BBC One

estación de televisión do Reino Unido, a máis antiga do mundo

BBC One é a máis antiga estación de televisión do Reino Unido e do mundo. É a principal canle da BBC, e comezou a emitir como BBC Television Service o 2 de novembro de 1936, aínda que a BBC emitira experimentalmente en gran variedade de formatos dende que o 30 de setembro de 1929 Baird Televisión emitise utilizando os medios da BBC. O 1 de setembro de 1939 as emisións foron interrompidas ata que de novo o 7 de xuño de 1946 volveu transmitir. A estación tivo o monopolio das transmisións de televisión no Reino Unido ata a aparición da ITV en 1955. En 1964 coa aparición de BBC Two pasou a se denominar BBC One.

Mira de axuste da BBC, 1937

Historia editar

Inicios de BBC Television editar

O 30 de setembro de 1929 comezou, desde o seu estudio de Long Acre (Londres), as súas primeiras transmisións experimentais de televisión. Para iso a BBC adoptou o sistema para transmisión de imaxes desenvolvido por John Logie Baird, consistente nun sistema de varrido da imaxe de 30 liñas. A retransmisión simultánea de son e imaxe comezou o 30 de marzo de 1930 a través dun novo transmisor, e aos poucos días comezaron a desenvolverse probas de emisión continuada.

A BBC comezaría a desenvolver transmisións cos seus propios medios a partir do 22 de agosto de 1932, creando para iso un novo estudio na capital e novas infraestruturas como o sistema de emisión electrónica. As emisións regulares de BBC inauguráronse oficialmente, desde a banda VHF, o 2 de novembro de 1936,[1] con discursos do Postmaster General (Director Xeral de Correos), do presidente da BBC e do presidente do Consello Asesor da Televisión, o barón Selsdon. A cadea adoptou en 1937 o sistema Marconi de 405 liñas, o cal mostrouse superior ao de Baird en canto a calidade de imaxe. Nun principio, o radio de emisións era de 40 quilómetros ao redor do transmisor situado en Alexandra Palace, pero aos poucos o sinal foi en aumento.

A BBC viuse obrigada a interromper abruptamente o servizo de televisión o 1 de setembro de 1939, ao pouco tempo de estalar a segunda guerra mundial. O último programa emitido foi unha película de animación de Mickey Mouse, Mickey's Gala Premier (1933).

Desenvolvemento da televisión no Reino Unido editar

BBC retomou os servizos de televisión o 7 de xuño de 1946, coa aparición dunha das presentadoras da cadea durante os anos 30, Jasmine Bligh. A Corporación apresurouse en desenvolver o sistema de televisión a través de todo o país, aumentando a cobertura a Birmingham en 1949 coa apertura dun transmisor. A comezos dos anos 50 a cobertura da canle era total en todo o país. A sede da canle de televisión foi Alexandra Palace ata que a cadea mudouse aos estudios de Lime Grove nos 50, e ao BBC Television Centre en 1960, sitio no que permanece desde entón ata 2012, cando, tras desprenderse das instalacións, desprázanse á Broadcasting House no centro de Londres.[2]

Un importante paso para a consolidación de BBC Television foi o comezo regular dos servizos informativos, BBC News, o 5 de xullo de 1954, así como a transmisión de emisións en directo tales como a coroación de Isabel II do Reino Unido, unha das maiores coberturas na historia da canle.

Aparición de cadeas privadas e competencia editar

BBC Television mantivo o monopolio das emisións de televisión ata 1955, ano en que aparece a Independent Television (ITV) en virtude dunha Lei Audiovisual que pretendía desenvolver o servizo de TV a través da competencia. Isto obrigou á BBC a cambiar a súa estratexia, identidade e prioridades, obrigándoa a competir para evitar unha perda de audiencia. Así comezou a implantar programación popular con series, concursos e producións nacionais.

Coa aparición de BBC2, esta cadea pasa a chamarse BBC1 e consolida a súa oferta de programación xeral, relegando á segunda canle unha programación de carácter máis cultural e arriscada. A cadea pasou a emitir no sistema de 625 Liñas do UHF en 1969 e comezou a emitir programación en cor, cesando as emisións en 405 liñas nos anos 80. Ademais ampliou o seu horario de emisións.

BBC na actualidade editar

A canle actualmente mantén a súa oferta de contidos xerais, cunha especial atención á produción propia e aos seus servizos informativos, dentro dunha ampla oferta na BBC que inclúen as novas canles dixitais (BBC Three e BBC Four) e a competencia contra o resto de operadores privados (ITV1, Channel 4, Five). A cadea ha ir perdendo audiencia como parte do proceso de diversificación da oferta televisiva, aínda que recuperou nos anos 90 a condición de cadea máis vista do Reino Unido.

Programación editar

A oferta da cadea é de contidos xerais, pero debe manter uns valores de servizo público, dentro do estipulado pola Corporación. Destaca na produción de programas informativos (2.500 horas anuais), documentais e entretemento. Dentro dos seus programas informativos BBC News inclúe BBC Breakfast, os informativos das 13:00, 18:00 e as 22:00 (o informativo máis visto no Reino Unido), así como a retransmisión meteorolóxica, programas de política e acontecementos especiais ou de última hora. Os seus informativos conectan simultaneamente coa canle de BBC News desde 1997.

A canle destaca tamén na súa produción de documentais, que abarca unha importante parte da grella, e do drama enfocado especialmente na produción propia. A serie máis vista da canle é a novela EastEnders, en emisión desde 1985, e tamén realizou outras series vendidas internacionalmente como Life on Mars, Monty Python's Flying Circus, Little Britain ou Doutor Who entre outras. Dentro do entretemento, BBC exportou a outros países formatos de programas como Strictly come dancing ou Have I Got News for You.

Destacan tamén as emisións deportivas de BBC Sport e a programación infantil de CBBC. Tamén é a canle que emite anualmente no Reino Unido a final do Festival de Eurovisión, certame que organizou en oito ocasións, en 1960, 1963, 1968, 1972, 1974, 1977, 1982 e 1998, o que constitúe o récord entre todas as emisoras participantes no festival.

Programación territorial editar

Para reflectir as distintas nacións que forman o Reino Unido, BBC One ten desconexións rexionais para Escocia, Gales e Irlanda do Norte. A programación varía segundo a rexión e cada centro territorial colabora na programación e cobertura de acontecementos para a Corporación.

Ata a chegada en 2002 da televisión dixital terrestre, a cal permite a recepción da programación rexional en distintos puntos, BBC emitía un informativo xenérico chamado UK Today que recollía as principais noticias de todos os distintos centros territoriais.

Notas editar

  1. BBC. "The contest". The BBC Story (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2013. Consultado o 1 de outubro de 2013. 
  2. BBC sells Television Centre for £200m

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar