Pyrus
Pereiras (xénero Pyrus) | |||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Pereiras comúns en flor. | |||||||||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||
Especies | |||||||||||||||||||||
Véxase: Selección de especies |
Pyrus, as pereiras, son un xénero de árbores froiteiras pertencentes á familia das rosáceas, a mesma á que pertencen as maceiras. O xénero ten arredor de 30 especies con froitos carnosos. O seu cultivo está moi espallado, principalmente para a obtención do froito, chamado pera. É orixinario da zona temperada de Europa e Asia. Ao longo dos séculos seleccionáronse variedades a partir das pereiras bravas europeas de montaña (Pyrus pyraster) e as especies de pereiras asiáticas.
En Galiza atopamos unha especie espontánea nos montes: a pereira brava (Pyrus cordata) (que dá unhas periñas miúdas denominadas peros[1]), ademais das variedades de pereira doméstica que atopamos en pomares de todo o país dende tempos ben antigos.
Descrición
editarAs pereiras acostuman adoptar forma arbórea. Son árbores de tamaño mediano, que acadan de media 10–17 m de alto, a miúdo cunha coroación alta e estreita; unhas poucas especies son arbustivas. A pereira brava é unha arboriña pero pode acadar os 20 metros de alto, que é o que tamén poden acadar algunhas variedades cultivadas. As especies máis miúdas teñen o seu límite nos 12 metros, como ocorre coa pereira de follas de amendoeira (Pyrus amygdaliformis) e a pereira das neves (Pyrus nivalis). A casca das pereiras é parda escura, con placas nodosas e oblongas na pereira común e con gretas transversais e lonxitudinais na pereira brava. Dentro deste ton, hai especies coa casca pardo cinsenta máis clara (como a pereira nashi (Pyrus pyrifolia)) e outras que o teñen máis escuro, coma a pereira de follas de amendoeira ou a das neves. Acada a cor negra na pereira de follas de salgueiro (Pyrus salicifolia).
Unha característica das pólas ou gromos das pereiras bravas é que son espiñentas, malia non ocorrer nas pereiras domésticas. As follas son alternas e de formas variadas, mais en termos xerais podemos dicir que son ovais, pecioladas e agudas. A lonxitude das follas na pereira común sitúase entre os 3 e os 8 cm. As da pereira brava adoitan ser miúdas, menos de 4 cm. As maiores son as da pereira nashi que chegan até os 10 centímetros. O bordo acostuman ser finamente serrado, porén algunha especie carece de tales dentes, coma a Pyrus salvifolia.
As flores das pereiras agrúpanse en corimbos. Son hermafroditas, pentámeras e de cor branca. Os estames son purpúreos, o que en moitas especies dan un matiz rosado ao aspecto da árbore florida como na pereira brava (Pyrus cordata) e pereira do Himalaia. Os froitos son pomos de forma arredondada ou piriforme, comestíbeis e son máis grandes e carnosos nas variedades cultivadas que nas bravas. Nestas últimas acostuman ter uns 4 cm, así ocorre na pereira brava na das neves. Porén, noutras son bólas miudiñas (chamadas peros), de 2 cm, como ocorre na pereira brava galega, a pereira do Himalaia e tamén na nashi.
Distribución e hábitat
editarPor mor ao seu cultivo para a produción de peras, trátase dunhas árbores moi estendidas. As pereiras son orixinarias das rexións temperadas e costeiras de Eurasia, dende o occidente europeo até Asia, pasando polo norte de África. A pereira cultivada en pomares prefire zonas de clima máis ben fresco e húmido, mais con veráns calorosos. Para que prospere ben o cultivo cómpre unha zona aberta e ben drenada, polo que non é unha árbore apropiada para vales fechados, sombrizos, lamacentos ou anubrados. A especie de pereira favorita para a produción de peras comestíbeis na China é a Nashi. A pereira brava de montaña (Pysrus pyraster) prefire bosques e matogueiras en zonas de media montaña, xunta carballos e lamigueiros. Pódeselle atopar dende as chairas até as montaña. Na zona alpina medran pereiras bravas até os 850 msnm.
Na Península Ibérica as plantacións de Pyrus communis nas súas variedades cultas (cultivada) atópanse nas provincias de Lleida, Badaxoz, Huesca, Valencia, Castelló e Zaragoza. A pereira brava de montaña (Pyrus pyraster) medra nas zonas montuosas, acompañando os bosques de faias e carballos, e non coincide coa oliveira. En Galiza é frecuente a especie de pereira brava (Pyrus cordata), que se dá en toda a beiramar atlántica.
Taxonomía
editarPyrus foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 1: 479–480, no ano 1753.[2] A especie tipo é a pereira doméstica: Pyrus communis L.
Valor nutricional por 100 g | |
---|---|
Enerxía | 239 kJ (57 kcal) |
15.23 g | |
Azucres | 9.75 g |
Fibra alimentaria | 3.1 g |
0.14 g | |
0.36 g | |
Vitaminas | Cantidade %DV† |
Tiamina (B1) | 1% 0.012 mg |
Riboflavina (B2) | 2% 0.026 mg |
Niacina (B3) | 1% 0.161 mg |
Ácido pantoteico (B5) | 1% 0.049 mg |
Vitamina B6 | 2% 0.029 mg |
Ácido fólico (B9) | 2% 7 μg |
Colina | 1% 5.1 mg |
Vitamina C | 5% 4.3 mg |
Vitamina E | 1% 0.12 mg |
Vitamina K | 4% 4.4 μg |
Minerais | Cantidade %DV† |
Calcio | 1% 9 mg |
Ferro | 1% 0.18 mg |
Magnesio | 2% 7 mg |
Manganeso | 2% 0.048 mg |
Fósforo | 2% 12 mg |
Potasio | 2% 116 mg |
Sodio | 0% 1 mg |
Cinc | 1% 0.1 mg |
Outros constituíntes | Cantidade |
Auga | 84 g |
| |
†As porcentaxes son aproximadas empregando a recomendación de US para os adultos. Fonte: Base de datos USDA Nutrient |
Selección de especies
editarO xénero Pyrus ten unhas 30 especies. Da pereira común Pyrus communis proceden a meirande parte das variedades que se cultivan para a produción de peras. Esta especie orixinouse en Europa do Leste e procede da Pyrus nivalis e da Pyrus caucasica.
- Pyrus amygdaliformis – Pereira de follas de amendoeira. (De Italia até Bulgaria)
- Pyrus armeniacifolia
- Pyrus austriaca – Pereira austríaca (Centro de Europa)
- Pyrus balansae
- Pyrus betulifolia
- Pyrus boissieriana
- Pyrus bourgaeana – Pereira ibérica (Península Ibérica, Marrocos)
- Pyrus calleryana – Pereira de Callery (Centro e Sur da China)
- Pyrus caucasica (De Grecia oriental até o Cáucaso)
- Pyrus communis – Pereira común
- Pyrus communis subsp. communis—Pereira europea (inclúe os cultivares Pera d'Anjou, Pera Williams ou Bartlett e Pera Bosc).
- Pyrus communis subsp. caucasica (sin. P. caucasica)
- Pyrus communis subsp. pyraster — Pereira brava de montaña (sin. Pyrus pyraster)
- Pyrus cordata (sin. P. communis var. cordata) – Pereira brava (Vertente atlántica: Galiza, Asturias, Bretaña, Inglaterra)
- Pyrus cossonii – Pereira alxeriana
- Pyrus dimorphophylla
- Pyrus elaeagrifolia (Sueste de Europa, Crimea, Tunisia).
- Pyrus fauriei
- Pyrus gharbiana
- Pyrus glabra
- Pyrus hondoensis
- Pyrus kawakamii
- Pyrus koehnei- Pereira perenne do sur da China e Taiwán
- Pyrus korshinskyi
- Pyrus lindleyi
- Pyrus magyarica (Hungría)
- Pyrus mamorensis
- Pyrus nivalis – Pereira das neves (Dende Italia até Romanía)
- Pyrus pashia – Pereira afgá ou do Himalaia (Afganistán, China occidental)
- Pyrus persica
- Pyrus phaeocarpa
- Pyrus pseudopashia
- Pyrus pyraster – Pereira brava de montaña (Europa, Asia Occidental), sin: Pyrus communis subsp. Pyraster.
- Pyrus pyrifolia – Nashi (Oeste e centro da China)
- Pyrus regelii
- Pyrus rossica (Centro da Rusia europea)
- Pyrus salicifolia – Pereira de follas de salgueiro (Cáucaso e norte de Irán)
- Pyrus salvifolia (Europa)
- Pyrus serrulata
- Pyrus syriaca
- Pyrus ussuriensis (Nordés de Asia)
- Pyrus xerophila
Entre os híbridos máis frecuentes cómpre citar:
- Pyrus × bretschneideri – Pereira branca chinesa, tamén clasificada coma unha subespecie de Pyrus pyrifolia
- Pyrus x lecontei
- Pyrus x michauxii - Pereira de Michaux.
- Pyrus × serrulata
- Pyrus × sinkiangensis- híbrido entre P. ×bretschneideri e Pyrus communis
- Pyrus ×phaeocarpa
Usos
editarAs pereiras cultívanse especialmente polo seu froito carnoso e zumarento, ben para consumo fresco, ben para procesalo como sidra de pera, obtida da pereira das neves ou para elaborar conservas, compotas e marmeladas.
En Galiza dende a antigüidade a pereira brava (Pyrus cordata) usouse como patrón para enxertar a pereira europea doméstica e ultimamente tamén para a pereira asiática. O tamaño miúdo da pereira brava galega confírelle á árbore resultante certo ananismo, que unido á súa boa ancoraxe e adaptabilidade tanto a terreos secos como húmidos faina unha seria competidora do marmeleiro como patrón.
Tamén son usadas as pereiras coma ornamentais en parques e xardíns, sobre todo determinadas especies, como a de salgueiro especialmente os exemplares péndulos.
Da pereira obtense tamén madeira para a fabricación de instrumentos musicais por mor da dureza, gran e peso relativamente lene.
Etnoloxía
editarAs pereiras téñense cultivado en Galiza dende a antigüidade polo valor nutritivo do seu froito, algúns refráns: Algún día a miña pereira hame dar peras. Deus me dea a pereira e a min á súa beira. Ti amósame a pereira, que quero estar á súa beira cando teña peras.[3]
Notas
editar- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de xullo de 2013. Consultado o 28 de febreiro de 2013.
- ↑ Pyrus en Trópicos
- ↑ http://sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=pereira&tipo_busca=lema
- Gregor Aas e Andreas Riedmiller: Gran Guía de la Naturaleza, editorial Everest, tradutor Eladio M. Bernaldo de Quirós, ISBN 84-241.2663.5, 4.ª edición, 1993.
- Owen Johnson e David More: Árboles: guía de campo, editorial Omega, tradutor Manuel Pijoan Rotger, ISBN 13: 978-84-282-1400-1, 2006.
- "Peral", Gran Enciclopedia Ilustrada, ediciones Danae, S.A., 1981. ISBN 84-7505-275-4. Tomo 15.
- "PERAL", Enciclopedia de Ciencias Naturales, editorial Bruguera, S.A., 1967. Volume 4.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pyrus |