US Airways

aeroliña estadounidense

US Airways (anteriormente coñecida como USAir) foi unha gran aeroliña estadounidense que operou ente 1937 ata 2015, cando se fusionou con American Airlines. Fundouse en Pittsburgh como unha aeroliña de transporte de correo cgamada All American Aviation, e ao pouco tempo converteuse nunha aeroliña comercial de pasaxeiros. En 1953 foi renomeada como Allegheny Airlines e operou con ese nome un cuarto de século. En outubro de 1979, tras a aprobación da Lei de desregulación das compañías aéreas, Allegheny Airlines cambiou o seu nome polo de USAir. Unha década despois mercou Piedmont Airlines e Pacific Southwest Airlines (PSA), e era unha das sete legacy carriers estadounidenses con voos transcontinentais. En 1997 cambiou o seu nome a US Airways.

US Airways
IATA
US
OACI
AWE
Indicativo
CACTUS
Fundación1937 (como All American Aviation)
Inicio das operacións1939
Fin das operacións15 de outubro de 2015 (fusionada con American Airlines)
Aeroporto principal
Plan de voo frecuenteDividen Miles
AlianzaStar Alliance, desde 2014 afiliada a Oneworld
Frota338
Destinos230 (+ 80 nacionais e 150 internacionais; 11 novos)
HoldingUS Airways Group Incorporated
Eslogan da compañíaFly with US
SedeTempe (Arizona) Estados Unidos
Páxina web: www.usairways.com

A compañía tiña unha extensa rede nacional e internacional, con 193 destinos en 24 países de Amñerica do Norte, América do Sur, Europa e Oreinte Medio. A aeroliña era membro da Star Alliance, antes de converterse en membro afiliado de Oneworld en marzo de 2014. US Airways tiña unha frota de 343 reactores na aeroliña principal, así como 278 reactores e turbohélices rexionais voados por compañías contratadas e subsidiarias baixo o nome de US Airways Express mediante acordos de código compartido.

A aeroliña tivo graves problemas económicos a principios dos 2000, presentando a solicitude de protección de bancarrota do capítulo 11 dúas veces en dous anos. En 2005, America West Airlines realizou unha fusión inversa, adquirindo os activos e a marca da máis grande US Airways mentres poñía o equipo de liderado de America West a cargo en gran parte da aerolínea fusionada.

En 2013 American Airlines e US Airways anunciaron plans para fusionarse, creando a aeroliña máis grande do mundo.[1] As compañías matrices de American e US Airways fusionáronse a partir do 9 de decembro dese ano.[2] A aeroliña combinada quedaría co nome e a marca de American Airlines e mantería os centros de conexión de US Airways durante un período de polo menos cinco anos segundo os termos dun acordo co Departamento de Xustiza e varios avogados xerais do estado.[3][4] A dirección de US Airways dirixiu a aeroliña combinada desde a sede de American en Fort Worth, Texas.[3][5] O 8 de abril de 2015 a FAA concedeu oficialmente un único certificado de operación para as dúas compañías aéreas, o que marcou o fin de US Airways como compañía independente. A marca continuou existindo ata outubro de 2015.[6]

O seu principal centro de conexións atopábase en Pittsburgh, e tiña outros en Charlotte, Las Vegas, Philadelphia, Phoenix-Sky Harbor, e Washington-Reagan.

O derradeiro voo de US Airways foi dende San Francisco ata Philadelphia con escalas en Phoenix e Charlotte, operado como o voo 1939, facendo ese número referencia ao ano no que se fundou All American Aviation, a aeroliña orixe de US Airways.[7][8]

Historia editar

Primeiros anos editar

US Airways comeza a súa historia como a All American Aviation Company, fundada en 1939. Con base en Pittsburgh, a aeroliña realizaba servizos no val do río Ohio. En 1949, a compañía cambiou o nome polo de All American Airways e pasou das operacións de correo aéreo ao servizo de pasaxeiros. A compañía foi novamente renomeada, en 1952, como Allegheny Airlines, en 1952.

Allegheny creceu progresivamente, introducindo o Douglas DC-9 na súa frota en 1966 e absorbendo a Lake Central Airlines en 1968 e a Mohawk Airlines en 1972, converténdose nun dos maiores transportistas da rexión nordés dos Estados Unidos.

O acordo entre Allegheny e Henson Airlines —predecesora da subcontratada Piedmont Airlines para os servizos de US Airways Express— para operar baixo a firma común Allegheny Commuter é considerado o primeiro acordo de código compartido da aviación, algo moi común entre as compañías actuais.

 
Un avión de US Airways visto desde a sala de espera dun aeroporto

O nacemento de USAir editar

Allegheny cambiou o seu nome a USAir en 1979 [9] trala aprobación do Airline Deregulation Act (Lei de desregulación das aeroliñas) o ano anterior, o que permitiu á compañía a súa expansión ao sur do país. A principios dos anos 80, as súas rutas no nordés pasaron a ser operadas por Ransome Airlines, entre outras compañías. Co cambio de nome decidiuse tamén un cambio de sede, que pasou de Pittsburgh a Washington, D.C., aínda que Pittsburgh seguiría sendo o seu hub principal durante dúas décadas.

USAir foi o cliente de lanzamento do Boeing 737-300, pois a aeroliña necesitaba un avión con maior capacidade para servir as súas rutas emerxentes a Florida. USAir foi o maior operador do DC-9 e tivo conversas con McDonnell Douglas para a fabricación dun novo modelo. Con todo, a finais dos 70, a compañía deixou de estar interesada nunha nova variante do DC-9-50. Trala ruptura das negociacións, Boeing deu un paso adiante propoñendo a variante 300 do 737. USAir escolleu este avión e a compañía traballou de xeito conxunto con Boeing durante o seu desenvolvemento, recibindo a súa primeira unidade o 28 de novembro de 1984.

Anos 80: Fusións e expansións editar

USAir experimentou un crecemento espectacular en 1987, tras comprar as aeroliñas Pacific Southwest Airlines (PSA) e Piedmont Airlines. As fusións converteron os aeroportos de Baltimore-Washington e Charlotte/Douglas en hubs da compañía, puntos desde os que as aeroliñas absorbidas operaban voos á Costa Oeste e servizos transatlánticos a Londres-Gatwick. Cando finalizou a adquisición de Piedmont en 1989, converteuse na maior fusión na historia da aeroliña.

A principios dos 90, USAir aumentou os seus servizos a Europa con voos a Londres, París e Frankfurt desde os seus tres hubs principais. A compañía formou novas sociedades: comprou un 40% de Trump Shuttle, que pasaría a operar como USAir Shuttle, e aceptou un importante investimento procedente de British Airways que supuxo o nacemento dunha das primeiras alianzas de aeroliñas. Así mesmo USAir realizou un importante desembolso para a construción dunha terminal vangardista no seu hub de Pittsburgh.

Anos 90: Redenominación, modernización e venda fracasada editar

En 1996, USAir estreitou os seus lazos con British Airways e anunciou a súa redenominación como US Airways. A nova compañía estableceu máis voos a Europa ata o final da década e comprou a parte restante de Trump Shuttle en 1998. Ese mesmo ano foi introducido un servizo de clase única coñecido como MetroJet e que buscaba competir coas cada vez máis fortes aeroliñas de baixo custo, caso de Southwest Airlines.

 
Un Boeing 737 de MetroJet

O 6 de novembro de 1996, xusto tralo cambio de nome, US Airways realizou un pedido duns 400 avións da serie A320 de Airbus, dos cales 120 foron confirmados no momento do pedido. Deste xeito nacía a maior frota de avións dun só modelo na historia da aviación. En 1998, a aeroliña realizou outro pedido, esta vez de 30 Airbus A330 ou A340, cun acordo inicial para servir 7 unidades do A330-300. Estes pedidos buscaban dúas metas: 1) substituír a anticuada frota por aeronaves máis modernas e eficientes e 2) axudar xunto coa redenominación a reposicionar a US Airways no alto do mercado global. En 1998, fundouse a filial MetroJet.[10]

Aínda que a aeroliña volveu ter resultados positivos a mediados dos 90, a concentración das súas rutas na zona nordés de Estados Unidos e os altos custos de operación provocaron intentos de fusión con outra compañía. O 24 de maio de 2000, US Airways anunciou os seus plans de que UAL —unha das subsidiarias da entón maior aeroliña comercial do mundo, United Airlines— a comprase por 4 300 millóns de dólares estadounidenses. O complexo acordo atopou inmediatamente o rexeitamento dos sindicatos, asociacións de consumidores e autoridades reguladoras da competencia. As negociacións detivéronse; ambas as compañías entraron en perdas e ante a posibilidade de que o Goberno Federal paralizase o proceso, UAL cancelou a súa oferta o 27 de xullo de 2001, pagando a US Airways unha penalización de 50 millóns de dólares. A partir do ano 2000, US Airways comezou a retirar varios modelos de avión nun intento por simplificar a súa frota e reducir custos. Estas aeronaves foron substituídas polos novos A320.

2001-2004: O 11-S e a traxedia financeira editar

Como maior compañía do Aeroporto Washington-Reagan, US Airways sufriu de xeito desproporcionado a clausura do devandito aeroporto tralos atentados do 11 de setembro. O desastre financeiro resultante precipitou o peche da subsidiaria MetroJet, o abandono de Baltimore-Washington como hub e suspender de emprego a miles de empregados, entrando en bancarrota o 11 de agosto de 2002. A compañía recibiu un préstamo federal da Air Transportation Stabilization Board (Xunta de estabilización do transporte aéreo) e puido saír da creba nun período relativamente curto. O 19 de outubro de 2005 o préstamo foi devolto ao poder refinanciar a débeda con outros acredores.

En 2003 US Airways realizou ensaios coa venda de comida a bordo, cesando o servizo nos voos domésticos. Finalmente decidiuse vender sándwichs e ensaladas en voos de máis de 700 millas (uns 1100 km). Nun intento por frear perdas posteriores, a principios de 2004 US Airways deixou oficialmente de empregar o Aeroporto Internacional de Pittsburgh como hub e comezou o desmantelamento da súa estrutura radial para centrarse nos voos directos entre os aeroportos das maiores cidades da Costa Leste como o Washington-Reagan, Nova York-LaGuardia e Fort Lauderdale-Hollywood. Esta potenciación dos voos directos foi algo común a moitas aeroliñas como intento para aproveitar as súas rutas máis produtivas, seguindo o modelo de Southwest Airlines, unha das aeroliñas norteamericanas máis populares desde mediados dos 80. A aeroliña converteuse no décimo quinto membro de Star Alliance o 4 de maio de 2004.

Con todo, os altos custos do carburante e o fracaso das negociacións cos sindicatos (principalmente coa Asociación de Pilotos de Liñas Aéreas, grupo que nun principio parecía o máis receptivo cara a un acordo) forzou a declaración dunha segunda bancarrota o 12 de setembro de 2004. O descontento xeneralizado dos empregados e as súas despropositadas peticións non deixaron á compañía outra opción que a de despedir a un bo número de traballadores pouco antes das vacacións de Nadal de 2004, algo que deixaba entrever unha posible liquidación definitiva da empresa. O Departamento Federal de Transportes, con todo, concluíu que os problemas foran causados principalmente pola mala planificación da dirección da compañía.

2005: Adquisición por America West editar

 
Un Airbus A320 de America West

O 19 de maio de 2005, US Airways Group anunciou que se fusionaría con America West Holdings Corporation (matriz de America West Airlines)[11], cuxa fortaleza no oeste complementaría as rutas de US Airways no nordeste, Europa e o Caribe. A nova entidade conserva o nome de US Airways debido ao seu carácter nacional e non rexional, ademais de polo seu maior recoñecemento internacional, o seu programa de fidelidade Dividend Miles e a súa participación en Star Alliance.[11]

O 13 de setembro de 2005, o 95,5% dos accionistas de América West aprobaron o acordo de fusión. O 16 do mesmo mes, as autoridades aprobaron o plan de reorganización emprendido por US Airways, dando vía libre á transacción, que se pecharía o día 27 xunto coa recuperación de US Airways Group da segunda bancarrota declarada. A nova aeroliña definiuse como "a maior aeroliña de baixo custo do mundo". En xaneiro de 2006, todos os voos pasaron a ser operados baixo a marca US Airways. En maio do mesmo ano procedeuse á fusión dos sitios web de US Airways e America West.

Vídeo capturado polo garda costa do accidente e rescate do voo

2009 editar

O 15 de xaneiro de 2009, o voo 1549 de US Airways, dirixido polo capitán Chesley Sullenberger, voando desde o Aeroporto Internacional de LaGuardia ao Aeroporto Internacional de Charlotte-Douglas, realizou unha amaraxe de urxencia no río Hudson. A causa do accidente foron uns paxaros que inutilizaron os motores por completo.[12] Todos os pasaxeiros e tripulantes sobreviviron. O alcalde de Nova York, Michael Bloomberg, dixo que Sullenberger e a súa tripulación recibirían a chave da cidade. Un club de fans foi dedicado a Sullenberger no sitio web Facebook pouco despois do accidente. O 16 de xaneiro o expresidente dos Estados Unidos, George W. Bush, chamou a Sullenberger para agradecerlle o salvar a vida dos 150 pasaxeiros, do mesmo xeito que o presidente Barack Obama.

US Airways obtivo o seu primeiro Airbus A330-200 en xuño de 2009.

Frota editar

 
Airbus A320-231 de US Airways no Aeroporto Internacional de San Diego.

US Airways voa cunha frota de reactores bimotor, dividida entre os Airbus máis modernos e os Boeing máis antigos. En marzo de 2013, compoñíase de:[13]

Frota de US Airways

Tipo Unidades Prazas Preferente/Turista Pedidos/Opcións
Airbus A319-100 93 120 12/108 -
Airbus A320-200 72 142 16/126 -
Airbus A321-200 79 169 26/143 31 ordes
Airbus A330-200 7 226 28/198 8 ordes
Airbus A330-300 9 266 42/224 -
Airbus A350-800 0 >270 N/D 18 ordes
Airbus A350-900 0 >330 N/D 4 ordes
Boeing 737-400 32 144 12/132 4 vendidos a Avior Airlines e 2 vendidos a LASER Airlines.
Boeing 757-200 24 193 8/185 -
Boeing 767-200ER 10 203 24/179 -
Embraer 190 18 99 11/88 2 ordes

US Airways planea que cara a 2010 a súa frota se compoña en exclusiva de avións Airbus de fuselaxe ancha de alcance internacional.

Con entregas previstas entre 2011 e 2013, será cliente de lanzamento do novo Airbus A350, o que lle supón un préstamo por parte de Airbus por valor de 250 millóns de dólares estadounidenses para colaborar na súa recuperación económica. A débeda xa foi saldada e o estado do pedido dos A350 non está claro pois Airbus anunciou recentemente que a produción desta nova aeronave se atrasará outros dous anos.

A compañía continuará recibindo os avións Airbus pedidos por US Airways e America West antes da fusión. En 2009, a aeroliña farase con 11 unidades da familia A320 pedidas por America West, así como con outras tantas da mesma familia e 10 A330-200 pedidos por US Airways. Xunto cos A350, os A330-200 de US Airways supoñerán a transición cara á frota exclusiva internacional de Airbus.

A maioría dos avións de US Airways están equipados co sistema telefónico Verizon Airfone en cada fila de asentos. Con todo, Verizon anunciou recentemente que restrinxirá o servizo aos avións executivos e gobernamentais.

Avións previos editar

Avións utilizados por USAir:

Notas editar

  1. "World's Largest Airline In Jeopardy?". HuffPost (en inglés). 2013-07-01. Consultado o 2024-04-07. 
  2. "Judge OKs American Airlines-US Airways merger, American’s exit from bankruptcy". Dallas Morning News. 2013-11-28. Arquivado dende o orixinal o 28 de novembro de 2013. Consultado o 2024-04-07. 
  3. 3,0 3,1 "american-airlines-us-airways-merger :: American Airlines Newsroom". web.archive.org. 2013-02-16. Archived from the original on 16 de febreiro de 2013. Consultado o 2024-04-07. 
  4. "AMR, US Airways Reach Settlement with Justice Department on Merger". usnews.com. Consultado o 7 de abril de 2024. 
  5. "American to unite with US Airways to create No.1 carrier". Reuters. Consultado o 7 de abril de 2024. 
  6. Karp, Gregory (2015-04-08). "American Airlines, US Airways get FAA approval to fly as one carrier". Chicago Tribune (en inglés). Consultado o 2024-04-07. 
  7. "Final US Airways flight taking off from Philadelphia - StarTribune.com". web.archive.org. 2015-10-16. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2015. Consultado o 2024-04-08. 
  8. Mutzabaugh, Ben. "US Airways' final flight closes curtain on another major airline". USA TODAY (en inglés). Consultado o 2024-04-08. 
  9. http://news.google.com/newspapers?id=9XYUAAAAIBAJ&sjid=kAIEAAAAIBAJ&pg=4437,7427487&dq=us+air+allegheny&hl=en
  10. http://www.nytimes.com/1998/06/17/business/business-travel-u-s-airways-low-fare-metro-jet-service-effort-beat-southwest.html?scp=1&sq=us%20airways%20metrojet&st=cse
  11. 11,0 11,1 "AMENDMENT NO. 2 TO FORM S-1". www.sec.gov. Consultado o 2024-04-07. 
  12. "NTSB confirms birds in engines of US Airways plane ditched in Hudson". nj (en inglés). 2009-02-05. Consultado o 2024-04-07. 
  13. US Airways. The Book 2010-2011 (en inglés) (Airfleets.net). p. 143. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar