Televisión dixital terrestre

(Redirección desde «Televisión Dixital Terrestre»)

Televisión dixital terrestre (TDT) é a transmisión de imaxes en movemento e o son asociado mediante un sinal dixital a través dunha rede de repetidores terrestres, fronte á televisión tradicional que transmite a imaxe e o son mediante modulación analóxica.

Sistemas de TDT por países

En Galicia como no resto de España e Europa, así como tamén en Australia, Suráfrica, Namibia, Panamá, Colombia e Turquía, utilízase o padrón DVB-T que forma parte de toda unha familia de estándares da industria para a transmisión de emisións de televisión dixital segundo diversas tecnoloxías: emisións mediante a rede de distribución terrestre de sinal usada na televisión analóxica tradicional (DVB-T), emisións desde satélites xeoestacionarios (DVB-S), por redes de cable (DVB-C), e incluso para emisións destinadas a dispositivos móbiles con reducida capacidade de proceso e alimentados por baterías (DVB-H). Noutras zonas xeográficas utilízanse outro tipo de estándares así o ATSC que se emprega nos Estados Unidos, Canadá, México, Corea do Sur, Honduras, O Salvador e a República Dominicana. O ISDB-T utilízase no Xapón, Filipinas e na maioría dos países latinoamericanos: o Brasil, Bolivia, o Perú, a Arxentina, Paraguai, Chile, Venezuela, Ecuador, Costa Rica, Nicaragua, Guatemala e o Uruguai. Na China utilízase o DTMB.

As emisións de televisión dixitais contan con numerosas e importantes vantaxes fronte ás emisións en analóxico. A calidade das imaxes é comparábel á dun DVD, e o sinal é moito máis inmune a interferencias que a analóxica (factor especialmente importante en áreas urbanas). A tecnoloxía dixital permite un maior número de emisoras no mesmo espazo radioeléctrico, pois pódense transmitir entre tres e cinco programas por cada canal UHF. Ademais, grazas ao deseño da rede de distribución de sinal é posíbel usar todos os canais da banda, sen necesidade de deixar canais de garda para reducir as interferencias. Finalmente, ao se tratar de transmisións de información dixital, é posíbel unha gran flexibilidade nos contidos emitidos, de maneira que se pode mesturar un número arbitrario de canais de vídeo, son e datos nun único sinal.

Características

editar

Imaxe e son

editar

A imaxe, son e datos asociados a unha emisión de televisión codifícanse dixitalmente nun formato practicamente idéntico ao MPEG-2 usado nos DVD. A calidade de imaxe e son transmitidos é directamente proporcional á velocidade binaria en que se codifica cada un dos fluxos. Non obstante, no dispositivo receptor do usuario a calidade pode verse degradada polas interferencias no sinal transmitido, que na televisión analóxica tradúcense en neve, ruído na imaxe, dobres imaxes, cores deficientes e son de baixa calidade.

Na TDT o fluxo binario resultante de codificar a imaxe, o son e os datos do programa transmítese mediante unha modulación de espectro dixital chamada COFDM (Coded Orthogonal Frequency Division Multiplexing), que divide o fluxo de datos binarios en milleiros de sub-fluxos (en España, debido ao uso de COFDM 8k, máis de 6500) de moita menor velocidade. Deste xeito, existen uns 6500 sinais binarios de datos a moi baixa velocidade (é dicir, elevada duración de bit) superpostos nunha forma de onda moito máis abrupta que a dunha modulación dixital.

Desta maneira os posíbeis rebotes do sinal nos obstáculos do contorno fan que os sinais se superpoñan de maneira aditiva entre si (é dicir, que aumenten a potencia e relación sinal a ruído) sempre que o sinal rebotado chegue durante o tempo de símbolo, que para cada sub-portadora é relativamente elevado, en torno ás decenas de milisegundos. Desta maneira, e nos contornos habituais, as interferencias non degradan senón que melloran a potencia e relación sinal-ruído do sinal recibido.

Ademais a codificación dispón de mecanismos para a detección e corrección de erros que melloran a taxa de erro de bit nos sinais recibidos en contornos especialmente desfavorábeis. En calquera caso, a información transportada polo sinal é un fluxo dixital MPEG-2, cunha calidade de imaxe e son idénticas ás transmitidas, salvo casos de pobre nivel de sinal ou contornos radioeléctricos especialmente ruidosos. A experiencia práctica di que as emisións de TDT vense exactamente como se transmitiron, ou non se ven en absoluto, se ben unha recepción óptima acostuma precisar menor potencia de sinal que unha transmisión analóxica de calidade normal.

Programas de televisión

editar

A tecnoloxía de televisión analóxica actual só permite a transmisión dun único programa de televisión por cada canal UHF de 8 MHz de amplitude. Ademais os canais adxacentes ao que ten lugar unha emisión han de estar libres para evitar as interferencias mutuas entre os sinais, que prexudicarían a calidade do sinal recibido. Desta maneira existen complexos deseños de canais usados e libres en cada rexión, provincia ou incluso área para minimizar as interferencias, aínda que tamén se limitan o número de emisións simultáneas.

A maior capacidade de canais conséguese en TDT mediante dúas melloras. Por unha banda, a modulación dixital COFDM descrita na sección anterior xera formas de onda moito máis cadradas que as analóxicas, minimizando o sinal dun canal que chega aos adxacentes. Ademais, pódense variar certos parámetros de COFDM como o intervalo de garda para se asegurar de reducir as interferencias entre canais ao mínimo. Debido a todo o anterior é posíbel facer uso de máis canais UHF que no caso das transmisións analóxicas, e ademais con esta tecnoloxía é posíbel o despregamento de redes SFN (Single Frequency Network), ou redes de ámbito nacional onde se usa sempre a mesma frecuencia para uns determinados programas.

En segundo lugar, a codificación dixital dos programas permite que no ancho de banda dispoñíbel nun só canal UHF (uns 20 Mbps na actual configuración de TDT en España) se poidan transmitir varios programas con calidade dixital similar á dun DVD. O número de programas simultáneos depende da calidade de imaxe e son desexadas, se ben na actualidade é de cinco programas (o cal dá unha boa calidade en imaxes con movementos lentos, aínda que en escenas de máis acción pódense apreciar facilmente artefactos debidos á codificación dixital MPEG-2 de baixa velocidade). Porén, a gran flexibilidade da codificación MPEG-2 permite cambiar estes parámetros en calquera momento, de maneira transparente aos usuarios.

Flexibilidade das emisións e servizos adicionais

editar

En cada canal de radio emítese un único fluxo MPEG-2, que pode conter un número arbitrario de fluxos de vídeo, son e datos. Aínda que varios operadores compartan en uso dun canal multiplexado (multiplex), cada un pode xestionar o ancho de banda que lle corresponde para ofrecer os contidos que desexe. Pode (por exemplo) emitir un fluxo de vídeo, dous de son (por exemplo, en dúas linguas á vez), varios de datos (subtítulos en tres idiomas, subtítulos para xordos, nun partido información coas estatísticas dos xogadores, ou nunha carreira automobilística información de tempos e posicións etc).

O aproveitamento de toda esta información por parte do usuario é posíbel grazas ás diversas aplicacións das que dispón o receptor TDT, en xeral conformes ao padrón da industria chamado MHP (Multimedia Home Platform). Cada operador poderá desenvolver as aplicacións que proporcionen os servizos desexados aos seus clientes, e estas instalaranse no receptor TDT para dar acceso aos ditos servizos.

Unha destas aplicacións é a EPG (Electronic Program Guide), ou guía electrónica de programas, que interpretará a información sobre programas das emisoras e mostraralla ao usuario, dando a posibilidade (segundo a complexidade do receptor) de programar a gravación de programas, ver a descrición dos mesmos etc.

Sinal de TDT

editar

Na actualidade as emisións de TDT teñen lugar na mesma banda UHF que a televisión analóxica e para sintonizar este novo sinal non ten por que ser necesario modificar a instalación de antena colectiva do edificio (ou a propia da vivenda) se se instalou ou revisou despois de 1990, mais é necesario instalar un descodificador compatíbel DVB-T para cada aparato receptor de televisión analóxica ou comprar un televisor que cumpra o dito padrón.

