Xusto de Canterbury
A introdución deste artigo precisa dunha ampliación, redución, carece de contexto ou non fornece un resumo axeitado do artigo segundo indica o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Xusto de Canterbury (en latín: Iustus), nado probabelmente en Roma e finado en Canterbury o 10 de novembro entre o 627 e o 631, foi un clérigo e misioneiro italiano, cuarto arcebispo de Canterbury[1]
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século VI Roma (valor descoñecido) |
Morte | 627 ↔ 631 Canterbury (Reino de Kent) |
Causa da morte | afogamento |
Lugar de sepultura | Abadía de Santo Agostiño de Canterbury |
Arcebispo católico de Canterbury | |
624 – 10 de novembro de 627 ← Melito de Canterbury – Honorio de Canterbury → | |
Bispo católico de Rochester | |
604 – – Romano → Diocese: bispo anglicano de Rochester | |
Datos persoais | |
Relixión | Igrexa católica |
Actividade | |
Ocupación | misioneiro, sacerdote católico |
Orde relixiosa | Orde de San Bieito |
Consagración | Agostiño de Canterbury |
Enaltecemento | |
Día de festividade relixiosa | 10 de novembro |
Descrito pola fonte | Dictionary of National Biography |
Traxectoria
editarEnviado desde Italia a Inglaterra polo papa Gregorio Magno coa misión de converter aos anglosaxóns. Probabelmente chegou no segundo grupo, enviado no ano 601. Converteuse no primeiro bispo de Rochester en 604, e asistiu a un concilio local en París en 614[2].
Tras a morte do rei Aethelberht de Kent en 616, tivo que fuxir á Galia, pero foi restituído na súa diocese ao ano seguinte. En 624 converteuse no arcebispo de Canterbury, supervisando o envío de misioneiros a Northumbria. Tras a súa morte foi reverenciado como santo e sepulto na abadía de Santo Agostiño, Canterbury.
Orixe
editarCase todo o que se coñece de Xusto e a súa carreira derívase da Historia ecclesiastica gentis Anglorum de Beda o Venerábel, de principios do século VIII[3]. Como Beda non describe as súas orixes, consérvanse moi poucos datos sobre el antes de chegar a Inglaterra.
Segundo recolle o cardeal e historiador Baronio nos seus Annales, Xusto naceu en Roma, e pertencía á Orde Beneditina, tomando o hábito no mosteiro de San Gregorio da súa cidade natal[4][5][6]. Parece que era famoso pola súa piedade e por iso foi chamado polo papa Gregorio Magno para formar parte da misión gregoriana, xunto a Agostiño e Melito[7].
Chegada a Gran Bretaña
editarNo 595 o papa Gregorio I decidiu enviar unha misión para converter ao cristianismo aos anglosaxóns. Naquel momento, o Reino de Kent estaba gobernado por Aethelberht, quen casou con Bertha, unha princesa cristiá merovinxia[8]. A raíña levou consigo un bispo chamado Liudhard como o seu capelán e traballou activamente pola restauración da igrexa de San Martiño en Canterbury, que databa da colonización romana, grazas á tolerancia relixiosa do seu marido[9].
Aproveitando as circunstancias favorábeis, o papa escolleu un primeiro grupo de misioneiros, na súa maior parte monxes beneditinos, liderados por Agostiño, prior da abadía de San Antonio de Roma, no que despois se denominou misión gregoriana[10]. O grupo, composto por preto de 40 misioneiros, chegou a Kent en 597 tras unha ardua viaxe[11]. Pronto conseguiron un notábel éxito, o que animou a Agostiño a pedir a Roma un segundo grupo de relixiosos[12][13].
Xusto chegou probabelmente con este segundo grupo de misioneiros, enviados en 601[14]. Algúns escritores modernos sinálano como un dos misioneiros orixinais que chegaron con Agostiño en 597, pero Beda afirma que Xusto chegou co segundo grupo[15][16][17]. Este segundo grupo incluía a Melito, quen máis tarde se converteu en bispo de Londres e arcebispo de Canterbury[18].
