Creation Records
Creation Records foi un selo discográfico independente británico dirixido por Alan McGee, que o fundou xunto con Dick Green e Joe Foster en 1983. O seu nome vén da banda dos anos 60 The Creation,[1] que McGee admiraba enormemente. McGee, Green e Foster tamén tocaban no grupo Biff Bang Pow!, que era o título dunha canción de The Creation. O selo cesou as súas operacións no ano 1999, aínda que reviviu nalgún momento de 2011 para publicar un álbum recompilatorio, Upside Down, con temas da discográfica.
Creation Records | |
---|---|
Tipo | selo discográfico |
Data de fundación | 1983 |
Data de disolución | 1999 |
Fundador(es) | Alan McGee |
Sede | Londres |
Na rede | |
http://www.creation-records.com | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O selo centrouse no rock alternativo, publicando moitos disco de indie pop, indie rock, shoegazing e britpop, pero tamén contaba con bandas que tocaban outros estilos do rock, como post-punk, ademais dalgúns artistas de electrónica, folk e música experimental.
Historia
editarPrimeiros anos
editarMcGee creou Creation Records tras a culminación de varios proxectos como o fanzine Communication Blur, a súa propia banda The Laughing Apple (co futuro guitarrista de Primal Scream Andrew Innes) e a posta en marcha do seu local The Communication Club. Inicialmente McGee desexaba proporcionar unha saída a músicos cunha mentalidade semellante á súa e unha oportunidade á bandas novas para ver o seu traballo en vinilo; principalmente o selo estaba en contra do "fabricado" synth pop da época que se parecía moi pouco ao traballo dos seus artistas favoritos, como Public Image Ltd e Sex Pistols.[2]
McGee iniciou o selo sacando o sinxelo "'73 in '83" de The Legend!, despois de pedir un préstamo bancario de 1 000 libras. No mesma época abriu un club chamado The Living Room en Tottenham Court Road, grazas ao cal coñeceu a varias persoas que acabarían gravando con Creation, como Peter Astor e Lawrence. O distribuidor Rough Trade comezaría ao pouco tempo a financiar os lanzamentos.[3]
Creation estivo entre os selos clave do movemento indie de mediados dos 80, publicando traballos dalgúns dos primeiros artistas desas escena, como The Jesus and Mary Chain e Primal Scream. The Jesus and Mary Chain pasarían a gravar con Warner Bros. Records en 1985, aínda que McGee seguiu sendo o seu representante. Cos beneficios que fixo coa banda foi capaz de publicar sinxelos de grupos como Primal Scream, Felt e The Weather Prophets.
McGee tiña entusiasmo e unha extraordinaria habilidade para atraer á prensa musical semanal, sendo capaz de conseguir un crecente número de seguidores na escena underground. Nos seus primeiros días foi capaz de proxectar unha imaxe destacada de The Jesus and Mary Chain, que ás veces cortexaba con violencia e comportamentos groseiros.
Etapa media
editarDespois dos intentos non exitosos de levar unha etiqueta filial de Warner Bros. (Elevation Records), McGee reagrupou Creation e mergullouse na florecente escena dance e acid que comezou a finais dos anos 80. Esas escenas influenciaron a pioneiros do selo como Primal Scream e Ed Ball, ademais de a novas fichaxes como My Bloody Valentine.
Os lanzamentos de Creation Records nesa época adoitaron a ser aclamados pola crítica a pesar de non ter grandes éxitos comerciais. Creation acumulara unha débeda considerable, problema que só se solucionou cando McGee vendeu a metade da compañía a Sony Music en 1992. Houbo informes da escalada de uso de drogas por parte de McGee, ademais de numerosos e conflitivos informes que dicían que o selo estivo próximo á bancarrota despois de financiar a gravación de dous anos do disco de 1991 de My Bloody Valentine Loveless.
Anos con Sony
editarDespois da venda a Sony, Creation asinou un contrato con Oasis, cuxo álbum de estrea, Definitely Maybe, converteuse nun grande éxito comercial e da crítica. A banda chegaría a personificar o movemento cultural do britpop de mediados dos 90. O éxito de Oasis foi un feito sen precedentes para unha discográfica independente. O seu segundo traballo, (What's the Story) Morning Glory?, sería o álbum británico con máis vendas de toda a década.
Nos anos 90 Creation lanzou a súa subsidiaria Rev-Ola Records, creada por Joe Foster. Rev-Ola é a día de hoxe parte do grupo de selos PoppyDisc.
O revitalizado Partido Laborista tomou nota dos logros de McGee con Creation. Conseguiron que este encabezase unha campaña antes das eleccións xerais británicas de 1997 co obxectivo de apelar á cultura da mocidade do país. McGee foi responsable en boa medida de cambiar a lexislación do goberno en relación a que os músicos puidesen unirse ao New Deal, financiado polo goberno e que lles daba tres anos para desenvolverse como músicos en vez de ter que coller outros traballos para sobrevivir.
A serie Omnibus fixo un documental sobre McGee e Creation en 1998 para BBC One. Creation Records foi premiada como "Selo independente do ano" todos os anos entre 1995 e 1998 pola publicación Music Week, e McGee foi premiado pola revista NME co premio "Godlike Genius" en febreiro de 1995.
Disolución
editarSegundo o documental Upside Down, McGee e Foster optaron por pechar Creation en decembro de 1999 despois de que o primeiro comezase a sentir esgotamento e a desilusionarse co selo. O derradeiro lanzamento da discográfica foi XTRMNTR de Primal Scream, lanzado en xaneiro de 2000, pouco despois de que Creation deixase de funcionar.
A disolución de Creation Records en 1999 levou a McGee e a Foster a formar Poptones. O selo viu unha volta ás raíces firmemente independentes de Creation, e destacou por ter lanzado a carreira de The Hives no Reino Unido.
En maio de 2007 McGee dixo ao xornal The Independent que estaba liquidando Poptones por motivos financeiros.
Upside Down, unha película sobre Creation Records, estreouse no BFI de Londres o 23 e 24 de outubro de 2010.[4] Foi publicado en DVD no Reino Unido o 9 de maio de 2011.[5] Ademais, editouse unha banda sonora recompilada por Joe Foster e formada por 34 temas que abarcaban toda a carreira de Creation Records. Este álbum foi publicado polo propio selo, que foi revivido unicamente para o seu lanzamento.
En numerosas entrevistas en 2012 McGee di que estaba "considerando seriamente" resucitar Creation Records.[6]
Notas
editar- ↑ "The Creation". Creation Records. Consultado o 19 de abril de 2017.
- ↑ Yates, Brendan (2003). Out of the Void; The Primal Scream Story. Empire Publications Ltd. p. 21. ISBN 978-1901746365.
- ↑ Dee, Johnny (abril de 1988). "It's Different For Domeheads: Alan McGee recalls the most memeorable Creation creations". Underground (13): 28.
- ↑ "London Film Festival announces screening of Creation Records film". NME. Consultado o 23 de abril de 2017.
- ↑ "Film to immortalise lords of Creation records". The Guardian. Consultado o 23 de abril de 2017.
- ↑ "Alan McGee set to bring back Creation Records". NME. Consultado o 23 de abril de 2017.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- Páxina web oficial (en inglés)