Polo tanto, seguen servindo as mesmas antenas e as mesmas redes de distribución de sinal que actualmente se usan para o sinal analóxico, pois ambas son sinais na banda UHF. Non obstante, os amplificadores instalados acostuman ser monocanal (só amplifican o sinal dun único canal UHF) e ademais están pensados para sinais de tipo analóxico. Polo tanto, faise necesario engadir un novo amplificador de canal por cada canal usado para transmisión de televisión dixital, que coa situación actual en España fai necesaria a instalación de entre dous e tres novos amplificadores.

Con esta simple e barata modificación o sinal de televisión dixital chegará ás terminais de todos as vivendas do edificio, mais o sinal chega codificado nun formato que os receptores actuais de televisión analóxica non entenden. A cada televisor no que se desexe ver as emisións de televisión dixital deberaselle conectar un descodificador compatíbel DVB-T, que desmodule o sinal COFDM, interprete o fluxo MPEG-2, extraia o programa seleccionado, o descodifique e o envíe ao receptor de televisión analóxica.

A outra opción consiste en adquirir un televisor con sintonizador para televisión dixital, que presenta un prezo desorbitado na actualidade, e desde logo moi superior ao dun descodificador DVB-T externo (cuns prezos en modelos de gama baixa inferiores aos 100 €). Outra posibilidade alternativa é dotar a un ordenador dunha tarxeta receptora DVB-T en formato PCI, USB ou incluso PCMCIA, de prezos a partir dos 50 €.

A TDT nos Estados Unidos

editar

Orixes

editar

A TDT comeza nos Estados Unidos en 1996 grazas á FCC (Federal Communications Commission) que aproba o padrón de televisión dixital proposto polo ATSC (Advancede Television Systems Committee). Estabelece os prazos de implantación, co comezo de emisións para maio de 1999. Este proceso debía concluír co apagamento analóxico, fixado para decembro de 2006 ou cando o 85% de fogares teña capacidade para recibir o sinal TDT. Por imperativo legal, os broadcasters vense obrigados a migrar do sistema tradicional de difusión analóxico hertziano terrestre a un sistema dixital que emprega o padrón ATSC, e esta norma é froito do desexo de creación da Grande Alianza por parte da Administración, isto é, unificar os esforzos de investigación para mellorar a televisión en cor NTSC, co propósito de saltar o estadio intermedio de tránsito analóxico-dixital. En 1992, os Estados Unidos aposta polo "todo dixital", que desactiva a implantación dos estándares de televisión analóxica de High Definition de Europa e o Xapón, e devolve aos Estados Unidos o liderado. A inxerencia do Estado na regulación do sector é moi acusada e responde aos seus intereses de hexemonía económica e industrial, e de carácter estratéxico. O tránsito dun sistema de televisión a outro supón unha revolución para a industria electrónica de equipos de produción e difusión, e sobre todo para a rama electrónica de consumo, encargada de producir equipos de recepción, terreo abandonado pola industria norteamericana en case todo o seu territorio. Polo tanto, o escenario dixital supon un relanzamento de diferentes ramas da industria electrónica.

Formatos da TDT

editar

A TDT afecta a todos os elementos implicados no proceso televisivo. Obriga a dixitalizar todo o proceso, o que implica unha renovación dos equipos de produción e de difusión (a cargo dos broadcasters) e dos equipos de recepción (a cargo dos usuarios). A TDT pode aproveitar a rede de difusión da televisión analóxica, cambiando os emisores e adaptando as antenas analóxicas. O padrón americano ATSC define os seus formatos de emisión en función do número de liñas da imaxe e a forma en que as liñas se presentan na pantalla.

Protagonismo dos broadcasters

editar

Estados Unidos toma un modelo de implantación do TDT que se sostén sobre os broadcasters existentes. Para iso, atribúelle a cada un unha licenza para explotar un canal analóxico, un canal dixital de 6 MHz, de maneira gratuíta coa condición de que cumpra o obxectivo do "apagamento analóxico. Nese momento, os broadcasters devolven ao Estado as frecuencias que ocupaban para emitir en analóxico, que se destinarán a novos usos e servizos. A pesar do comezo positivo (os broadcasters superan os prazos da FCC e aceleran o proceso), xorden problemas para seguir cumprindo as expectativas de implantación, debido aos altos custos de equipos de produción e transmisión, e a dificultades técnicas. Así pois, o regulador flexibilizou as esixencias e aprazou a obrigación de emitir totalmente en dixital. As estacións comerciais só están obrigadas a operar en simulcast (programación analóxica que debe ser emitida simultaneamente en dixital) no prime time.

Obstáculos á implantación da TDT

editar

O proceso non se detén e o índice de dixitalización das cadeas comerciais é elevado. Con todo, a escasa penetración da TDT no mercado non pode atribuirse á falta de cobertura nas emisións, senón á peculiar configuración do mercado televisivo nos Estados Unidos. Os broadcasters encontran outro problema: a maioría dos seus espectadores recibíanos a través doutros soportes de difusión multicanal (un de cada catro fogares recibía os sinais das cadeas comerciais analóxicas terrestres por medio da súa antena). Por iso, reclamaron unha norma Must carry que obrigara os cableoperadores a incluír no seu paquete de aboamento os sinais das estacións broadcaster.

A FCC non dispuxo a norma, polo que os cableoperadores seguen resistíndose a cargar o sinal dixital dos broadcasters no seu servizo de maneira gratuíta. O escaso compromiso por parte do cable dificulta a implantación efectiva da TDT.

Outro obstáculo é a escasa dispoñibilidade de equipos de recepción no mercado. En 2003, só o 8% dos fogares dispuñan de equipos de visionado dixitais. Este escaso parque subliña a importancia de obrigar que os sistemas de cable carguen as estacións de TDT. Pola súa parte, a FCC deu un importante impulso á multiplicación de televisións con sintonizador de TDT incorporado, aprobando a proposta de fabricar televisores dixitais que reciben sinais de televisión dixital conectados directamente ao cable, denominados plug and play.

Contidos

editar

Había que tomar diversas decisións: se se seguía unha política progresiva de difundir en dixital os mesmos contidos que en analóxico, o número de horas e a emisión en HDTV ou SDTV (e, neste caso, en que aproveitar o ancho de banda sobrante). As tres grandes networks (ABC, CBS e NBC) apostaron pola HDTV, mentres que a FOX se decantou pola emisión de SDTV en pantalla de proporción 16:9 (Enhancede Definition Television). Así, a proposta dominante nos Estados Unidos é privilexiar unha maior calidade de imaxe e son, antes que multiplicar a oferta de programas.

Contidos de High Definition

editar
  • ABC: primeiro gran network en inaugurar as emisións de televisión en HD, en novembro de 1998. Progresivamente foi incrementando a súa oferta de HDTV, introducindo programas de ficción e emitindo eventos deportivos e especiais. Na temporada 2002-2003 emitiu gran parte do seu prime time en HD (16 horas semanais), cunha oferta composta basicamente por ficción. Os programas informativos e os reality que complementan o seu prime time non se emiten en HD.
  • CBS: ten unha oferta de 24 horas semanais de programas en HD. En xuño de 2001, foi o primeiro network que incluíu a HDTV no day time. Ademais da ficción, utiliza a HDTV para as retransmisións deportivas de grandes competicións e eventos salientados.
  • NBC: primeiro network en dotarse dun estudio completo para a realización dun programa en directo (talk show) de TDT en HDTV en 1999. Introduciu a ficción na súa aposta pola HD, ademais de manifestacións deportivas. Planea incrementar a súa oferta en eventos especiais, deportes e cine ou tv movies.

As tres grandes networks recorren aos mesmos grandes xéneros para a súa emisión en HDTV, apostando por:

-Ficción: serie e sit-com, en detrimento do serial e o cine

-Deportes: retransmisión en directo de grandes competicións

-Show: especiais, cerimonias de premios

Nestas cadeas os informativos non gozan da HD, ao contrario do que sucede na televisión pública, que centra a súa oferta de HDTV neste xénero.

HDTV como motor da TDT

editar

A estratexia de implantación da TDT apóiase nas emisións en HD, aprazando para o futuro o uso doutras vantaxes, en espera de que madure o proceso mesmo, e de que os televisores dixitais estean dotados de mecanismos eficaces para a interactividade. Un síntoma da forza competitiva da HDTV é que os operadores de satélite e cable se lanzaron á oferta de emisións e canais de HD. Parte da resistenza a aceptar a norma must carry radica en protexer o lanzamento do negocio da HDTV sobre o cable. O cable e o satélite aproveitáronse da revolución dixital estimulada pola migración da televisión analóxica á TDT, sendo o segundo o máis beneficiado, cun notábel incremento de subscritores. Os macroxéneros dominantes na oferta destes operadores son a ficción e o deporte, cunha considerábel presenza da información e incluso algunha incursión en servizos avanzados e de carácter interactivo.

Futuro incerto

editar

A TDT nos Estados Unidos utilízase pola Administración para estimular as industrias audiovisual e electrónica, e adquirir o liderado da revolución dixital. A decisión de acoutar o proceso, poñendo prazos ao "apagón analóxico" e dando o protagonismo aos broadcasters xa existentes é un efecto potenciador, que permite asumir os custos da dixitalización desde unha posición de certa estabilidade. O compromiso dos broadcasters tradúcese no elevado grao de cobertura atinxido na difusión de TDT, que non debe confundirse coa penetración efectiva, que aínda é residual por dúas razóns: a lentitude coa que os usuarios adquiren televisores dixitais debido ao elevado custo do equipo e á escasa oferta de contidos, e o elevado número de fogares que reciben os canais de televisión analóxica a través dalgún sistema de distribución multicanal. Dada a enorme penetración do cable, este é o principal problema para atinxir os obxectivos de penetración e, polo tanto, o must carry é indispensábel para poder chegar ao "apagón analóxico". A opción de tomar a HDTV como elemento dinamizador promove a aposta doutros operadores para competir no terreo da TDT, deixando en segundo plano a oferta de servizos innovadores de carácter interactivo.

A TDT en Europa

editar

O Reino Unido foi o primeiro país en realizar unha emisión simultánea de TDT e analóxica, foi o 15 de xuño de 1996[1]. Existe desde o 30 de outubro de 2002 a plataforma FreeView pola que emiten uns 30 canais de televisión tanto xeralistas como temáticos e 20 emisoras de radio gratuítas.

En Francia, desde o 31 de marzo [cando?], emítense de xeito gratuíto un total de 14 canais, que axiña serán ampliados a 18.

En Italia quérese levar a cabo o apagamento analóxico (o cesamento de toda emisión analóxica) no 2008.

En Alemaña estase facendo unha implantación por zonas, comezando con Berlín en novembro de 2002. Despois de realizarse a cobertura dixital nunha zona, prodúcese o apagamento analóxico nela. O fin do proceso está planificado para 2010.

A TDT en España

editar
 

Durante o ano 2000 entra en funcionamento a primeira plataforma comercial de TDT en España, Quiero TV, que debido a diversos problemas non consegue atinxir a rendibilidade económica esperada polos seus investidores, e que definitivamente cesou as súas emisións o 30 de xuño de 2002.

O panorama da TDT en España a principios do ano 2005 inclúe as emisións en simulcast (emisión simultánea da mesma programación que o canal analóxico) de todas as cadeas de ámbito estatal (TVE1, TVE2, Antena 3, Telecinco, Cuatro, La Sexta), se ben coas vantaxes en calidade inherentes á tecnoloxía dixital. Tamén existen emisións de cadeas autonómicas de televisión nas comunidades onde o operador público así o decidiu, tamén con contidos simulcast.

Ademais existen dúas emisoras puramente dixitais de ámbito nacional, tras as concesións outorgadas polo Goberno tras concurso público no ano 2002, Net TV e Veo TV, que debido á escasa cobertura do sinal e, sobre todo, ao ínfimo parque instalado de receptores compatíbeis DVB-T, non emiten contidos propios por resultar economicamente inviábel ante unha audiencia potencial da orde de decenas de milleiros de espectadores. En certas comunidades autónomas o operador público emite, ademais do canal autonómico analóxico en simulcast, unha ou máis emisoras unicamente dixitais, aínda que de contidos moi limitados polos motivos económicos expostos.

España, que fora un dos países europeos pioneiros na investigación, probas e desenvolvemento da televisión dixital terrestre (con probas de campo e experiencias piloto desde polo menos 1995, co proxecto VIDITER desenvolvido por Retevisión e a Dirección Xeral de Telecomunicacións) encóntrase nestes momentos (ano 2005) cun mercado de TDT sen desenvolver, con escaso coñecemento por parte do público e sen iniciativas públicas nin privadas para o seu impulso. O chamado apagamento analóxico (a finalización por lei das emisións de TV analóxica) mantíñase no ano 2012, e ninguén confiaba en que para entón puidese ter lugar a migración da gran maioría dos terminais de TV á nova tecnoloxía.

A principios de 2005 o Goberno comeza a elaborar un novo Plano Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre, coa intención de impulsar esta tecnoloxía nun mercado televisivo onde as emisoras de TV dixital por satélite (reducidas a Canal Satélite Dixital tras a adquisición da súa única competidora, Vía Dixital) e as redes de cable acaparan o mercado da televisión dixital, e a base instalada de receptores de TDT estímase nunhas decenas de milleiros, a maioría deles os que distribuíu Quero TV durante os seus escasos dous anos de existencia.

Plano Técnico Nacional de Televisión Dixital Terrestre

editar

No consello de ministros do 29 de xullo de 2005 o Goberno aproba o texto do novo Plano Técnico Nacional da Televisión Dixital Terrestre [1]

De entre as medidas que contén o novo plan pódense salientar o adianto do apagamento analóxico desde o ano 2012 ao 3 de abril de 2010 (momento a partir do cal todas as emisións de TV terrestres haberán de realizarse mediante técnicas dixitais), e o aumento no número de emisoras de TDT durante o período transitorio que leve desde o momento presente até o apagón analóxico. Isto farase reutilizando as frecuencias libres tras a quebra de Quero TV, e reorganizando as actualmente dispoñíbeis, o que segundo os casos poderá permitir a presenza dun segundo múltiplex dixital de ámbito autonómico, e a de emisións de tipo DVB-H orientadas á recepción en dispositivos móbiles.

Durante o período transitorio até o apagón analóxico o operador público recibirá un múltiplex completo, así como un canal dixital noutro. Cada unha das emisoras privadas de ámbito estatal manterán o seu canal dixital actual, ao igual que Net TV e Veo TV. En ambos os casos poderán optar á concesión de novos canais se cumpren os requisitos que se estabelecen no novo Planp e as súas propostas son aceptadas.

Tras o apagón analóxico o operador público RTVE recibirá dous múltiplex completos, e cada unha das emisoras privadas un múltiplex completo, mentres que cada comunidade autónoma terá a posibilidade de xestionar dous múltiplex completos no seu ámbito xeográfico.

Outros feitos salientábeis que contén o Plano recentemente aprobado son os seguintes:

  • A obrigación de emitir un mínimo de 4 canais por cada múltiplex, salvo que o múltiplex o explote integramente un mesmo operador, e neste caso poderá emitir o número que desexe sempre que a calidade de imaxe e son cumpra os requisitos, o que permitiría a emisión de televisión de alta definición (HDTV).
  • A limitación ao 20% da capacidade máxima do múltiplex da ocupación do mesmo en transmisión de contidos distintos á propia TV, como poden ser aplicacións interactivas, datos ou actualizacións de software para os receptores.
  • Para os novos canais dixitais que se poidan solicitar por parte dos actuais operadores, o compromiso de divulgar a TDT entre as súas audiencias, emitir contidos novedosos distintos aos emitidos en analóxico, emisión de contidos en diversos idiomas e con subtítulos, o desenvolvemento de servizos interactivos etc.
  • Obriga de aumentar a cobertura territorial e de poboación atinxida polas sinais de TDT para todos os operadores, tanto públicos como privados, até atinxir o 80% da poboación ao finalizar o ano 2005, o 90% da poboación ao finalizar 2008, e o 95% da poboación (o 98% no caso de RTVE) no momento de levar a cabo o apagón analóxico.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar
  • Egatel Empresa galega fabricante de emisores de TDT
  • Retegal Operador galego de transmisión de sinais TDT

Ligazóns externas

editar