Se Xusto chegou co segundo grupo, entón fíxoo cun agasallo en forma de libros e «todas as cousas necesarias para a adoración e o ministerio da Igrexa». Un cronista de Canterbury do século XV, Thomas de Elmham, asegurou que aínda existían libros dos traídos a Inglaterra por ese segundo grupo que permanecerían en Canterbury até a súa época, aínda que non sinalou cales. Unha investigación dos manuscritos existentes de Canterbury mostra que un dos posíbeis libros sobreviventes son os chamados evanxeos de San Agostiño, agora en Cambridge (Corpus Christi College, Ms. 286). [19] [20][21]
Bispo de Rochester
editarAgostiño consagrouno como bispo en 604, encargándolle o coidado pastoral dunha provincia que incluía Rochester, cidade daquela situada no Reino de Kent[22]. O historiador Nicholas Brooks sinala que a elección de Rochester probabelmente non se debeu a que fose unha diocese da época romana, senón porque xogaba un papel fundamental na política do reino[23]. Aínda que a cidade era pequena, con só unha rúa, facía de nexo entre Watling Street e o estuario de Medway, e por tanto era unha cidade fortificada[24]. Como probabelmente non era monxe (Beda non o denomina así), posibelmente o seu clero na catedral tampouco era monástico[25][26].
Un documento que pretende ser do rei Aethelberht, datado o 28 de abril de 604, sobrevive no Textus Roffensis, así como unha copia baseada no Textus do Liber Temporalium do século XIV. Está escrito principalmente en latín, pero emprega unha cláusula fronteiriza en inglés antigo, e recolle a concesión de terras próximas á cidade de Rochester para a igrexa de Xusto[27][28]. Entre as testemuñas atópase Lourenzo, futuro sucesor de Agostiño, pero non se atopa o propio Agostiño. O texto pasa a dar conta de dous discursos distintos. No primeiro, Aethelberht amoesta ao seu fillo Eadbald, que se estableceu como sub-rexedor na rexión de Rochester. A concesión mesma diríxese directamente a santo André, patrón da igrexa, unha fórmula empregada paralelamente noutros documentos no mesmo arquivo[29][30].
O historiador Wilhelm Levison, en 1946, mostrábase escéptico acerca da autenticidade deste documento. En concreto, cría que os dous discursos separados eran incongruentes, e suxeriu que o primeiro, que aparecía antes do preámbulo, podería ser introducido por alguén próximo a Beda para dar conta da futura conversión de Eadbald. Unha valoración máis recente e positiva de John Morris suxire que o documento e a súa lista de testemuñas son auténticos xa que inclúe títulos e terminoloxía que xa pasara de moda no ano 800[31].
Sábese que Aethelberht construíu unha catedral para el en Rochester, polo que os cimentos dunha nave e o presbiterio situados parcialmente baixo da Catedral de Rochester actual poderían datar desa época. O que queda dos cimentos dun edificio rectangular, preto da parte sur da catedral moderna, poderían ser tamén restos arquitectónicos contemporáneos de Xusto, ou quizais parte dun edificio romano.
Xusto asinou unha carta xunto a Melito, bispo de Londres, escrita polo arcebispo Lourenzo de Canterbury aos bispos irlandeses, instando á igrexa nativa a adoptar o método romano para calcular a data de Pascua[32]. Aínda que a carta non sobreviviu, Beda cita partes da mesma[33].
En 614 asistiu ao concilio de París, organizado polo rei franco Clotario II. Non está claro por que Xusto e Pedro, abade de San Pedro e San Paulo en Canterbury[34], estaban presentes; puido ser o azar, pero o historiador James Campbell suxeriu que Clotario convocou ao clero de Gran Bretaña a asistir nun intento de reafirmar a súa autoridade sobre Kent. O historiador N. J. Higham ofrece outra explicación para a súa asistencia, sinalando que Aethelberht mandou a ambos ao concilio debido aos cambios na política franca en relación co reino de Kent, que ameazaban a súa independencia, polo que os dous membros do clero serían enviados para negociar un acordo con Clotario. O concilio provocou a redacción do edicto de Clotario, un importante instrumento legal do período merovinxio da historia de Francia e un fito no desenvolvemento da monarquía francesa. Aethelberht tamén promulgou un código de leis inspirado no edicto e probabelmente influenciado polos dous misioneiros[35][36][37][38][39].
Tras a morte de Aethelberht en 616, xurdiu unha reacción pagá en contra do cristianismo, obrigando a Xusto e Melito a fuxir á Galia. Ambos probabelmente se refuxiaron con Clotario, esperando que o rei franco interviñese e os restituíse aos seus postos, o que fixo efectivo en 617, sendo Xusto restituído no seu bispado polo novo rei. Melito tamén regresou a Inglaterra, pero a atmosfera pagá reinante non lle permitiu retornar a Londres; tras a morte de Lourenzo, Melito converteuse no arcebispo de Canterbury[40]. Segundo Beda, Xusto recibiu cartas de ánimo do papa Bonifacio V (619–625), do mesmo xeito que Melito, aínda que Beda non inclúe na súa obra o texto das mesmas cartas. O historiador J. M. Wallace-Hadrill cre que ambas as cartas eran mensaxes de ánimo para os misioneiros[41].
Arcebispo
editarXusto converteuse en arcebispo de Canterbury en 624, recibindo o seu palio, símbolo da xurisdición confiada aos arcebispos, do papa Bonifacio V, tras o cal consagrou a Romano como o seu sucesor en Rochester. Bonifacio tamén lle entregou unha carta felicitándoo pola conversión do rei «Aduluald» (probabelmente o rei Eadbald de Kent), carta que se inclúe na Historia ecclesiastica gentis Anglorum de Beda. Beda relata que foi Lourenzo, o seu predecesor en Canterbury, o que converteu ao rei Eadbald ao cristianismo, pero o historiador D. P. Kirby argumenta que as referencias da carta a Eadbald fan que sexa máis probábel que se tratase de Xusto. Outros historiadores, incluíndo a Barbara Yorke e Henry Mayr-Harting, conclúen que a versión de Beda é correcta e que Eadbald foi convertido por Lourenzo. Yorke argumenta que houbo dous reis de Kent durante o reinado de Eadbald, Eadbald e Aethelwald, e que este último é o "Aduluald" ao que se refire Bonifacio. Yorke tamén argumenta que Xusto converteu a Aethelwald ao cristianismo tras a morte de Aethelberht[42][43][44][45][46].
Consagrou a Paulino como o primeiro bispo de York, antes de que este último acompañase a Æthelburga de Kent a Northumbria para o seu matrimonio co rei Edwin de Northumbria. Beda escribe que Xusto faleceu o 10 de novembro, pero non di o ano, aínda que o máis probábel é que fose entre 627 e 631[47][48].
Tras a súa morte foi considerado un santo e outorgóuselle como día festivo o 10 de novembro. En 1090, aproximadamente, os seus restos foron trasladados a un sepulcro próximo ao altar maior da abadía de Santo Agostiño en Canterbury. Sobre esa mesma época escribiuse unha Vida acerca del por Goscelin de Saint-Bertin, así como un poema por parte de Rexinaldo de Canterbury[49]. O material adicional de Thomas de Elmham, Xervasio de Canterbury e Guillerme de Malmesbury, cronistas do medievo tardío, engade pouco ou nada ao relato orixinal de Beda sobre a vida de Xusto[50][51][52].
Notas
editar- ↑ Higham Convert Kings p. 94
- ↑ "Nel 604 [...] fu consacrato vescovo della nuova sede di Rochester" Stanislao Majarelli, Enciclopedia cattolica, vol. VI, col. 860.
- ↑ Hunt "Justus [St Justus] (d. 627x31)" Oxford Dictionary of National Biography
- ↑ Caesar Baronius, Annales Ecclesiastici p. 618.
- ↑ Bentley (ed.). Lives of the archbishops of Canterbury (en inglés).
- ↑ Catholic.org. "St. Justus of Canterbury".
- ↑ Actas de los santos.
- ↑ Stenton Anglo-Saxon England pp. 105–106
- ↑ Nelson "Bertha (b. c.565, d. in or after 601)" Oxford Dictionary of National Biography
- ↑ Brooks Early History of the Church of Canterbury pp. 4–5
- ↑ Higham Convert Kings pp. 76–77
- ↑ Fletcher The Barbarian Conversion pp. 116–117
- ↑ Kirby Earliest English Kings pp. 24–25
- ↑ Stenton Anglo-Saxon England p. 109
- ↑ Hindley A Brief History of the Anglo-Saxons p. 65
- ↑ Blair World of Beda pp. 84–87
- ↑ Wallace-Hadrill Beda's Ecclesiastical History p. 43
- ↑ Brooks "Mellitus (d. 624)" Oxford Dictionary of National Biography
- ↑ Outro posíbel supervivente podería ser a Regra de San Bieito, agora MS Oxford Bodleian Hatton 48 (Colgrave "Introduction" Earliest Life of Gregory the Great pp. 27–28). Outro evanxeo, escrito con estilo italiano e moi relacionado cos evanxeos de Santo Agostiño, é o MS Oxford Bodleian Auctarium D.2.14, que amosa evidencia de que estivo en mans anglosaxoas no período correcto. Por último, un fragmento dunha obra de Gregorio Magno, agora na biblioteca Británica como parte do MS Cotton Titus C pode ser que chegase cos misioneiros (Lapidge Anglo-Saxon Library pp. 24–25).
- ↑ Beda A History of the English Church and People p. 85–86
- ↑ Mayr-Harting Coming of Christianity p. 62
- ↑ Brooks Early History of the Church of Canterbury p. 221
- ↑ Rochester, the evolution of the city and its government. Rochester City Council.
- ↑ Brooks "From British to English Christianity" Conversion and Colonization pp. 24–27
- ↑ Smith "Early Community of St. Andrew at Rochester" English Historical Review p. 291
- ↑ Smith "Early Community of St. Andrew at Rochester" English Historical Review p. 292
- ↑ Miller New Regesta Regum Anglorum: Sawyer 1 Arquivado 29 de marzo de 2012 en Wayback Machine.
- ↑ Campbell Charters of Rochester p. c
- ↑ Morris Arthurian Sources vol. ii p. 90
- ↑ Levison England and the Continent pp. 223–225
- ↑ Morris Arthurian Sources vol. ii pp. 97–98.
- ↑ Stenton Anglo-Saxon England p. 112
- ↑ Higham Convert Kings pp. 138–139
- ↑ Este último renomeado a Abadía de Santo Agostiño.
- ↑ Wood "Mission of Augustine of Canterbury" Speculum
- ↑ Campbell "First Century of Christianity" Essays in Anglo-Saxon History p. 56
- ↑ Higham Convert Kings p. 116
- ↑ Murray, Alexander Callander (1994). "Immunity, Nobility, and the Edict of Paris," Speculum, 69(1), 18–39.
- ↑ Higham Convert Kings pp. 115–117
- ↑ Lapidge "Mellitus" Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England
- ↑ Wallace-Hadrill Beda's Ecclesiastical History pp. 64–65
- ↑ Os expertos modernos non se dan posto de acordo na forma de interpretar isto: "Aduluald" podería interpretarse como unha representación de "Aethelwald", e, polo tanto, podería ser indicativo da existencia doutro monarca, se cadra un rei auxiliar de Kent occidental (así Yorke) ou podería ser simplemente un erro dun escribente e referíase a Eadbald (Kirby, Earliest English Kings, páx. 39).
- ↑ Kirby Earliest English Kings pp. 31–32
- ↑ Kirby Earliest English Kings p. 33
- ↑ Mayr-Harting Coming of Christianity pp. 75–76
- ↑ Yorke Kings and Kingdoms p. 32
- ↑ Fryde, et ál. Handbook of British Chronology p. 213
- ↑ Wallace-Hadrill Beda's Ecclesiastical History p. 82
- ↑ Ningunha destas obras parecen ter sido publicadas ou traducidas nos últimos 200 anos
- ↑ Delaney Dictionary of Saints pp. 354–355
- ↑ Hayward "Justus" Blackwell Encyclopedia of Anglo-Saxon England
- ↑ Johannes Trithemius, De viris illustribus ordinis sancti Benedicti (III) 57, 1492.
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Beda (1988). A History of the English Church and People. traducido por Leo Sherley-Price. Penguin Classics. ISBN 0-14-044042-9.
- Blair, Peter Hunter (1990). The World of Beda (Reimpresión de la edición de 1970 ed.). Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-39819-3.
- Brooks, Nicholas (1984). The Early History of the Church of Canterbury: Christ Church from 597 to 1066. Londres: Leicester University Press. ISBN 0-7185-0041-5.
- Brooks, Nicholas (2006). "From British to English Christianity: Deconstructing Beda's Interpretation of the Conversion". En Howe, Nicholas; Karkov, Catherine. Conversion and Colonization in Anglo-Saxon England. Tempe, Arizona: Arizona Center for Medieval and Renaissance Studies. pp. 1–30. ISBN 0-86698-363-5.
- Brooks, N. P. (2004). "Mellitus (d. 624)" (require subscrición). Oxford Dictionary of National Biography. edición de outubro de 2005, revisada. Oxford University Press. Consultado o 7 de novembro de 2007.
- Campbell, A., ed. (1973). Charters of Rochester. Anglo-Saxon Charters • 1. Londres: British Academy - Oxford University Press. ISBN 0-19-725936-7.
- Campbell, James. "The First Century of Christianity in England". Essays in Anglo-Saxon History. Londres: Hambledon Press. pp. 49–68. ISBN 0-907628-32-X.
- Colgrave, Bertram (2007). "Introduction". The Earliest Life of Gregory the Great (Reimpresión de la edición de 1968 ed.). Cambridge, Reino Unido: Cambridge University Press. ISBN 978-0-521-31384-1.
- Delaney, John P. (1980). Dictionary of Saints (Second ed.). Garden City, N.Y: Doubleday. ISBN 0-385-13594-7.
- Fryde, E. B.; Greenway, D. E.; Porter, S.; Roy, I. (1996). Handbook of British Chronology. tercera edición, revisada. Cambridge: Cambridge University Press. ISBN 0-521-56350-X.
- Hayward, Paul Anthony (2001). "Justus". En Lapidge, Michael; Blair, John; Keynes, Simon; Scragg, Donald. The Blackwell Encyclopaedia of Anglo-Saxon England. Malden, Massachusetts: Blackwell Publishing. pp. 267–268. ISBN 978-0-631-22492-1.
- Higham, N. J. (1997). The Convert Kings: Power and Religious Affiliation in Early Anglo-Saxon England. Manchester: Manchester University Press. ISBN 0-7190-4827-3.
- Hindley, Geoffrey (2006). A Brief History of the Anglo-Saxons: The Beginnings of the English Nation. Nueva York: Carroll & Graf Publishers. ISBN 978-0-78671-738-5.
- Hunt, William (2004). "Justus (St Justus) (d. 627x31)". Oxford Dictionary of National Biography (outubro de 2005 ed.). Oxford University Press. revisada por N. P. Brooks. Consultado o 7 de novembro de 2007.
- Kirby, D. P. (2000). The Earliest English Kings. Nueva York: Routledge. ISBN 0-415-24211-8.
- Lapidge, Michael (2006). The Anglo-Saxon Library. Oxford: Oxford University Press. ISBN 0-19-926722-7.
- Lapidge, Michael (2001). "Mellitus". En Lapidge, Michael; Blair, John; Keynes, Simon; Scragg, Donald. The Blackwell Encyclopaedia of Anglo-Saxon England. Malden, Massachusetts: Blackwell Publishing. pp. 305–306. ISBN 978-0-631-22492-1.
- Levison, Wilhelm (1946). England and the Continent in the Eighth Century: The Ford Lectures Delivered in the University of Oxford, 1943. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-821232-1.
- Mayr-Harting, Henry (1991). The Coming of Christianity to Anglo-Saxon England. University Park: Pennsylvania State University Press. ISBN 0-271-00769-9.
- Miller, Sean. "New Regesta Regum Anglorum". Anglo-Saxons.net. Arquivado dende o orixinal o 03 de marzo de 2009. Consultado o 1 de xaneiro de 2010.
- Morris, John (1995). Arthurian Sources, Vol. 2: Annals and Charters. Arthurian Period Sources. Chicester: Phillimore. ISBN 0-85033-757-7.
- Smith, R. A. L. (1945). "The Early Community of St. Andrew at Rochester, 604-c. 1080". The English Historical Review 60 (238): 289–299. doi:10.1093/ehr/LX.CCXXXVIII.289.
- Stenton, F. M. (1971). Anglo-Saxon England (tercera ed.). Oxford: Oxford University Press. ISBN 978-0-19-280139-5.
- Wallace-Hadrill, J. M. (1988). Beda's Ecclesiastical History of the English People: A Historical Commentary. Oxford Medieval Texts. Oxford: Clarendon Press. ISBN 0-19-822269-6.
- Walsh, Michael J. (2007). A New Dictionary of Saints: East and West. Londres: Burns & Oats. ISBN 0-8601-2438-X.
- Wood, Ian (xaneiro de 1994). "The Mission of Augustine of Canterbury to the English". Speculum (require subscrición) 69 (1): 1–17. doi:10.2307/2864782.
- Yorke, Barbara (1997). Kings and Kingdoms of Early Anglo-Saxon England. Nueva York: Routledge. ISBN 0-415-16639-X.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Xusto de Canterbury |