investimento estimado de 107,9 millóns de euros.

Peaxe na sombra editar

Até o ano 2006 era unha ponte exclusivamente de peaxe. En maio dese ano [4], pasou a ser un tramo de peaxe na sombra, financiado ao 50% pola Administración Xeral do Estado e ao 50% pola Xunta de Galicia.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Rande é un lugar da parroquia de Cedeira, no concello de Redondela.
  2. "El día que se abrió Rande", en Faro de Vigo, 6.02.2011.
  3. Julio Martínez Calzón, Manuel Juliá Vilardell, Álvaro Serrano Corral and Miguel Gómez Navarro. "Structural Engineering International", November 2008, n. 4 v. 18 (en inglés). 
  4. Real Decreto 633/2006 do 19 de Maio (en castelán)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar