The Jesus and Mary Chain

The Jesus and Mary Chain é unha banda escocesa de rock alternativo formada en East Kilbride, Glasgow en 1983. A base da banda fórmana os irmáns Jim e William Reid. O grupo editou un feixe de álbums, sinxelos e EPs dende a súa formación en 1983 ata a súa separación en 1999, e gañaron notoriedade nos seus primeiros días polos seus curtos concertos e a violencia que se fixo común nos mesmos. No ano 2007 a banda reuniuse.

A banda en Los Angeles no ano 2007
OrixeEast Kilbride, Greater Glasgow, Escocia
Período1983 - 1999
2007 - presente
Xénero(s)rock alternativo, noise pop, post-punk, shoegazing
Selo(s) discográfico(s)Creation, Blanco y Negro, Sub Pop, Def American, Reprise, WEA
MembrosJim Reid
William Reid
Loz Colbert
Mark Crozer
Phil King
Antigos membrosBarry Blackler
Murray Dalglish
Dave Evans
Lincoln Fong
Douglas Hart
Bobby Gillespie
Martin Hewes
Ben Lurie
Steve Monti
John Moore
Matthew Parkin
James Pinker
Nick Sanderson
Richard Thomas
Na rede
Web oficial
IMDB: nm2166973 Facebook: JesusAndMaryChain Twitter: themarychain Instagram: jesusandmarychain MySpace: jesusandmarychainband Youtube: UCAlP0LcJ_RVqLvNr78w8MmA Spotify: 4rjlerN21ygkIhmUv55irs iTunes: 206071588 Last fm: The+Jesus+and+Mary+Chain Musicbrainz: e938a15c-b17e-4e7a-9f68-ff0d536cab44 Songkick: 129156 Discogs: 243280 Allmusic: mn0000343930 Deezer: 1804 Genius: The-jesus-and-mary-chain Editar o valor em Wikidata

Historia editar

Primeiros anos editar

Os irmáns Jim e William Reid inspiráranse para formar unha banda xa en 1977, escoitando grupos da escena punk británica; a principios dos 80 formaron o seu propio grupo. William dixo, "Foi o momento perfecto porque alí non había ningunha banda de guitarras. Todo o mundo estaba facendo esa música pop electrónica".[1] Antes de formar a banda os irmáns pasaran cinco anos no paro, tempo durante o cal compuxeron e gravaron cancións en casa e traballaron no son e na imaxe do grupo.[2] Orixinalmente chamada The Poppy Seeds,[3] e despois Death of Joey, inicialmente dixeron aos xornalistas que tomaron o seu nome final dunha liña dunha película de Bing Crosby, aínda que seis meses despois admitiron que non era certo.[4][5] Outras fontes suxiren que o nome deriva dunha oferta nun paquete de cereais para o almorzo, onde os clientes podían conseguir unha cadea de ouro de "Jesus & Mary".[3]

Or irmáns comezaron a gravar e a enviar demos a compañías discográficas en 1983 (usando un Portastudio mercado coas 300 libras que o seu pai lles deu do seu despido tras perder o seu traballo nunha fábrica),[6] e a principios de 1984 recrutaron ao baixista Douglas Hart e ao batería adolescente Murray Dalglish.[4] Entre as súas primeiras influencias estaban The Velvet Underground, The Stooges e The Shangri-Las. William dixo en 1985, "Todos amamos a The Shangri-Las, e algún día faremos discos Shangri-Las".[4] Jim mencionou o seu gusto por Pink Floyd, Siouxsie and the Banshees, The Monkees e Muddy Waters.[7] As primeiras demos tiñan semellanzas cos Ramones, incitando aos irmáns engadir outro elemento ao seu son; en palabras de William: "Esa é a razón pola que comezamos a usar ruído e retroalimentación. Queremos facer discos que soen diferentes".[8] A banda comezou a realizar concertos na primavera de 1984. Nos primeiros días a guitarra de William Reid estaba desafinada, mentres que a batería de Dalglish estaba limitada a dous tambores, e o baixo de Hart só tiña tres cordas, baixando a dúas en 1985; segundo Hart "son as dúas que uso, quero dicir, porque carallo gastar cartos noutras dúas? Dúas son suficiente".[9]

Loitando para conseguir concertos, a banda presentábase en locais dicindo ser os abreconcertos, tocando un curto repertorio e facendo unha saída rápida.[4] Despois de non conseguir xerar ningún interese entre os promotores de concertos e selos en Escocia, a banda mudouse a Fulham, Londres, en maio de 1984, e pouco despois a súa cinta demo foi pasada ao tamén escocés Alan McGee a través de Bobby Gillespie. Posteriormente McGee promocionou un concerto para a banda no Living Room de Londres en xuño de 1984.[1] Tras escoitar a proba de son McGee ofrecéulles un contrato único con Creation Records, ademais de converterse tamén no seu representante.[10][11] O seu sinxelo de estrea, "Upside Down", foi gravado en outubro e publicado en novembro dese ano.[12] As sesións foron producidas por Joe Foster, pero McGee, insatisfeito co traballo de Foster, remesturou a cara A, aínda que a cara B, unha versión da canción de Syd Barrett "Vegetable Man", quedou acreditada a Foster.[13] A banda estaba gañando cada vez máis atención da prensa musical nesa época, sendo descritos por Neil Taylor, da revista NME, como "a mellor banda do mundo".[14]

Dalglish deixou a banda en novembro de 1984 tras unha disputa sobre cartos e foi substituído pouco despois por Bobby Gillespie, que tamén formara Primal Scream dous anos antes, en 1982.[1] No mes de decembro a banda foi arrestada por posesión de anfetaminas, e Jim Reid tamén confesou ter consumido LSD.[14] "Upside Down" chegou ao número 1 da lista independente británica en febreiro de 1985 e novamente en marzo, estando na lista durante 76 semanas, vendendo unhas 35 000 copias, e converténdose nun dos sinxelos máis vendidos dos anos 80.[15][16]

Tocando diante de pequenas audiencias, durante os primeiros concertos The Mary Chain fixo actuacións moi curtas, normalmente alimentadas con anfetaminase durando uns 20 minutos,[11] e tocando de costas á audiencia, negándose a falar co público. A finais de decembro de 1984 a banda actuou como parte do ICA Rock Week. Durante o seu concerto tiráronse botellas ao escenario, e a prensa esaxerou os eventos afirmando que houbera disturbios, publicando o xornal nacional The Sun unha historia sobre a banda concentrándose na violencia e as drogas. O grupo gañou a etiqueta de "Os novos Sex Pistols", facendo que varios consellos locais lles prohibisen tocar na súa área.[17]

Psychocandy editar

 
Jim Reid

O éxito de "Upside Down" fixo interesarse a Blanco y Negro Records, filial de WEA, que asinou un contrato co grupo a principios de 1985. A banda editou o sinxelo "Never Understand" en febreiro, acadando o número 47 da lista británica de sinxelos.[5] O selo rexeitara inicialmente lanzar o tema debido á súa cara b, "Suck", pero foi adiante debido á alternativa dada pola banda, unha canción chamada "Jesus Fuck".[18] O grupo estaba ansioso por lanzar "Jesus Fuck", e McGee llegou a producir edicións de proba dun relanzamento de "Upside Down" co tema como cara b, antes de que a banda insistise a Blanco y Negro para que incluíse a canción no seu seguinte sinxelo. O lanzamento de "You Trip Me Up" atrasouse debido a que o persoal da planta de prensado negouse a fabricalo debido á presenza da canción, agora retitulada "Jesus Suck"; O sinxelo publicouse en xuño de 1985 cunha nova cara b, "Just Out of Reach".[5] John Peel conseguiu que a banda gravase unha segunda sesión para o seu programa na BBC Radio 1 en febreiro de 1985 (a primeira fora uns meses antes), e o grupo tamén fixo unha aparición nos programas de televisión Whistle Test[19] en marzo e The Tube ese mesmo ano.[20] O terceiro sinxelo para Blanco y Negro, "Just Like Honey", publicado en outubro, conseguindo con el o seu maior éxito ata a data e acadando o número 45.[5]

Ansiosa por evitar a violencia dos seus primeiros concertos e por darlle unha oportunidade ás súas cancións para ser escoitadas sen distorsión e retroalimentación, a banda planeou realizar varios concertos acústicos non anunciados apoiando a Sonic Youth, pero a idea abandonouse cando os plans foron filtrados.[21] O seu álbum de estrea, Psychocandy, lanzouse en novembro dese ano.[5] O álbum fusionaba as dúas influencias principais dos Reid: o ruído de guitarras de The Stooges e The Velvet Underground coas composicións e melodía pop de The Beach Boys, The Shangri-Las e Phil Spector. De feito, o primeiro tema do álbum, "Just Like Honey", toma prestado a famosa introdución de batería de Hal Blaine para o clásico de 1963 de The Ronettes "Be My Baby", producido e coescrito por Spector.[22] O disco recibiu críticas positivas e no presente considérase unha gravación histórica.[23] O batería Bobby Gillespie anunciou a súa marcha dabanda en outubro de 1985 para centrase en Primal Scream.[24] Gillespie gravara a meirande parte das baterías en Psychocandy, con John Moore encargándose da batería cando Gillespie non estaba dispoñible. Finalmente Moore acabaría substituíndo a Gillespie.[24] John Loder tamén se encargou da batería nos directos cando Gillespie non podía tocar.[5]

Cando a banda asinou con Blanco y Negro en xaneiro de 1985, houbo historias que falaban de que os seus membros roubaran cartos da chaqueta do director xeral Rob Dickens e esnaquizaran a súa oficina. Esas historias non eran certas, pero foron vistas como unha boa publicidade polo seu representante.[25] Nunha actuación na televisión belga en marzo de 1985 a banda esnaquizou o escenario e o equipo de son, pero isto foi a petición do produtor do programa.[20] Agardábase este tipo de comportamento por parte da banda e moitos dos seus concertos culminaban cos irmáns Reid esnaquizando o seu equipo, seguido moitas veces polo lanzamento de proxectís do público cara ao escenario.[11][26]

 
William Reid

O 15 de marzo de 1985 The Jesus and Mary Chain realizou un concerto no North London Polytechnic diante dunha das súas maiores audiencias ata a data. Os organizadores venderan máis entradas que as que permitía a capacidade do local, deixando a centos de persoas fóra. Cando Gillespie e Hart intentaron romper as pechaduras chamouse á policía. Os abreconcertos Meat Whiplash alentaran a violencia antes da actuación de The Mary Chain cando o seu cantante Paul McDermott lanzou unha botella ao público, facendo que catro asistentes o atacasenan e que a banda tivese que deixar o escenario.[20] O segundo grupo, The Jasmine Minks, realizou o seu concerto sen incidentes, pero The Jesus and Mary Chain mantivo á audiencia agardando máis dunha hora antes de subir ao escenario, rematando o concerto tras tocar menos de 20 minutos.[20] Algunhas persoas comezaron a lanzar latas a onde os membros da banda se agachaban tras as cortinas do escenario, antes de subirse e esnaquizar o equipo que aínda quedaba alí. A violencia continuou ata que a policía puido controlar a situación.[20] O local culpou á tardanza da banda e a dous fallos do equipamento, mentres que McGee emitiu un comunicado dicindo que "a audiencia non estaba esnaquizando a sala, estaba esnaquizando a música pop", e que "Isto é realmente arte como terrorismo".[27] Ao pouco tempo a violencia comezou a ser un obstáculo para a banda, con xente asistindo aos seus concertos só pola violencia. William comentou "Ódioo, desprézoo. Interponse no camiño de conseguir máis concertos, e interponse no camiño da nosa imaxe".[27] Durante o resto de 1985 canceláronse moitas actuacións debido a que os promotores e concellos non querían arriscarse a disturbios.[27] A violencia estoupou novamente nunha actuación no Electric Ballroom en Camden Town en setembro, con botellas lanzadas á banda mentres tocaba e parte do público esnaquizando o equipo de amplificación e despois o de iluminación, con varias persoas feridas por mor dos cristais lanzados.[28] Un dos principais factores para esta reacción da audiencia era a lonxitude das actuacións do grupo na épca, que aditaba a ser menor de 25 minutos. Jim explicou este feito dicindo, "nunca houbo un grupo o suficientemente bo para tocar máis". A falta de cancións tamén foi un factor segundo Jim: "Só tiñabamos suficientes cancións para tocar ese tempo".[29]

Tras o éxito do álbum no Reino Unido a banda iniciou unha xira polos Estados Unidos a finais de 1985, seguida por unha xira polo Xapón.[30] Tras regresar ao Reono Unido xiraron polo país, desta vez sen os problemas de violencia de anteriores actuacións.[31] A banda reviviu as súas intencións acústicas cunha sesión crua para John Peel en novembro de 1985, que incluíu "Psychocandy", a canción título orixinal que non foi incluída no álbum, e "Some Candy Talking", un tema que levaban tocando un ano pero que non entrara no disco.[32] Unha segunda versión de "Some Candy Talking" publicouse nun EP regalado coa revista NME en xaneiro de 1986, e o tema foi lanzado como sinxelo no mes de xullo. Acadou o número 13 na lista británica de sinxelos, pero xerou polémica cando o DJ da BBC Radio 1 Mike Smith decidiu que a canción era un himno ás drogas ilegais (algo negado pola banda na época pero admitido por William un ano despois) e convenceu á emisora para prohibir o tema.[5][33]

