Pazo de Meirás

construción civil na parroquia de Meirás, no concello de Sada

O pazo de Meirás é un pazo situado na parroquia de San Martiño de Meirás (concello de Sada), no cal viviu a escritora galega Emilia Pardo Bazán e que, na actualidade, hai unha disputa sobre a súa titularidade entre varias administracións públicas e os descendentes de Francisco Franco.[1] En decembro de 2008 a Xunta de Galicia declarouno Ben de Interese Cultural (BIC). O 2 de setembro de 2020, unha xuíza sentenciou que o pazo era propiedade do Estado, declarando nula e sen efecto a "doazón persoal" a Franco e a súa familia.[2]

Pazo de Meirás
Fachada principal.
ConcelloSada
ProvinciaA Coruña
ComunidadeGalicia
Coordenadas43°21′27″N 8°17′46″O / 43.3575, -8.29611111
Estilo arquitectónico
Estilo orixinal(Románico)
Estilo actual(século XIX)
Estado actualBo
Véxase tamén
Pazos de Galicia
editar datos en Wikidata ]

Descrición

editar
 
Emilia Pardo Bazán, de costas, ante as Torres de Meirás en construción.

O Pazo de Meirás foi construído a finais do século XIX por riba das ruínas dun antigo edificio derrubado durante a Guerra de Independencia. O seu estilo é romántico. O inmoble consta de tres torres con ameas, de distinto tamaño e de planta cadrada, unidas por un corpo máis baixo, de cantería de granito.

A torre maior, chamada A Torre da Quimera por Emilia Pardo Bazán, é onde se atopaba a súa biblioteca,[3] e está situada á dereita do edificio. As dúas torres frontais están unidas por un pequeno corpo, que forma o amplo vestíbulo do pazo. Entre as torres menores, no lateral dereito do conxunto, atópase a capela, cunha portada románica trasladada doutro lugar. Nesta capela celebrou a súa voda a escritora o 10 de xullo de 1868. Tamén se poden atopar alí pezas arqueolóxicas interesantes, cruceiros, fontes, balaústres ou escudos traídos doutros pazos galegos (Sada, Ximonde, Ermida, Bendaña) especialmente no tempo en que Francisco Franco o empregou como residencia no verán. A maioría destas pezas foron achegadas por concellos e outras administracións durante a estadía de Franco, ou adquisicións da muller do xeneral, Carmen Polo.[4] Entre estas obras de arte destacan dúas estatuas do século XII de 1,78 e 1,71 metros de altura respectivamente, pertencentes ao taller do mestre Mateu extraídas do Pórtico da Gloria en 1947 e entregadas ao caudillo en 1960, ano no que este as instalou no pazo, trasladándoas posteriormente á súa residencia da Coruña.[5] Destacan tamén un cruceiro que representaba ao Santo dos Croques, tamén espoliado do Pórtico da Gloria; a réplica do relevo da praza da Bárbaras da cidade da Coruña; unha fonte de granito barroca do século XVIII e outra rococó do XVII.[6]

A propiedade ten unha superficie total 66.792 m², dos cales 2.115 son superficie construída.[7]

Historia

editar

Nos terreos onde agora se ergue o pazo houbo ata 1809 unha casa forte, queimada en 1809 polos franceses durante a guerra de independencia. Esta primeira construción pertencera á liñaxe dos Patiño de Bergondo, vencellados por enlaces matrimoniais aos Pardo de Lama, devanceiros da escritora Emilia Pardo Bazán, quen posuía o título de condesa de Pardo Bazán, concedido polo rei Afonso XIII en recoñecemento á súa relevancia no mundo literario. No ano 1893 a escritora e mais a súa nai decidiron encargar a construción dun pazo sobre as ruínas anteriores, das que non se conserva nada.

 
O xeneral Franco e a súa familia empregaron o pazo como residencia durante o verán.

Trala morte da escritora o 12 de maio de 1921 e do seu fillo Jaime en 1936, os descendentes lexítimos da escritora, a súa filla Blanca Quiroga de Pardo Bazán e a súa nora Manuela Esteban Collantes, tentaron doar o inmoble á Compañía de Xesús, pero esta non aceptou as condicións postas polas herdeiras. A venda produciuse finalmente a unha comisión que buscaba un pazo como agasallo ao ditador Francisco Franco. O pazo pasou a mans do xeneral o 5 de decembro de 1938. A cantidade da venda varía segundo as fontes entre as 400.000, as 450.000 ou as 725.000 pesetas daquel tempo.

Trala venda do pazo comezaron as obras de remodelación e acondicionamento da leira: amañouse o muro, a estrada desprazouse varios metros e ampliouse, instalouse unha gran porta de ferro na entrada principal, e construíronse garitas de vixilancia e fontes[4], a torre e os principais motivos ornamentais do Pazo do marqués de Bendaña en Dodro foron trasladados ó pazo de Meirás[8][9], para axeitala a ser a residencia de verán do xefe do estado[10].

 
Documento no que Esquerda Galega pide a devolución, asinado en 1982 por Pura Barrio e Gonzalo Vázquez Pozo.

Estas obras sufragáronse parcialmente, cando menos, con colectas nos concellos da comarca e con impostos especiais. Os funcionarios vía reducido o seu soldo para financiar as obras. Os arquivos municipais de Oleiros gardan a suma que os cidadáns dese concello entregaron, 9.000 pesetas, con achegas que ían desde os 25 céntimos ata as 400 pesetas, aínda que tamén se recolleron xoias. Noutros casos producíronse ameazas e extorsións, vendas a prezos irrisorios de terreos que ampliaron a extensión do pazo[11], e doazóns máis ou menos libres baixo a ameaza de desafección co réxime[12].

Logo da morte de Franco, o pazo pasou á propiedade da muller, quen segue sendo a titular malia falecer en 1988. En 1977 casou alí unha das netas, Merry Martínez Bordiú, co xornalista Jimmy Giménez-Arnau. En 1978 produciuse un incendio en estrañas circunstancias[13] que destruíu parte do interior da construción. Durante anos, o inmoble estivo en mal estado ata que foi recuperado e acondicionado de novo en 1996, para a voda doutra das netas de Franco[14]. O pazo de Meirás foi residencia estival da filla de Franco, Carmen Franco[15].

Entre as diferentes utilidades para o pazo baralláronse o establecemento dunha universidade privada[16], un hotel, un casino, unha urbanización de chalés.

Titularidade

editar
 
Porta do muro que arrodea o Pazo.

O 1 de agosto de 2008 o Goberno da Xunta de Galicia puxo en funcionamento os trámites para declarar o Pazo, Ben de Interese Cultural (BIC)[17] despois de meses de estudos e valoracións do patrimonio artístico e cultural do pazo.[18] A declaración de BIC constitúe o máximo grao de protección para un inmoble da categoría do pazo e supón a súa consideración como propiedade privada pero de dominio público, polo que os seus propietarios teñen a obriga de pedir permiso para calquera reparación, reforma ou calquera outro traballo de albanelería que queiran realizar na propiedade. Así mesmo poden recibir unha serie de vantaxes fiscais e subvencións para o seu mantemento e restauración[19].

Os trámites para a declaración de BIC por parte da Xunta non estivo exenta de polémica; xa que, dende o primeiro momento, o goberno autonómico bateu coa oposición dos herdeiros da familia Franco, que non autorizaban a entrada dos técnicos da Xunta para a súa avaliación, polo que tiveron que acudir aos tribunais para conseguila[20].

Por outra banda, a polémica non só atinxe aos herdeiros do Pazo, xa que un movemento popular encabezado pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, reclama a devolución das propiedades do Pazo ao "pobo"[21] alegando que o pazo foi unha doazón feita ao Xefe do Estado polo que sería propiedade do Goberno Español e non dos herdeiros de Franco.

A declaración como Ben de Interese Cultural no Consello da Xunta o 30 de decembro de 2008, coa categoría de sitio histórico,[22] obrigaba a abrir o edificio ao público catro días ao mes, debéndose iniciar as visitas a finais de 2008[23]. Malia isto, as visitas non comezaron até o 2011, momento no que a Xunta de Galicia concedeu aos Franco unha subvención de 50.000 euros para financiar a apertura[24].

No ano 2017 publicouse o libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio[25], de Carlos Babío Urkidi e Manuel Pérez Lorenzo, editado pola Fundación Galiza Sempre e financiado pola deputación da Coruña. Nel desméntense as ideas establecidas de que o pazo fose un presente voluntario dos coruñeses a Franco, e a de que este e a súa familia o xestionasen como unha propiedade particular[26][27].

Nese mesmo ano, a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña denunciou que a Fundación Francisco Franco estaba a xestionar as visitas ao BIC Pazo de Meiras[28]. Como resposta á denuncia, a fundación franquista publicou un comunicado indicando a súa pretensión de utilizar as visitas ao monumento para reivindicar a figura do ditador[29]. Esta situación motivou en agosto a ocupación simbólica do inmoble por militantes do Bloque Nacionalista Galego[30] e a constitución da denominada "Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás" por parte de diversas entidades civís e administracións públicas[31][32].

A instancias desta xunta elaborouse un informe "histórico-xurídico", coordenado por Emilio Grandío e Xabier Ferreira, que habilitou unha vía legal para permitir a devolución do pazo[33][34][35]. Unha vía que foi finalmente empregada en xullo de 2019 pola avogacía do estado español nunha demanda nos xulgados da Coruña por "venda fraudulenta da propiedade a Francisco Franco"[36]. A demanda fundamentábase na documentación recollida no libro "Meirás un pazo un caudillo, un espolio" que foi achegado como proba documental na propia causa xudicial.

O 2 de setembro de 2020 o xulgado de primeira instancia da Coruña declarou que a propiedade do pazo corresponde ao Estado español e non á familia de Francisco Franco.[37][38] O 1 de xullo de 2021, o Pazo de Meirás abriu ao público con visitas guiadas de balde.[39] Porén, as visitas estaban limitadas ao vestíbulo do pazo, a capela e os xardíns. Con todo, segundo datos do concello de Sada, que asumiu a xestión do Pazo de Meirás, a cota de visitas está completo até finais de 2021.[40]

