Vreneli

antiga moeda suíza de ouro
Vreneli †
Vreneli
Ámbito:
Suíza Suíza
Unión Monetaria Latina
Fracción:
Moedas:10 francos (1/2 vreneli).
20 francos (vreneli).
100 francos.
Emisor:Banco Nacional Suízo

Vreneli é a denominación dunha serie de moedas de ouro da Confederación Suíza composta por moedas de 10, 20 e 100 francos, deseñadas polo gravador Fritz Ulysse Landry. Estas moedas foron cuñadas entre os anos 1897 e 1935 e desmonetizáronse o 27 de setembro de 1936 (aínda que hai recuñaxes oficiais posteriores dedicadas ao comercio de ouro, como investimento).[1][2][3][4]

Cómpre non confundir esta serie coa anterior, entre os anos 1883 e 1896, coñecida como Helvetia.

Orixe do nome editar

O nome da serie vén de Verena, a personificación feminina da Confederación Suíza (similar á Marianne francesa ou á Miss Liberty norteamericana ("Vreneli" é o diminutivo en alemánico, formado co sufixo -eli, que indica afecto e familiaridade).[5][6]

Caracterización editar

A serie Vreneli componse de moedas cos valores de 10, 20 e 100 francos suízos. A pureza do ouro en que están cuñadas e de 900 milésimas. As pezas de 20 francos teñen un diámetro de 21 milímetros e pesan 6,45 gramos (dos cales 5,80 son de ouro puro).[7]

Aínda que a denominación lle corresponde a toda a serie, a popularidade da peza de 20 francos fixo que, con frecuencia, sexa ela a que reciba o nome de "vreneli" e, consecuentemente a de 10 francos se coñeza como "medio vreneli".[7]

Valor Aliaxe Peso total Peso fino Diámetro Grosor
10 francos 90 % Au, 10 % Cu 03,226 g 02,903 g 19,0 mm 00,90 mm
20 francos 90 % Au, 10 % Cu 06,452 g 05,807 g 21,0 mm 01,25 mm
100 francos 90 % Au, 10 % Cu 32,258 g 29,032 g 35,0 mm 02,20 mm

Anversos editar

 
Deseños propostos por Fritz Ulysse Landry para os anversos da serie Vreneli (1895)

Os anversos amosan o busto de Helvetia ollando á esquerda, adobiado cun diadema, ante dunha paisaxe montañosa. Baixo o retrato aparece a sinatura "F. LANDRY", que sinala a identidade do seu gravador, o suízo Fritz Ulysse Landry.[8][9]

Canto ao modelo no que Landry se inspirou para este deseño hai diversas teorías, entre elas a de que se trata dun retrato de Françoise Kramer (1859-1946) ou a de que podería corresponder a Rosa Tännler (1878-1946). Habitualmente dáselle máis credibilidade a esta segunda, xa que cadra mellor con algunhas declaracións ao respecto feitas polo propio Landry no seu epistolario.[10]

Reversos editar

O reverso da moeda de 20 francos porta o escudo de armas de Suíza (cruz de prata sobre goles) sobre unha póla de carballo. O valor facial divídese a ambos os lados do escudo.[11]

A letra "B" que aparece na parte inferior, á dereita da data, indica que estas moedas foron cuñadas na ceca de Berna.[11]

Aínda que o anverso é o mesmo para todos os valores da serie, o reverso das moedas de 10 e de 100 francos é diferente ao das de 20, e amosa a cruz suíza radiante sobre unha póla de rododendros e xanzás.[12]

O canto das moedas está dotado dunhas estrelas en relevo.

As pezas producidas en 1897 co ouro extraído das minas de Gondo, no cantón de Valais, recoñécense por unha pequena cruz adicional situada no medio da cruz heráldica, e amosan unha cor algo máis clara. Estas moedas, das que apenas se emitiron 29 exemplares, son extremadamente raras.[13][14]

Emisións editar

Moeda de 10 francos editar

As pezas de 10 francos emitíronse unicamente entre 1911 e 1916, e novamente, en gran cantidade, en 1922 (1.020.000). En total, puxéronse en circulación 2.650.056 exemplares.[12]

 
10 francos de 1911 da serie Vreneli

As tiraxes anuais da moeda de 10 francos son as seguintes:[15]

  • 1911: 100.000
  • 1912: 200.000
  • 1913: 600.000
  • 1914: 200.000
  • 1915: 400.000
  • 1916: 130.000
  • 1922: 1.020.000

Moeda de 20 francos editar

Desta serie chegaron a emitirse máis de 61 millóns de pezas. A moeda de 20 francos é a máis común e a que gozou de máis popularidade, con 58.234.255 exemplares, dos cales 39.208.813 corresponden ás recuñaxes de 1945 a 1949.[11]

 
20 francos de 1897 da serie Vreneli

As tiraxes anuais da moeda de 20 francos son as seguintes:[15]

  • 1897: 400.029
  • 1898: 400.000
  • 1899: 300.000
  • 1900: 400.000
  • 1901: 500.000
  • 1902: 600.000
  • 1903: 200.000
  • 1904: 100.000
  • 1905: 100.000
  • 1906: 100.000
  • 1907: 150.000
  • 1908: 355.000
  • 1909: 400.000
  • 1910: 375.000
  • 1911: 350.000
  • 1912: 450.000
  • 1913: 700.000
  • 1914: 700.000
  • 1915: 750.000
  • 1916: 300.000
  • 1922: 2.783.678
  • 1925: 400.000
  • 1926: 50.000
  • 1927: 5.015.000
  • 1930: 3.371.764
  • 1935: 175.000
  • L1935: 20.008.813
  • 1947: 9.200.000
  • 1949: 10.000.000

Moeda de 100 francos editar

 
100 francos de 1925 da serie Vreneli

Das moedas de 100 francos só se produciron 5.000 moedas, todas datadas en 1925.[15] A súa escaseza convérteas en obxectos moi procurados polos coleccionistas numismáticos. No mercado numismático, o valor dunha desta pezas nun estado de conservación excelente ascendeu a 10.000 francos suízos en 2008.[16][17]

Recuñaxes oficiais editar

Ademais das emisións regulares, producíronse recuñaxes oficiais das moedas de 20 francos destinadas ao comercio do ouro con datas L1935, 1947 e 1949, cos mesmos motivos que as orixinais.[18]

No ano 1935 recuñáronse 175.000 moedas de 20 francos, coa data L1935 (o "L" fronte á data 1935 é a inicial de lingot, para diferenciar esta recuñaxe da moeda orixinal desmonetizada). Con todo, con esta mesma data inmobilizada cuñáronse tamén 20.008.813 pezas nos anos 1945 (3.500.000), 1946 (7.108.813) e 1947 (9.400.000).[15]

Contexto histórico editar

Constituído o Estado federal en 1848 como un paso previo a conformación da Confederación Helvética, o novo Estado adoptou o franco suízo como moeda, que se aliñou co franco francés en 1850 e se uniu á Unión Monetaria Latina en decembro de 1865.

A serie Vreneli emitiuse ao abeiro da Lei do 6 de xaneiro de 1896. Ata 1926, cuñouse no marco da Unión Monetaria Latina e, a partir de aí, fóra dela ata 1935 (á parte das recuñadas en 1935, 1947 e 1949).[19]

A Unión Monetaria Latina editar

O valor de 20 francos ten as características metrolóxicas establecidas para Francia en 1803 por Napoleón I. Estas especificacións permaneceron en uso ata a I Guerra Mundial nos países membros da Unión Monetaria Latina con denominacións como 20 liras en Italia, 20 francos en Bélxica e 20 dracmas en Grecia. Todas estas moedas circulaban libremente e eran aceptadas por toda Europa; non obstante, os imperios británico e alemán rexeitaron seguir esta mesma dirección.[19]

Notas editar

  1. Das Goldvreneli Arquivado 20 de agosto de 2019 en Wayback Machine.. Casa da Moeda de Suíza. Swissmint.ch.
  2. Kampmann, U. (2010).
  3. "Liste des pièces suisses ayant cours légal et mises hors cours Arquivado 05 de abril de 2018 en Wayback Machine.". En Swissmint.ch.
  4. Martínez Gallego, J. M. (2010).
  5. "Verēne". En Schweizerisches Idiotikon. Wörterbuch der schweizerdeutschen sprache.begonnen. Tomo I. Frauenfeld. 1909. Columnas 915-917.
  6. "Die Helvetia ein Vreneli? Arquivado 20 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Das Goldvreneli. Swissmint.ch. Páxina 7.
  7. 7,0 7,1 "Vreneli". En Dictionary of Banking. UBS.
  8. "Fritz UlysseLandry". En Dictionnaire Historique de la Suisse.
  9. "Kurzporträt des Künstlers Fritz Landry Arquivado 20 de agosto de 2019 en Wayback Machine. ". En Das Goldvreneli. Swissmint.ch. Páxina 7.
  10. "Wer stand für das Vreneli Modell? Arquivado 20 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Das Goldvreneli. Swissmint.ch. Páxina 8.
  11. 11,0 11,1 11,2 "Beschreibung: 20 Franken Arquivado 20 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Das Goldvreneli. Swissmint.ch. Páxina 2.
  12. 12,0 12,1 "Beschreibung: 10 Franken Arquivado 20 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Das Goldvreneli. Swissmint.ch. Páxina 2.
  13. "Vreneli aus Gondogold Arquivado 20 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Das Goldvreneli. Swissmint.ch. Páxina 8.
  14. "Walliser Goldmünze erzielt Rekordpreis an Auktion. Im Auftrag eines Kunden hat die UBS ein Goldvreneli aus Gondo-Gold für 68'000 Franken ersteigert". En Radio Rottu Oberwallis. 4 de maio de 2009.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 "Vreneliprägungen im Detail Arquivado 20 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Das Goldvreneli. Swissmint.ch. Páxina 10.
  16. "Beschreibung: 100 Franken Arquivado 20 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Das Goldvreneli. Swissmint.ch. Páxina 3.
  17. Eppler, P. et al. (2008).
  18. "Die Nachkriegsprägungen 1945-1949 Arquivado 20 de agosto de 2019 en Wayback Machine.". En Das Goldvreneli. Swissmint.ch. Páxina 9.
  19. 19,0 19,1 Leconte, Jean-Marc. (1995).

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar