Abrir o menú principal

Teodoro Comneno Ducas (en grego: Θεόδωρος Κομνηνός Δούκας, Theódōros Komnēnós Dúkas); nado aprox. en 1180/1185 e finado aprox. en 1252, foi déspota de Epiro desde 1215 até 1230. A data exacta do seu nacemento é descoñecida, pero foi probabelmente entre 1180 e 1185. Foi o medio irmán do fundador do Despotado de Epiro, Miguel I Comneno Ducas, fillo de Xoán Ducas, o neto do emperador bizantino Aleixo I Comneno. Teodoro, que aspiraba a reconquistar Constantinopla, asumira os tres nomes imperiais de Anxo, Ducas e Comneno. Pouco despois de asumir o poder capturou nos montes albaneses ao novo emperador latino Pedro II de Courtenay, que viaxaba desde Dirraquio a Constantinopla para se instalar no seu trono.

Teodoro Comneno Ducas
Theodor I. Despot von Epirus.jpg
Nacemento1180
Falecemento1253
 Tesalónica
NacionalidadeImperio Bizantino
Ocupaciónmilitar
PaiJoão Ducas
CónxuxeMaria Petralifaina
FillosIrene Comnena de Epiro, Anna Angelina Komnene Doukaina, John Komnenos Doukas e Demetrios Komnenos Doukas
IrmánsManuel Comneno Ducas, Constantino Comneno Ducas e Miguel I Comneno Ducas
editar datos en Wikidata ]

En 1224 tomou posesión do reino latino de Tesalónica e alí foi coroado emperador. Mentres se preparaba para atacar a mesma Constantinopla, tivo coñecemento das negociacións entre Iván Asen II de Bulgaria e a familia imperial latina, e decidiu marchar contra os búlgaros, pero foi derrotado na batalla de Klokotnitsa en 1230. Sendo feito prisioneiro e logo cegado, viuse obrigado a abdicar en favor do seu irmán Manuel. Teodoro permaneceu prisioneiro do emperador búlgaro até 1237, cando Iván Asen II casou coa súa filla e logo concedeulle a liberdade. Regresou a Tesalónica xunto ao seu fillo Xoán a gobernar o reino, que nese momento estaba ameazado por Xoán III Ducas Vatatzés, emperador de Nicea. Terminou a súa vida nunha prisión nicena, onde en 1252 Xoán III o deportara.

Índice

TraxectoriaEditar

Nado ao redor de 1180/85, Teodoro foi un fillo lexítimo do sebastocrátor Xoán Ducas e de Zoe Ducaina. Así pois, foi primo irmán dos emperadores bizantinos Isaac II Anxo e Aleixo III Anxo, e medio irmán do fundador do principado epirota, Miguel I Comneno Ducas.

O 1204, á caída de Constantinopla, estivo ao servizo de Constantino Láscaris e á súa morte do seu irmán Teodoro I Láscaris, pero en 1205 regresou a Europa para unirse ao seu medio irmán Miguel Comneno Ducas, que se apropiou do Epiro co título de déspota.

Miguel foi asasinado en 1215 e o seu irmán Teodoro sucedeuno e incorporou aos seus dominios a rexión entre o río Drin (en Albania) e o mar Adriático. En 1216 Teodoro asegurou a fronteira norte cun tratado co duque de Rascia (en Serbia), e cos latinos asinou unha tregua. Logo atacou aos búlgaros de quen tomou Prilep e Ohrid.

En 1217 o emperador latino Pedro II de Courtenay atacou Durazzo, pero foi rexeitado e caeu nunha trampa na costa albanesa sendo feito prisioneiro (non foi liberado, e morreu prisioneiro en 1219). En 1218 Teodoro iniciou unha campaña de catro anos contra o reino de Tesalónica, que se estaba expandindo sobre todo en Tesalia (1218-1222) e que supuxo a ocupación de gran parte do reino, desde Platamon no sur, até Serres e Drama no nordés. Tesalónica foi asediada, e Guido Pallavicini asumiu a dirección da cidade como rexente do mozo Demetrio de Montferrato que marchou a pedir axuda ao papa e aos señores italianos.

O emperador Roberto I de Constantinopla enviou algúns soldados ao ano seguinte (1223), pero un ataque de Xoán III Ducas Vatatzés de Nicea obrigou a retirar ditas tropas. Teodoro ocupou logo Adrianópole e parte de Tracia. En 1224 chegou a Tesalónica Guillerme IV de Montferrato para defender a coroa do seu irmán Demetrio, pero as súas tropas foron decimadas por unha epidemia de peste na que faleceu o mesmo Guillerme IV e nese mesmo ano a cidade rendeuse. Teodoro entrou en Tesalónica e proclamouse emperador (deixando así o título de déspota) mentres que os seus soldados xa se achegaban a Constantinopla.

As operacións non continuaron debido a conflitos cos búlgaros e Teodoro dedicouse a consolidar o seu poder. En 1227 o novo rei de Serbia, Estevo Radoslav, que acababa de suceder ao seu pai Estevo I Nemanjić, declarouse vasalo de Epiro. En 1230 a República de Ragusa recoñeceu a soberanía de Teodoro.

En 1230, no cume do seu poder, Teodoro atacou o territorio búlgaro pero sufriu unha grave derrota na batalla de Klokotnitsa, na beira do río Maritsa, e foi feito prisioneiro. Inicialmente foi tratado con honras, pero en canto se descubriu que el e o seu fillo Xoán preparaban un complot contra o tsar Iván Asen II, foi cegado. Os territorios conquistados por Teodoro aos latinos foron sometidos ao tsar búlgaro (menos unha parte de Tesalia), e os búlgaros entraron sen pouca resistencia en Albania e Durazzo.

Manuel Comneno Ducas, irmán de Teodoro, casou cunha filla de Iván Asen, tomando o poder en Epiro, Etolia, Acarnania, Macedonia e parte de Tesalia, e conservouno porque se recoñeceu vasalo do tsar de Bulgaria. Ragusa rexeitou a soberanía de Epiro en 1232 e Serbia fíxoo en 1233.

En 1237 Teodoro foi liberado xunto co seu fillo Xoán. Volveu ao resto dos seus dominios e rapidamente a nobreza volveu ao seu lado e depuxo ao seu irmán Manuel, que fuxiu a Nicea. Teodoro, restablecido, abdicou a favor do seu fillo Xoán, e casou a unha filla súa con Iván Asen, garantindo así a neutralidade do mesmo.

Con todos estes disturbios, Miguel Comneno Ducas (fillo do déspota Miguel I), que estivera no exilio, tomou o poder en Epiro, Etolia e Acarnania, e proclamouse déspota destas rexións e de Corfú, deixando a Xoán só algúns territorios principalmente en Tesalia. Logo en 1339 o exiliado Manuel regresou con soldados que lle deu o emperador de Nicea e desembarcou preto de Tesalónica. Pero Manuel e Teodoro chegaron a un acordo e establecéronse un goberno conxunto entre Xoán e Manuel.

En 1241 Manuel morreu e Nicea enviou tropas a Tesalónica e nestes combates Teodoro foi feito prisioneiro. Foi finalmente liberado e o seu fillo Xoán (que tivo que renunciar ao título de emperador, recuperando o de déspota, e declarándose vasalo de Nicea) deulle o goberno de Vodena, unha das cidades que conservaba. Xoán morreu en 1244 e sucedeuno o seu irmán Demetrio Comneno Ducas que en 1246 foi deposto por Nicea e enviado ao exilio.

Teodoro conspirou contra Nicea co déspota do Epiro Miguel II Comneno Ducas, quen invadiu as posesións nicenas en Tesalia e Macedonia e ocupou a costa de Macedonia en 1251. En 1252 Nicea pasou á ofensiva e recuperou as súas posesións, xunto coa fortaleza de Kastoriá e chegando até Albania. Miguel II pediu a paz e asinou o tratado de Larisa polo cal renunciaba a favor de Nicea os territorios gregos occidentais que tomara en Bulgaria, e de Prilep e Kroja en Albania, e a cambio recoñecíaselle o título de déspota de Epiro, pero como vasalo do emperador de Nicea. Teodoro foi feito prisioneiro novamente e enviado ao exilio en Nicea onde morreu despois de 1252.

DevanceirosEditar

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • The Oxford Dictionary of Byzantium, Oxford University Press, 1991.
  • K. Varzos, Ē genealogía tōn Komnēnōn (Thessalonica, 1984) vol. 2 pp. 548–637.