Torre de Santa Cruz
A Torre de Santa Cruz, tamén coñecida cos nomes de Torre de Coruxo[1] ou Pazo de Coruxo[2] é un pazo situado no lugar de Coruxo de Abaixo, na parroquia de Santaia de Liáns (concello de Oleiros). O 17 de outubro de 1994 foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC)[3].
Torre de Santa Cruz | |
---|---|
Concello | Oleiros |
Provincia | A Coruña |
Comunidade | Galicia |
Coordenadas | 43°20′48″N 8°20′36″O / 43.346666666667, -8.3433333333333 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | (-) |
Estilo actual | (Restaurado e reformado no século XX) |
Estado actual | En bo estado |
Véxase tamén | |
Pazos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Descrición
editarO edificio está formado por varias torres ameadas con perpiaños de granito. Ten os muros recebados, con perpiaños á vista nas esquinas e nos vans[2].
No xardín pódese salientar a presenza dun ombú catalogado na lista de árbores senlleiras de Galicia[4].
Historia
editarA orixe do pazo remóntase ao século XVII e está ligada a unha liñaxe oriúnda da mesma parroquia de Liáns, apelidada Freyre de Moscoso ou Freyre de Somorrostro[5]. Xa a finais do século XVIII, a torre de Coruxo foi adquirida e reedificada por don Martín de Torres Moreno, cabaleiro de Santiago, orixinario de Tierra de Cameros (A Rioxa) e descendente da familia nobiliaria do Solar de Tejada. Martín de Torres Moreno fundou na Coruña unha casa de comercio e banca. Os seus descendentes pasaron a ser parte da elite acomodada coruñesa que posuía quintas de recreo nas parroquias próximas á cidade, na liña do que acontecía con Marcial del Adalid e Francisca Herrera Garrido no veciño pazo de Lóngora ou Emilia Pardo Bazán e Xosé Quiroga tanto no castelo de Santa Cruz como no pazo de Meirás.[6].
O seu bisneto, Fernando Torres Calderón, morreu sen descendencia, de xeito que a propiedade foi incautada polo réxime franquista e pasou ás mans da Sección Femenina falanxista. Este organismo fixo unha profunda reforma do edificio para dedicalo á organización de campamentos de verán[7].
Coa morte do xeneral Franco, o movemento veciñal reclamou o uso do predio, longamente abandonado, para a creación dunha escola pública. En 1981 abríronse as primeiras cinco aulas do Colexio Público As Torres, que foi a orixe do CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal, inaugurado en 1987 pola Xunta de Galicia nuns terreos contiguos cedidos polo Concello[7].
Dado que o edificio quedara liberado dos seus usos educativos, o Concello de Oleiros reformouno en 1992 e creou o Centro Cultural As Torres, conformado polo Teatro Municipal As Torres[8], a Biblioteca Municipal e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro" [9] e mais o Museo Os Oleiros "José María Kaydeda"[10].
Notas
editar- ↑ Ficha da Torre de Coruxo na base de datos de bens inmobles do Patrimonio Cultural, na web do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte de España (en castelán).
- ↑ 2,0 2,1 Pazo de Coruxo, na páxina web da Asociación Española de Amigos de los Castillos (en castelán).
- ↑ Observatorio Virtual do Patrimonio de Galicia, páxina web da [Universidade de Santiago] (en galego).
- ↑ Listaxe de árbores e formacións senlleiras, dispoñible na páxina web de Árbores Senlleiras da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas), onde o ombú aparece co código 67A (en galego).
- ↑ Concello de Oleiros (2007). A herdanza do pobo (PDF). p. 38. Consultado o 9 de xuño de 2017.
(...) as súas orixes datan do século XVII vencelladas a unha familia de liñaxe, oriúnda de Liáns, apelidada Freyre de Moscoso ou Somorrostro (...)
- ↑ Queipo Gutiérrez, Carolina (2013). Universidad de La Rioja, ed. "La música insonora del Fondo Adalid o la invisibilidad de la práctica musical doméstica masculina de la élite durante la Restauración". BROCAR, Cuadernos de Investigación Histórica (37): páxina 70. Consultado o 01 de maio de 2014. (en castelán)
- ↑ 7,0 7,1 "Cuando Oleiros tomó la Bastilla", artigo en La Opinión (en castelán).
- ↑ Teatro Municipal As Torres na web do Concello de Oleiros (en galego).
- ↑ Biblioteca e Centro de Documentación da Muller "Rosalía de Castro" na web da Rede de Bibliotecas Municipais de Oleiros (en galego).
- ↑ Museo Os Oleiros Arquivado 02 de maio de 2014 en Wayback Machine. na web de turismo do Concello de Oleiros (en galego).
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Martínez Barbeito, C. (1978). Deputación Provincial da Coruña, ed. Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña. pp. 148–149.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Postal antiga en que se aprecian parcialmente os torreóns e o aspecto que tiña a Torre antes da reforma levada a cabo pola Sección Femenina. A foto leva o texto 17. La Coruña. Santa Cruz. Castillo Torres Moreno.