Igrexa de San Fiz de Solovio

templo católico en Santiago de Compostela

A igrexa de San Fiz de Solovio é un templo relixioso situado no centro da cidade de Santiago de Compostela. Ten a sona de se-la igrexa máis antiga da cidade, aínda que foi derruída, reconstruída e sometida a diferentes reformas e ampliacións posteriores ó longo de oito séculos. Está dedicada a San Fiz.

Igrexa de San Fiz de Solovio
San Fiz de Solovio
PaísEspaña
LocalizaciónSantiago de Compostela
Coordenadas42°52′46″N 8°32′30″O / 42.87944444, -8.54166667
editar datos en Wikidata ]

Historia e características

editar

Foi construída no século X polo bispo Sisnando II, e derrubada por Almanzor en 997, para ser reconstruída no século XII polo bispo Xelmírez. Da fábrica románica conserva unicamente a portada e, no seu tímpano, un relevo que representa a Epifanía, datado en 1316 e no que se observan claros restos de policromía, aínda que non é a orixinal. No centro aparece a imaxe da Virxe co Neno sentado no colo; á dereita vense os Reis Magos, e á esquerda a imaxe de san Xosé, apoiado nun caxato, e de Xoán Debe, o doante da obra, axeonllado ante a Virxe. O nome e a data aparecen nunha inscrición que corre no lintel da porta.

No século XVII engádenselle novas capelas e, xa no XVIII, o arquitecto santiagués Simón Rodríguez procede a unha ampliación, con dúas naves novas e mailo campanario barroco.

No muro norte do presbiterio consérvase un sartego coa efixie xacente do cardeal Lopo González de Carballido, do século XVI. O retablo principal é de estilo barroco.

Conta a tradición que o eremita Paio se atopaba aquí rezando cando viu as luces que sinalaban o lugar onde se agochaban os restos do apóstolo Santiago.

No libro V do Códice Calixtino, onde se describe a cidade de Santiago, relaciónanse as dez igrexas que había daquela en Santiago. En sétimo aparece citada a de San Fiz:

... septima sancte Felicis martiris

Localización

editar

Segundo a lenda cristiá, no lugar onde se ergue a igrexa moraba o ermitán Paio, descubridor do sepulcro do apóstolo Santiago a principios do VIII. A xulgar polas tumbas escavadas na rocha que se atoparon no adro da actual igrexa, de clara tipoloxía altomedieval, a área de San Fiz de Solovio debeu de ser a única zona habitada da actual Compostela tralo abandono da área próxima á catedral ao longo do século V[1].

Recuperada a área da catedral co descubrimento da tumba do apóstolo, Solovio quedou fóra do recinto inicial do Locus Sancti Iacobii. No século XI, coa muralla edificada por orde do bispo Cresconio, incorporouse á cidade.

Belén tradicional

editar

Cada Nadal, o interior do templo acolle un belén cedido e montado por José Uzal, coa colaboración do Colexio Maior de Santo Agostiño e mais do Arcebispado de Santiago de Compostela.[2]

Galería de imaxes

editar
  1. "Patrimonio II: el epicentro de Compostela (del siglo I - al IX)". Guía Histórico-Arqueológica de las Ciudades Patrimonio de la Humanidad de España. Arquivado dende o orixinal o 05/12/2019. Consultado o 2/01/2020. 
  2. Belén Tradicional en San Fiz de Solovio Arquivado 19 de xaneiro de 2019 en Wayback Machine., Santiagoturismo.com, 2 de decembro de 2017 (en castelán).

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Ligazóns externas

editar