  1. "La familia Franco pone a la venta el Pazo de Meirás por 8 millones". Faro de Vigo (en castelán). 16/2/2018. Consultado o 17/2/2018. 
  2. "La juez ordena a la familia Franco a devolver el pazo de Meirás al Estado". Noticias Jurídicas. 2 de setembro de 2020. 
  3. "La quimera de Meirás" Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine., Diario de Mallorca (en castelán).
  4. 4,0 4,1 Breve reseña histórica do Pazo de Meirás, Carlos Babío
  5. "BNG e goberno de Santiago piden que os Franco devolvan as esculturas do Pórtico da Gloria" Praza.gal
  6. ""Los Franco exhiben su patrimonio"", La Opinión A Coruña, 29/7/2008 (en castelán).
  7. "Expropiar el pazo de Meirás costaría unos 4 millones de euros", La Opinión (en castelán).
  8. Avelino Abuín de Tembra. "Reclamación de Dodro" Arquivado 26 de novembro de 2018 en Wayback Machine., Galicia Hoxe.
  9. "Dodro pide la devolución de parte de su patrimonio expoliado para Meirás" Arquivado 17 de setembro de 2017 en Wayback Machine., El Correo Gallego (20/5/2008) (en castelán).
  10. "El Pazo de Meirás, un regalo demasiado caro para Galicia", Público, 5/10/2007 (en castelán).
  11. "Vi cómo unas treinta personas lloraban por perder sus tierras", La Opinión (en castelán).
  12. "El pueblo reclama el pazo de Meirás", El País, 10/8/2007 (en castelán).
  13. Daniel Prieto. O incendio do pazo Meirás no 78 “foi provocado”, segundo o BNG Arquivado 15/06/2010, en Wayback Machine.", Xornal de Galicia, 12/6/2010.
  14. "Las torres del No-Do", El País, 10/8/2007 (en castelán).
  15. "La quimera de Meirás Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine.", Diario de Mallorca (en castelán).
  16. "Un obsequio para el Generalísimo, pero a nombre de Carmen Polo", El País, 22/7/2007 (en castelán).
  17. "O Pazo de Meirás entra no catálogo de Bens de Interese Cultural", Vieiros, 1/8/2008.
  18. "El pazo de Meirás podría abrirse al público tras la evaluación de la Xunta". El Periódico de Aragón (en castelán). Consultado o 9/4/2020. 
  19. "La quimera de Meirás Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine.", Diario de Mallorca (en castelán)
  20. "Cultura poderá inspeccionar o Pazo de Meirás, pero "sen publicidade" Arquivado 13 de setembro de 2019 en Wayback Machine.", El Correo Gallego, 18/3/2008 (en castelán).
  21. "Decenas de vecinos acuden al Pazo de Meirás para pedir su devolución al pueblo gallego", El Mundo, 18/11/2007 (en castelán)
  22. "O Pazo de Meirás xa é BIC Arquivado 16 de decembro de 2013 en Wayback Machine.", A Nosa Terra, 30/12/2008.
  23. "A familia Franco terá que abrir o Pazo de Meirás ao público Arquivado 29/9/2008, en Wayback Machine.", Galiciae, 1/8/2008.
  24. "Feijóo atribúese a apertura de Meirás, obrigada por un decreto do goberno de PSdeG e BNG". Praza Pública. 2017-08-04. Consultado o 2020-12-11. 
  25. "Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio chega a súa 4ª edición". Galiza Sempre. 2020-12-03. Consultado o 2020-12-11. 
  26. ""Non foi só o Pazo de Meirás, foi un macroespolio do que se lucraron e aínda se lucran as elites"". Praza Pública. 2017-03-10. Consultado o 2020-12-11. 
  27. ""O xeito no que se fixo a Transición ten moito que ver na situación do Pazo de Meirás"". Praza Pública. 2017-11-28. Consultado o 2020-12-11. 
  28. "A Fundación Francisco Franco xestiona desde hai meses as visitas ao Pazo de Meirás". Praza Pública. 2017-07-27. Consultado o 2020-12-11. 
  29. "A Fundación Franco asume que utilizará o Pazo de Meirás para gabar "a grandeza" do ditador". Praza Pública. 2017-07-31. Consultado o 2020-12-11. 
  30. "Membros do BNG ocupan simbolicamente o Pazo de Meirás para esixir a súa devolución". Praza Pública. 2017-08-30. Consultado o 2020-12-11. 
  31. "Ofensiva institucional e social para que os Franco devolvan o Pazo de Meirás ao patrimonio público". Praza Pública. 2017-08-09. Consultado o 2020-12-11. 
  32. "Máis de trinta concellos forman parte xa da Xunta pro Devolución do Pazo de Meirás". Praza Pública. 2017-11-14. Consultado o 2020-12-11. 
  33. "Un informe xurídico avala a nulidade da transmisión do Pazo de Meirás aos Franco". Praza Pública. 2018-02-27. Consultado o 2020-12-11. 
  34. "O informe sobre Meirás "cambia o escenario": a Deputación instará a Patrimonio Nacional a recuperar o Pazo". Praza Pública. 2018-03-01. Consultado o 2020-12-11. 
  35. "Todo o Parlamento insta o Estado a recuperar xa Meirás coa vía proposta pola comisión de expertos". Praza Pública. 2018-06-26. Consultado o 2020-12-11. 
  36. Diario, Nós. "O goberno español exixe nos xulgados á familia Franco a devolución do Pazo de Meirás". Nós Diario. Consultado o 2020-12-11. 
  37. "A sentenza que recupera Meirás recoñece o papel dos “movementos civís e políticos” para que os Franco non legalizasen a ocupación". Praza Pública. 2020-09-03. Consultado o 2020-09-07. 
  38. Pontevedra, Silvia R. (2020-09-02). "“La sentencia de Meirás es histórica, porque es la primera que tiene en cuenta el contexto de represión franquista”". EL PAÍS (en castelán). Consultado o 2020-09-07. 
  39. "Reabre al público el Pazo de Meirás con visitas guiadas gratuitas". Condé Nast Traveler (en castelán). 1 de xullo de 2021. Consultado o 20 de decembro de 2021. 
  40. "Meirás: solo visitas al exterior del pazo un año después de su cesión". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de decembro de 2021. Consultado o 20 de decembro de 2021. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar