Reino de Aquitania

(Redirección desde «Rei de Aquitania»)

O reino de Aquitania foi un reino franco establecido na rexión de Aquitania na idade media en dous períodos diferentes non sucesivos, compostos por un breve período en época merovinxia (628-632) e posteriormente en época carolinxia (781 - 884). Antes e despois a rexión converteuse nominalmente en Ducado de Aquitania baixo vasalaxe do rei dos francos e posteriormente do Reino de Francia.

Territorio franco o 628.

Período merovinxio editar

O reino de Aquitania existiu en Francia durante o período merovinxio por pouco tempo. Foi creado en 628 para Cariberto II, fillo de Clotario II. O rei estableceu a capital en Tolosa e casou con Xisela, a filla do duque de Gascuña. O 632 sucedeuno o seu fillo Khilperico que foi morto despois no berce disque por orde de Dagoberto I de Austrasia. Segundo a carta de Alaón, un irmán de Khilperico, Boggis, foi recoñecido como duque, xunto con outro irmán aínda máis novo, Bertrán pero isto demostrouse falso. Desde entón xa non volveu haber rei.

Período carolinxio editar

O 781 foi erixido outra vez en reino para o fillo de Carlomagno, Lois o Piadoso. O 814, á morte de Carlomagno, Lois foi proclamado emperador (Lois I de Francia) e o 816 separou Septimania e deulla ao seu fillo Pipino I de Aquitania que xa gobernaba o territorio e que foi coroado en Aquisgrán o 30 de xullo do 817); Pipino o 824 enviou unha expedición máis alá dos Pireneos para intentar restablecer a influencia carolinxia en Pamplona e Xaca. O 833 foi destituído polo seu pai Lois o Piadoso, e o reino foi dado a outro fillo (de diferente nai) chamado Carlos o Calvo, pero Pipino I sublevouse e aliouse aos seus irmáns Lotario I, rei de Italia, e Lois de Baviera, conseguindo a vitoria en Lugenfeld (Campo da Mentira) o 24 de xuño do 833. Lois I foi deposto, Lotario proclamado emperador, e Pipino recoñecido como rei de Aquitania. O ano seguinte reconciliouse co seu pai e apoiouno para recobrar o imperio na asemblea de Saint Denis (1 de marzo). O 837 deu tamén apoio ao pai cando este creou o reino de Neustria para Carlos o Calvo. Morreu o 838 e deixou o reino ao seu fillo Pipino II de Aquitania, pero Lois o Piadoso desautorizou a sucesión e excluíu a Pipino II da repartición, dando Aquitania a Carlos o Calvo de Neustria, incluíndo a Septimania. Pipino, coa axuda da nobreza de Aquitania e co seu irmán Carlos como colaborador, opúxose á decisión do emperador; Lois e Carlos puideron ocupar unha parte de Aquitania (Poitou e Septimania). Ao morrer Lois I o 20 de xuño do 840 sucedeuno Lotario, rei de Italia, pero non quixo recoñecer a Pipino II, nin as peticións de Carlos o Calvo e Lois de Baviera (o xermánico), e a guerra estalou entre os irmáns. Lotario tívose que aliar con Pipino II, pero ambos foron derrotados en Fontenoy-en-Puysaye o 25 de xuño do 841.

A asemblea de Mâcon do 842 repartiu o imperio en Occidente para Carlos e Oriente para Lois, con Italia para Lotario, pero este rexeitou o acordo, e tamén Pipino II, que estaba totalmente excluído, pero conservaba o dominio dunha parte de Aquitania. Pipino II apoderouse por sorpresa de Tolosa o 842 e dominaba boa parte da rexión aquitana. O 843 os normandos, como outros anos antes, saquearon o ducado, sobre todo Bordeos. O 10 de agosto do 843, a proposta dos bispos asinouse o Tratado de Verdún, que repartía o imperio: Lotario I obtiña Lotarinxia -con capital en Aquisgrán-, e Italia; Carlos, Francia (Reino Franco Occidental, capital Soissons); Lois a parte oriental (Reino Franco oriental, capital Frankfurt). Pipino II, excluído, opúxose.

O 844 Carlos o Calvo asinou con Pipino II o tratado de Saint Bênoit-sur-Loire polo cal recoñecíao como rei de Aquitania (con capital en Tolosa) pero con exclusión do Poitou, Angumois e Saintonge, que xa estaban en poder de Carlos e quedaron integradas de pleno dereito no reino Franco occidental (tampouco a Septimania formaría parte do ducado). Os condes de Tolosa e de Poitou poderían usar o título de duques.

Nas loitas do 849 contra o conde Guillerme II de Tolosa, fillo de Bernardo de Septimania, o conde de Rouergue, Fredelón, quizais encargado por Guillerme do condado de Tolosa na súa ausencia, cambiou a fidelidade a Pipino II e pechoulle as portas da cidade e aliouse con Carlos o Calvo, que foi a Tolosa e foi recoñecido como rei de Aquitania. Fredelón viu recoñecidos Rouergue, Tolosa, Pallars e Ribagorza e Guillerme II, derrotado en Barcelona, foi capturado e executado.

Pipino II, abandonado pola nobreza, foise á costa e aliouse cos normandos. O ano seguinte Pipino II, á fronte dun grupo de normandos, desembarcou en Aquitania e chegou a Tolosa, que ocupou, pero os normandos era indisciplinados e dedicáronse á pillaxe; o exército enviado por Carlos o Calvo foi pois moi recibido pola poboación. Acampados ante Tolosa, os normandos non querían combater sen esperanzas de botín, e a cidade foi recuperada facilmente. Só Pipino e os seus máis fieis combateron ata o final, e Pipino foi capturado e levado a Soissons, onde unha asemblea de nobres e bispos o xulgou e o condenou a ser pechado para sempre ao mosteiro de San Medard (852).

O 854 Pipino II escapou do mosteiro e chegou a Bretaña. Volveu a Aquitania para buscar apoios, pero no camiño, pasando por Senlis, foi recoñecido e capturado. O seu xuízo celebrouse máis tarde e Pipino foi condenado a morte, pero obtivo a graza de Carlos, que o condenou a reclusión para sempre en Senlis. Carlos cedeu o título de rei de Aquitania ao seu fillo Carlos II (855), que morreu o ano seguinte, e volveu ao pai. O 867 Carlos o Calvo deullo ao seu fillo Lois o Tatexo.

Carlos o Calvo (Carlos II de Francia) morreu o 6 de outubro do 877 e sucedeuno Lois o Tatexo (Lois II de Francia) que morreu prematuramente o 10 de abril do 879. Sucedérono os seus dous fillos Lois III de Francia e Carlomán, quen en 880 acordaron repartirse os seus dominios: Lois II quedou con Francia e Carlomán con Aquitania.

Á morte de Lois, o 5 de agosto do 882, o seu irmán Carlomán de Aquitania foi proclamado rei de Francia, pero morreu o 6 de decembro de 884 e o seu fillo e sucesor, Carlos IV de Francia o simple, non foi recoñecido polos nobres, que chamaron a Carlos o Gordo de Alemaña e Italia. Os duques de Aquitania asumiron as funcións reais e do reino xa non se volve a falar.

Lista de reis de Aquitania editar

Véxase tamén editar

Bibliografía editar