Darklands e Automatic editar

En setembro de 1986 a banda deixou ao seu representante Alan McGee, e estivo a piques de separarse pouco despois, con Jim Reid sofrendo "agotamento".[34] John Moore convertérase en membro estable, pero moveuse á guitarra rítmica, co antigo membro de Redskins Martin Hewes uníndose ao grupo brevemente (aínda que el nega terse unido á banda) e o antigo percusionista de Dead Can Dance James Pinker facendose cargo da batería.[34][35] O director de Blanco y Negro Geoff Travis encargouse de representar á banda, que regresou en decembro con dous concertos no National Ballroom en Kilburn, Londres, onde estrearon novas cancións como "April Skies" e "Hit".[36] A principios de 1987 a banda entrou no estudio para gravar o seu segundo álbum. Os primeiros froitos desas sesións publicáronse no sinxelo "April Skies" en abril, que sería o seu primeiro en entrar no top 10.[5] A influencia de The Beach Boys era evidente na cara b, que incluía "Kill Surf City", unha reelaboración do tema de Brian Wilson "Surf City".[37] Os varios formatos editados tamén incluían unha versión de "Who Do You Love?" de Bo Diddley, un tributo a el con "Bo Diddley is Jesus", e unha versión ao vivo do tema de Can "Mushroom".[38] "Happy When It Rains" foi o segundo sinxelo anterior ao álbum, fortemente influenciado pola canción "My Girl" de Smokey Robinson, aínda que non conseguiu o éxito de "April Skies", acadando tan só o número 25.[39] A banda comezou outra xira británica, desta vez con concertos que duraban ata 45 minutos, aínda que con reaccións dispares da prensa especializada.[40] A banda xirou sen batería, usando no seu lugar unha caixa de ritmos.[41]

O segundo álbum da banda, Darklands, foi editado durante a xira, no mes de setembro, e foi descrito polo escritor Steve Taylor como "a mestura definitiva de luz e sombra".[42] Cun son máis melódico, o álbum foi gravado case a súa totalidade polos irmáns Reid,[42] substituíndo as baterías por unha caixa de ritmos, e recibiu críticas moi positivas da prensa musical británica. A canción título do disco lanzouse como sinxelo en outubro, e a banda foi expulsada do programa musical The Roxy da canle ITV ao ser incapaz de imitalo o suficientemente ben.[35]

O perigosa reputación da banda culminou nun concerto no club RPM en Toronto en novembro de 1987, cando despois de ser interrompido durante toda a actuación por un grupo no público, Jim Reid tirou o seu pé de micro cara a eles, golpeando a un na cabeza.[43] Jim foi arrestado e pasou a noite na cadea, antes de ser rescatado o seguinte febreiro. Quedou libre de cargos tras acceder a doar unhas 500 libras ao Exército de Salvación e desculparse co afectado.[43]

Co caso xudicial colgando sobre a banda, recompilaron unha colección de caras b e rarezas para editar en abril de 1988 como Barbed Wire Kisses. Tamén escolleron temas ao vivo tomados dun concerto en Detroit o anterior novembro para lanzalos the publicalos mentres planeaban máis traballo no estudio. Dave Evans, antigo técnico de son de Mary Chain e baixista con Biff Bang Pow! (onde tamén tocaban Alan McGee e Dick Green de Creation Records) foi recrutado en setembro de 1987 para substituír a Moore, que formou John Moore and the Expressway. Richard Thomas uniuse a principios 1988 para encargarse da batería. A banda estivera usando cintas de batería nas xiras antes de Thomas.[35][44] O seu seguinte lanzamento foi a nova gravación "Sidewalking", publicada en marzo de 1988 e con varios temas ao vivo como cara b, seguido un mes máis tarde por Barbed Wire Kisses.[44] Nese mesmo ano o grupo fixo unha remestura do sinxelo "Birthday" de The Sugarcubes.

O seu terceiro álbum de estudio, Automatic, lanzouse en outubro de 1989, momento no que Evans fora substituído por Ben Lurie.[35] Cun uso intensivo de baixos sintetizados e teclados, o álbum non foi tan ben recibido como os anteriores. O disco tiña os sinxelos "Head On" e "Blues From A Gun". Nesta época a violencia asociada orixinalmente ao grupo case desaparecera e os irmáns Reid eran en xeral menos antagonistas e agresivos. O EP Rollercoaster (agosto de 1990) sería o seu seguinte lanzamento, iniciando a banda unha xira co mesmo nome con My Bloody Valentine, Dinosaur Jr. e Blur.[5]

Anos 90 editar

Douglas Hart estaba pluriempregado con The Acid Angels en 1988, e deixou a banda en 1991 para adicarse ao cine, antes de coller o baixo novamente en 2006, tocando con Sian Alice Group, Le Volume Courbe e Cristine.[45][46][47] Thomas tamén deixou o grupo para unirse a Renegade Soundwave. A natureza fluída da formación de Mary Chain continuou ao longo de toda a súa carreira, cunha porta xiratoria de baterías, baixistas e guitarristas recrutados para aparicións en televisión e concertos cando eran necesarios, sendo os Reid os únicos membros constantes do grupo.[5] Os irmáns Reid recrutaron á antiga sección rítmica de Starlings, Matthew Parkin e Barry Blackler, para substituír a Hart e Thomas.[35]

Os irmáns mercaron o seu propio estudio de gravación en 1991 en Elephant & Castle, no sur de Londres, que bautizaron como The Drugstore,[48] e regresaron en febreiro de 1992 cos froitos do seu novo estudio, o sinxelo "Reverence", o máis exitoso da banda en case cinco anos, acadando o número 10 no Reino Unido.[44] Escupindo retroalimentación e bile punk rock en todas as direccións, o tema foi prohibido na BBC Radio 1 e en Top of the Pops, debido á súa letra potencialmente ofensiva ('Quero morrer como JFK, quero morrer nos Estados Unidos'...'Quero morrer como Xesucristo, quero morrer nunha cama de espiñas').[48] O sinxelo foi seguido polo lanzamento do álbum Honey's Dead (1992), que rebibiu recensións diversas.[5] Tras a xira Rollercoaster para promocionar o álbum, a banda concentrouse nos Estados Unidos, cunha aparición no programa de David Letterman, e unha xira como parte do cartel do Lollapalooza, con William describíndoa posteriormente como "a peor experiencia das súas vidas", seguida pola súa propia xira como cabeza de cartel.[35][48] En decembro de 1992 os irmáns Reid perderon novamente a súa sección rítmica, con Ben Lurie regresando e Steve Monti uníndose como batería.[35] En 1993 editaron outro recompilatorio, The Sound of Speed, antes de regresar ao estudio para gravar o seu quinto álbum, Stoned & Dethroned, publicado en 1994 e con participacións de Shane MacGowan e da entón moza de William, Hope Sandoval. O disco planeouse orixinalmente como un álbum acústico, pero esa idea foi abandonada en palabras de Jim porque, "Non podíamos facer cousas o suficientemente interesantes con guitarras acústicas para elaborar un álbum".[48] No recompilatorio de 1995 Hate Rock 'n' Roll lanzado a través de American Recordings, publicáronse varios temas que despois se incluírían no álbum Munki.

Tras o lanzamento de Hate Rock 'N' Roll, The Mary Chain deixou Blanco y Negro, o seu selo durante máis dunha década, e regresou á súa discográfica orixinal, Creation Records, asinando tamén con Sub Pop nos Estados Unidos.[44] A banda agora incluía ao antigo baixista de Lush Phil King.[35] Posteriormente gravaron o álbum de 1998 Munki, o último antes de separarse o ano seginte.[44] Munki foi o álbum menos exitoso lanzado polo grupo, chegando ao número 47 da lista británica de álbums.[44] No álbum aparece a irmá dos Reid Linda, que canta no tema "Mo Tucker",[48] e Hope Sandoval, que canta en "Perfume".

Aínda que non foi ata outubro de 1999 cando se fixo oficial a separación, o 12 de setembro de 1998 William tivo unha pelexa no autobús de xira co guitarrista Ben Lurie antes dun concerto no famoso House of Blues dos Ánxeles con todas as entradas vendidas. Jim apareceu no escenario aparentemente bébedo e apenas era capaz de manterse en pé ou cantar. William saíu do escenario uns 15 minutos despois de iniciar o concerto e a actuación rematou.[35] O público posteriormente recuperou os cartos das súas entradas. A banda completou as súas datas nos Estados Unidos e o Xapón sen William, quedando claro que a banda cabaría por disolverse. Jim Reid dixo en 2006 sobre a tensión entre el e William: "Despois de cada xira queríamos matarnos entre nós, e despois da última intentámolo".[49]

Despois da separación editar

Inmediatamente tras a disolución do grupo, William Reid comezou unha carreira en solitario como Lazycame, tendo xa editado un EP en abril de 1998, e Jim Reid fundou Freeheat xunto con Lurie, o ex baixista de Gun Club Romi Mori e obatería de Earl Brutus Nick Sanderson, aínda que ningún deles recibiu moita atención nin tivo éxito. En outubro de 2005 anunciouse que os Reid reuníranse; o tema de Jim Reid "Song for a Secret", un dueto coa súa muller Julie Barber, lanzouse como sinxelo emparellado co tema de Sister Vanilla "Can't Stop The Rock", composto e producido por William Reid e a súa irmá máis nova, Linda. O sinxelo foi lanzado por Transistor Records o 17 de outubro. Jim Reid promocionou a súa cara do sinxelo cun concerto moi raro no club Sonic Cathedral de Londres o John Peel Day, o xoves 13 de outubro de 2005. Jim rematou esta presentación coa interpretación do clásico de Mary Chain "Never Understand". Jim Reid tamén interpretou material novo en concertos discretos cunha nova banda formada por Phil King na guitarra, Laurence Colbert (Ride) na batería e Mark Crozer (International Jetsetters) no baixo.

O 11 de xullo de 2006 reeditáronse cinco álbums a través de Rhino Records: Psychocandy, Darklands, Automatic, Honey's Dead e Stoned & Dethroned. Cada un deles foi publicado cun DVD que contiña tres videos promocionais de ese álbum en particular.[50]

Reunión editar

The Jesus and Mary Chain reuniuse para actuar en Coachella o 27 de abril de 2007. Durante "Just Like Honey", Scarlett Johansson, que protagonizou o filme Lost in Translation onde aparecía a canción, actuou coa banda no escenario principal. O grupo realizara un concerto de quencemento o día anterior en Pomona, California, con Annie Hardy de Giant Drag como invitada.[51] A primeira actuación no Reino Unido dende a reunión foi no festival Meltdown en xuño.[49]

En xuño de 2007 Jim Reid revelou que a banda estaba traballando nun novo álbum.[52] En marzo de 2008 publicaron o tema "All Things Must Pass" para a banda sonora da serie de televisión da NBC Heroes, sendo a súa primeira canción dende 1998. En setembro dese ano Rhino Records publicou o recompilatorio de 4 CDs The Power of Negative Thinking: B-Sides & Rarities. En 2010 apareceu un álbum de grandes éxitos, Upside Down: The Best of The Jesus and Mary Chain, publicado por Music Club Deluxe.[53]

A banda xirou por América do Norte en 2012 e nese mes de maio tamén tocou na China por primeira vez.[54] A formación contaba co guitarrista John Moore e o batería de Fountains of Wayne Brian Young substituíndo a Loz Colbert. Mark Crozer substituiu a Moore a partir dos seus concertos en Tel Aviv no mes de outubro.[55] En 2013 anunciouse que unha caixa en vinilo de toda a sía discografía, bautizada como The Complete Vinyl Collection, sería editada polo 30 aniversario da banda a través de Demon Music Group.[56] En 2014 o grupo converteuse no primeiro en fichar pola reformada Creation Management, dirixida por Alan McGee. A banda tocou a totalidade de Psychocandy ao longo de 2015 para celebrar o 30 aniversario do disco.[57]

En setembro de 2015 Jim Reid anunciou que a banda estaba gravando o seu primeiro álbum de estudio dende 1998. O álbum, titulado Damage and Joy, foi producido por Youth e publicouse o 24 de marzo de 2017.[58] O 24 de agosto Bobby Gillespie uniuse á banda tocando a batería en tres cancións de Psychocandy durante a súa actuación no Festival Vilar de Mouros en Portugal.[59] En outono de 2018 foron abreconcertos na xira por América do Norte de Nine Inch Nails Cold and Black and Infinite.[60] A bands annunciou unha xira de Darklands por Europa en marzo e abril de 2020, que finalmente foi adiada para novembro e decembro de 2021 por mor da pandemia de COVID-19.[61][62]

En xuño de 2021, a banda demandou a Warner Music Group polo control do seu álbum debut Psychocandy e dos álbums posteriores, e solicitou 2,55 millóns de dólares en danos. Segundo a Sección 203 da Lei de Dereitos de Autor dos Estados Unidos de 1976, os artistas poden reclamar os dereitos das súas gravacións despois de 35 anos, sempre que o notifiquen axeitadamente e a tempo ao selo actual.[63]

O 29 de novembro de 2023 a banda publicou "Jamcod", o primeiro sinxelo do seu oitavo álbum, Glasgow Eyes, que debería ser inicialmente editado o 8 de marzo de 2024.[64] No mes de febreiro anunciouse que o lanzamento do disco sería finalmente o 22 de marzo, e o mesmo día publicouse un novo sinxelo, “Girl 71”.[65]

Discografía editar

Álbums de estudio editar

Álbum Ano Selo
Psychocandy 1985 Blanco y Negro Records
Darklands 1987 Blanco y Negro Records
Automatic 1989 Blanco y Negro Records
Honey's Dead 1992 Blanco y Negro Records
Stoned & Dethroned 1994 Blanco y Negro Records
Munki 1998 Creation Records
Damage and Joy 2017 ADA, Warner Bros.
Glasgow Eyes 2024 Fuzz Club

Recompilatorios editar

Álbum Ano Selo
Barbed Wire Kisses 1988 Blanco y Negro Records
The Sound of Speed 1993 Blanco y Negro Records
Hate Rock 'N' Roll 1995 American Recordings
The Complete John Peel Sessions 2000 Strange Fruit
21 Singles 2002 Warner Strategic Marketing
The Power of Negative Thinking: B-Sides & Rarities 2008 Rhino Entertainment
Upside Down: The Best of The Jesus and Mary Chain 2010 Music Club Deluxe, Rhino
The Complete Vinyl Collection 2013 Demon

Contribucións editar

Participaron en varias bandas sonoras, como a das películas Modern Girls, Some Kind of Wonderful, Earth Girls Are Easy , The Crow, All Over Me, Lost in Translation ou One Last Thing ... e series como Miami Vice e Beavis and Butt-Head.[66]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 "Jesus and Mary Chain - Interview with Jim Reid Part 1". www.pennyblackmusic.co.uk. Arquivado dende o orixinal o 06 de setembro de 2019. Consultado o 2019-11-24. 
  2. Robertson 1988, p. 8
  3. 3,0 3,1 Wilson 2004, p. 226
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Robertson 1988, p. 16
  5. 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 Strong 2003, p. 383
  6. Lynskey, Dorian (2014-10-26). "The Jesus and Mary Chain on Psychocandy: ‘It was a little miracle’". The Observer (en inglés). ISSN 0029-7712. Consultado o 2019-11-24. 
  7. "BBC - BBC Radio 6 Music Programmes - 6 Music Playlist, Jim Reid". web.archive.org. 2012-03-03. Archived from the original on 03 de marzo de 2012. Consultado o 2019-11-24. 
  8. Robertson 1988, p. 15
  9. Entrevista en Sky News, 1985
  10. Robertson 1988, p. 17
  11. 11,0 11,1 11,2 Larkin 1992, p. 227
  12. Strong 2003, p. 129
  13. Robertson 1988, p. 18
  14. 14,0 14,1 Robertson 1988, p. 21
  15. Robertson 1988, p. 19
  16. Lazell 1997, p. 123
  17. Robertson 1988, p. 22
  18. Robertson 1988, p. 31
  19. The Old Grey Whistle Test Vol. 3 (DVD). BBC Video. 2006.
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 Robertson 1988, p. 24
  21. Robertson 1988, p. 48
  22. Robertson 1988, pp. 49, 56
  23. Robertson 1988, p. 52
  24. 24,0 24,1 Robertson 1988, p. 51
  25. Robertson 1988, p. 23
  26. "The Mick Sinclair Archive: The Jesus And Mary Chain". micksinclair.com. Consultado o 2022-06-21. 
  27. 27,0 27,1 27,2 Robertson 1988, p. 25
  28. Robertson 1988, p. 26
  29. Robertson 1988, p. 27
  30. Robertson 1988, pp. 60, 65
  31. Robertson 1988, p. 65
  32. Robertson 1988, p. 68
  33. Robertson 1988, p. 69
  34. 34,0 34,1 Robertson 1988, p. 73
  35. 35,0 35,1 35,2 35,3 35,4 35,5 35,6 35,7 35,8 Thompson 2000, p. 436
  36. Robertson 1988, p. 74
  37. Robertson 1988, p. 76
  38. Robertson 1988, p. 77
  39. Robertson, 1988 & p. 80-81
  40. Robertson 1988, pp. 82-83
  41. Robertson 1988, pp. 82-83
  42. 42,0 42,1 Taylor 2004, p. 129
  43. 43,0 43,1 Robertson 1988, p. 89
  44. 44,0 44,1 44,2 44,3 44,4 44,5 Strong 2003, p. 384
  45. Daly, Steven (1992) "Teenage Fanclub", Spin, xaneiro de 1992, p. 36
  46. Rubiner, Julie M. (1993) Contemporary Musicians, Gale Group, ISBN 978-0810322189, p. 123
  47. "No 315: Sian Alice Group". the Guardian (en inglés). 2008-05-06. Consultado o 2022-06-25. 
  48. 48,0 48,1 48,2 48,3 48,4 Sladeckova, Olga. "Jesus And Mary Chain - Interview with Jim Reid Part 2". www.pennyblackmusic.co.uk (en inglés). Consultado o 2022-06-27. 
  49. 49,0 49,1 McNair, James (28 de xuño de 2007). "The Jesus And Mary Chain, Royal Festival Hall, London". The Independent.
  50. NME (2006-05-12). "The Jesus And Mary Chain get reissued". NME (en inglés). Consultado o 2024-03-22. 
  51. "The Jesus & Mary Chain News on Yahoo! Music". web.archive.org. 2008-08-21. Archived from the original on 21 de agosto de 2008. Consultado o 2024-03-22. 
  52. "The Jesus And Mary Chain plan new album". NME (en inglés). 2007-06-01. Consultado o 2024-03-22. 
  53. "The Jesus and Mary Chain Receive New Best of Set". exclaim.ca (en inglés). Consultado o 2024-03-22. 
  54. "Festival on a high note". global.chinadaily.com.cn. Consultado o 2024-03-22. 
  55. "Bass player Mark Crozer: Nothing is permanent in The Jesus and Mary Chain" (en neerlandés). 2020-07-15. Consultado o 2024-03-22. 
  56. "The Jesus and Mary Chain's 30th anniversary celebrated with vinyl box set" (en inglés). 2013-10-07. Consultado o 2024-03-22. 
  57. Grow, Kory (2015-01-26). "The Jesus and Mary Chain Announce 'Psychocandy' Tour". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2024-03-22. 
  58. Sacher, Andrew. "The Jesus and Mary Chain detail new album, 'Damage and Joy' (listen to "Amputation")". BrooklynVegan (en inglés). Consultado o 2024-03-22. 
  59. "Watch: The Jesus and Mary Chain reunites with Bobby Gillespie on ‘Psychocandy’ songs – Slicing Up Eyeballs" (en inglés). Consultado o 2024-03-22. 
  60. Reed, Ryan (2018-05-10). "Nine Inch Nails Plot New LP, Tour With Jesus and Mary Chain". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2024-03-22. 
  61. "DARKLANDS TOUR 2020". THE JESUS AND MARY CHAIN (en inglés). 2019-10-08. Consultado o 2024-03-22. 
  62. "Darklands Rescheduled European Dates Announced". THE JESUS AND MARY CHAIN (en inglés). 2021-01-26. Consultado o 2024-03-22. 
  63. Eggertsen, Chris (2021-06-15). "The Jesus And Mary Chain Sue Warner Music For Control Of Their Debut Album". Billboard (en inglés). Consultado o 2024-03-22. 
  64. Grow, Kory (2023-11-29). "The Jesus and Mary Chain Embrace 'No Rules' on New Song 'Jamcod'". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2024-03-22. 
  65. "The Jesus and Mary Chain Unveil New Song "Girl 71": Stream" (en inglés). 2024-02-22. Consultado o 2024-03-22. 
  66. The Jesus and Mary Chain a IMDb (en inglés)

Bibliografía editar

  • Larkin, Colin (1992). The Guinness Who's Who of Indie and New Wave Music. Guinness Publishing. ISBN 0-85112-579-4. 
  • Lazell, Barry (1997). Indie Hits 1980-1989. Cherry Red Books. ISBN 0-9517206-9-4. 
  • Robertson, John (1988). The Jesus and Mary Chain - a Musical Biography. Omnibus Press. ISBN 0-7119-1470-2. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar