Primeira crise marroquí

Crise internacional sobre o status de Marrocos

A Primeira crise marroquí, tamén coñecida como a Crise de Tánxer, refírese á crise internacional sobre o status colonial de Marrocos entre marzo de 1905 e maio de 1906, debida ás pretensións francesas e alemás de incorporaren o sultanato de Marrocos como parte dos seus respectivos imperios coloniais.

Visita a Tánxer do káiser Guillerme II.

Dita crise resolveuse, temporalmente, na Conferencia de Alxeciras (6 de xaneiro ao 7 de abril de 1906).[1]

Antecedentes editar

No ano de 1904 sucederon varios reveses na política exterior alemá. En abril, británicos e franceses asinaran o acordo da Entente Cordiale. Por outra parte, a alianza do Reino Unido co Xapón fixo temer ao Reich que estes tres países acordaran deixalo fóra do repartimento da influencia na China. O goberno de Berlín tampouco recibiu satisfacción nas súas aspiracións en Marrocos.[2] Os intentos de formar alianzas co Imperio ruso fracasaron[3] e causaron inquietude no Reino Unido, o que o impeleu a tratar de coligarse pola súa parte co Imperio ruso.[2] As relacións anglo-alemás empeoraron notabelmente.[3] A situación da Tripla Alianza preocupaba a Alemaña, tanto pola crise interna austrohúngara como polas desavinzas entre os gobernos de Viena e Roma[4] O prestixio internacional alemán estaba maltreito a comezos de 1905.[3][5][6]

En xaneiro de 1905, unha misión diplomática francesa marchou a Fez, e o goberno francés quería impoñer reformas ao sultán que, en realidade, conducían ao sometemento do país á influencia francesa.[5][6] Alemaña non desexaba que Marrocos, territorio estratéxico para o acceso alemán ao Mediterráneo, quedase dominado polo país veciño.[7] O chanceler Bernhard von Bülow animou o sultán marroquí, inclinado a iso, a resistir a presión francesa e manter a independencia.[8][9] Prometeu o apoio alemán e o estadounidense e convenceu o reticente káiser Guillerme II a acudir a Tánxer e desencadear a crise,[10] que cría poder resolver a continuación mediante unha conferencia internacional.[8]

Primeira fase: enfrontamento diplomático franco-alemán editar

A crise foi provocada pola visita do káiser Guillerme II a Tánxer, en Marrocos, o 31 de marzo de 1905.[11][12][13] A visita anunciáraa o día 20 o chanceler alemán, e causara gran rexeitamento nas prensas británica e francesa.[14] O káiser fixo certos comentarios en favor da independencia marroquí, un desafío á influencia francesa en Marrocos.[12][15] Aconsellou tino na aplicación de reformas e defendeu os intereses económicos alemáns no país.[8][16]

Francia viu reafirmada a súa influencia en Marrocos polo Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda (grazas á Entente Cordiale) e España en 1904, un movemento que o Imperio alemán viu como un golpe cara aos seus intereses, e adoptou accións diplomáticas para desafiar o acordo. O discurso puxo ao público francés contra Alemaña e, co apoio británico, o ministro de Asuntos Exteriores francés, Théophile Delcassé, tomou unha actitude desafiante.

En abril, e tras proclamar que non desexaba obter territorios en Marrocos, o goberno alemán tratou de que se reunise unha conferencia internacional que determinase as reformas que debía adoptar o país.[8] Aproveitando a debilidade de Rusia, aliada de Francia e recentemente derrotada polos xaponeses na guerra ruso-xaponesa, o goberno alemán tratou de desbaratar a liga anglo-francesa e oblrigar o goberno francés a negociar a situación de África setentrional.[12] A maioría das potencias, non obstante, amosáronse contrarias ou indiferentes á proposta alemá. Pese á posición de desvantaxe diplomática, o goberno alemán rexeitou as propostas de negociacións bilaterais que presentaron tanto Delcassé —impelido pola prensa e o Parlamento— como o primeiro ministro francés en abril e maio.[17] Dadas as declaracións do káiser en favor da independencia marroquí e o rexeitamento naquel momento da opinión pública alemá á expansión colonial, o que pretendía Von Bülow era recuperar o prestixio diplomático obrigando a Francia a asistir a unha conferencia imposta polo Reich, e que este recibise algunha compensación a cambio de ceder na cuestión marroquí.[18]

En maio, a diplomacia alemá centrouse en convencer a estadounidenses e británicos, ademais de a Marrocos e outras potencias, de acudir á desexada conferencia internacional, así como a lograr o relevo de Delcassé.[18] Os esforzos alemáns para que o presidente Roosevelt mediase na crise, en especial co Reino Unido, fracasaron.[19] Cando a posición alemá parecía desesperada, o sultán marroquí aceptou finalmente o 28 de maio que se celebrase a conferencia proposta polo Reich, o mesmo día que a batalla de Tsushima decidía a sorte da contenda entre Rusia e o Xapón.[20]

Segunda fase: apoxeo, tensión militar e conferencia internacional editar

 
O ministro de Asuntos Exteriores francés Théophile Delcassé, contrario a toda cesión a Alemaña, tivo que dimitir do cargo a comezos de xuño de 1905.

A crise alcanzou o seu apoxeo a mediados de xuño, cando Delcassé foi retirado do ministerio polo primeiro ministro Maurice Rouvier.[21][22] O embaixador alemán en París solicitara a destitución de Delcassé, que mantiña unha actitude intransixente cos alemáns.[22] O 6 de xuño, Delcassé viuse obrigado a cesar no seu cargo, tanto pola súa belixerancia, que a mayioría do gabinete rexeitaba, como polos seus anteriores roces co primeiro ministro. A principios de xuño e por aparente insistencia do ministro de Asuntos Exteriores, a frota británica parecía disposta a acudir en socorro de Francia e a desencadear un conflito con Alemaña. O temor a que isto sucedese non se disipou até finais de xuño, e as reuninós militares entre franceses e británicos continuaron en segredo pese ao relevo de Delcassé. O desgusto no Reino Unido pola marcha de Delcassé, que pareceu un desprezo do apoio que outorgara a Francia na crise, durou pouco.[23]

 
Apertura da Conferencia de Alxeciras, que puxo fin á crise. Reunida por insistencia de Alemaña, acabou confirmando a preeminencia de Francia en Marrocos.

Rouvier aceptou finalmente, en privado, o 23 de xuño, participar nunha conferencia internacional sobre Marrocos, despois de tratar en van de resolver a crise directamente con Alemaña.[22][24] O 9 de xuño, aínda trataba de chegar a un acordo co Reich que puxese fin a diversas desavinzas entre os dous países, entre elas a situación de Marrocos.[25] Logo aceptou que se celebrase a conferencia internacional, sempre que se pactasen de antemán as reformas que podería aplicar Francia en Marrocos.[24] Pese a seguir negándose a participar na conferencia o 27, o 30 cedera por fin, convencido de que non tería que ceder ante Alemaña.[26] A razón principal foi o desexo de evitar a guerra e o convencemento de que Alemaña non obtería nada nas negociacións.[25] Aliviado por que se evitase a contenda, Roosevelt ofreceuse para persuadir os británicos, contrarios tamén á conferencia internacional, a que cambiaran de parecer e acudisen a ela.[27]

Pero en xullo, Alemaña estaba illándose e os franceses accederon a celebrar unha conferencia para resolver a crise.[21] Até o verán de 1905, Francia non mobilizou tropas, pois temía que isto puidese desencadear a guerra.[12] A partir de entón, tanto Francia como Alemaña continuaron promovendo a conferencia ao tempo que comezaron a tomar medidas militares.[12] Alemaña mobilizou unidades da reserva a fins de decembro, e Francia incluso despregou tropas na fronteira en xaneiro de 1906.[22] O obxectivo alemán, porén, era obter un triunfo diplomático, non desatar unha guerra, polo que o goberno en maio de 1905 desbotou xa a suxestión do xefe do Estado Maior de atacar preventivamente.[12] Os principais preparativos militares alemáns limitáronse a acelerar a dotación de canóns e fusís de disparo rápido no exército, proceso que se prevía concluír en xuño de 1906.[12] Pola súa parte, os franceses tiveron bo coidado de non provocar aos alemáns e de non adoptar medidas que puidesen desencadear un ataque alemán: sen apoio ruso e co exército desmoralizado e mal armado, o goberno de París non desexaba arriscarse a un enfrontamento militar.[28] Pese a iso, na segunda metade de 1905, tras a marcha de Delcassé, redobráronse as medidas militares: asignouse unha partida especial secreta para o exército, reducíronse os permisos e levouse a cabo un simulacro de mobilización.[22] Pola súa parte, os belgas reforzaron as fortalezas de Liexa e Namur, e os británicos concentraron parte da frota en Gran Bretaña.[22] En todo momento, porén, os gobernos trataron de evitar tomaren medidas que precipitasen unha guerra.[29]

Artigo principal: Conferencia de Alxeciras.

A Conferencia de Alxeciras convocouse para resolver a disputa e durou do 16 de xaneiro ao 7 de abril de 1906.[12] Das trece nacións presentes,[30] os representantes alemáns só foron apoiados polos do Imperio Austrohúngaro. A Terceira República Francesa tiña o firme apoio do Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda,[31] o Imperio ruso, o Reino de Italia, o Reino de España e os Estados Unidos.[32] Os alemáns finalmente aceptaron un acordo —a Acta de Alxeciras— en abril, que se asinou o 31 de maio de 1906,[11] no que Francia aceptaba aplicar certos cambios en Marrocos, pero retiña o control dos instrumentos do poder no territorio. A aceptación previa da preeminencia francesa en Marrocos, necesaria para que se celebrase a conferencia, adiantou o resultado desta.[30] Sen dexesos de desencadear unha guerra por Marrocos, cunha frota aínda incapaz de enfrontarse á británica e dada a firme posición francesa, Alemaña decidiu non prolongar a crise e aceptar as posicións do adversario.[31]

Aínda que a Conferencia de Alxeciras resolveu a primeira crise marroquí, esta situación durou pouco: a continua insatisfacción alemá coa situación de Marrocos conduciu á segunda crise marroquí, ou crise de Agadir, en 1911. Ademais, deu a coñecer ao mundo o perigo e a tensión vixente entre as potencias imperialistas europeas, e o risco que supoñía o feito de que as grandes nacións se aliasen en bloques militares; aínda que este acontecemento non desencadeou unha guerra, si causou un empeoramento das tensións internacionais que finalmente levaron á primeira guerra mundial (1914-1918). Foi a primeira crise militar entre os bloques políticos europeos desde a década de 1880.[33]

Notas editar

  1. Conférence d'Algésiras (16 janvier 1906-7 février 1906). Encyclopèdie Larousse en ligne (en francés). Consultada o 19 de xullo de 2019.
  2. 2,0 2,1 Hall 1944, p. 393.
  3. 3,0 3,1 3,2 Anderson 1930, p. 181.
  4. Anderson 1930, pp. 181-182.
  5. 5,0 5,1 Hall 1944, p. 394.
  6. 6,0 6,1 Anderson 1930, p. 183.
  7. Hall 1944, p. 395.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Hall 1944, p. 396.
  9. Anderson 1930, pp. 183-184.
  10. Anderson 1930, pp. 188, 195.
  11. 11,0 11,1 Anderson 1931, p. 138.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 12,6 12,7 Stevenson 1997, p. 130.
  13. Anderson 1930, p. 192.
  14. Anderson 1930, p. 186.
  15. Anderson 1930, pp. 190-191.
  16. Anderson 1930, p. 194.
  17. Hall 1944, p. 397.
  18. 18,0 18,1 Hall 1944, p. 398.
  19. Hall 1944, pp. 398-399.
  20. Hall 1944, p. 399.
  21. 21,0 21,1 Hale 1931, p. 396.
  22. 22,0 22,1 22,2 22,3 22,4 22,5 Stevenson 1997, p. 131.
  23. Hall 1944, p. 400.
  24. 24,0 24,1 Hall 1944, p. 402.
  25. 25,0 25,1 Hall 1944, pp. 402-403.
  26. Hall 1944, p. 404.
  27. Hall 1944, p. 403.
  28. Stevenson 1997, pp. 130-131.
  29. Stevenson 1997, pp. 131-132.
  30. 30,0 30,1 Hall 1944, p. 405.
  31. 31,0 31,1 Stevenson 1997, p. 132.
  32. Hall 1944, pp. 404, 409.
  33. Stevenson 1997, p. 129.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar