Abrir o menú principal

Trece badaladas é unha novela en lingua galega de Suso de Toro publicada por Edicións Xerais no ano 2002. No ano 2003 gañou o Premio Nacional de Narrativa de España, e nese mesmo ano foi levado ó cine por Xavier Villaverde baixo o título homónimo de Trece badaladas.

Trece badaladas
Autor/aSuso de Toro
OrixeGaliza
Linguagalego
ColecciónNarrativa
Xénero(s)Novela
EditorialEdicións Xerais
Data de pub.2002
Formatorústica con lapelas; cosido a fío
Páxinas360
ISBNISBN 978-84-8302-788-2

TramaEditar

Celia, escritora compostelá, intenta presentar unha vez máis certo guión a unha produtora de cine, e coñece por fin ao director da mesma, Xacobe. Aínda que inicialmente Celia achégase moi molesta a el, xa que lle custou moito que a recibise, pronto as cousas cambian e iníciase unha estraña relación entre ámbolos dous. Por unha banda Xacobe está pasando algún tipo de grave dificultade que lle ten desesperado, e cre atopar na historia de misterio que lle presenta Celia un certo paralelismo coa situación que lle está tocando vivir. Pola outra banda, Celia, que agardaba atopar a un home de negocios frío e distante, vese atraída por un home sensible e apoucado, que cifra nela as súas últimas espranzas. Un terceiro personaxe forma parte da historia: Miguel Ramírez, prateiro de profesión, e membro da Santa Confraría do Apóstolo Santiago. Neste caso, o seu interese por Xacobe xorde pola solicitude deste para formar parte da confraría, e quere investigalo e xulgar se posúe os méritos necesarios.

O caso é que Xacobe está asustado por algo que unha personaxe misteriosa lle pediu, e así llo conta a Celia, aínda que se resiste a concretar nin o que lle ten pedido, nin a personalidade deste misterioso ser. O único que confesa é que o guión que Celia lle presentou parece ter relación coa situación. O guión, ambientado en Santiago de Compostela, presenta a historia de certos seres inmortais que vagan pola cidade, e dunha antiga lenda que relaciona escuros acontecementos acaecidos co soar de trece badaladas da campá Berenguela da Catedral de Santiago, “a hora do demo”.

Ramírez, home católico, conservador e psicoloxicamente marcado pola morte do seu irmán xemelgo, reloxeiro e campaneiro da Berenguela, trinta anos atrás ao caer dende o alto da torre, empeza a sospeitar que algo maléfico esconde Xacobe cando descobre que naceu o mesmo día da morte do seu irmán. Inicia a investigación entrevistando ao tío de Xacobe, vello compañeiro da confraría. Logo de recibilo amablemente, o tío de Xacobe parece tratalo amigablemente ata que lle pregunta polo seu sobriño. Nese intre, nega calquera relación con el, e entre presignacións despide inmediatamente a Ramírez.

Comendo e falando do guión nun restaurante, Celia comeza a asustarse tras escoitar varias chamadas polo teléfono móbil de Xacobe, apagado por ela mesma, chamadas que o mesmo Xacobe non se atreve a coller. Xa fóra do restaurante, pasean polas rúas da cidade e acaban por entrar na catedral. De novo prodúcense situacións misteriosas: un mendigo que está a pedir na porta queda aterrorizado ao paso de Xacobe; Xacobe fai o aceno de tocar a pía da auga bendita e logo para anoxado; dentro da catedral, diante do Pórtico da Gloria, repara en certas figuras e escapa conmocionado, chorando, seguido de Celia. Esta, vendo o estado de ánimo de Xacobe, invítao a que vaia ao seu apartamento. Todos estes feitos son observados na distancia por Ramírez, que cada vez está máis preocupado e ve sinais máis escuras no comportamento de Xacobe.

Xa no apartamento, Celia e Xacobe comezan a sentir unha atracción mutua. Xacobe ve en Celia un apoio na súa situación de angustia. Celia vese atraída pola desvalida situación dun home sensible. Estando no piso, Xacobe recibe unha nota que lle empraza a ir á Alameda ás doce da noite, mentres que Celia recibe unha chamada anónima polo móbil de Xacobe, que segue apagado, ameazándoa e instándolle a que deixe a Xacobe. Finalmente un cristal rompe no salón, mentres fóra chove e trona sen parar. Asustados, os protagonistas acaban por se deitar xuntos, e finalmente quedan durmidos.

Pola súa banda Ramírez entrevista a un vello confrade, Valentín, fondo coñecedor da historia da cidade. Aínda que non se ven dende fai anos, Valentín parece que lle está agardando e que sabe exactamente o que lle preocupa. Explícalle máis polo miúdo a lenda das trece badaladas, relacionándoa con antigos ritos pagáns e sacrificios humanos.

Ao espertar no apartamento, Celia descobre que Xacobe xa marchou á cita. Rapidamente vai buscalo, pero ao chegar alí, atópao co misterioso home en medio dunha rifa. Ao miralos, xa de lonxe, Celia cae fulminada por un mal agoiro que lle quita as forzas e a vida, sendo auxiliada por Martínez, que a viña seguindo, e que acaba por levala de volta á casa.

Desde entón Celia non volverá a ver a Xacobe. Xunto con Ramírez, inician unha desesperada busca final. Pola súa banda, Ramírez, seguindo o consello que lle dera o seu amigo Valentín, falecido horas despois de falar con el, achégase á comisaría de policía. Alí inicialmente o tratan de tolo, pero cando fala de sacrificios humanos no Pico Sacro, o comisario decide investigar o caso. Ao atoparse efectivamente restos humanos de nenos de moitos anos atrás, reteñen ao pobre de Ramírez namentres non atopan unha explicación.

Pola súa banda Celia trata de saber qué tipo de maldición está a afectar ao seu Xacobe, e para iso achégase ao cóengo Pardiñas, garda dos códices da catedral, e última pista que apuntara Valentín antes de morrer. O cóengo, reticente a axudar a Celia por considerala persoa non grata e fóra da igrexa, acaba indicándolle que cre ver na situación de Xacobe o sinal dunha antiga relixión pagá vencellada ao gremio dos escultores de pedra. Finalmente, o cóengo dálle o nome dun menciñeiro e adiviño, desentendéndose do tema pois como representante da Igrexa non lle pode dar máis creto á historia. O tal adiviño daralle a Celia unha última pista que lle levará á igrexa de San Fiz de Solovio.

Alí Celia atopa ao misterioso ser que tiña ameazado a Xacobe. Alí descobre que Xacobe morreu, matouse para escapar do destino que lle encomendara este ser: levar os restos pagás da súa divindade á catedral e substituílos polos do apóstolo. Pero Xacobe, nun acto final de rebeldía, non fixo tal, senón que se tirou ao mar cos restos, esparexéndoos polo océano, e esvaecéndose así o poder da divindade. E deste xeito vencer ao ser, e sentencialo á morte final. Neste intre descóbrese que o ser realmente se trata do mesmo mestre Mateo, autor do Pórtico da Gloria. En tempos, Mateo, tras pasar a súa vida construíndo o pórtico, sofre a perda do seu fillo primoxénito nun accidente mentres lle axuda a rematar a obra. Ante a negativa do bispo de enterralo na catedral, rebélase contra a igrexa e escapa. Xa no Pico Sacro, morada dunha divindade pagá, alíase con outro deus para ir ao longo dos séculos en procura da ruína da catedral. E deste xeito converterse nun ser inmortal que vai encarnándose sucesivamente en vidas de nenos que son sacrificados ao nacer, facendo coincidir o sacrificio coa “hora do demo” e as súas trece badaladas na Berenguela. Ata que por fin Xacobe é quen de derrotalo a el e a súa divindade.

TraduciónsEditar

  • Ao castelán por Ana Belén Fortes López e Dolores Vilavedra co título de Trece campanadas publicado en 2002 por Seix Barral, Col. Biblioteca Breve[1].
  • Ao catalán por Josep Franco Martínez co título de Tretze campanades publicado en 2004 por Edicions Bromera, Col. L´ecléctica[2].
  • Ao checo por Petr Pomezny co título de Třináctý úder zvonu publicado en 2004 por Baronet[3].
  • Ao francés por Anne Bragance co título de Le trezième coup de minuit publicado en 2006 por Éditions Jacqueline Chambon[4].

NotasEditar

  1. Ficha en BiTraGa.
  2. Ficha en BiTraGa.
  3. Ficha en BiTraGa.
  4. Ficha en BiTraGa.

Véxase taménEditar